Sören Hauser

Giacomo Hauser

 

 

Nestes días nos que ven de se celebrar a reunión do G-20 coa intención manifesta de “refunda-lo capitalismo”, como provocadoramente afirmou o presidente francés, ou alomenos “as regras do xogo económico” como incesantemente repite o seu homónimo español, parece que de novo as crises do sistema levan con seu unha reestruturación do mesmo de cara a manter o básico en pé, isto é, o nivel de vida da clase economicamente máis favorecida e do mundo que se desenvolveu mediante a política do zoco na testa.

Nun intre no que os países europeos cotizan á baixa, a súa economía entra en recesión e o paro aumenta vertixinosamente, as grandes transnacionais volven, unha vez máis, a dar marca de beneficios. É unha das pistas que temos para pensar cara onde irá a reestruturación e quen pagará a mesma.

Quizais hoxe sexa útil reflexionar sobre outros períodos recentes nos que o capital se reestruturaba no medio dunha crise e qué factores influíron na reacción que os seus antagonistas levaron a cabo. De novo hoxe, as explosións de 1968 son un bo punto de referencia para analizar a potencia que sempre está a humedecer os (re)cantos áridos e que (des)une e (des)aparece segundo a ocasión. Hoxe de novo, o xurdimento de subxectividades que galopen esa potencia será unha vía de acceso, un curtocircuíto á subsunción que da sociedade civil fixo o sistema do capital.

Para a reflexión utilizaremos o caso de Italia, onde ese ano 68 aturou o seu pulo dez anos, dando lugar a todo tipo de experiencias alternativas e autoxestionadas por unha porción moi ampla da poboación que creaba e usaba as marxes do sistema como liñas de fuga.

Neses anos Italia vive unha grande convulsión baseada en varios factores.


En primeiro lugar falamos dun país cunha produción industrial naqueles anos verdadeiramente importante, como se pode comprobar nos seguintes datos:

En Turín andan as fábricas da Fiat (150.000 traballadores), Lancia e Michelin, en VeneciaMarghera (sector petroquímico, con fábricas como a Chatillon ou a Montedison, 60.000 traballadores) en Pisa a Saint Gobain (industria de cristalería), en Genova a Piaggio (industria do motor), en Roma la Fatme (materiais eléctricos e telefónicos), e Milán é a cidade máis industrial e máis cara de toda Italia (sede, entre outras, da fábrica Pirelli). Fronte a millóns de traballadores a patronal envórcase de xeito especialmente desapiadado con respecto aos dereitos dos traballadores, o que levará a que se realice durante as décadas dos 50 e 60 o chamado “milagre económico” italiano. É o traballo o que recupera o país e o aumento da súa produtividade vén ligado ao aumento na extracción de plusvalía, que chega na Fiat en 1962 a unha taxa do 400%.1 Mentres o índice dos rendementos do traballo pasaba de 100 (1953) a 140,6 (1960), o índice das ganancias do traballo dependente pasaba de 100 a 108,9.2 está Porto

Por outra banda o PCI (Partido comunista Italiano), fundado no 1921 e liderado nas primeiras décadas do século por Antonio Gramsci e Amadeo Bordiga fora fundamental na organización dos partisanos nos períodos de guerra e postguerra e na “liberación” italiana, i é o partido comunista con maior apoio da Europa occidental e mesmo, en varios momentos, de toda Italia, aínda que afastado do poder pola proporcionalidade da lei electoral italiana. Iso crea unha conciencia de clase moi relevante nos traballadores italianos, sobre todo, en comparación co resto de traballadores da Europa occidental. A pesar disto, a partir de 1962 e os acontecementos de Piazza Statuto –como veremos- o PCI irase desligando dos movementos proletarios ate rachar finalmente con eles en 1973.


