José Ángel Brandariz García
Universidade Invisíbel
1. O erro da metáfora da Europa fortaleza
A reflexión que se pretende presentar neste texto parte dunha metáfora, mellor dito, do cuestionamento dunha metáfora que, a pesar de ter acadado grande éxito, merece unha certa reconsideración. Tráta-se da expresión Europa Fortaleza, empregada de xeito cotián en todo xénero de análises críticas do actual réxime de biopoder instituído no marco da UE fronte axs migrantes.
Esa expresión, alén da sua poderosa carga simbólica, é inaxeitada para representar a realidade do complexo modelo de xestión de fronteiras hoxe vixente. Fronte ás ideas de peche ou exclusión que transmite Europa Fortaleza, e fronte á radical dualidade interior/exterior que parece denotar, a lóxica prevalente na matéria é bastante mais fluída, e pouco coerente coa retórica da solidez das fronteiras (Noborder Network, 2004: 10). En realidade, a lóxica prevalente é a da xestión de fronteiras e migracións, na que a funcionalidade que dá sentido ao modelo non é o bloqueo, senón a administración tendencialmente eficiente da mobilidade humana. Deste xeito, e alén de toda a retórica institucional, a racionalidade que sustenta o réxime de biopoder vixente é o filtrado selectivo da mobilidade, no que se estruturan diversos niveis de vulnerabilidade dxs migrantes1. É certo que o léxico da orde, do control e da seguridade caracteriza o plano semiótico da representación –tendencialmente espectacular- das políticas migratórias, e iso cumpre funcións evidentes: entre outras, a pretendida recuperación de identidades colectivas e da perdida solidez da soberania2. Con todo, a materialidade flexibel desas políticas é igualmente imprescindibel, neste caso para respostar ás necesidades dun modelo produtivo non por acaso cualificado como de acumulación flexibel.
Antes de pasar a desenvolver algo mais esa cuestión, paga a pena reparar na primeira das inexactitudes da expresión Europa Fortaleza, a que fai referéncia á própria crise do concepto de fronteira.
2. As transformacións da fronteira
As transformacións contemporáneas da noción de fronteira, que deixa de lado nas últimas décadas a relativa estabilidade que caracterizou a sua semiótica e a sua funcionalidade durante a etapa do sistema de estados-nación modernos, poden ser descritas de vários xeitos.
É posibel que un dos mais acaidos sexa o que suxire que a fronteira pasou de ser unha liña a devir un ponto (Bonditti, 2005: 148, 152 s.; Cuttitta, 2007: 147 ss.), metáfora coa que pretenden sinalar-se diversas mudanzas. A primeira é que a fronteira xa non opera, como outrora, en tanto que elemento de delimitación dun espazo dual exterior/interior, ou como instrumento de realización de duas pretensións, inclusión/exclusión, cuxa utilidade para a construción dos imaxinários das identidades colectivas resulta evidente. No presente, alén de apariéncias mais superficiais, a fronteira opera marxinando esa lóxica binária, e artellando un complexo sistema de inclusión diferencial, no espazo no que se hibridan o interior e o exterior ata perder os seus contornos distintivos. A principal teleoloxia que orienta o proceso non é outra que o mantemento das xerarquias necesárias para o mellor aproveitamento do traballo vivo, aos efectos do modelo do capitalismo postfordista. A idea da fronteira que devén punto permite suxerir unha segunda mudanza. A fronteira supera o modelo da liña porque na actualidade asistimos ao seu proceso de desterritorialización, que se ve acompañado por unha multitude de momentos de reterritorialización, potenciais e actuais.
A risco de perder certa complexidade, esta transformación pode ser tamén descrita como proceso de desprazamento e externalización da noción de fronteira, e da sua operatividade. Esta evolución multifactorial pode ser mellor comprendida mediante a consideración da sua dupla lóxica, simbólica e funcional (instrumental). A lóxica simbólica céntra-se nun intento neocolonial de alonxar dos nosos territórios físicos e culturais un xénero de violéncia contra seres humanos, e un tipo de vulneración de dereitos fundamentais, que se entenden incompatíbeis co pretendido modelo civilizatório europeu (Dietrich, 2008: 16, 60), ainda que só sexa porque hai apenas duas décadas se sobredeterminaba a denúncia de políticas semellantes por parte dos paises con sistema de capitalismo de estado (Sassen, 1999: 116). Non en van, tropos fundamentais da cultura europea moderna, como os dereitos da persoa, o Estado de Dereito o a proscrición case absoluta da violéncia, resultan incompatíbeis coa cotidianeidade do funcionamento do dispositivo fronteira, e iso tanto polo que se refire a cada estado europeu en particular, como á própria UE3.
