S. H.

 

Certo vicio literario, filosófico e tamén político da tradición dicía que un escritor, pensador, etc. debía pórse a analizar aquilo co que se atopaba. Esta análise debía ser, como é obvio, obxectiva e imparcial, dende unha posición fóra do terreo de xogo. Hoxe felizmente esta postura xa está superada, xa Nietzsche nos contou de onde saía a idea do eu, xa Foucault nos ensinou o oculto pero patente que estaba a posición de poder de cada cal, e xa fomos capaces de pensar que iso da verdade, a obxectividade, a análise desinteresada, etc. eran e foron sempre recursos contrarrevolucionarios, conservadores e ideoloxicamente cargados que se facían dende posicións vantaxosas que buscaban a súa conservación ou xustificación.

Dito isto, que hoxe en día, como digo, é evidente, resulta con todo difícil acceder a un discurso exento de pretensións obxectivas, análises de laboratorio, ou procuras de orixes, comezos e explicacións sustentadoras da realidade, explicacións da nosa orixe, do noso ser, ontoloxías do noso ser-suxeito, do noso pensar o mundo.


Se Marx pensaba que o suxeito era histórico, que se ía facendo ao longo da historia, facendo materialmente, mediante feitos fácticos, non mediante ideas, aínda así non foi este o seu maior logro, senón deixar constancia que ese suxeito estaba escindido en clases distintas (no seu caso, contrarias) que tiñan necesariamente que loitar entre si para soster uns, ou cambiar outros, o seu modo de vida. Por iso o importante de Marx ao noso entender non foi mostrar unha análise extraordinaria obxectiva das categorías que formaban e explicaban a orixe e mantemento do capital ao longo das súas distintas encarnacións. Non foi iso o importante, senón unha chamada á sublevación, á subversión das clases desfavorecidas. El mantívoa dende a obxectividade que lle daba a súa análise económica realizada ao capital. Pero hoxe en día, por exemplo Negri xa non se centra niso, aínda que segue pensando en categorías explicativas do funcionamento do capital transnacional. A clave para Negri é chamar ao levantamento das multitudes, porque el considera que aínda existe un suxeito político capaz de acción, e o seu optimismo é tan incurábel que até pretende a auto-organización de base dos movementos de resistencia ao sistema.


Ben, gústenos ou non, en todo caso non parece nada novo. Está asimilado dende a filosofía política, dende a militancia política anticapitalista, que o obxectivo é a sublevación xeral contra o capital. A discusión vén ao dilucidar se isto é un ideal regulativo, unha tendencia, unha posibilidade organizativa, un soño ou un pulo local e/ou global. Pero o seu punto de partida é a existencia dun suxeito pertencente a unha clase social, que é a que lle dá identidade, pois todo suxeito parte dunha pertenza previa a unha comunidade.

O que nos di Paco Vidarte na súa Ética marica. Proclamas libertarias para una militancia LGTBQ (Egales, Madrid/Barcelona 2007) é que existe unha comunidade á que pertencen millóns de persoas que é a comunidade LGTBQ (no seu caso, marica), e que é a condición previa que hai que asumir para poder actuar, para poder ser subxectividade marica. Existe unha subxectividade marica e como toda subxectividade non existe nin é porque si, senón que só é en tanto que fai, mentres constrúe algo, mentres actúa. E fóra do seu ser marica, trans, bollera, etc. non hai nada pois é esta comunidade a que o configura, a que o suxeita.

A posición de Paco Vidarte dende o comezo é absoluta, absolutamente subxectiva, individual, persoal e singular, diferencial. E é así porque unha marica non ten orixe nin debe buscala, non é antes de facer algo, ou si pero non importa; non é máis que unha posición ideolóxica conservadora a que nos di que existe a orixe, que é unha e que é identitaria.