Nos comezos dos anos 60 a patronal aumenta os tempos de traballo mediante a introdución do sistema taylorista, organización científica do traballo, ocupado en fragmenta-los tempos medindo o mínimo que precisa o corpo humano para facer un movemento que forme parte da cadea de montaxe fordista, é dicir, propia das fábricas de coches norteamericanas de Henry Ford.

Ademais, a revolución tecnolóxica dos anos 50 acelérase e a produción realizada por máquinas pasa a ser moi elevada co que aumenta ao mesmo tempo o número de traballadores que non precisan dunha especial cualificación para realizar satisfactoriamente o seu traballo. É o paso do obreiro cualificado ao obreiro-masa.


As novas formas de produción fabril permitiron asumir a traballadores non cualificados. Os fluxos migratorios, entre os anos 1958-1971, contabilízanse en 9,140.000 persoas que se desprazaron do sur e que servían como man de obra.

A motivación económica unida á súa falta de coñecemento do medio da fábrica provocaba que os empresarios ligasen irremediabelmente o salario á produción, e se máis cartos se querían máis produción era precisa, engadindo que o número de desempregados permitía elaborar convenios colectivos á baixa, que coa expansión da compra a prazos, permitíalles gañar o seu primer salario.

E isto -que dúbida cabe?- tamén sucede pola invasión que os labregos do sur de Italia, do mezzogiorno, levan a cabo nas cidades do norte, unha migración xeneralizada de labregos sen ningunha preparación pero dispostos a traballar en calquera cousa con tal de gañar un salario co que poder iniciar unha mínima vida de consumo, inexistente ate entón no mezzogiorno3.


Da pouco o obreiro-masa vai tomando conciencia de que a vida no norte non era como eles agardaban; este inxente número de persoas carecía de aloxamento, as únicas vivendas posibles eran as bidonville das periferias das cidades nas que non se satisfacían as necesidades máis básicas, eran barrios nos que non existía ningunha presenza institucional e que ate carecía de asistencia sanitaria. O problema da vivenda nas grandes cidades do norte incrementarase a partir dos anos 60, cando os rapaces que a partires do ano 61 tiveron a obligación de estudiares na escola media, deron o paso ás universidade mal preparadas para acoller a ese número de persoas; por exemplo a universidade de Roma que fora construída pensando en 5,000 estudantes acolleu ate 60,000 matriculados.

Para os obreiros que emigraran ao norte non había fendas que abrisen o sistema, non había froitas e verduras que se recollesen cotiá e gratuitamente dos campos, e sentían a escasa integración e incluso o racismo. O salario dábase porque todo custaba un prezo, e de aí que o seu aumento só viñese dado si se acompañaba dun aumento da produción isto é, do rendemento ou das horas de traballo.

Aínda que as motivacións deste tipo de obreiro eran estritamente existenciais, pois procuraban gozar o máximo as potencialidades da súa vida, isto non tardará en ligarse de raíz ao rexeitamento do sistema produtivo e salarial das fábricas, onde outros obreiros xa converxían por razóns de tipo político.

En concreto, a mediados de 1962 comezarán en Turín, as folgas organizadas que proliferarán ao longo destas dúas décadas, a primeira delas á procura e pescuda dun convenio laboral que regulase as condicións de traballo: 100.000 obreiros maniféstanse o 13 de xuño (ningún da Fiat), 60.000 (só da Fiat) o 23 de xuño, e tal intre cristaliza nas folgas do 7, 8 e 9 de xullo con máis de 250.000 traballadores. A patronal negocia na vixilia da folga co sindicato da Fiat (SIDA) e coa UIL (Unione italiana do lavoro), sindicato asociado aos partidos socialistas, co fin de desconvoca-la folga. A noticia de que se firmara o convenio ás costas das protestas causa indignación aos traballadores, que chegan ate a praza Statuto -lugar da sede da UIL- para continuar unha reivindicación que atura ate as dúas de mañá do martes 10, cando a policía consegue o control da praza e comeza unha violenta represión que a fará célebre en Italia.