A segunda das lóxicas enunciadas, a funcional, é moito mais –inmediatamente- instrumental, e se proxecta sobre a crecente complexidade da tarefa de control e xestión de fronteiras (Cuttitta, 2007: 41; Fernández Bessa, 2008b: 148). Deste xeito, a externalización serve tanto para desplazar o dispositivo fronteira aos múltiples pontos en que ten que desenvolver os seus variados cometidos de selección e control, canto para convocar a unha pluralidade de actores, públicos e privados, a unha tarefa que con anterioridade se entendía prerrogativa exclusiva do estado.
Contemplada desde esta perspectiva, a transformación que implica o desprazamento e a externalización do dispositivo fronteira pode ser descrita mediante tres niveis diferentes (Gil Araújo, 2005: 131; Monclús Masó, 2008: 369):
a) Nivel vertical-institucional: a fronteira despráza-se verticalmente desde a sua prévia ubicación no marco estatal, tanto cara a eidos institucionais superiores, convocando ao seu control á UE, canto cara a eidos inferiores, implicando na sua xestión ás administracións autonómicas e locais.
b) Nivel xeográfico: a fronteira despráza-se cara a outros espazos externos á soberania do estado titular do confín. Deste xeito, prodúce-se, por unha banda, a externalización da fronteira cara a territórios carentes de soberanía estatal, como as augas internacionais. Por outra banda, o proceso vai alén do anterior, e nos últimos anos constáta-se a ubicación das fronteiras (europeas) no confín ou mesmo no interior dos territórios soberanos doutros estados, que constituen lugares de orixe ou tránsito dos movementos migratórios. As manifestacións da operatividade dese novo dispositivo fronteira externalizado son variadas, e entre elas cóntan-se as operacións policial-militares de vixiáncia, que poden ser da própria UE, ou en cooperación con forzas de países externos (fundamentalmente a través da axéncia Frontex4); a intervención directa en estados de orixe ou tránsito, a través de recursos humanos (funcionárixs diplomáticxs, pero tamén militares ou policiais) e loxísticos (suministro a eses paises de instrumentos de control, aportación de asisténcia especializada, doazón de médios financeiros para a construción de centros de internamento externos á UE [Sossi, 2007]); a ubicación das fronteiras europeas nos próprios territórios de orixe das migracións, mediante o establecemento de estritos controis de visados e documentación de viaxe5.
Neste nivel xeográfico do desprazamento caberia tamén facer referéncia ás denominadas fronteiras interiores, que se cadra son a mellor expresión da mudanza dos confíns de liña a ponto. En efecto, cada vez resulta mais evidente que para xs migrantes a fronteira deixou de ubicar-se nos límites dos estados, e se difunde de xeito ubícuo ao longo de todo o território, cunha permanente capacidade de facer-se efectiva6. Poderia mesmo suxerir-se que cada migrante a leva consigo onde quera que se desprace; non en van, os controis policiais constantes, a caréncia de dereitos laborais, as dificultades para o acceso á vivenda e a outras necesidades básicas, ou as manifestacións capilares de xenofóbia son expresións da ubicuidade das fronteiras (Pretel, 2006: 53 s.)7.
c) Nivel de externalización a outros actores: como se suxeriu, se ben a tarefa de control de fronteiras era outrora potestade exclusiva dos estados, hoxe estes convocan a unha multiplicidade de actores a contribuír no desenvolvemento dese cometido. Unha das aportacións mais relevantes é a que implica a responsabilización do sector privado; nela cabe integrar os deberes de control atribuídos por directivas europeas e por lexislación estatal ás compañias de transporte, que teñen que verificar intensivamente a regularidade dos traslados (Cuttitta, 2007: 67 ss.), pero tamén a implicación de entidades privadas –empresas e ONGs- na xestión dalgunhas medidas especialmente conflitivas, como o internamento en centros (Cuttitta, 2007: 52; Palidda, 2008: 71, 73); non cabe tampouco perder de vista que a crecente prioridade normativa de sancionar a empresárixs que contratan a migrantes irregulares impón a estes suxeitos privados responsabilidades de control (Monclús Masó, 2008: 369). Neste plano de responsabilización doutros actores cabe integrar asimismo a xa mencionada atribución de competéncias de control da mobilidade humana a estados externos á UE, artellada non só a través da aportación de recursos humanos e materiais, senón tamén do condicionamento da axuda ao desenvolvemento e de programas de cooperación no marco de políticas como o Plan África –no caso da fronteira sur atlántico-mediterránea- ou a European Neighbourhood Policy –no suposto da fronteira este da UE-8.
Sin perxuízo de todo iso, este devir ponto das fronteiras, e a correlativa desterritorialización e reterritorialización dos confíns, non poderian ser axeitadamente comprendidos sen analisar a progresiva flexibilización do control biopolítico dxs migrantes.
