Para unha re-fundación das prácticas sociais
Félix Guattari na súa obra Las tres ecologías (Valencia, Pre-textos), desenvolve a noción de «ecosofía» que descansa sobre tres ecoloxías. A primeira, medioambiental, é a demarcación ecolóxica ordinaria. A segunda, a ecoloxía social, consiste en opoñerse ó capitalismo mundial integrado, recreando espazos de economía individual, autónoma, e relacións sociais ou familiares «reinventados»; finalmente, a ecoloxía mental que, para o Guattari experto en psicanálise permite a rehabilitación da subxectividade, da singularidade.
F. Guattari ensina que a ecoloxía medioambiental debería ser pensada en conxunto coa ecoloxía social e a ecoloxía mental, a través dunha «ecosofía» de carácter ético-político. Presentamos aquí un extracto doutro texto que Le Monde Diplomatique presentou como unha sorte de «testamento filosófico». A reflexión aquí é ambiciosa e totalizante. Sen embargo, centra a súa análise na importancia da singularidade de cada un de nós, en nós e fronte ós outros. Unha boa maneira de concebir-lo lugar do individuo na nosa sociedade.
Extracto de Faillite des médias, crise de civilisation, fuite de la modernité.Pour une refondation des pratiques sociales . Le Monde diplomatique (Outubro 1992).
A subxectividade ?
O progreso social e moral é inseparable das prácticas colectivas e individuais que asumen a súa promoción. O nazismo e o fascismo non foron enfermidades transitorias, «accidentes da historia» por outra parte superados. Constitúen potencialidades sempre presentes; continúan a habita-los nosos universos de virtualidade; o estalinismo do Goulag, o despotismo maoísta, poden renacer, mañá, en novos contextos.
Baixo formas variadas, un microfascismo prolifera nos poros das nosas sociedades, manifestándose a través do racismo, a xenofobia, o rexurdir de fundamentalismos relixiosos, do militarismo, da opresión ás mulleres. A historia non nos garante ningunha superación irreversible dos «umbrais progresistas». Só as prácticas humanas, un voluntarismo colectivo, poden inmunizarnos contra o perigo de recaer nas peores barbaries. A este respecto, será totalmente ilusorio volver ós imperativos formais da defensa dos “dereitos do home” ou do “dereito dos pobos”. Os dereitos non están garantidos por unha autoridade divina; descansan sobre a vitalidade das institucións e das formacións de poder que manteñen a súa existencia.
Unha condición primordial para chegar á promoción dunha nova conciencia planetaria, residirá entón na nosa capacidade colectiva de facer reemerxer sistemas de valor que escapen ó lamiñado moral, psicolóxico e social do que procede a valorización capitalista, unicamente centrada no beneficio económico. O gozo de vivir, a solidariedade, a compaisón cara o outro, deben ser consideradas sentimentos en vías de desaparición e que convén protexer, vivificar, re-impulsar en novas direccións. (…)
A potencia de suxestión da teoría da información contribuíu a enmascarar a importancia das dimensións enunciativas da comunicación. A miúdo conduciu a esquecer que só cando unha mensaxe é recibida cobra sentido, e non só porque sexa transmitida. A información non pode ser reducida ás súas manifestacións obxectivas; é, esencialmente, produción de subxectividade, toma de consistencia de universos incorporais. E estes últimos aspectos non poden ser reducidos a unha análise en termos de improbabilidade e calculados obre a base de eleccións binarias. A verdade da información refire sempre a un acontecemento existencial naqueles que a reciben. O seu rexistro non é o da exactitude dos feitos, senón o da pertinencia dun problema, da consistencia dun universo de valores. A crise actual dos media e a liña de apertura cara unha era post-medias, constitúen os síntomas dunha crise moito máis profunda.
Aquilo sobre o que creo que hai que po-lo acento, é sobre o carácter esencialmente pluralista, multicéntrico, heteroxéneo, da subxectividade contemporánea, a pesares da homoxeneización da que é o obxecto debido á súa mass-mediatización. A este respecto, un individuo é xa un «colectivo» de compoñentes heteroxéneas. Un feito subxectivo refire a territorios persoais –o corpo, o eu,…- máis, ó mesmo tempo, a territorios colectivos –a familia, o grupo, a etnia,…-. E a isto súmanse tódolos procedementos de subxectivación que se encarnan na fala, na escritura, na informática, nas máquinas tecnolóxicas.
Nas sociedades anteriores ó capitalismo, a iniciación nas cousas da vida e nos misterios do mundo pasaban pola canle das relacións familiares, das relacións de clases de idade, das relacións de clan, de corporación, de rituais, etc. Este tipo de intercambio directo entre individuos tende a escasear. É a través de múltiples mediacións como se forxa a subxectividade, mentres que as relacións individuais entre as xeracións, os sexos, os grupos de proximidade, se relaxan.
