Autorxs: [montenoso]

G. Quiroga, Fran;

Olmedo, Andrea

e F. Palicio, Alex

Resumo:

A investigación arredor das experiencias dos comúns como alternativas reais nas marxes da xestión capitalista dos bens é un exercicio necesario e urxente. O coñecemento profundo destes saberes e prácticas tradicionais é fundamental neste momento de mudanza social. Malia a súa difusión polo territorio, a xestión comunitaria de numerosos bens fundamentais (os montes veciñais, a auga, os camiños públicos) vén sendo agochada e marxinalizada pola administración, polo sistema educativo, polos medios de comunicación.

Son saberes considerados coma non prácticos, obsoletos e non extrapolables noutros contextos. A súa redescuberta social pode dar chaves para a enunciación de alternativas ao mundo no que nos atopamos. É urxente pois recoñecer e visibilizar as comunidades de persoas que traballan de forma colaborativa na defensa e mantemento dos comúns.

Este artigo é un relato polifónico, colectivo, cos pés na terra, hiperlocal; a través das experiencias en varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do país. Percorremos espazos considerados periféricos pretendendo elaborar unha (re)lectura dos comúns en permanente construción.

 

Palabras clave: Montes Veciñais en Man Común, gobernanza, comunidade, bens, redes, mancomún, Comúns, Procomún, feminismos, hiperlocal, ecoloxías, alternativas, transmisión xeracional, coñecemento, conflitos, caciquismo, patriarcado, enunciación

 

imaxe_mancomun

Ilustración 1: Camiñando polo monte Comunal de Argozón.                                         Autor: Antonio Vázquez

***

A práctica dos comúns e a teoría sobre estes, así como as diferentes iniciativas que se están a desenvolver no seu marco, supoñen de facto unha alternativa ao sistema no que nos atopamos, onde a mercantilización e a indivualidade marcan os eixos de actuación dos seres humanos. Di Bollier (2003: 12) que “o que os comúns nos permiten é a posibilidade de reintegrar o económico e o moral, o individual e o colectivo, nun marco novo e máis humanista”1. Con esta premisa, dende montenoso emprendemos unha viaxe coa intención de achegarnos aos comúns a través dun caso de xestión centenaria que se estende pola totalidade do país: os Montes Veciñais en Man Común. (MVMC)

Existen máis de 2.8002 montes veciñais en Galicia cuxos titulares son as comunidades de veciñxs que residen de forma habitual nestes territorios, que abranguen unha extensión de máis de 600.000 hectáreas (máis do 22% da superficie de Galicia). Ao redordeles existe unha fonte de coñecemento inmensa transmitida a través de xeracións, e dá conta de amplas e diversas formas de entender, facer e manter os comúns. Ser quen de identificar e coñecer os puntos chave na súa xestión, das diferentes prácticas que os envolven, suporá un importante paso epistemolóxico á hora de poder artellar esa transmodernidade á que se refire Enrique Dussel (1999). O que se procura, daquela, é “axenciar outros modos de produción semiótica de maneira que posibiliten a construción dunha sociedade que simplemente consiga manterse en pé” (Guattari, 2005: 35).

(Fran Quiroga) Nalgunha ocasión me teñen dito que teño obsesión cos montes veciñais. Tras o pequeno momento de shock ao escoitar iso, penso que non se trata tanto do monte en si, pois podería ser a auga, ou peixes, ou outro ben; o importante radica en que hai microcomunidades que son capaces de xestionar un ben e que son quen de facelo sen necesidade de ceder esta responsabilidade a estruturas partidistas; é dicir, hai espazo para que nós, as persoas, sexamos co-responsables co que ocorre ao noso redor. (Andrea Olmedo) Se dicimos nunha entrevista a un medio de comunicación galego (3) que “a nosa investigación arredor dos MVMC é interesada” é porque cremos que pode ser interesante noutros eidos alén do monte.