3. O control dxs migrantes: un sistema de control para inimigxs ou para neo-servxs?
Resulta frecuente atopar nos estudos relativos ao control de fronteiras a referéncia ao etiquetamento dxs migrantes como “inimigxs”, con todos os efectos que dita categoria produce. Dito do xeito mais sintético, ese etiquetamento pode cumprir funcións tan relevantes como a culpabilización por todo xénero de malestares e temores sociais, e a conformación dun exterior constitutivo que permita recuperar identidades en crise e, con iso, a própria coesión social9.
Se se proxecta este plantexamento sobre a análise da natureza dos dispositivos de control e sanción previstos para xs migrantes, compróba-se que frecuentemente teñen sido cualificados como expresión dun verdadeiro subsistema de control dx inimigx. Con esta expresión pretende-se significar que, alén da narrativa do Estado de Dereito que sustenta a progresiva consolidación das ordes sancionadoras modernas, en matéria de migracións irregulares maniféstan-se lóxicas de control próprias da emerxéncia ou da excepcionalidade10.
Este xénero de consideracións está presente en multitude de textos. Apenas como referéncia, Dal Lago (2004: 205 ss.) sinalou que o estatuto xurídico-político reservado para xs migrantes permite cualifica-lxs como non-persoas, na medida en que son suxeitos sometidos á aplicación de lóxicas da excepción. Non lonxe deste plantexamento, Agamben (1998: 212 ss., 221 s.) atopa nx migrante unha posíbel actualización da figura do homo sacer, toda vez que ve os ecos do campo de concentración no actual centro de internamento, lugar onde o poder e a nuda vida se confrontan sen mediación xurídica algunha11.
Destaca nesta última reflexión do filósofo italiano que o seu ponto de partida é un concepto unidimensionalmente excluínte e, en tal medida, apenas de carácter negativo, meramente represor. Tomando en conta estes rasgos das suas premisas de análise, cabe interrogar-se se ese plantexamento é o mais acaido para entender a complexidade das políticas de control dxs migrantes, ou se, polo contrário, pode ser mais útil un concepto de poder conflitivo, dinámico e produtivo, como o proposto por Foucault.
Para dar resposta a este interrogante, procede retornar á noción de inimigx, e ás características dos sistemas de control e sanción que tal categoria sustenta. Sen necesidade dunha aproximación detida á matéria, pode fácilmente comprobar-se que un rasgo fundamental de ditos sistemas de control é que deixan por completo á marxe calquera narrativa de inclusión; a proxeción do poder sobre x inimigx fai-se de xeito negativo, non en clave de goberno da vida, de reintegración, correción ou rehabilitación, senón de mera exclusión.
Aparentemente, esta perspectiva resulta consoante co modelo vixente de xestión das migracións irregulares, no cal o conxunto da normativa se sustenta sobre o axioma da xeralización da expulsión. Deste xeito, todos os compoñentes do modelo de sanción reservado para xs migrantes irregulares (a expulsión, o internamento en centros, unha prisión non seguida de reinserción, senón de expulsión, etc.), parecen insertos nunha lóxica común: a da segregación ou exclusión como único obxectivo da política sancionadora dxs migrantes12. Sen embargo, unha análise mais atenta da realidade deste marco regulador teria que concluír que en todo caso se trataria dunha segregación selectiva (De Giorgi, 2000: 73 s.), xa que na práctica en absoluto se executa a expulsión do conxunto dxs migrantes que se atopan en situación irregular, nin sequera da maioria de quen ten sido efectivamente sancionadx coa deportación13.
Existen algunhas razóns desa selectividade que non poñen plenamente en cuestión, a pesar da evidéncia empírica, o axioma da xeralización da expulsión, sobre o que se asenta a racionalidade do sistema de sanción. Tráta-se de razóns que, sen perxuízo de ser atendíbeis, simplesmente resaltan a dificultade de acadar esa xeralización, sen considera-la indesexable. Deste xeito, pon-se de relevo que os motivos da infrecuéncia das expulsións son, en primeiro lugar, de carácter xurídico, derivados da tradicional insuficiéncia de acordos de readmisión cos paises de orixe ou tránsito (Ávila/Malo, en AA.VV., 2007: 545; Monclús Masó, 2008: 403 s.). En segundo lugar, concurren problemas de carácter fáctico, como sucede –a pesar da habitualidade das repatriacións irregulares (Acosta, 2008: 300 ss.; Dietrich, 2008: 56, 68)- nos supostos en que non se consigue coñecer a identidade/nacionalidade dx migrante ou nos casos en que o estado de potencial readmisión néga-se a recoñece-lx como nacional (Cuttitta, 2008b: 91 s.; Palidda, 2008: 87; Triandafyllidou/Maroukis, 2008: 67, 73)14. En terceiro lugar, é innegabel que a pretendida xeralización das expulsións choca con evidentes límites materiais, derivados da caréncia de recursos para executar todas as deportacións acordadas, a pesar da xenerosa dotación de médios coa que conta este apartado do gasto público (Calavita, 2003: 407, 410)15.