Isto é realmente o comezo dos anos do laboratorio, o comezo dunha vivencia colectiva cun obxectivo preciso: resistir as consecuencias que o sistema capitalista leva con seu a través da explotación das fábricas e a represión do Estado, pero que ao mesmo tempo, dá a oportunidade de organizarse na resistencia, de xerar novas formas de acción, novas formas artísticas e novas concepcións de traballo: un contrapoder centrado en atopar unha alternativa que dese cabida ao desexo libre e á creatividade colectiva remunerada.

A loita comeza contra unhas condicións de traballo e a formalización destas no convenio asinado polos sindicatos. A repulsa contra esa actuación non ven contestada polos partidos que deberían, cando menos o PCI, impedir semellante acto, senón que tamén as forzas de orde público son as encargadas de disolver o malestar dos folguistas de Piazza Statuto con 1.212 detencións. Neste momento comézase a enxergar o límite das protestas dos traballadores, que non se ven representados polas institucións tradicionais, incluso podemos dicir que esas institucións son as que lexitiman as formas de explotación. Cando os traballadores se enfrontan ás canles tradicionais da súa representación por consideralas inútiles van ser chamados extremistas de esquerdas, ou extraparlamentarios.

En palabras de Negri Piazza Statuto foi «un ataque á normalidade sindical, ao poder institucional de contratación, a un rexeitamento de representación do movemento obreiro oficial».4 A este repudio do sindicato agréganse as condicións que fan posible a súa actuación, dende os patróns das fábricas, responsábeis directos da explotación laboral dos traballadores, -de seguido enténdese que estas son a punta de lanza da industria do país-, ate a policía, a maxistratura e o goberno, para chegar nalgúns casos a un completo enfrontamento co Estado, quen se percibe como xestor da situación, conformado á súa vez por elites que sacan partido e tallada da mesma.


En contraposición á liña oficial do PCI, que foi incapaz de temperar a situación e sostivo que os actos na rúa eran debidos a infiltración de grupos da dereita, boa parte do movemento asume que a alternativa nada ten que ver á súa vez co sistema político socialista (ruso, chinés ou de Europa do Leste), baseado na concepción do Estado-guía, o Partido único como o depositario da verdade das masas, etc.

En Italia pola contra, o acontecido en Piazza Statuto supuxo ver como as accións poden ser autónomas e espontáneas sen por iso chegar a ser caóticas. As mobilizacións turinesas puxeron de manifesto a crenza no colectivo como prioritario sen a necesidade dun partido guía. A premisa que parte da inxustiza do modo de produción dominante no capitalismo levarán a accións de protesta e de rexeitamento que desembocan mediaticamente no coñecido ano de 1968 pero que partirán de moi atrás e chegarán a moito despois.

As reivindicacións que en 1968 suceden en moitos grandes países de occidente da man de estudantes, profesores, traballadores, etc. son o suficientemente importantes como para que boa parte dos intelectuais do momento -entre eles Michel Foucault, Félix Guattari e Gilles Deleuze- denominen acontecemento a aquilo que sucede.5

Por suposto, o caso italiano é especial e sepárase do francés en duración, do estadounidense en forma e do checoslovaco en contexto, un contexto que determina en boa medida o contido.

En Italia o movemento nacente ten unha continuidade da que carece no resto de países; o clima político italiano era dunha grande tensión, e as organizacións nas universidades e nas fábricas estaban en plena actividade. No ano 66 ocúpase a universidade de Trento que non foi máis que a imaxe física do que estaba a ocorrer nas universidades italianas. Protéstase contra os presupostos e os numeros clausos, mais tamén contra unha concepción do saber, das formas de administralo e as formas de xulgalo; ante a estrutura dunha universidade envellecida na que se reproducen os valores dunha sociedade clasista, os estudantes organízanse fóra das asociacións universitarias, vencelladas aos partidos e ao ascenso dentro dos mesmos, en asembleas nas que os participantes teñen dereito a palabra e a voto; as materias trócanse en seminarios e contracursos nos que se discute a función social da universidade , as loitas de liberación ou a guerra do Vietnam: o acontecemento aguanta baixo un pulo que o alonga e sostén.


