Vivimos tempos de (des)ocupación e desprazamento no traballo laboral contemporáneo. (Des)ocupación porque certamente estamos ocupados, sen tempo, cun tempo que fuxe de nós, que non nos chega, estresados, acelerados, etc. Pero esta ocupación é des- na medida en que é unha pseudo-ocupación, na medida en que é unha continua procura que nunca chega ao seu fin, ou mellor, que está sempre fóra de si, enaxenada, cumprindo outro destino. Ocupados no desprazamento, na fronteira, no trámite, burocrático, mercantil, social, persoal, laboral, sistém(át)ico… Des-ocupados precisamente por iso, porque se nos obriga a permanecer fóra, da nosa potencia. Des-ocupados, baleiros, bloom, querendo ou sen querelo, sabéndoo ou sen sabelo. A única solución é viver no límite, na fronteira, mais facer deses límites e desas fronteiras umbráis habitábeis, diferenciáis, nos que sexa posible a ocupación “verdadeira”, “auténtica”. A ocupación, a dedicación á satisfacción e mellora das nosas in-clinacións. Entón, podemos revertir os mecanismos do sistema: ocupar dende o desprazamento, no desprazamento mesmo (nómade) que xera o sistema, na súa forza centrífuga, de expulsión, recoller o seu pulo, o seu desprezo e habitalo. Certamente: habitar o deserto, a súa nada, re-territorializala. Nese espazo, baleiro, cal é a nosa posición? Respecto a que se sitúa? Dereitas ou esquerdas? Vese que Zizeck fala tamén dun desprazamento nas posicións políticas; o baleiro que deixa a esquerda que agora ocupa a dereita. É que entón a esquerda debería re-posicionarse, loitar, re-sistir no seu posto? Que quere dicer Esquerda? Re-territorializarse no desprazamento, habitalo, ocuparse no teu labor… quere dicer, ante todo, sairse do sistema de referencias externo. Non hai nin esquerda nin dereita no baleiro; tan só caos originario, todo potencia. I efectivamente: movemento, tendencias, in-clinacións, a-sociacións, novo comunismo se se quere; mais todo sempre a expensas do Estado como xerador de soberanías.
A Esquerda como in-clinación.
Non a Esquerda como Estado.
A Esquerda como devir, movemento, a-sociación, ONG… no terreo intermedio ao Estado (estratificado) e á Empresa (axenciadora, surtidora de fluxo-capital). O devir, a inclinación asociativa configura un plan(o) propio, como o dunha fisura ou unha grieta, aberta, volcán, profunda (depende cánto), na que os dous membros da oposición son igual de indiferentes: soberanía/multitude, Uno/todo, Estado/Revolución. E precisamente a ocupación radical das nosas tendencias é a que abre a grieta tan fortemente que prescinde incluso da economía, e do Estado de Dereito…………. dalgunha maneira.