Sendo todo iso certo, neste punto xurden ainda dúbidas, pois permanece a impresión de que hai algún outro condicionante da limitada execución das expulsións que non adoita ser considerado nas análises sobre a matéria. Deste xeito, impón-se unha certa hermenéutica da sospeita, se se repara na crecente contradición que se produce entre unha execución das expulsións permanentemente insatisfactória e a sua progresiva consolidación como medida única, algo que as sucesivas reformas da normativa de estranxeiría ten ido impulsando. Por iso, non parece azaroso intuír que cando unha institución pervive -e mais ainda cando se reforza- a pesar do evidente incumprimento das suas funcións instrumentais declaradas, é necesário atender ás suas verdadeiras funcións latentes.
Desde esta perspectiva esexética pode intuír-se unha razón adicional da limitación da política de expulsións, que non só dota de pleno sentido á situación realmente existente, senón que sega as bases da falácia da xeralización das deportacións. Seguramente o motivo latente fundamental polo cal se mantén a política de expulsións en niveis relativamente moderados, e a lóxica da exclusión nun estádio imperfecto, é que a aplicación normalizada dese modelo xeraria un risco inasumibel: o de reducir drásticamente, ou mesmo bloquear, uns fluxos migratórios, regulares e irregulares, que cumpren funcións sociais e económicas de extraordinária trascendéncia (Noborder Network, 2004: 10; Rodríguez, 2003: 122). É posibel hipotizar, xa que logo, que a diferéncia do que sucede noutros países (caso, v. gr., de Itália), as necesidades políticas de canalización das ansiedades sociais, de recuperación de identidades comunitárias e de relexitimación da soberania estatal, que esixirian en princípio extremar o rigor do sistema de expulsións, se subordinan no suposto español a outras urxéncias económicas e sociais. En todo caso, é probabel que a consecución deses fins políticos se confie ao plano simbólico da representación espectacular da política de control de fronteiras, mentras que a sua materialidade real se orienta á garantia daquelas outras funcións socioeconómicas.
Esta conclusión non deberia sorprender, se se contemplan –sequera de xeito superficial- algunhas das funcións da máxima releváncia que ten cumprido o incremento dos fluxos migratórios experimentado no Reino de España durante a primeira década deste século. Segundo datos institucionais, xs migrantes son responsábeis directxs dunha parte moi sustancial do crecemento do PIB durante o periodo (51% entre 2001-2005; Oficina Económica del Presidente, 2006: 27; Malgesini, en Colectivo Ioé, 2008: 37 s.). Na mesma liña, un segmento non menor do incremento da renda per cápita verificado nesta etapa también lles é atribuíbel16.
Tendo en conta as anteriores variábeis evidéncia-se con facilidade o carácter infundado dun dos prexuízos xenófobos que atravesan a nosa sociedade: o que etiqueta axs migrantes como beneficiárixs indebidxs ou fraudulentxs das axudas públicas (Daunis Rodríguez, 2008: 137 s.). En efecto, diversas circunstáncias, entre as que se conta a estrutura demográfica da poboación migrante, pero tamén as consecuéncias da condición de irregularidade, ou a multiplicidade de trabas interpostas na práctica para o desfrute das prestacións públicas, determinan que a poboación migrante xere, en termos de orzamentos estatais, mais ingresos que gastos. Deste xeito, o fenómeno migratório é responsabel dunha parte sustancial do superávit orzamentário (48% en 2005; Oficina Económica del Presidente, 2006: 31 s.; Malgesini, en Colectivo Ioé, 2008: 44 s.).
Un segundo prexuízo xenófobo amplamente extendido non soporta tampouco a confrontación coa realidade: tráta-se da presunción de que a afluéncia de migrantes implica necesáriamente un incremento do desemprego dxs autóctonxs (Daunis Rodríguez, 2008: 136 s.). Esa visión grotesca das necesidades de traballo vivo dun sistema económico peca dun evidente anacronismo en relación cun modelo de acumulación flexibel como o que se afirma no postfordismo. Nese esquema produtivo, xs migrantes, tanto regulares como irregulares, aportan o compoñente de flexibilidade necesário para sentar as bases do crecemento económico e do próprio incremento da demanda de traballo vivo. Esa flexibilidade deríva-se, ante todo, da sua inserción nas diversas zonas grises do traballo (parcialmente) negro e da economia sumerxida e semisumerxida17. Esa ubicación é a que lles permite contribuír ao descenso do desemprego, mediante a sua maior mobilidade xeográfica, a sua capacidade de reforzo de sectores con caréncias de traballo vivo, a sua elevada taxa de temporalidade (61% en 2005, no caso dxs regulares), as suas menores retribucións (30% de média inferiores ás dxs autóctonxs en 2005) ou a maior duración das suas xornadas de traballo (Oficina Económica del Presidente, 2006: 14 ss., 28 s.; Colectivo Ioé, 2008: 51 s., 57). Non cabe descoñecer que todo iso poderia alimentar un prexuízo xenófobo engadido: o que responsabiliza axs migrantes da evidente degradación das condicións laborais acontecida durante os últimos lustros/décadas. Tampouco debe requerir excesivo esforzo argumentativo pór en cuestión ese plantexamento, dado o grave simplismo co que convida a entender a complexidade social. Dito do xeito mais sintético, o condicionante fundamental da mencionada degradación é a progresiva consolidación dun réxime de acumulación flexibel, que é prévio a –e presuposto de- o fenómeno en virtude do cal os fluxos migratórios teñen producido ditos efectos económicos.