 

Relatos dispersos

Facemos un zoom no hiperlocal, esencial para entender cada comunidade na súa singularidade. O punto de vista é situado e tamén subxectivo, seguindo a Donna Haraway (1998), nunha renuncia ao dualismo suxeitx-coñecedorx-activx/obxecto-coñecidx-pasivx como coordenadas da explicación epistemolóxica. Xeografías do mancomún desenvólvese a través dunha serie de roteiros por comunidades de montes veciñais do país que comezan no verán do 2013. Esta investigación non pretende converterse nunha teoría amparada por unha mostraxe representativa dos MVMC, mais é un achegamento que nos permite trazar unha serie de fíos condutores entre algunhas delas. As comunidades visitadas ata hoxe son Argozón (Chantada), Ombre (Pontedeume), Vilamateo -Torres (Vilarmaior), Guillade (Ponteareas), Mántaras (Irixoa) e Mouriscados (Mondariz). Temos observado que no lugar concreto existen unhas micropolíticas que en moitas ocasións nos deixan entender outros fenómenos máis globais.

O que procuramos coa investigación é coñecer diferentes formas de facer os comúns, de ver como se xestionan, como están presentes os conflitos, como a administración condiciona esta realidade, como se dá a participación das mulleres á hora da toma das decisións…. Observar en definitiva as diversas problemáticas que están presentes nesta forma de xestionar un ben material e, ao mesmo tempo, inmaterial. Procuramos, a través da conversa, do paseo ou de entrevistas, “dar voz, por riba da voz dx especialistx, axs protagonistas, que recrean un relato lexítimo e lexitimador das accións comportamentais dos pobos” (Vila, W. & Villa, E., 2012: 4).

O que propoñemos é estar cos pés na terra, acceder a esa realidade interpretada e vivida por esas persoas, que nos ensinan como se están a comportar eses comúns diversos, dispersos, heteroxéneos, amplos, plurais e descentralizados. “Tomar en serio os lugares de enunciación dos actores sociais, localizados en contextos concretos de actuación e desenvolvemento comunitario. Todo isto facilita a construción dunha axencia outra […], onde a produción, circulación e distribución do coñecemento se presentan en relación á contorna das persoas, pasando a interrogar e afirmar a experiencia cultural” (Vila, W. & Villa, E., 2012).

 

Olladas situadas

Centrámonos no conflito. A relación problemática coa administración pública é unha cuestión recorrente nestas comunidades, xa que na maioría dos casos hai unha queixa xeral sobre a falta e implicación por parte da administración, sobre todo a autonómica, na colaboración coas comunidades de montes. Nesta liña, José Antonio Diéguez, presidente da Comunidade de Argozón, dinos que “é a propia administración a que máis atrancos pon e a que en moitas ocasións se aliña cos intereses da industria, como pode ser no caso das eólicas”.

O propio proceso de constitución dun monte supón unha vez máis un claro exemplo de buro-represión encuberta, xa que para moitas persoas toda a papelame legal e a burocracia que implica é difícil de asumir. No caso da Comunidade do MVMC de Mouriscados, a maioría dos proxectos que iniciaron no campo da apicultura, o bosque comestible (castiñeiros microrizados, froitos do bosque) e a gandería comunal (porcos celtas, cabalos e vacas cachenas), quedaron a medias tras o cambio de goberno na xunta do 2007 e van sobrevivindo aos poucos. As subvencións rarean e xa non hai xente para rozar o monte. O Concello tampouco axuda e mesmo pon dificultades. (Alex F. Palicio) “Teñen medo de que se unha comunidade de montes funciona e produce beneficios que repercutan en inversións na parroquia, estas non precisen apenas dos “favores” da administración municipal”.

O MVMC de Torres-Vilamateo obtén a titularidade comunal no 2007, ata daquela en mans do concello. Esta institución vaise converter no principal atranco na xestión deste ben común. Jesús Vázquez (presidente desta comunidade de montes) afirma “non todos xs veciñxs participan, estamos a menos do 50%. Neste aspecto, a culpa tívoa o municipio. Había xente que pensaba que ao ser comuneirx se estaba a enfrontar co alcalde actual. Moitxs veciñxs pensan que están mellor fóra da comunidade.” Tampouco Xosé Manuel Vidal, secretario da Comunidade do MVMC de Guillade, ten unha visión positiva acerca dos niveis de participación. “Habitualmente participan nas asembleas un terzo dxs comuneirxs, pero xs que verdadeiramente participan na súa xestión son un sexto. Todo queda en mans da Xunta Directiva. A xente estase afastando do monte”. Os tempos onde o monte era imprescindible para sobrevivir pasaron e moitxs comuneirxs non lle dan valor aos beneficios que se poidan obter.

Á hora da toma de decisións entre comuneirxs, existe un grande déficit para saber escoitar e traballar entre veciñxs. En moitos casos faise a través de maiorías; o consenso dialogado segue sendo unha materia pendente en moitas comunidades. O presidencialismo faise notar. Tamén os protagonismos marcan parte da toma de decisións. Xa veña motivado pola existencia de carácteres máis influentes, ou pola falta de participación do resto da comunidade, en moitas ocasións a xunta rectora asume un control máis unilateral. Seguindo con isto, nótase unha maior participación dxs veciñxs cando hai un problema concreto e próximo que resolver, pero é moito mais difícil acadar unha participación ampla á hora de pensar as bases dunha estratexia común. Existe tamén un desleixo no día a día por parte de moitxs comuneirxs.

Segundo Joan Subirats, “o punto chave é a capacidade dos bens comúns de reforzar as interdependencias, as vantaxes de compartir, de sentirse implicadx […]. Canta máis articulación e reforzamento das interdependencias, canta máis conciencia das vantaxes de compartir, menos fortes serán as tendencias a segregar, a externalizar custos” (2013: 26). Sobre esta cuestión é preciso comentar que na maioría das ocasións, as comunidades de montes teñen que externalizar moitos dos traballos ao non haber poboación que poida facelo. Na maioría dos casos atopámonos con comunidades avellentadas que non poden facer unha boa parte destes traballos físicos. Sobre isto comenta José Manuel Bretón, comuneiro que foi presidente da comunidade de Mántaras, en Irixoa, que ao principio da constitución da comunidade de montes, chegaran a un acordo coa administración para facer obras no monte: esta ía prover materiais, e elxs porían a man de obra. A cuestión, segundo indicaba el, é que isto durou un tempo, mais actualmente non é posible manter esa carga de traballo, xa que non hai moitxs comuneirxs que poidan facelo. Actualmente teñen contratado a un veciño cunha xornada de catro horas para realizar os traballos que a comunidade considera axeitados para o mantemento deste monte veciñal.

Moitas das visións no tocante ao futuro da autoxestión dos MVMC por parte das comunidades son profundamente pesimistas. “O único que vai quedar é unha economía mercantilista onde unhas empresas van xestionar o monte”, afirma Xosé Manuel Vidal, da Comunidade de MVMC de Guillade. Camilo Fernández, vogal na mesma comunidade, alértanos de que “a comunidade das persoas e dos traballos ao redor do monte están a desaparecer por mor do avellentamento da poboación” (http://www.youtube.com/watch?v=JHBou8ksdpon). Moitxs dxs comuneirxs e da xente nova marcha a Vigo, e deste xeito a maioría dos servizos téñense que externalizar, realizándoos unhas poucas empresas especializadas. O mesmo nos conta Santiago González, secretario da Comunidade MVMC de Mouriscados, que é na práctica o único comuneiro que traballa no monte pola semana, xa que a maior parte dxs novxs viven na cidade e so acoden na fin de semana (http://www.youtube.com/watch?v=mapg65E2ZgE).

Malia o carácter pesimista dos seus relatos, derivados da realidade demográfica do país, o posicionamento fronte á comunidade é moi activo e na práctica están a desenvolver unha profunda loita en prol do mantemento da autoxestión dos seus montes. Nesta liña, Pili Poutón, da Comunidade de Argozón, vén de apostar por unha explotación gandeira, consciente de que no rural e na comunidade de montes hai presente e tamén futuro.

Nunha das conversas realizadas na comunidade de Argozón, Alba Montenegro, unha moza estudante de enfermería, cóntanos como ve o futuro do monte. Na súa visión afirma que non hai moito futuro nel, que a xente se está a marchar das aldeas (http://montenoso.net/wp-content/uploads/2013/09/AAlba.m4a). No tocante a esta cuestión cómpre que nos preguntemos sobre o sistema de valores que temos e que transmitimos ás seguintes xeracións, mais tamén de como o facemos. Nesta comunidade, a visión que teñen os maiores da participación da xente nova na xestión é moi negativa malia que participan en actividades da vila reivindicando o seu val e a súa parroquia. Neste senso a escoita mutua non se dá e a idea de transmitir un saber sen impoñelo como único e inmutable está lonxe.

Sobre a posibilidade da chegada de vindeirxs, novxs veciñxs á comunidade veciñal,4 quen ostenta a titularidade da comunidade de montes, Jorge Carballo da CM de Argozón, coméntanos que “en todo momento é positivo xa que aumentaría a masa de comuneirxs e novos enfoques e ideas para a comunidade”. Outro tanto comentan Camilo Fernández e Antonio Argibay sobre a boa acollida que tivo a incorporación á comunidade de montes de Guillade dun/ha veciñx novx. O monte é visto coma un espazo de presente e futuro para moitas persoas e a posibilidade de xestión colectiva dun ben é certamente atraente para migradxs, retornadxs e neo-rurais nestas parroquias.

De acordo á lexislación, poden ser comuneirxs aquelas persoas que residan habitualmente con “casa aberta”. A cuestión é que entendemos por “casa aberta”, a interpretación que cada comunidade fai é moi diversa. E nesta cuestión é onde se pode ver a capacidade que ten cada comunidade veciñal de establecer normas e ser capaz de determinar a inclusión ou exclusión de comuneirxs. No caso da CM de Argozón, son dous anos; no caso da de Ombre, a norma son seis meses; e no caso de Mántaras, a comunidade reúnese para valorar a idoniedade en cada caso particular. A lexislación estatal, pola contra, fixa como vivenda habitual a que se habita máis de 183 días ao ano.

Os comúns son construcións socializadoras, non soamente entes históricos: son procesos construídos por comunidades de persoas. Sobre esta cuestión, José Antonio Diéguez, de Argozón, manifesta claramente que “non hai monte veciñal sen base social” e que é preciso fomentar a participación veciñal na xestión dos comúns. En Guillade, o tesoureiro da Comunidade de montes, Antonio Argibay, fala do concepto de comunal como “garante da natureza”, baseado nos principios da “igualdade radical, onde predomina o ben común e o traballo en comunidade como convivencia” e sobre a importancia que para a parroquia e para a “tribo” teñen estes terreos (http://www.youtube.com/watch?v=EZC5NFSWojU). Se Argibay ve a comunidade como unha tribo, cando lles preguntamos a veciñxs de Argozón que palabra lle suxire o que chaman “Monte Común”, entre as respostas atopáronse algunhas como “familia”, “comunidade”, “amigos”, “ben”.

Para xs comuneirxs está moi presente a idea de que o monte é do común dxs veciñxs, que é unha herdanza que ha de ser trasmitida ás xeracións vindeiras. O imaxinario que envolve aos comúns nestes territorios vén de vello. Xa existe un camiño avanzado á hora de poder introducir outras formas de facer comúns, como poden ser cuestións relacionadas coa cultura ou o software libre, xa que estas comunidades teñen interiorizada a idea do común e do comunal. Nunha das reunións feitas en Argozón, ao mencionar o proxecto Open Source Ecology5, este foi rapidamente comprendido pola comunidade de veciñxs. Xa teñen comprobado de seu que a colaboración permite crear bens que de outra maneira non se poderían acadar.

