Xa na rúa!A civilización enferma
galiza, verao de 2009
Vén de saír do prelo “A Civilización enferma”, o novo monográfico do Ren de Ren. Este segundo traballo do colectivo libertario galego xunta un bo feixe de colaboracións, todas elas orixinais, coas que submete a unha rigorosa e implacábel observación o proceso de industrialización da vida ao tempo que reivindica a necesidade actual de renunciarmos ás ilusións domésticas que ofrece a civilización capitalista en pos da saúde, da plena liberdade e do ben común.
Para comezar, Miguel Amorós ofrécenos a súa diagnose e tratamento para esta sociedade doente de capitalismo. De seguido, adentrámonos nese labirinto social da mao de varixs membros da asociación viguesa Forzas Eskizoá; e nunha liña semellante, na cerna da diferencia, o anti-pedagogoPedro García Olivo, Derradeira cidade e Fátima Bermejo, percorren o desolador panorama que esta nova civilización ofrece aos individuos indefensos.
Unha entrevista con Alejandro Argumedo, agrónomo quechua, da paso ás contribucións de Felix Rodrigo Mora e a xente de Matosende que toman o pulso á relación que mantemos cun contorno natural devastado pola industrialización do agro.
A continuación, Alberto Domínguez aborda as implicacións entre a mediciña, a industria e o autoritarismo; Benito Alonso dá conta dos cadáveres da fría estatística; Marcos Abalde lémbra-nos o pulso do real trala pantalla; Minux pon a mira na trindade perversa do traballo, a produción e consumo; e Manolo Rei, na limpeza patolóxica. Emma Dourado, fai un completo resumo da problemática sanitaria existente e un chamado á rebeldía contra esta civilización enferma.
O monográfico péchase con novas contribucións de Rebeca Baceiredo (Estamos enfermos ou simplemente non estamos?), Antipanfleto (Comunicar-se no barulho urbano), Eliseo Fernández (A enfermidade do medo) e o poeta Paulo Hortak (Antivirus).
A parte gráfica conta con excelentes achegas de Ana Cibeira, Calavera (desde Valencia), Idoia de Luxán, Kardo Kosta (desde a Suíza), Miguel Brieva (desde Madrid), Minux e Paula Cabildo, ademais do brillante labor de maquetación e as colaxes de Adriana.
As colaboracións foron tan numerosas que aínda haberemos de agardar pola publicación íntegra do traballo monográfico no sitio web de Ren de Ren (http://renderen.blogspot.com) para coñecer as contribucións de Rafa Becerra, David Bruzos, Teresa Rodríguez, Otto Mas e o Grupo de Axitación Social (GAS).
Ren de Ren colectivo mantén firmes as bases orixinais do seu proxecto: a independencia económica e ideolóxica de calquera institución, organización ou asociación, o funcionamento autoxestionado, autónomo e asembleario; autofinanciamento, ausencia de publicidade e de contraprestacións económicas tanto para os colaboradores como para o colectivo editor; rigorosidade nos contidos, belixerancia anticapitalista e plantexamento libertario. Nada máis (e nada menos).
Colectivo editorial Ren de Ren | colectivo.renderen(a)gmail.com | Galiza
Se nas próximas semanas non atopas o teu exemplar nos lugares habituais ponte en contacto con:
Corsarias distri // Telefone: 635 04 05 49 // corsariaseditora(a)hotmail.com