Nestes anos Bolonia convértese en paradigma da alternativa estudantil, Milán e Veneciadescarnada destes ao abeiro do modelo da democracia representativa, onde un grupo de partidos políticos deciden a vida de millóns de individuos. Así as subxectividades revolucionarias que xurdiron nas fábricas, expándense polas universidades e as oficinas, dando lugar ao que algúns viron como o levantamento dun novo suxeito político expansivo e inclusivo. en paradigmas de resistencia nas fábricas e en Roma crece a proliferación de multitudes que buscan organizarse en contraposición ao poder do Estado, xa que este é visto como o representante dun sistema que reduce ao mínimo a vida e liberdade de traballadores e estudantes, e que serve polo tanto á explotación máis

Non é casualidade que isto en Italia se volva fundamentalmente un movemento que parte das fábricas pois aló miles e miles de italianos traballan. Tampouco o é que todo o proceso se poida ler dende categorías marxianas, pois Italia soporta nestes anos un pulo realmente importante provinte da herdanza partisana e da seguridade de que Italia foi liberada mediante a acción en común. Por iso tiña o maior apoio a un partido comunista de Europa occidental. E non só a un Partido senón, especialmente, a un movemento que naceu fóra de ningún paraugas que o amparase, e polo tanto, fóra de ningún Partido. O comunismo vese como o desexo de cambia-lo estado de cousas presente, o desexo de construción do común, aquilo que dende sempre caracterizou a un e o suxeitou a unha realidade, a unha comunidade.


Pola contra, a creación e construción colectiva atopa dende o primeiro intre de fronte ao Estado, convertido en antagonista do proceso e do movemento, baseado na represión contra os axentes sociais e o control destes mediante os mecanismos que ten ao seu alcance, primeira e primordialmente, a subxugación dos traballadores baixo un horario e unhas condicións de traballo que efectúan a súa explotación, conseguindo así mesmo a máxima redución do tempo preciso para dedicar á creación colectiva, a alternativa e o movemento. Utilízanse as armas que todo Estado ten dende a súa fundación: o uso da violencia lexítima para manter a orde establecida, polo tanto, o sistema imperante. Cúmprese a lei, tamén se esta lei non é aceptada polo colectivo.

Mentres todo isto pasa, un grupo de intelectuais de formación marxista ocúpanse de intentar soster este movemento nunha teoría, ou dito doutro xeito, intentan apoia-lo movemento cunha construción teórica dende a que este se poida impulsar alén da suxeición que sofre. Non se trata de inventar unha teoría que se aplique á realidade -non se trata diso porque a praxe xa está a suceder por si

mesma-, trátase de sostela e organizala dende fóra dun partido político.


Cando os Quaderni Rossi (que publican o seu primeiro número en 1961) aceleran a súa actividade é, en palabras de Romano Alquati, coinvestigando, coñecendo de primeira man toda a realidade da vida na fábrica, como está constituída, como funciona, cál é a relación co obreiro, etc. É a chamada enquisa, a consigna para realizar un traballo de e sobre a subxectividade obreira. Rapidamente a experiencia turinesa expandiuse por Milán, Venecia e Roma. Esta foi unha das actividades que máis influíu ao novo profesor de universidade Antonio Negri: erguerse ás 4:30 da mañá para ir de Venecia ás fábricas de Porto Marghera, entrar cos obreiros, departir, repartir folletos, para logo ir a Padua a dar clase á universidade.

Se algo ensinou Praza Statuto a boa parte dos membros dos Quaderni Rossi foi que o partido e os sindicatos estaban xa burocratizados e que o rego do movemento tiña que ser autónomo.
É neses anos cando Negri descobre a loita como elemento permanente e fundamental do desenvolvemento do proceso de produción, en particular do proceso de traballo.


