Universidade Invisíbel

Vense de constituir na Galiza un novo proxecto de acción rizomática, que engloba múltiples colectividades até o de agora dispersas e incomunicadas. Proxecto Derriba súmase a esta proposta-iniciativa dende a convicción de que é da potencia enunciativa das multitudes de onde ten que emerxer a apertura cara a diferenza. Entendemos a posta en marcha da invisibel como un movemento-dispositivo de enunciación colectiva; facerse cargo dos arranxos.

Reproducímo-lo manifesto fundacional:

Qué é a Universidade Invisibel?
A Universidade Invisíbel é un experimento no eido da produción institucional e cultural. Non tanto unha organización ao uso, a Invisibel defínese en termos de “rede de proliferación”; isto é, unha multiplicidade posta en común na forma dun corpo descentralizado, que coa vontade de contribuír a espallar novas formas de relacións na producción de saberes e novos debates discursivos, coordina distintos proxectos de docencia alternativa, intervención artística e metropolitana, crítica institucional e experimentación epistemolóxica e concetual.

A invisibilidade da que falamos refírese a unha ampla gama de relacións non recoñecidas normativamente, e que non obstante transversalizan a produción do saber/poder. Máis aló do modelo fabril ou industrial, nas últimas décadas a produción de saberes e coñecementos expertos, de estilos de vidas, a creatividade semiótica e simbólica, e a elaboración de relacións afectivas e sociais, estase a convertir no eixo central da produción social. Esta creatividade inmaterial non pode funcionar senón excedendo os límites das institucións, espallándose polo tecido metropolitano e o ciberespazo, e artellándose dun xeito colectivo. A produción asume agora a forma dun intertexto directamente social que non recoñece xa as dicotomías público/privado, transgredindo os confinamentos que diferenciaban un tempo e lugar de traballo e un tempo e lugar de ocio, xa que a creación de relacións, saberes, ideas e afectos prodúcese nun tempo e espazo universal metropolitano, físico e virtual.

A partir destas reflexións a Universidade Invisibel ubícase nun espazo que problematiza a invisibilidade. Así, sitúase non tanto nas propias institucións como nas súas fisuras, no medio das relacións co-constituivas do coñecemento que as distintas prácticas de patente e enclosure invisibilizan. A corporalidade da Invisibel toma posición nos intersticios da Academia, as institucións artísticas, os movementos sociais e as distintas prácticas de intervención e renovación metropolitana. Con esta vontade, unha serie de docentes, investigadores, profesionais e produtores culturais lanzamos o Proxecto Universidade Invisíbel. En definitiva, podería decirse que a Invisíbel é unha “institución monstro”. Nun tempo onde a produción inmaterial vulnera os límites das distintas institucións produtivas, as alternativas á produción de coñecementos críticos han de experimentar con formas “contra-natura” que recombinen os códigos e as funcións dos distintos dispositivos a través dos cais se expresa dun xeito transversal a creatividade social.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies