NÚMERO 6.

Decembro 2010

Mesmo agora, e máis que nunca, máis desesperadamente que nunca soño cunha escritura que non sería nin filosofía nin literatura, nin sequera contaminada pola unha ou a outra, ao tempo que garda, non teño ningún desexo de renunciar a iso, a memoria da literatura e da filosofía.

J. Derrida: Cette étrange institution qu´on appelle la littérature

Literatura e filosofía. Dous campos de traballo, dúas institucións. A separación conxuntivo-copulativa establece xa unha fronteira inasible entre ambas as dúas, un límite permeable e poroso que, máis alá de illar as partes que separa, as une e contamina. A des-unión que se produce entre a filosofía e a literatura emana do vínculo esencial que comparten, a saber, a súa falta de esencia. Ambas as dúas definen e circunscriben as súas respectivas institucións dende o fóra dos seus propios conceptos, dende o traballo incesante e necesariamente infinito de crearse a si mesmas a partir daquilo que, por definición, xa non pode pertencer a ningún “si mesmas”; dende aquilo que xa non se encerra nun “corpo propio”. Nesa fronteira impropia, pois, sitúanse numerosos traballos do pensamento contemporáneo que non fan senón esvaecer os seus lindes ao tempo que reforzan —aínda que xa non por separado— os seus conceptos. Lóxica paradoxal que remite a unha autoinmunidade case canceríxena: canto máis se alimenta a súa idea máis se desnutre o seu concepto.

Traballar nesta temática hoxe en día constitúe antes un deber que unha urxencia pois —a pesar da xuventude da que aínda goza a súa novidade— é xa un clásico que se imprime irremediablemente nos debates de filosofía e de literatura. A unha chama á outra a través da conxunción copulativa que supón un recurso á totalidade. O devandito recurso é o elemento á vez inherente a cada unha delas e que —no seu mesmo xesto expropiador— supéraas englobándoas.

¿Cal é, entón, a pertinencia da devandita fronteira?, ou, o que sería case o mesmo, ¿en que radica a súa imposibilidade? Un dos puntos comúns onde a segunda metade do século XX atopou un camiño para a resposta é o concepto de escritura como punto de intersección: escritura filosófica e escritura literaria. A grafía do escritor, o seu auto-grafo, a súa bio-grafía, a súa foto-grafía, é dicir, aquilo que segue quedando absolutamente enigmático no concepto de “autobiografía” marcará non simplemente a liberdade de poder dicilo todo senón ademais a responsabilidade de dar resposta ou de calar unha resposta.

Nesta vía aberta, absolutamente aberta e por sempre aberta —a pesar da súa historia inevitable— queda todo por facer dende a literatura e dende a filosofía. Ou, quizais, dende aquilo que, con elas, sitúase máis alá delas.


 

Derritaxes

desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á

procura das pegadas, lembranzas e retornos

daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así

mesmo, polos amigxs inesquecíbeis.

Derritaxes, á fin, edítase na memoria de

Paco Vidarte.

DOCUMENTOS

A propósito de Bernhard. Formas filosóficas da tolemia – Thomas Hauser

Non se descobre nada novo se se sinala que a procura de sentido, da comprensión dun mesmo e o do mundo que nos rodea foi, e segue sendo, unha das tarefas fundamentais da filosofía. Entender, atopar o sentido ou donalo. Estar no quicio, centrarse, proxectar unha existencia e intentar dirixila cara ao que se considera relevante. Xeralmente, os seres humanos esforzámonos en coherentizar e darlle significación ao entramado de vivencias, percepcións, pensamentos e sentimentos, que, sucesivamente, vannos ocorrendo. Modelamos unha identidade e intentamos, nos sucesivos relatos cos que a artellamos, recoñecernos nela. A intención é, normalmente, buscar a unidade, atopar un núcleo duradeiro que se manteña firme no marasmo imparable de ocorrencias que, non sempre de modo racional, articulan as nosas existencias. Facer un “eu”, ser o “eu” que son. Identificámonos –polo menos o intentamos- con nós mesmos; construímos e conformamos un “eu” que se concreta nunha, coidamos, definida personalidade, que, ademais, debe responder á peticións e esixencias do medio social que habitamos, esixencias que asimilamos e acomodamos, que facemos, en definitiva, tamén parte de nós. Deste xeito inserímonos nunha identidade que se adecúa a un medio social.

“Ser atrapado e ser aforcado”: Autores do golpe, a pena de morte – Thomas Dutoit
O meu título carrexa un erro que é culpa miña. En lugar de “ser atrapado e ser aforcado” debería entregar “Atrapar e aforcar” porque é unha cita, pero unha cita dunha gravación e non dun texto. A cita “Atrapar e aforcar” vén da gravación da primeira sesión do seminario sobre a pena de morte que Jacques Derrida imparte entre 1999 e 2001. Cando lle había que dar a Cristina de Peretti un título para o coloquio lembrei unha frase que Jacques Derrida pronuncia durante a sesión, frase que non ten escrita. Sen embargo a miña memoria estaba cansa, mais o lapsus xa di todo o que será o meu propósito hoxe. Velaquí a parte da gravación en cuestión na columna da dereita e o texto do curso na columna da esquerda:

Deconstrución de O Rei Lear de Shakespeare: Acto I – Drocha Hauser
Segundo un xesto habitual en Derrida que consiste en ler cun libro en cada man, sempre nas marxes da literatura e a filosofía, gustaríame hoxe abordar a deconstrución da soberanía dende o inclinado ángulo do tolo soberano. Dende certa escritura soberana que, tratando quizais de restituír unha monarquía metafísica, abre na súa escritura aquilo mesmo que pretende pechar. Detéñome entón nunha lectura non lineal e necesariamente incompleta do que probablemente é o tolo soberano máis importante da literatura occidental: O Rei Lear de W. Shakespeare.

A alteridade na Ciencia ficción II: Aldiss, Egan, Robinson – Sören Hauser
O contexto no que nos situamos é o da contemporaneidade científico-filosófica, é dicir, aquel contexto no que o despregamento das categorías científicas no que atinxe á tentativa de facer máis comprensíbel a realidade segue a vivir un gran momento en canto a aceptación e confianza se refire. Quizais por isto a Ciencia ficción parte desta confianza para de seguido problematizala. Nalgún dos textos que imos ver a ciencia emigra a outro planeta nun proceso de expansión que procura facer reducíbel ese planeta a outra Terra, cunhas características cando menos semellantes. Tal é o caso de Marte vermello, de Kim Stanley Robinson.

RECENSIÓNS

TESTO YONQUI dous anos despois Beatriz Hauser

 

CONVERSA

Chus Pato: “O tempo da rima pasou cando morreu Deus”Proxecto Derriba

CONTEXTOS

Proxección e tradución: Sexo e oriente – Ana Hauser

DERIVAS

Microrrelatos – Carlos Rafael

 

 

ILUSTRACIÓNS

Sao Hauser

http://santatorpeza.wordpress.com/

http://copygrafias.wordpress.com/