O obxectivo de afondar nisto -na organización política do movemento obreiro e de incidir na intervención teórica e práctica deste-, será o que guíe ao nacemento da publicación Classe Operaia, escisión dos Quaderni Rossi, e a redacción da cal correrá a cargo de Mario Tronti, Romano Alquati, Alberto Asor Rosa, Luciano Ferrari Bravo e Negri, entre outros. A revista trata de dirixirse directamente aos obreiros e intenta unir a produción teórica e a práctica. A publicación confía no elevadísimo número de obreiros italianos e na convicción de que estes prevalecen ao Estado e son a peza fundamental, en termos marxianos, do avance da historia. Así mesmo, e como consecuencia, converten en inimigo todo Partido defensor da tradición (tamén se esta é marxista), e xulgan ao PCI (Partido Comunista Italiano) e ao seu sindicato CGILsocialdemocratización. Con todo, e a conta disto, Tronti e outros abandonarán a redacción pois querían recompoñe-la relación perdida entre clase e partido, opción xa rexeitada sobre todo por Negri, quen xa vira ao PCI como inimigo ao servizo do Estado.6 acusándoos de estar a vivires un proceso de


Unha das motivacións deste rigoroso proceso de traballo teórico no que si participaban todos vén da relectura creativa de El Capital de Marx, queréndoo adaptar á nova situación contextual e metodolóxica da Italia deses intres; e así mesmo vén da publicación en italiano dos Grundrisse de Marx, os seus apuntamentos de traballo sobre a crítica da economía política. Neles hai determinadas pasaxes que iluminan a nova vía aberta, por exemplo o Fragmento das máquinas e o concepto que nel aparece de General Intellect. É aí onde aparece a posibilidade de que os avances tecnolóxicos sirvan para diminuír os tempos de traballo preciso e provocar con iso a liberdade do traballador para dedicar o seu tempo a outras labores. Do mesmo xeito o General Intellect refire a esa construción de coñecemento colectivo que vai xurdindo nos procesos de colaboración e cooperación comunicativa tan frecuentes na época que tratamos. É o primeiro paso cara a unha nova concepción de traballo, dominante xa a finais do s. XX, e que se coñecerá como “traballo inmaterial”.


Desta semente partirá a creación de Potere Operaio en xullo de 1969, pretendendo dar un paso máis dende a loita das fábricas á posibilidade de organizar esa loita. Unha das opcións utilizadas será o chamado rexeitamento do traballo, entendendo por “traballo” traballo asalariado, e reivindicando polo tanto a conciencia de clase con respecto á situación explotada das fábricas e como o tempo alén do tempo de traballo preciso ten que envorcarse na creación colectiva, na actividade viva e social. Ademais disto rexéitase o salario como a pretendida compensación obxectiva polo tempo de traballo produtivo e esíxese o seu desligamento da produción: un salario independente da produción, sexa esta maior ou menor. A arma fundamental do rexeitamento do traballo é a folga indefinida.
O entrante tecnolóxico que se vive nestes anos é pensado, como diciamos, como posibilidade de liberación, quizais aínda un pouco inxenuamente: se hai máquinas que poidan realizar o noso traballo, por que non o fan para que nós nos ocupemos de crear vivencias e producir experiencias? Por que non se nos dá unha remuneración que cubra as nosas necesidades básicas e nos deixe o tempo libre como para crear outras formas de vida?

Potere Operaio operará ate 1973, no que Negri e outros fundarán a Autonomía Operaia.



Mentres, as fábricas continúan utilizando a folga como a sabotaxe ao capital, e a fase do movemento remata en novembro despois de que se manifesten en Roma 100.000 traballadores do metal, obrigando á Patronal a asinar un convenio no que acepta boa parte das peticións sindicais. Con isto dará o primeiro froito 7 anos de folgas continuadas e crecentes.


