VOLTA Á INTRODUCIÓN

 

É preciso volver. Xamais poderiamos empezar así unha introdución porque o deber que implica a propia sentenza a convertería xa nunha volta, nunha re-vinda ou reaparición. Non sería xamais, por principio e por estar no principio, un principio. ¿Como empezar entón unha introdución, un texto ou un discurso?, ¿como empezar?, ¿por onde?, ¿pódese empezar?

Derrida volve sempre. El volve sempre aos textos que, na historia filosófica de occidente, sempre están a volver. Os seus propios textos son xa un regresar, un retornar ou un reaparecer, e, neste exercicio de volver, insístese, continúase e repítese aquilo que volve. A través de múltiples voltas e rodeos, este volver que reitera e que insiste produce un envorcar, un voltear, un inverter, un virar e un torcer que traducirá o volver “inicial” nun mudarse, nun transformarse. En definitiva, todo volver será sempre un desprazamento. É preciso volver.

Esta introdución imposible non nos introducirá, pois, en Derrida, non nos fará entrar no seu pensamento esquivando os seus textos, senón que contentará con incitar a entrar neles, a volver unha e outra vez a eles.

Como é sabido e habitual: achar as claves de acceso, descifrar os enigmas fundamentais, mostrar o quid dun escritor en apenas unhas páxinas e sen pasar polos seus textos, máis que de forma angular e máis ou menos descontextualizada a través do dereito de cita, é o desexo de calquera aspirante a erudito, así como a necesidade do estudante asfixiado e, sen ningunha dúbida, o obxectivo fundamental dunha introdución. Mostrar dende o fóra do saber un todo completo, con ou sen ausencias que sempre serían parte dese mesmo todo, e mostralo a través de un proceder sistemático segundo o cal ese pensamento se explique a si mesmo pero dende a boca doutro, do especialista, dende ese fóra que supón a comunicación e a transmisión de saber sen restos. O proceso debe derivar mostrando a súa propia lóxica interna e a fidelidade a si mesma, é dicir, o rigor intelectual. E este proceso debe ser explicado expoñendo o fundamental como primeiro na orde do pensamento, aínda que ese pensamento do primeiro, esa verdade, nos chegue como dedución ou conclusión ao final do propio proceso. En calquera caso, o primeiro estaría a posibilitar o desenvolvemento da súa propia busca e sostería a análise facéndoo retroceder necesariamente ata si mesmo. É dicir, unha introdución debe expoñer cales son os fundamentos primeiros do pensamento que pretende comunicar cales son os alicerces, a base, o fondo, o profundo, o zócolo, o soporte inamovible que, despois de mostrar a súa verdade a través dun proceso que sempre a supuxo, nos permita construír arquitectonicamente o resto do edificio de verdades derivadas e non fundamentalmente diferentes da verdade primeira ou fundamento. Se un pensamento non establece as bases do que toma como real, é dicir, se non dá razón de si mesmo, se non está fundamentado, non estariamos xa a falar, probablemente, de filosofía.

O pensamento de Jacques Derrida non empeza polo principio, non pode empezar polo principio, porque postula que non pode existir un punto de partida, un principio primeiro que poidamos xustificar de forma absoluta. Na orixe, para Derrida, hai a copia, o signo, o suplemento, a repetición, o secundario. Sempre se chega demasiado tarde, todo comezaría xa, e a continxencia necesaria dun principio anúnciase dende un “ven, ven”, dende unha chamada, dende a esixencia dunha volta.

O carácter de apertura dun comezo semellante, un comezo que non é primeiro nin retrocederá ata o comezo do comezo, sinala xa a imposibilidade de pechar en sistema un pensamento que non viría a suplantar nin a emendar os erros dos seus grandes predecesores históricos, senón que se sitúa neles, con eles; e dende eles, polo tanto dende unha posición secundaria, marxinal, escribirá un dos pensamentos máis orixinais e significativos do século XX. Polo tanto, este carácter de apertura non o poderemos (en)cerrar aquí nestas poucas páxinas pero tampouco podería dar conta del unha enciclopedia enteira.

Comezamos, pois, unha introdución imposible1, necesariamente infiel, pero que, a pesar de que o seu comezo sexa xa desviado e impuro, supón a condición de (im)posibilidad daquilo que, por outra parte, non fixo máis que comezar, que comezaría xa: a introdución mesma.

pdf completo

1 Texto 1