Edoardo Bazzaco1

De todos os que se asociaron á palabra “desenvolvemento”, o epíteto que actualmente máis “fieis” semella ter nas ciencias sociais e naturais é o que fai referencia ao suposto paradigma da sostibilidade. O paradigma da sostibilidade preséntase como unha discontinuidade importante respecto ao discurso economicista tan profundamente ligado ao mito do desenvolvemento dende o seu nacemento. Pero, é real, efectiva, conceptualmente xustificábel esta discontinuidade?

Xa durante a década dos ’70 se produciron achegas e interpretacións alternativas do paradigma desenvolvista da modernización. Característica importante das devanditas visións alternativas do desenvolvemento foi a súa procedencia dos países non desenvolvidos, aos que a teoría das etapas do crecemento de W. W. Rostow atribuía un papel pasivo de simple emulación do mesmo camiño cara ao crecemento, que xa se demostrara eficaz no caso dos países desenvolvidos. O Sur do Mundo manifestou posuír a capacidade activa de brindar interpretacións orixinais da realidade socio-económica, aínda que, como no caso da teoría da dependencia2, a devandita elaboración teórica non estivera acompañada por medidas concretas en grao de remodelar a realidade. De todos os xeitos, este dinamismo intelectual deixou o paso na década dos ’80 a unha nova fase da reflexión e prácticas do desenvolvemento, identificábel a través do concepto introducido polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional de axuste estrutural. A pesar de que nos anos ’80 esta expresión asumiu unha centralidade importante na produción científica, o concepto de desenvolvemento non desapareceu fagocitado pola nova ideoloxía dominante: a súa recuperación comezou a principios dos anos ’80, e implicou unha profunda reinterpretación da categoría que supuxo a integración na dimensión económica de elementos e consideracións procedentes da análise medio-ambiental. Comezaron a emerxer nos documentos oficiais das organizacións internacionais e nos traballos de recoñecidos analistas serias alarmas que anunciaban a insostibilidade do desenvolvemento a nivel planetario, seguindo a senda marcada polos países desenvolvidos. No 1972 publicouse un estudo promovido por un grupo de expertos en tema medio-ambiental do Massachusset Institute of Technology e empresarios industriais reunidos no Club de Roma baixo a dirección do estadounidense Dennis Meadows, intitulado Os límites do crecemento. A tese central do estudo é que a contaminación e o rápido esgotamento dos recursos enerxéticos fan inminente o desastre ambiental, que gobernos e organizacións internacionais debido a un exceso de “optimismo tecnológico” rexeitan tomar en consideración.

Segundo o Club de Roma, a soa posibilidade para salvarse do desastre ambiental estaría nun cambio radical de camiño: sería polo tanto preciso reducir drasticamente o incremento de poboación e os investimentos industriais e agrícolas, transferindo paralelamente recursos aos países “menos desenvolvimos”. A pesar das críticas metodolóxicas e conceptuais que –con razón– foron levadas ao modelo descrito en Os limites do crecemento3, por primeira vez dende a invención trumaniana da categoría de desenvolvemento faise referencia nun estudo de carácter científico de grande difusión á existencia de límites concretos ao modelo ortodoxo de desenvolvemento, límites que cuestionan profundamente o carácter indefinido do crecemento económico. Poucos anos máis tarde, a crítica do mito do crecemento ilimitado estenderase de xeito máis analítico para indagar as contradicións internas do modelo do crecemento. No 1976, o economista Fred Hirsh sostivo na súa obra Social Limits to Growth que os límites ao crecemento non son soamente físicos, senón tamén sociais: unha expansión indiscriminada dos consumos e dos servizos ofrecidos no modelo social de sociedade dos consumos e do welfare state non pode ser sostida indefinidamente, non soamente porque os recursos a disposición non sexan suficientes, senón porque moitos bens –tanto naturais coma sociais– ofrecen beneficios decrecentes ao crecer o número de persoas que se aproveitan deles. De tal xeito, Hirsh destaca como o problema do crecemento non se refire soamente á dimensión cuantitativa da produción: o que el critica pon en discusión a composición e distribución da devandita produción, é dicir a mesma estrutura da sociedade industrial dos consumos.