Por último, en matéria das relevantes funcións que cumpre o feito migratório contemporáneo na realidade social española, non pode deixar-se de mencionar a sua extraordinária influéncia demográfica, que permitiu non só producir un crecemento do número de habitantes descoñecido nas últimas décadas (do incremento de 4’7 millóns de habitantes verificado entre 1996-2005, 3’6 millóns corresponden á afluéncia de migrantes), senón frenar o progresivo envellecemento poboacional (Oficina Económica del Presidente, 2006: 18; Sassen, 1999: 148 s.).
4. Conclusións
Todo o apuntado permite fundamentar algunhas afirmacións conclusivas. A primeira é que non cabe senón deducir do argumentado que a teleoloxia básica á que obxectivamente se endereza a actual política migratória, incluída a sua vertente sancionadora, non é a de poñer fin aos fluxos migratórios irregulares, a mera exclusión dxs aliens ou inimigxs, senón a xestión desa mobilidade humana, preordenada a garantir, xunto a fins políticos, un réxime fáctico de entrada e permanéncia que sexa aproveitabel en termos produtivos. Non se trata, xa que logo, do bloqueo da mobilidade, senón do seu manexo (Cuttitta, 2008a: 59 s.; Balibar, 2001: 108). Unha lóxica de xestión, en consecuéncia, que está orientada a facilitar o emprego masivo de traballo vivo migrante en condicións de suma flexibilidade e explotación, de acordo coas necesidades dun sistema produtivo crecentemente postfordista (Calavita, 2003: 400 ss.; Palidda, 2009: 9 ss.)18.
En consecuéncia, non pode concluír-se que a racionalidade que anima o réxime de control e castigo dxs migrantes responda á lóxica excluínte dx inimigx, senón a unha orientación que se cadra poderia adxetivar-se de neo-disciplinária, sempre que se entenda que non se trata dun plantexamento corrector ou rehabilitador dx migrante individual, senón unha racionalidad biopolítica que se proxecta sobre o conxunto do grupo social. Neste sentido, a expulsión excluínte opera como unha ameaza potencial permanentemente actualizabel, apta para garantir a inserción laboral en condicións de hiperflexibilidade (Calavita, 2003: 407 s.; Cuttitta, 2007: 147), de xeito que se reserva para xs migrantes a máxima expresión do réxime de workfare, na medida en que se van afirmando no mercado de traballo estratificacións que operan en clave étnica19. En consecuéncia, a expulsión non opera como un instrumento de (mera) exclusión, senón de inclusión diferencial e subordinada (Mezzadra/Neilson, 2008; Corrado, 2004: 155).
Finalmente, todo iso facilita a resposta a un interrogante suxerido con anterioridade: no actual réxime de goberno da vida dxs migrantes se plasma menos a eséxese -tendencialmente estática, trascendente e represiva- do poder de Agamben que a racionalidade inmanente, positiva, produtiva, aberta á interacción social, do biopoder foucaultiano20.
5. Bibliografia citada
-
AA.VV. (2007), Madrid ¿La suma de todos?. Globalización, territorio, desigualdad, Madrid, Traficantes de Sueños.
-
Acosta,M.A. (2008), “La situación en el caso de los migrantes privados de su libertad”, en OSPDH(coord.), Privación de libertad y derechos humanos, Barcelona, Icaria.
-
Agamben,G. (1998), Homo Sacer, Valencia, Pre-Textos.
-
Andrijasevic,R. (2006a), “How to Balance Rights and Responsabilities on Asylum at the EU’s Southern Border of Italy and Libya” (<www.statewatch.org/news/2006/may/andrijasevic-Libya-Lampedusa.pdf>).
-
Anitua,G.I. (2006), “La inmigración y los discursos de la seguridad”, en Bergalli,R.(coord.), Flujos migratorios y su (des)control. Puntos de vista pluridisciplinarios, Barcelona, Anthropos.