Pero iso xa o sabemos. A novidade desta formulación tampouco vén de saber que non existe igualdade de carácter sexual no Estado español nin en ningún outro, nin vén en recoñecer que as dúas famosas leis aprobadas polo congreso español a favor da integración sexual non son máis que caramelos, lambetadas dadas a bocas famentas, e que tampouco solucionan nada pois a represión non está só nas institucións, tamén está na rúa e no bar. Tampouco ten de novo que busque a sublevación marica con respecto á violencia estrutural e institucional (tanto dentro como fóra do movemento LGTBQ). Nin que asuma que a posibilidade de melloras políticas sempre veñen unidas á decadencia da situación vital dun gran número de desfavorecidos que non poden permitirse pertencer ao grupo de cabeza, que quedan fóra.

Tampouco é novo ler nas páxinas de Ética marica que os LGTBQ sempre xogaron nas marxes, fóra de posibilidades, e que son disxuntos e diferenciais, como algo outro, distinto ao hetero, tan distinto que non se lle pode xulgar cos mesmos argumentos nin rexelos polas mesmas leis. Asúmese xa que o hetero non pode entender ao marica. A crítica interna vén do marica que tenta ser hetero… un hetero marica, adaptado ás leis hetero dos gobernos hetero. O que busca unha igualdade, igualdade identitaria, perfecta, redonda, sen diferenzas, falsa, porque é unha identidade escindida de antemán. Xa que o hetero dende a súa posición de poder quere comprender ao marica e quere comprendelo custe o que custe, a pesar de todo, sen diferenzas.

Se onde se chegou hoxe en día foi a todo o que se puido facer dende a negociación marica-hetero, é que necesitamos algo novo, unha invención dada, dende o primeiro momento que asumimos que é o marica, o trans, a bollera, etc. aquilo imposíbel, aquilo singular e diferencial sen orixe que só cristaliza como suxeito en acción. E se é así de nada vale unha negociación política de mínimos, senón unha produción continua de subxectividade queer.

E se non serviu o posíbel e debemos buscar o imposíbel, o marica non debe buscar unha ética pensada, feita co cerebro, senón como di Vidarte, unha analética feita co cu. E se a sociedade tratou aos LGTBQ como cans, haberá que facer unha política de cans, unha política cadela, sen complexos.

O obxectivo de Vidarte, como diciamos, é subverter a tendencia autocompracente do colectivo LGTBQ español, máis centrado agora na pelexa europea que nos problemas reais do día a día. E para iso fai unha deconstrución da acción marica, deconstrución afirmativa, como todas, cargada de xenreira, como moitas, e innovadora como poucas.

Porque, finalmente, o novo do texto é que sabe que non hai novidades que saen da nada, sabe que a novidade só sae de repetir, repetir e repetir, e nun deses momentos salta a invención, salta a novidade e dáse aquilo que non parecía posíbel, o imposíbel mesmo.

Con Vidarte aprendemos que a subversión e o ánimo do levantamento político tennos a moitos do mesmo lado, pero non por iso ímonos a guiar todos polas mesmas regras ou leis. Aínda que dende o primeiro momento esteamos compartindo un punto de partida, aínda que non negociemos con quen nos pisa a cabeza, aínda que compartamos inimigo.

En todo caso, a bandeira que levanta esta Ética marica é a da sublevación de clase, con conciencia da cadea que leva dende a opresión homofóbica á xenofobia pasando polo racismo e a explotación do traballador. O imprescindíbel para abrir o campo dunha organización de contrapoder é xustamente iso: ir contra o poder, de xénero, raza ou económico: O político.

Vidarte chama ao sistema, capital, imperio, etc. dun xeito moito máis suxestivo: A Becha, a Besta, a que todo o come, á que todo lle fai engordar. Isto no fondo non é máis que un manual de instrucións: todo cara dentro, nada para fóra, corpo cheo non dá para comer. Temos o mesmo inimigo, non somos iguais nin parecidos, non temos as mesmas intereses, pero sabemos que a Besta come todo o que nos tiramos os uns aos outros… recólleo do chan, cos feridos. Hai que probar a collela e tirarlle todo iso á cara a ver que pasa…

Manual de instrucións para a sublevación política dende a marxe LGTBQ: iso é a Ética marica de Paco Vidarte: parabéns!