En 1983 a Asemblea Xeral de Nacións Unidas nomeou unha Comisión Mundial sobre o Medio e o Desenvolvemento baixo a presidencia de Gro Harlem Brundtland, Primeira Ministra e ex ministra do Medio de Noruega; a comisión, composta por políticos de diferentes países e por especialistas directamente implicados nas temáticas medio-ambientais, produciu en 1987 o informe intitulado O Noso Futuro Común. Este informe reflexionaba sobre as esixencias da tarefa de considerar a interacción entre medio e desenvolvemento que a comisión asumiu como dimensión central do seu traballo. Nas primeiras páxinas do informe pódese ler: “[…] as cuestións básicas sobre o medio e a economía xa non poden ser tratadas separadamente […]. As políticas económicas que asumiron unha biosfera ilimitada e autorrexeneradora deben agora cambiar e recoñecer serios límites ecolóxicos” (Comisión Brundtland (1988): 9).

En particular, o traballo da comisión Brundtland poñía en evidencia como as accións humanas tiñan unha influencia directa sobre o equilibrio medio-ambiental, destacando como diferentes organizacións sociais tiñan formas diferentes de actuar sobre o medio. Serían as formas de actividades humanas características do modo de produción industrial as que máis prexudicarían o medio, determinando o fenómeno que o informe define como deterioración ambiental. Por outro lado, no informe recoñécese o dereito das poboacións dos países pobres a alcanzar condicións de vida decentes, o que implica apresurar o desenvolvemento dos devanditos países. Para conciliar esta contradición a Comisión introduciu unha nova versión do concepto de desenvolvemento, un desenvolvemento sostíbel, é dicir capaz de satisfacer as necesidades das xeracións actuais sen comprometer as capacidades das futuras xeracións para satisfacer as súas necesidades. Ademais, segundo a definición elaborada pola Comisión:

O concepto de desenvolvemento sostíbel implica límites –non límites absolutos, senón limitacións que impoñen aos recursos do medio o estado actual da tecnoloxía e da organización social e a capacidade da biosfera de absorber os efectos das actividades humanas–, pero somos capaces de mellorar as nosas técnicas e a nosa organización social de maneira que abran o camiño a unha nova era de crecemento económico. A pobreza xeral deixou de ser inevitábel. […] O desenvolvemento sostíbel esixe que se satisfagan as necesidades básicas de todos e que se estenda a todos a oportunidade de satisfacer as súas aspiracións a unha vida mellor.

(Comisión Brundtland (1988): 10)

Esta definición de desenvolvemento ensámblase coa de sociedade sostíbel, é dicir “[…] aquela que pode persistir a través das xeracións, que é capaz de mirar cara ao futuro coa suficiente flexibilidade e sabedoría como para non minar o seu sistema físico ou social de apoio.” (Allende Landa (1995): 269).