-
Asociación pro Derechos Humanos de Andalucía (2007), Derechos humanos en la frontera sur 2006 (http://www.apdha.org/media/fronterasur2006.pdf).
-
Balibar,E. (2001), Nous, citoyens d’Europe?, Paris, La Découverte.
-
Bauman,Z. (2007), Liquid Times, Cambridge, Polity.
-
Bazzaco,E. (2008), “Sobre a actual política migratoria europea” (<http://proxectoderriba.org/index.php?view=article&catid=35%3AArtigos&id=114%3ASobre+a+actual+Pol%C3%ADtica+Migratoria+Europea&option=com_content&Itemid=59>).
-
Bonditti,P. (2005), «Biométrie et maîtrise des flux: vers une geotechnopolis du vivant-en-mobilité?», en Cultures & Conflits, nº 58.
-
Calavita,K. (2003), “A ‘reserve army of delinquents’. The criminalization and economic punishment of immigrants in Spain”, en Punishment & Society, nº 5/4.
-
Cancio Meliá,M. (2005), “La expulsión de ciudadanos extranjeros sin residencia legal (art. 89 CP)”, en AA.VV., Homenaje al Profesor Dr. Gonzalo Rodríguez Mourullo, Pamplona, Thomson-Civitas.
-
Colectivo Ioé (2008), Inmigrantes, nuevos ciudadanos. ¿Hacia una España plural e intercultural?, Madrid, Funcas.
-
Corrado,A. (2004), “Tra autovalorizzazione e sfruttamento. Migrazioni e processi di informalizzazione in Mali”, en Mezzadra,S.(ed.), I confini della libertà, Roma, DeriveApprodi.
-
Cuttitta,P. (2007), Segnali di confine, Milano, Mimesis.
-
Cuttitta,P.(2008a), “The Case of the Italian Southern Sea Borders: ¿Cooperation across the Mediterranean?”, en Documentos CIDOB, nº17.
-
Cuttitta,P. (2008b), “Los acuerdos de ‘cooperación’ y el nuevo régimen fronterizo euroafricano”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Daunis Rodríguez,A. (2008), “La gestación de la xenofobia: mitos y (pre)juicios de la inmigración”, en Sanz Mulas,N. (coord.), Dos décadas de reformas penales, Granada, Comares.
-
Dietrich,H. (2008), “El Mediterráneo como nuevo espacio de disuasión”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Fernández Bessa,C. (2008a), “Introducción. Los límites del control”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Fernández Bessa,C. (2008b), “El Estado español como punta de lanza del control y exclusión de la migración en Europa”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Gil Araújo,S. (2005), “Muros alrededor de ‘el Muro’. Prácticas y discursos en torno a la inmigración en el proceso de construcción de la política migratoria comunitaria”, en Martín Palomo,M.T./ Miranda López,M.J./Vega Solís,C.(eds.), Delitos y fronteras, Madrid, Complutense.
-
De Giorgi,A. (2000), Zero Tolleranza, Roma, DeriveApprodi.
-
Goodey, J. (2003), “Migration, crime and victimhood. Responses to sex trafficiking in the EU”, en Punishment & Society, nº 5/4.
-
Dal Lago,A. (2004), Non-persone. L’esclusione dei migranti in una società globale, Milano, Feltrinelli.
-
Melossi,D. (2003), “‘In a peaceful life’. Migration and the crime of modernity in Europe/Italy”, en Punishment & Society, nº 5/4.
-
Mezzadra,S. (2005), Derecho de fuga. Migraciones, ciudadanía y globalización, Madrid, Traficantes de Sueños.
-
Mezzadra,S. (2006), “Confines, migraciones y ciudadanía”, en AA.VV., Fadaiat. Libertad de movimiento+Libertad de conocimiento, Málaga.
-
Mezzadra,S./Neilson,B. (2008), “Border as Method, or, the Multiplication of Labor”, (<http://eipcp.net/transversal/0608/mezzadraneilson/en>).
-
Monclús Masó,M. (2008), La gestión penal de la inmigración, Buenos Aires, Del Puerto.
-
Navarro Cardoso,F. (2006), “Expulsión ‘penal’ de extranjeros: una simbiosis de Derecho penal ‘simbólico’ y Derecho penal del ‘enemigo’”, en Revista de Derecho Penal y Criminología, nº 17.
-
Noborder Network (2004), “Border Regimes & the autonomy of migration”, en Greenpepper Magazine, nº 2.
-
Oficina económica del Presidente (2006), Inmigración y economía española: 1996-2006 (<http://www.la-moncloa.es/NR/rdonlyres/62B6B50E-AE7B-455A-85A5-600EF4EA9281/80515/InmigracionYEconomiaEspaniola12Nov.pdf>).
-
Palidda,S. (2008), Mobilità umane, Milano, Raffaelo Cortina.