A propósito da participación das mulleres e o seu poder de facto na xestión dos bens comunais, Verónica Groba danos unha chave interesante. Ela foi vogal do Monte Veciñal de Guillade e mesmo se presentou candidata á presidencia nas últimas eleccións. Tras estar un ano de vogal preferiu deixarlle a titularidade ao seu marido, xa que estaba a afectarlle nas súas relacións veciñais. Con “vellos máis rancios” que, disque, abondan na asemblea, levábao ben. Teimas da súa xeración. Pero con mozos da súa quinta, que a menosprezaban, non podía. Así, tras varias discusións acendidas decidiu que era mellor ceder a praza na casa. Con todo, o seu exemplo serviu, e as viúvas de moitxs comuneirxs, que ían ás asembleas pero non votaban, comezaron a cambiar a titularidade para si e, deste xeito, poder votar (http://www.youtube.com/watch?v=cjlq43rSb6A).

Neste senso, Antonio Argibay incide en que a propia institución do monte veciñal tamén ten que evolucionar. É necesario ampliar o dereito a ser comuneirx e a votar na asemblea. Actualmente só se permite un voto por “casa aberta e con fume” na parroquia. “Isto é un sistema arcaico, unha reminiscencia do vello patriarcado que compre mudar”, xa que en xeral, perpetúa o voto e a opinión do varón cabeza de familia. O dereito a participar nas asembleas como comuneirx debería estar aberto a todxs xs veciñxs da parroquia, entendendo por veciñx aquel que mora habitualmente no territorio (http://www.youtube.com/watch?v=ksiOuhj5fPc). Na recente votación que aconteceu en Cabral (Vigo) sobre a posible apertura de negociacións para a venda encuberta (denominada expropiación pactada) de terreos para a construción dun grande centro comercial no monte veciñal, moitos dxs veciñxs máis novxs reclamaban nas asembleas previas o voto para todxs os veciñxs da parroquia, non só a comuneirxs, xa que entendían que a votación non era representativa. Moitxs non tiñan a mesma opinión que xs maiores da casa.

Un aspecto recorrente nestas visitas é o illamento e a falta de conexión entre as propias comunidades de montes, incluso coas máis próximas xeograficamente. Moitas comunidades atópanse enfrontadas coas comunidades limítrofes, en xeral por problemas de lindes ou por vellas disputas que xa ninguén lembra, o que dificulta a súa cooperación e a xestión na busca de solucións comúns. Así, a Comunidade de Guillade está colaborando coa de Mouriscados na elaboración dun roteiro arqueolóxico por ambas as dúas parroquias. Coas catro parroquias restantes, Uma, en Salvaterra e Celeiro, Cumiar e Oliveira en Ponteareas, non hai comunicación e mesmo foron aos tribunais por mor dos lindes. Isto impide unha política forestal conxunta para o control real dos lumes. De feito, a mala planificación nunha comunidade limítrofe pon en risco ás demais. Noutra orde de conexión, Guillade ou Argozón están moi presentes na rede, polo que a visibilidade de problemáticas e de éxitos na resolución de conflitos é moito maior, o cal pode ser de grande axuda a comunidades que estean a tratar cuestións similares.

A conexión, a comunicación e a aposta polo apoio mutuo son fundamentais nun momento de duro ataque por parte da administración pública e de certos sectores industriais. A autoorganización pasa por poñer foco no micro e nas súas regras simples, dende o cal se han poder alimentar sistemas máis complexos. Se nun foco hiperlocal se dese a interacción entre veciñxs, o feedback e o control indirecto, o recoñecemento de patróns comúns sería doadamente entendible tamén nun ámbito de intercomunidade. O comportamento complexo dun colectivo ou colectivos baséase na interacción, o contacto cotián e a comunicación dinámica entre os seus membros. Caracterízase, como sinala Steven Johnson, por un “seguemento das regras locais e independentes de calquera instrución dun nivel superior” (2004: 19). Dende as investigacións sobre a complexidade coincídese en que as regras simples poden levar ás comunidades a condutas moi complexas e organizadas baseadas na emerxencia. Pensamos que o poder das CMVMC radica na capacidade de presentar batalla a unha rede distribuída como é o capitalismo global, pola capacidade de converterse, como indica Johnson, nunha rede tamén distribuída.

