Thomas Hauser
Nivel de superficie da análise. Apertura de liñas de debate. E despois gardar silencio.
Ensinar: ofrecer certeza e seguridade OU dúbida e tensión.
Hipótese 1. O coñecemento é contido. A aprendizaxe outorga un modelo de representación do mundo que afasta dos prexuízos, dos estereotipos, da confusión e do erro. Ao saber un sábese e sabe que o que sabe se corresponde co real. Ideal socrático, platónico, ilustrado. A educación emancipa, ao extraer da ignorancia dáse criterio de decisión. O saber permite a regularidade, a previsión e o dominio. A educación remite á transmisión do saber, para dominar, posuír. A ciencia é segura, fiable. Unha ferramenta útil. Un instrumento de poder. O que sabe, pode. Obxectividade, universalidade. Estabilidade. A ciencia é un ollo novo, o que realmente ve, co que observar e interiorizar o que un mesmo é e o que as cousas son.
Conclusión: débese ensinar para obter coñecementos que aporten certeza, seguridade.
Hipótese 2. O coñecemento é proceso. A aprendizaxe é o resultado dun modo de estar no mundo, dunha necesidade de completar a inmaturidade biolóxica humana. Culturizar. Construír un saber como estratexia de comprensión e interpretación. Creación ligada á destrución por outra creación. Ao saber un sabe que o que sabe é ilusión, ficción. Erro. Perspectiva nietzscheana, foucaultiana. Un xogo de saberes onde uns prevalecen e outros ceden. Xogo de metáforas dominante que se impón a outros.
Conclusión: débese ensinar para inquirir, para fomentar a pregunta que xera dúbida, tensión.
Inquiramos. É en verdade o que se considera coñecemento, coñecemento? Non se trata dunha ilusión, unha ficción, unha máscara regrada, materializada -nas diversas materias- que ten unha finalidade de instrumentalizar, interesadamente, aos que adquiran ese saber cara uns obxectivos de eficacia produtiva e rendibilidade financeira? Non é ese corpo de saber –doutrina-, do que se lles dota, que se lles impón, unha estratexia de poder e coacción, dirección e manipulación?
Sospeitemos. Dende hipótese 2. A Verdade está ligada irremediablemente aos sistemas e efectos de poder. E a Verdade é un instrumento de disciplinamento. O sistema educativo. A educación, a aprendizaxe regulada, curriculizada, itinerarios, cursos, materias. Non só ensinando contidos, datos –que se din- obxectivos, senón valores -para conformar criterios de decisión-, actitudes -para afianzar tendencias de conduta-, comportamentos –para estereotipar baixo regra respostas a situacións-. Educación e disciplina, esforzo, traballo, dirixido a. Útil, eficacia, rendemento, pragmatismo. Saberes que contan. Dos que obter cartos, produtividade, beneficio. Para iso competir, ser o mellor é gañar diñeiro e facer gañar diñeiro. O rendemento implica disciplina, organizar cientificamente non só os saberes, tamén as accións. Non facer nada que non estea dirixido á consecución do obxectivo: o eficaz. Ensinar a ser unha peza, un humano máquina dirixido pola máquina. Temporalidade dos cartos.
O sistema educativo vinculado a mecanismos de poder, de control, de disciplina. Incorporado a un sistema económico, o capitalista -mercantilista, fetichista, castrador-. A función principal da educación é neutralizar a potencia creativa dos xoves. Someter a posibilidade de pensar o mundo doutro xeito, pode que subversivo, para asimilar e integrar, para producir, consumir e ser consumido. Perpetuando un mundo, unha orde determinada de cousas.
Que é un profesor? Foucault: “un profesor, sexan cales sexan as súas opinións persoais, en razón do seu estatuto de funcionario, perpetúa o sistema de transmisión do saber que esixe o goberno, é dicir, a clase burguesa cuxos intereses están representados polo goberno”[1]. O profesor é o ideólogo peor, xa que agocha as estratexias de reprodución dun sistema enmascarándose trala fachada de obxectividade e cientificidade neutra do saber que ofrece.
Educar é podrecer.
[1] FOUCAULT, M.: Estrategias de poder, volumen 2. Barcelona, Paidós, 1999, pp. 32. A tradución ao galego feita polo autor.