-
Palidda,S. (2009), “Introduzione”, en Palidda,S. (ed.), Razzismo democratico. La persecuzione degli stranieri in Europa, Milano, Agenzia X.
-
Pérez Cepeda,A.I. (2006), “El Código Penal de la seguridad: una involución en la Política criminal de signo reaccionario”, en Bernuz Benéitez,M.J./Pérez Cepeda,A.I.(coords.), La tensión entre libertad y seguridad. Una aproximación sociojurídica, Logroño, Univ. La Rioja.
-
Portilla Contreras,G. (2007), El Derecho Penal entre el cosmopolitismo universalista y el relativismo posmodernista, Valencia, Tirant lo Blanch.
-
Preston,P./Perez,M. (2006), “The criminalization of aliens: regulating foreigners”, en Critical Criminology, nº 14.
-
Pretel,O. (2006), “Las fronteras intrametropolitanas”, en AA.VV., Fronteras interiores y exteriores, Madrid, Revista Contrapoder.
-
Pullens,R. (2006), “Gestión de las migraciones: exportando el modelo de la IOM en el nombre de la seguridad de la UE”, en AA.VV., Fadaiat. Libertad de movimiento+Libertad de conocimiento, Málaga.
-
Rahola,F. (2003), Zone definitivamente temporanee, Verona, Ombre corte.
-
Resta,F. (2006), “Enemigos y criminales. Las lógicas del control”, en Cancio Meliá,M./Gómez-Jara Díez,C.(coords.), Derecho penal del enemigo, vol. 2, Madrid/Montevideo, Edisofer/BdeF.
-
Rigo,E. (2007), Europa di confine, Roma, Meltemi.
-
Rodríguez,E. (2003), El gobierno imposible, Madrid, Traficantes de Sueños.
-
Romero,E. (2008), “El Plan África, la política migratoria española de “nueva generación” y la guerra contra los pobres”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Saint-Saëns,I. (2004), «Des camps en Europe aux camps de l’Europe», en Multitudes, nº 19.
-
Sassen,S. (1999), Guests and Aliens, New York, The New Press.
-
Sassen,S. (2007), Una sociología de la globalización, Buenos Aires, Katz.
-
Sayad,A. (1999), La double absence, Paris, Seuil.
-
Seifer,K. (2008), “El blindaje de la UE frente a refugiados y demandantes de asilo”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Servicio de Estudios de Caixa Catalunya (2006), Informe semestral I/2006. Economía española y contexto internacional (www.caixacat.es/caixacat/es/ccpublic/particulars/publica/pdf/iee0706e0.pdf).
-
Silveira Gorski,H. (2000), “La vida en común en sociedades multiculturales. Aportaciones para un debate”, en Silveira Gorski,H.(ed.), Identidades comunitarias y Democracia, Madrid, Trotta.
-
Silveira Gorski,H. (2008), “El asilo y el declive del Estado de derecho en la frontera sur”, en AA.VV., Frontera Sur. Nuevas políticas de gestión y externalización del control de la inmigración en Europa, Barcelona, Virus.
-
Slama,S. (2008), “Politique d’immigration: un laboratoire de la frénésie sécuritaire», en Mucchielli,L. (dir.), La frénésie sécuritaire, Paris, La Découverte.
-
Sossi,F. (2007), «Une tragédie en trois actes», en Vacarme, nº 39.
-
Toret,J./Sguiglia,N. (2006), “Cartografiando el exceso. Frontera y trabajo en los caminos del movimiento”, en AA.VV., Fadaiat. Libertad de movimiento+Libertad de conocimiento, Málaga.
-
Triandafyllidou,A./Maroukis,T. (2008), “The Case of the Greek Islands: The Challenge of Migration at the EU’s Southeastern Sea Borders”, en Documentos CIDOB, nº 17.
-
Tsoukala,A. (2002), “Le traitement médiatique de la criminalité étrangère en Europe”, en Déviance et Société, nº 1.
-
Valluy,J. (2009), “La metamorfosi dell’asilo in Europa. Dalle origini del “falso rifugiato” al suo internamento”, en Palidda,S. (ed.), Razzismo democratico. La persecuzione degli stranieri in Europa, Milano, Agenzia X.
-
Young,J. (2007), The Vertigo of Late Modernity, London, Sage.
1 Vid. Calavita, 2003: 400; Mezzadra, 2005: 148; Mezzadra/Neilson, 2008; Romero, 2008: 167; Saint-Saëns, 2004: 62 s., 66; Sassen, 1999: XVI s.
2 Vid. Balibar, 2001: 316; Bauman, 2007: 48 s.; Calavita, 2003: 402; Fernández Bessa, 2008b: 158; Dal Lago, 2004: 46 s.; Palidda, 2008: 2, 110; 2009: 7; Sayad, 1999: 412; Silveira Gorski, 2000: 15.