 

Espazos de enunciación

“Elinor Ostrom ten afirmado que as investigacións en torno aos ecosistemas organizados a través dos bens comúns amosan de maneira empírica a gran capacidade de resilencia ambiental desas formas de xestión” (Joan Subirats, 2013: 25). Este punto é interesante en tanto podemos albiscar a posibilidade de atopar outras formas que nos reconcilien coa natureza e que rachen coa visión dicotómica que domina a nosa percepción do mundo (dominada pola división entre o público-privado, cultura-natureza, feminino-masculino, natural-artificial…).

A interrelación entre natureza e cultura é moi estreita, nestes territorios non se entende a cultura sen a terra, que ten unha presenza moi forte na cosmovisión das persoas. Iso non quere dicir que esta relación coa natureza ou cos animais sexa idílica, xa que en parte vén motivada pola visión do produtivismo e esa modernidade capitalista que provocou unha alteración da forma de relacionarse co que nos rodea. Dexectora Castro (2012) ten afirmado que “a ensinanza que podemos agora sacar do ecoloxismo é xustamente que a dominación sempre atopa algo que dominar, sempre dá cun elo máis feble na cadea que pode ofrecer menos resistencia que os demais”.

Procurar espazos de enunciación dos coñecementos locais e persoais sobre os comúns e en concreto sobre os montes veciñais en man común é unha tarefa necesaria. Dicía Arturo Escobar que “o coñecemento local é un modo de conciencia baseado no lugar, unha maneira lugar-específica de outorgarlle sentido ao mundo” (2000: 125). É por este motivo que mediante a cartografía de O monte é noso_sachando mancomún pretendemos colaborar na situación destes coñecementos locais e facilitar a creación de narrativas diversas que rachan cos discursos dominantes e homoxeneizantes que obvian ás comunidades. Ao intentar visibilizar esas comunidades, esas redes de apoio, eses afectos mutuos, o que buscamos é abrir os comúns ao debate, ir en contra daquelas tendencias que procuran un novo enclosure dos comúns. Buscando desta maneira eses outros modos de subxectivación (Guattari, 2005: 60).

Dicía Guattari que a “tentativa de control social, a través da produción de subxectividade a escala planetaria, choca con factores e procesos de resistencia considerables” (2005: 60) aos que chamaba revolución molecular. Dalgunha maneira, a través desta incursión nas comunidades de montes veciñais, así como a visibilización dos seus relatos en forma de audios, textos, vídeos nunha instalación realizada nun museo,6 estamos a tentar colaborar na activación dos procesos de empoderamento destas comunidades. A idea é facilitar, ou polo menos servir de alzapremo para que estes grupos manteñan esa liberdade de vivir os seus propios procesos, e manteñan a capacidade de ler a súa propia situación e aquelo que pasa ao redor. “Esa capacidade é a que lles vai dar un mínimo de posibilidade de creación e exactamente vailles permitir preservar ese carácter de autonomía tan importante” (Guattari, 2005: 61).

En definitiva o que procuramos é continuar a transitar estes roteiros, da man das comuneiras e comuneiros dos montes, de cara a ir pensando e co-creando eses outros micro-mundos posibles.

Anexos/Relatos sobre as visitas ás comunidades de montes

A soidade ante a administración

http://montenoso.net/a-soidade-ante-a-administracion/

Guillade: Dende as cinzas…

http://montenoso.net/guillade-dende-as-cinzas/

Comúns situados en Argozón

http://montenoso.net/comunidade-de-montes-do-faro-de-argozon/

Mouriscados, un monte exemplar (en proceso)

http://montenoso.net/mouriscados-un-monte-exemplar-en-proceso/

Ombre: O monte veciñal nas fragas do Eume

http://montenoso.net/ombre-monte-vecinal-nas-fragas-do-eume/

Bibliografía:

BOLLIER, David. (2003): “El redescubrimiento del procomún”, en Novática: Revista de la Asociación de Técnicos de Informática, Nº. 163, (Ejemplar dedicado a: Conocimiento abierto. Open Knowledge), pp. 10-12.