Na base da introdución na area científica da idea de desenvolvemento sostíbel atópase entón a vontade por parte da Comisión Brundtland de compoñer a contradición entre “deterioración media-ambiental” e “aceleración do desenvolvemento” nos países “pobres”. Como se dixo anteriormente, no documento afírmase a existencia de límites para o desenvolvemento, límites que as melloras tecnolóxicas e a organización da sociedade permitirían dalgún xeito superar. A Comisión confiaba no progreso científico para que puidese solucionar os problemas ambientais – dende aquela fálase de sostibilidade ambiental: dese xeito o crecemento económico volvería representar o camiño máis directo cara a erradicación da pobreza, condición ao respecto da cal a Comisión declara que deixou de ser inevitábel. Como a maior parte das estratexias de desenvolvemento, o desenvolvemento sostíbel da Comisión Brundtland semella non rexeitar o mesianismo: neste sentido o Informe préstase á crítica conceptual de que a “nova era” que se preanuncia non se diferencie marcadamente da anterior, en canto que se seguiría centrando no mesmo instrumento de satisfacción das necesidades, é dicir o crecemento económico. Ademais, a esixencia do desenvolvemento sostíbel de que se satisfagan as necesidades de todos pon de relevo o importante problema teórico relacionado coa definición das devanditas necesidades. De todos os xeitos, a aproximación das necesidades fundamentais encaixa perfectamente no marco do paradigma teórico economicista: ambos os dous presupoñen que a historia humana está determinada pola loita contra a escaseza, en nome dunhas necesidades que se consideran imposíbeis de satisfacer. Segundo esta perspectiva, só un crecemento da produción pode conducir á felicidade que proporcionaría a súa satisfacción definitiva. O crecemento económico presuposto polo desenvolvemento sostíbel ten uns límites, debidos á necesidade de garantir a futura estabilidade ecolóxica. Dende esta visión obsérvase como un reto ao paradigma económico convencional na interpretación do crecemento seguido polos países desenvolvidos, que non recoñeceu en toda a súa extensión os procesos e límites da biosfera. Ao implicar unha relación moito máis equilibrada e estábel co mundo natural, o paradigma do desenvolvemento sostíbel tratou de xerar unha nova concepción da relación economía-medio que puidese determinar consideracións éticas e morais con respecto a unha participación máis equitativa dos recursos naturais nun mundo con recursos limitados4.

Segundo os sostedores do paradigma da sostibilidade, as hipóteses do crecemento da economía neoclásica dificilmente poden encaixar co concepto de desenvolvemento sostíbel, a non ser que se dean substanciais cambios socioculturais e na ética e valores dos países que funcionan baixo a éxida do mercado e a competitividade, onde o crecemento anual do Produto Interno Bruto se segue tomando como indicador da riqueza nacional e o crecemento material continuo aparece como unha necesidade axiomática. A medida dese crecemento, tal como foi definida polos especialistas da contabilidade nacional, constituíu o indicador máis sintético, en todo caso o máis práctico, do progreso económico ao que foi reducida a ambición de progreso social. A necesidade de reflectir a depreciación do capital ecolóxico na contabilidade nacional con novos sistemas de contabilidade “económica-ecolóxica”, capaces de superar o papel tradicional dos indicadores macroeconómicos que só miden o fluxo de renda, esquecendo o estado do capital natural, aparece como reivindicación dos economistas máis sensíbeis ao discurso dos límites medio-ambientais ao desenvolvemento5. Os argumentos propostos polos teóricos da economía ecolóxica6 –que preceden en moitos anos o traballo da Comisión Brundtland– criticaran radicalmente o desenvolvemento pola súa incapacidade manifesta de cumprir as súas propias promesas de mellora xeneralizada das condicións de vida para toda a humanidade, debido á imposibilidade de xeneralizar ao conxunto do planeta un desenvolvemento de tipo occidental.

En particular, o que os críticos do paradigma teórico da modernización atacaron con máis forza é o carácter ilimitado do crecemento da produción de mercadorías a moi longo prazo, á vez suposto e motor do desenvolvemento. Á fin de demostrar que o desenvolvemento non se pode asimilar ao crecemento indefinido, Christian Comeliau formula algúns problemas fundamentais de definición do concepto de crecemento, en contraposición coa determinación dos compoñentes do desenvolvemento (Comeliau, 2000: 25). A primeira dificultade provén, segundo Comeliau, do feito de que na maioría das teorías económicas se determina de modo relativamente pouco preciso aquilo que debe facerse crecer cando se fala indiscriminadamente de crecemento. Xeralmente o que se considera que debe crecer é a produción de bens e servizos e eventualmente o ingreso que se desprende dela. Pero como é difícil sumar cantidades físicas heteroxéneas, o método para considerar as devanditas cantidades e a necesidade de reducilas a un patrón de medida comparábel condicionan directamente o significado do concepto de crecemento. A pesar de que a comunidade científica recoñeza que o contido do crecemento depende de convencións metodolóxicas e presupostos ideolóxicos, as teorías do crecemento razoan coma se estes problemas non persistisen e coma se non carrexasen consecuencias para a análise teórica do proceso de crecemento económico. Do dito xorde o problema definitorio: cando os teóricos propoñen unha definición do crecemento, refírense non tanto á natureza ou ao contido do que se supón debe crecer, senón máis ben ás “condicións, mecanismos ou ás modalidades que caracterizan o proceso de crecemento”7. Relacionando o crecemento co desenvolvemento, Comeliau remata así o seu razoamento:

