– As Encrobas: unha comunidade no pe(i)to
S. H.
O pasado sábado 12 de Maio asistimos en Cerceda á estrea do documental de Xosé Bocixa “As Encrobas. A ceo aberto”.Como o propio director e realizador nos confirmaba, a novidade fundamental do documental é a súa formulación exclusiva en base ás voces da xente implicada dun ou doutro xeito na historia das Encrobas e o seu tratamento da evolución da situación na zona dende o 1977, data do acontecemento, até os nosos días.Se falamos de acontecemento, facémolo dende o convencemento de que a reacción social galega fronte o problema das Encrobas representou a primeira implosión social na Galiza post-franquista.
As Encrobas é hoxe en día un val espectral situado a escasos 30 km da cidade de A Coruña, na zona de Cerceda, que no seu centro conta cunha xa esgotada mina de lignito, fonte do comezo dos problemas, e coa central térmica de Meirama, propiedades da empresa Lignitos de Meirama, que forma parte á súa vez de Fenosa.No 1977 tivo lugar a expropiación de facto (e post-iure) dos terreos que albergaban as casas e hortas de máis de 300 familias labregas do val das Encrobas co obxectivo de constituíren unha mina que explotase o lignito e o carbón contidos na terra.
Ademais das tentativas feitas pola administración da empresa de enganar aos labregos ofrecéndolles prezos simbólicos por ferrado (seiscentos corenta e cinco metros cadrados de terra) ou por limitar o alcance da mina a menos da metade do seu tamaño final, a expropiación tívose que facer en praxe logo dun longo proceso de negociación na que os representantes labregos fixeron un máis que digno papel enfrontándose aos avogados de Fenosa.Todo isto logo dun dos episodios de resistencia social máis importantes da época. Como diciamos, un acontecemento galego no que todo comezou cando a xente de As Encrobas soubo que para facerse efectiva a expropiación, un representante da parte empresarial tiña que pór o pe, literalmente, nas terras que se ían expropiar. Sistematicamente as tentativas de Fenosa, defendidas por policías e gardas civís, foron freadas polos veciños armados con todo o que tiñan e atopaban polo camiño, sachos, fouces, paus, paraugas, etcétera.O fondo papel realizado polas mulleres evitou unha desgraza maior, xa que foron as mulleres as que se colocaban na primeira fila do enfrontamento, coa crenza de que a elas zouparíanlle menos que aos homes. Estes colocábanse detrás delas empurrándoas para gañarlles terreo aos gardas e policías. E así se fixo unha e outra vez levando golpes deles e arreándolles algún que outro. Houbo moitas detencións, que buscaban unha solución represiva, como se iso fose resolver o litixio ou a resistencia.
Mentres, en A Coruña tiña lugar unha serie de manifestacións cunha asistencia de xente que non se lembra na Galiza da época, apoiando aos veciños das Encrobas ao grito de “A terra é nosa e non de Fenosa”. Foron estas manifestacións, estas loitas e esta resistencia dos labregos os que obrigaron á empresa a negociar, vendo que o problema non se solucionaba e que o tempo, con todo, seguía pasando.
Hoxe, os veciños que decidiron quedarse fronte a todo na zona que supostamente non ía ser afectada polas extraccións mineiras viven cunha serie innumerábel de problemas respiratorios, orixinados polo carbón, e fundamentalmente cunha abnegación total no que se refire ás súas hortas e leiras, que seguen producindo alimentos tinguidos de negro. O resto dos veciños vive na dispersión, dende Cerceda, Ordes e Laracha até A Coruña.