CASTRO, D. (2012, agosto): “É nosa a terra? Polo acontecemento da non-propiedade”, en Derritaxes, 9, pp. 64-82. Tirado o 30 de outubro de 2013 de <http://proxectoderriba.org/e-nosa-a-terra-polo-acontecemento-da-non-propiedade/#sthash.fJ36PGXk.dpuf>

DUSSEL, E. (1999): Posmodernidad y transmodernidad: diálogos con la filosofía de Gianni Vattimo. Universidad Iberoamericana, Plantel Golfo Centro.

ESCOBAR, A. (2000): “El lugar de la naturaleza y la naturaleza del lugar: ¿globalización o postdesarrollo?”, en E. Lander (comp.) La colonialidad del saber: eurocentrismo y ciencias sociales. Perspectivas latinoamericanas . Buenos Aires. CLACSO. Pp. 113-143.

GUATTARI, F., ROLNIK S. (2005): Micropolítica. Cartografías del deseo. Madrid. Traficantes de Sueños.

HARAWAY, D. (1988, outono): “Situated Knowledges: The Science Question in Feminism and the Privilege of Partial Perspective”, en Feminist Studies, Vol. 14, No. 3. ), pp. 575-599. Tirado o 20 de outubro de <http://www.staff.amu.edu.pl/~ewa/Haraway,%20Situated%20Knowledges.pdf>

JOHNSON, S. (2004): Sistemas emergentes. O qué tienen en común hormigas, neuronas, ciudades y software. Madrid. Fondo de Cultura Económica. Turner.

SUBIRATS, J. (2013): “Bienes comunes y contemporaneidad. Releyendo a Polanyi”, en Ecología Política. Cuadernos de debate internacional, 45, Vilanova i la Geltrú, pp 22-29.

VILLA, W. & VILLA, E. (2012, abr/jun.): “Identidad, narrativas y conocimiento situado en la comprensión local para la reafirmación cultural”, Fragmentos de Cultura, Goiânia, v. 22, n. 2, p. 141-152. Tirado o 20 de outubro de 2013 de

<http://seer.ucg.br/index.php/fragmentos/article/viewFile/2304/1407>

1 Todas as citas de libros e revistas foron traducidas polxs autorxs deste texto, agardamos ter recollido o mellor posible os significados dxs autorxs.

2 Dato recollido na web institucional da Consellería do Medio Rural e do Mar http://mediorural.xunta.es/areas/forestal/ordenacion/man_comun/ tirado o 16 de outubro de 2013.

4 Di o artigo 4 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 1371989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que terán a condición de veciños comuneiros “aquelas persoas titulares de unidades económicas que residan habitualmente con << casa aberta >> dentro da área xeográfica sobre a que se asente o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte, conforme ás situacións consuetudinarias que viñan existindo entre os seus compoñentes, ou aqueloutras persoas que acaden a citada condición no sucesivo e que veñan exercendo, segundo os usos e costumes da comunidade, algunha actividade relacionada co monte”.

5 De acordo coa wiki de Open Source Ecology este proxecto “está desenvolvendo e probando o Kit de Construción da Aldea Global, un conxunto de ferramentas para construír comunidades robustas reproducibles, de fonte aberta, modernas e autosuficientes. Combinando ciclos permaculturais e tecnolóxicos de fonte aberta, procuramos cubrir as necesidades humanas básicas mentres coidamos e respectamos a terra, usando os recursos de xeito sostible, e buscando o bo vivir. Grazas ao don da información compartida abertamente podemos fabricar localmente produtos industriais utilizando deseños de fonte aberta e fabricación dixital” (http://opensourceecology.org/wiki/Open_Source_Ecology/es).

6 A exposición Xeografías do mancomún está no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo ata marzo de 2014 no marco de Os Veraneantes.