Por exemplo, a miúdo a función dos avós como soporte dunha memoria interxeneracional para os nenos desaparece. O neno desenrólase nun contexto entusiasmado coa televisión, os xogos informáticos, as comunicacións telemáticas, os cómics…
Unha nova soidade maquínica ven de nacer, que non é certamente carente de calidade, senón que merecería ser re-traballada permanentemente, de forma que se puidera acordar con formas renovadas de socialidade. Máis que de relacións de oposición, trátase de forxar enlaces polifónicos entre o individuo e o social. Toda unha música subxectiva queda por inventar.
A nova consciencia planetaria deberá repensa-lo maquinismo. É frecuente que se continúe a opoñer a máquina á esencia humana.
Algúns filósofos estiman que a técnica moderna nos agochou o acceso ós nosos fundamentos ontolóxicos, ó ser primordial.
E se, ó contrario, dunha nova alianza coa máquina se puidera agardar unha renovación da alma e dos valores humanos?
Os biólogos asocian actualmente a vida a un novo achegamento do maquinismo a propósito da célula, dos órganos e do corpo vivo.
Tamén os lingüistas, os matemáticos, os sociólogos, exploran outras modalidades de maquinismo. Ampliando así o concepto de máquina, condúcennos a acentuar algúns destes aspectos insuficientemente explorados até hoxe. As máquinas non son totalidades pechadas sobre si mesmas. Manteñen relacións determinadas cunha exterioridade espacio-temporal, así coma con universos de signos e campos de virtualidade. A relación entre o adentro e o afóra dun sistema maquínico non é só o feito dunha consumación de enerxía, dunha produción de obxecto: encárnase igualmente a através de phylums xenéticos1.
Unha máquina emerxe no presente como término dunha liña pasada, e é o punto de relanzamento, ou o punto de ruptura a partir do cal se desplegará no futuro, unha liña evolutiva. A emerxencia destas xenealoxías e destes campos de alteridade é complexa.
É traballada permanentemente por tódalas forzas creadoras das ciencias, das artes, das innovacións sociais, que enredan e constitúen unha mecanosfera que envolve a nosa biosfera. E isto non coma unha argola que constriñe ou coma un acorazado exterior, senón coma unha eflorescencia maquínica abstracta, explorando o devir humano. (…)
A humanidade deberá contraer un matrimonio de razón e sentimentos cos múltiples ramaxes do maquinismo, senón corre o risco de naufragar no caos. Unha renovación da democracia podería ter por obxectivo unha xestión pluralista do conxunto das súas compoñentes maquínicas.
O xurídico e o lexislativo serán conducidos a urdi-las imprevisibles ligazóns co mundo da tecnoloxía e da investigación (é xa o caso nas comisións de ética relativas ós problemas da bioloxía e da medicina contemporánea; máis habería tamén que concebir rapidamente comisións de ética dos media, ética do urbanismo, ética da educación).
Trátase, en suma, de redefini-las verdadeiras entidades existenciais da nosa época, que xa non se corresponden coas de hai algúns decenios.
O individuo, o social, o maquínico, solápanse; o xurídico, o ético, o estético e o político tamén.
Unha grande deriva de finalidades está comezando a operar: os valores de resingularización da existencia, de responsabilidade ecolóxica, de creatividade maquínica, son apelados a instaurarse coma refuxio dunha nova polaridade progresista no/en lugar da antiga dicotomía dereita-esquerda .
No seo de todo estado de cousas, ten que ser localizado un punto de fuga de sentido a través da impaciencia de que o outro non acepte o meu punto de vista, a través da mala vontade da realidade para pregarse ós meus desexos.
Esta adversidade non teño só que aceptala, senón amala por si mesma; teño que perseguila, dialogar con ela, afondar, profundizar nela.
É ela a que me fará saír do meu narcisismo, da miña cegueira burocrática, que me restituirá un sentido da finitude que toda a subxectividade mass-mediática infantilizante se empeña en agochar.
A democracia ecosófica non se abandoará á facilidade do acordo consensual: investirase na metamodelización disensual. Con ela, a responsabilidade sae de sí para pasar ó outro.
A falta da promoción dunha subxectividade da diferencia semellante, da atopía, da utopía, a nosa época podería bascular en atroces conflitos de identidade, como aqueles que sofren os pobos da ex-Iugoslavia. É inútil apelar á moral e ó respecto dos dereitos.
A subxectividade enrédase no vacío dos asuntos do beneficio e do poder. O rexeitamento do estatus dos media actuais, asociado á investigación de novas interactividades sociais, dunha creatividade institucional e dun enriquecemento dos universos de valores, constituirán xa unha etapa importante no camiño cara unha refundación das práticas sociais.