3Non cabe perder de vista que o obxectivo do denominado terceiro pilar da construcción europea é nada menos que a conformación dun espazo de libertade, seguridade e xustiza.
4 Sobre a axéncia Frontex e o seu funcionamento, vid. Bazzaco, 2008; Fernández Bessa, 2008b: 147 ss.; Seifer, 2008: 112 ss.
5 Sobre todo iso, vid. Andrijasevic, 2006: 8 s., 15 ss.; Cuttitta, 2007: 50 ss., 83 ss., 127 ss.; Dietrich, 2008, 36 ss., 60 ss.; Fernández Bessa, 2008a: 8; 2008b: 141 ss.; Pullens, 2006: 96 ss.; Rigo, 2007: 41 ss., 107 ss., 159 ss.; Saint-Saëns, 2004: 62 ss.; Valluy, 2009: 51 ss. Un precedente relevante da xestión externalizada de fronteiras dá-se no caso de Austrália, que emprega Naurú e Papua Nova Guiné como territórios de administración off-shore dos seus próprios fluxos migratórios (Cuttitta, 2007: 126 s.). Unha dinámica en certa medida semellante manifésta-se no caso da fronteira entre EE.UU e México (Bauman, 2007: 52).
8 Vid. Bazzaco, 2008; Cuttitta, 2008b: 93 ss.; Fernández Bessa, 2008a: 9; Romero, 2008: 159 ss.; Triandafyllidou/Maroukis, 2008: 63.
9 Vid. Anitua, 2006: 140, 145, 147; Balibar, 2001: 193, 310; Goodey, 2003: 417; Melossi, 2003: 382; Palidda, 2008: 110, 118 s.; Silveira Gorski, 2000: 15; Tsoukala, 2002: 76.
10 Vid. Cancio Meliá, 2005: 186 ss., 211 ss.; Pérez Cepeda, 2006: 232 ss.; Navarro Cardoso, 2006: 161 s., 165, 178; Portilla Contreras, 2007: 149; Resta, 2006: 768, 778 s.
12 Vid. Pérez Cepeda, 2006: 237; Portilla Contreras, 2007: 104 s.; Rahola, 2003: 16 ss., 98, 106, 110; Resta, 2006: 769, 778 s.
13 A pesar da tradicional opacidade que caracteriza á política española en matéria de deportacións, pode afirmar-se que as expulsións executadas sempre se manteñen en torno ao 25% das acordadas, ainda que o goberno intentou nos últimos anos transmitir a mensaxe do incremento das repatriacións (Bazzaco, 2008; Monclús Masó, 2008: 398 ss.; Silveira Gorski, 2008: 181 s.). As cifras serian ainda inferiores se se considerase o número das persoas detidas en centros: estíma-se que entre 1999-2005 só o 18% dxs internadxs foi efectivamente expulsado (Wagman, en Colectivo Ioé, 2008: 93).
14 Precisamente para evitar problemas de identificación no contexto das expulsións, vários paises, e o próprio sistema comunitário Schengen –mediante o Visa Information System-, están procedendo ao almacenamento masivo de datos de millóns de migrantes e demandantes de asilo (vid. Slama, 2008: 66 s.).
15 A modo de referéncia, cabe sinalar que as expulsións executadas en 2007 costaron ao estado español 33 millones €, sen contar os gastos derivados do internamento (Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, 2007: 14); no caso italiano estíma-se que cada expulsión costa unha média de case 4000 € (Palidda, 2008: 88).
16 Sen a concurréncia dun fenómeno migratório da magnitude do producido, estíma-se que a renda per cápita española teria descendido un 0’6% ao ano durante o periodo 1995-2005 (Servicio de Estudios de Caixa Catalunya, 2006).
17 Estíma-se que o 28% dxs traballadorxs migrantes se atopaba en 2007 integrado na economia sumerxida, cifra que seguramente se incrementou desde entón, como efecto da nova etapa de contracción económica (Colectivo Ioé, 2008: 50).
18 Vid. asimesmo Dietrich, 2008: 51; Fernández Bessa, 2008b: 156; Dal Lago, 2004: 48, 235, 255, 267 ss.; Mezzadra, 2006: 92; Palidda, 2008: 87; Rodríguez, 2003: 76 s.; Romero, 2008: 166 s.; Sassen, 2007: 141, 185; Young, 2007: 30 s., 100.
19 Vid. Calavita, 2003: 400; Colectivo Ioé, 2008: 56 s.; Corrado, 2004: 149, 152 s., 155; Dal Lago, 2004: 130, 267 ss.; Preston/Perez, 2006: 47; Rodríguez, 2003: 77, 118, 122; Sassen, 2007: 141 s.; Toret/Sguiglia, 2006: 108.