[…] esta confusión [definitoria] adquire toda a súa dimensión cando nos preguntamos se non debería analizarse o crecemento pasado (cuxos resultados durante o transcurso deste século son innegabelmente excepcionais) á vez como un éxito e como un fracaso, se nos referimos aos seus obxectivos declarados de enriquecemento e de mellora do benestar material: fracaso parcial, dende logo, pero fracaso considerábel se temos en conta o “mal desenvolvemento” que xerou, é dicir, a formidábel multiplicación das frustracións, as destrucións (chamadas ás veces “creadoras”), e mesmo os empobrecementos netos que ten provocado.

(Comeliau (2000): 27)

 

Desta última afirmación de Comeliau emerxe a convicción que as teorías do crecemento indefinido terían xerado ao longo do século XX un proceso de mal desenvolvemento. Iso implica que poida existir un xeito de desenvolvemento alternativo, fundamentado en estratexias diferentes, que non se limiten ao reducionismo económico dos economistas neoliberais e dos paradigmas teóricos do discurso do desenvolvemento.

A reflexión de Comeliau permítenos introducir a cuestión teórica central deste artigo: pódese considerar o desenvolvemento sostíbel tal e como o propón a Comisión Brundtland unha estratexia alternativa ao mal desenvolvemento, é dicir, como un modelo teórico de desenvolvemento bo? Os autores críticos co concepto de sostibilidade responden negativamente a esta pregunta8. Entre todas, a argumentación de Gilbert Rist é significativa polo seu contido e claridade:

Redefinir as relacións entre medio e “desenvolvemento” co fin de propoñer “un programa global de cambio”, ese era o mandado confiado á Comisión Brundtland. Para levalo a cabo correctamente, precisábase, de entrada, intentar comprender as relacións dos homes e as sociedades co seu medio interrogándose pola reciprocidade dos intercambios que manteñen; había que poñer en cuestión despois os modelos simplistas que a ideoloxía dominante propón como base única de interpretación dos fenómenos económicos; […] por último, resituar a idea do crecemento dentro dunha perspectiva cultural (co fin de recoñecer a súa especificidade occidental) e dunha perspectiva histórica […]. Ao non ter en conta estes tres puntos fundamentais, o Informe Brundtland non podía máis que tomar nota dos desequilibrios que ameazan a supervivencia da humanidade, pero sen poder imaxinar verdadeiros remedios.

(Rist (2002): 217)

Os autores críticos co concepto de desenvolvemento sostíbel atacan principalmente a afirmación segundo a cal o novo desenvolvemento seguiría centrándose no mesmo instrumento de satisfacción das necesidades do “mal desenvolvemento” de Comeliau, é dicir o crecemento económico. Aínda que nas intencións da Comisión se entendese por crecemento algo diferente respecto á súa concepción económica neoclásica, moitos autores criticaron o Informe por permanecer silencioso sobre o xeito de conseguir dito “algo”: o que se viu que fai falta é unha formulación estratéxica e metodolóxica do que a Comisión pretende que se faga en nome da “sostibilidade do crecemento” –expresión representativa da dificultade de recompoñer unha profunda contradición conceptual– e de como se pretenda conseguila, limitándose a expresar o desexo de que a nova “era” onde a pobreza deixará de ser unha condición “inevitable” da existencia humana se converta en posíbel.