Pero a euforia non durará nin un mes. O 12 de decembro de 1969 prodúcese o chamado Strage di Stato (“masacre de estado”) na Praza Fontana, na que 16 persoas morren e 87 resultan feridas por unha bomba posta na Banca Nazionale dell’Agricoltura. Detéñense 82 militantes de esquerda, sen probas concluíntes. Despois de investigacións e contrainvestigacions salguen á luz probas sostíbeis sobre a implicación de forzas de extrema dereita na preparación e execución do atentado.
Esta liña é a que se seguirá durante case toda a década dos 70, na que se pon de manifesto a célebre “estratexia da tensión”, con decenas de atentados e bombas nas que seguen mesturados axentes de ultradereita italiana e grega. Antes de Praza Fontana contabilizábanse 312 atentados con bomba ao longo de 1969. Un dos resultados máis relevantes das contrainvestigacions foi que en abril de 1968, un ano despois do golpe de estado triunfal, reúnense en Grecia 50 neofascistas italianos con figuras das altas esferas da policía secreta grega para organizar a estratexia da tensión. O obxectivo é organizar atentados de tal forma que a opinión pública culpe deles á esquerda. Esta estratexia durará toda a década dos 70, ao final xa non para culpar á esquerda senón para exasperar a situación e que fose inevitábel un pronunciamento autoritario.7

Deste xeito, mentres aumenta o autoritarismo por parte do Estado, continúa proporcionalmente a expansión do movemento nas marxes extraparlamentarias. As fábricas volven á folga, nacen correntes de esquerda organizada entre médicos, profesores, maxistrados e implícanse sectores como os presos, marxinados, etc.


Á fin os Partidos móstranse como parte inequívoca do Estado, non sobrevivindo os gobernos máis que meses no poder, ate que en 1973, o secretario do PCI, Berlinguer propón un “compromiso histórico” coa Democracia Cristiá (partido de dereita católica) que dea estabilidade ao goberno do Estado. Para entón o movemento e o PCI sepáranse definitivamente á vez que xorden os grupos armados de esquerda, como as Brigate Rosse (nata de facto na fábrica Pirelli de Milán en 1971).

Ao mesmo tempo, na rúa crecen as novidades creativas: neste ano 1973, baixo o pulo da Autonomía operaia de Negri faise promoción da autoriduzione como forma inmediata de comunismo, de apropiación do valor de uso na práctica de valorización de clase, é dicir, xestionar autonomamente o valor de uso desvinculándoo na praxe do valor de cambio. Deste xeito, trabállase en todos os aspectos sociais: vivenda, ocio, paro, servizos sociais, transporte público, hospitais, escola, etc. Transfórmanse barrios enteiros en comunidades autoxestionadas, que deciden colectiva e asembleariamente o pagamento do transporte, o pagamento polos alimentos básicos, a vivenda, a luz, a auga, etc.

As folgas destes anos son menos daniñas no económico (non se perden tantas horas de traballo como nos anos sesenta), pero fatais no social, pois contan coa máxima implicación de persoas. É o camiño procurado por Negri e a Autonomía operaia de soster o paso do obreiro masa ao obreiro social, onde a cooperación, colaboración e comunicación dos traballadores devén fundamental.

En 1976 créanse Radio Alice, a primeira radio libre fóra de control estatal ou empresarial e, con ela, o soño da autonomía total séguese sostendo ao longo da década dos 70.


En 1977 dáse a última rabexada do movemento no que xa é rexeitamento, antagonismo e oposición directa ás forzas do Estado, as cales á súa vez estenden o seu antagonismo ate o punto de sacar carros blindados á rúa e de abrir fogo en caso de conflito, algo que cada vez sucede con máis frecuencia. No outro bando sucede máis do mesmo, atrácanse armarías e ábrese fogo contra a policía. O enfrontamento é absoluto, o que por outra banda non é ningunha novidade xa que só entre 1947 e 1969 a policía asasinara 91 traballadores durante manifestacións políticas e ferira a 674.8

Ao ano seguinte as Brigate Rosse secuestran ao Primeiro Ministro Aldo Moro, líder de DC, e asasínano logo de non lograr unha interlocución co goberno. O movemento morre, as BrigateRosse comezan a perder apoio, e Toni Negri, entre outros, é acusado formalmente de ser o autor intelectual do secuestro e detido en 1979. Despois de ingresar no cárcere, é escollido deputado polo Partido Radical nas eleccións de 1983, e segundo sae do cárcere protexido pola inmunidade parlamentaria, inmediatamente o parlamento vota para retirarlla, tendo como consecuencia o exilio de Negri a Francia.


Ben, que aprendemos de todo isto? Fundamentalmente que Negri e os demais viven dende dentro o estoupido do acontecemento, respiran e senten a explosión de creatividade e traballo vivo que pescuda a completa autonomía con respecto ao sistema, ao Estado e, por ende, ao capital: viven o desexo de comunismo e revolución. Por outra banda, o Estado enfróntase a eles e os culpabiliza –en concreto a Negri- nominalmente de ser un asasino intelectual. Así é como se interioriza o antagonismo de Estado e se vive na propia carne o final do movemento creado que con tanta esperanza se vivira.

E sobre todo, Negri cre que boa parte do fracaso do movemento se debe a unha falta de ensamblaxe teórica que poida facerse cargo da problemática xurdida na instauración práctica do acontecemento, unha fundamentación ontolóxica que sosteña o creado, o gañado na rúa. A isto ocupará a súa vida. Pero o máis importante é que dende estes instantes o comunismo non é unha aspiración senón un preámbulo, non é un idealismo pois xa se efectuou como tal neste tempo.

Deste xeito, o acontecemento pode volver a partir de repetir e repetir antagonismo, potencia creativa, autonomía e organización: contrapoder pois. Seguindo este rego darase doutro xeito, noutro lugar, noutro tempo, un novo corte de fluxos, un novo curtocircuíto, unha novidade fóra da homoxeneidade postmoderna, de novo, un acontecemento.


1 Cfr. Balestrini, N. e Moroni, P.: La horda de oro (1968-1977). Traducción de M. Bogazzi, H. Arbide, P. Iglesias, J. Bonet i Martí, D. Gámez, J. Gual, R. Sánchez Cedillo e A. Méndez. Madrid, Traficantes de sueños, 2006, p. 153.

2 Mughini, G.: “Cronoca politica”, en Cultura e ideologia della nuova sinistra. Milano, Comunità, 1973, p. 475.

3 Balestrini, N.: Vogliamo tutto. Milano, Feltrinelli, 1971.

4 Negri, A.: Pipe-line: lettere da Rebibbia. Torino, Einaudi, 1983, p. 88.

5 En Deleuze o acontecemento é tal por realizares un curtocircuíto no transcorrer do sistema, por efectuar un corte no fluír continuo e reterritorializar instantaneamente os fluxos nun aquí-agora concreto, é dicir, a irrupción da novidade. Cfr., por exemplo, Deleuze, G.: Lógica del sentido. Traducción de Miguel Morey. Barcelona, Paidós, 2005.

6 Cfr. Negri, A.: “Lenin e i soviet nella rivoluzione russa. E alcune considerazioni sul soviettismo”, en La fabbrica della strategia : 33 lezioni su Lenin. Padova. Cooperativa libraria editrice degli studenti di Padova ; Collettivo editoriale librirossi, c1976, stampa 1977.

7 Cfr. Bascetta, M., Bonsignori, S., Petrucciani, S. e Carlini, F. (eds.): 1968. Una revolución mundial (CD-ROM/libro). Traducción de Luis Peña Molero, Carlos Prieto del Campo, Ricardo Russo e Francisca Sánchez Peiró. Madrid, Akal, 2001.

8 Cfr. Virno, P.: “El trabajo no nos hace libres”, en Ballestrini, N. e Moroni, P.: La horda de oro (1968-1977). Op. Cit. p.340.