As contradicións internas ao discurso da Comisión pódense atribuír en primeiro lugar a unha falta de claridade conceptual en relación ao concepto de sustainability9, cuxa definición non consegue formular de xeito exhaustivo. O problema xorde da asunción acrítica por parte da Comisión da interpretación das modalidades do crecemento económico propia do discurso oficial do desenvolvemento. O que caracteriza o crecemento económico segundo o paradigma do desenvolvemento é de feito a posibilidade de aumentar a produción utilizando reservas cuxo ritmo de extracción non depende do tempo preciso para rexenerarse, senón do estado da tecnoloxía: pénsese por exemplo nos hidrocarburos, cuxa rapidez de extracción depende unicamente da decisión dos que os utilizan. Moi distinta é a situación dunha economía ligada á explotación do vivente (plantas, animais, incluíndo o medio que lles permite sobrevivir) que non pode aumentar as cantidades producidas sen ter en conta o ritmo das renovacións biolóxicas e que tampouco pode acumulalas con visión a longo prazo, en canto os stocks de produtos agrícolas son difíciles de conservar. Ao non lograr esclarecer esta contradición conceptual de fondo, a idea de sostibilidade se presta a interpretacións diverxentes: unha interpretación optativa da definición dos límites do crecemento –segundo a cal a definición de ditos límites dependería dunha decisión consciente de actores económicos e non dunha efectiva esixencia ambiental– acaba por xustificar as reivindicacións por parte dos países industrializados dun crecemento económico case ilimitado, baseado na explotación das reservas de materias primas, facendo depender de consideracións económicas o risco de poñer en perigo a biosfera.

Por outro lado, segundo a formulación da Comisión os países do Sur do Mundo áchanse na posición de non poder garantir a súa autonomía alimentaria cando o crecemento demográfico supera a capacidade de reprodución dos recursos viventes, atopándose, ao intentaren “desenvolverse imitando aos países industrializados”, coa falta das tecnoloxías precisas que permitirían desprazar máis lonxe os condicionantes ao crecemento; o que implicaría o reproducirse da “dependencia tecnolóxica” Norte-Sur. Rist resume en poucas liñas a principal argumentación dos autores críticos do desenvolvemento sostíbel así como o presentado no Informe Brundtland:

Non se remata nunca de poñer de manifesto as contradicións deste informe; a principal delas é que a política de crecemento económico preconizada para reducir a pobreza e manter a estabilidade do ecosistema non difire apenas da que –historicamente– non fixo senón afondar a diferenza entre ricos e pobres e poñer en perigo o medio a causa dos diferentes ritmos de crecemento determinados pola utilización de recursos integrados unhas veces por fluxos e outras por reservas.

(Rist (2002): 215)

 

O concepto de desenvolvemento sostíbel segue caracterizandose pola súa ambigüidade: en efecto a devandita expresión préstase a interpretacións distintas, se non en aberto contraste entre elas. Se dende un punto de vista ecoloxista, a sostibilidade fai referencia á previsión dun volume de produción que sexa soportábel polo ecosistema e que por iso poida ser considerado aceptábel nunha perspectiva de longo prazo, moi distinta é a interpretación economicista que considera a expresión desenvolvemento sostíbel (neste caso resultaría talvez máis correcto o cualificativo duradeiro) como un convite a facer durar o desenvolvemento, entendido como crecemento económico indefinido. A confusión terminolóxica arredor do concepto fai as dúas interpretacións lexítimas e contraditorias, dado que a un mesmo significante se poden atribuír significados abertamente antinómicos. Neste sentido, Wolfang Sachs considera a introdución do desenvolvemento sostíbel como unha operación de camuflaxe conceptual, que inauguraría a época do “ambientalismo como fase superior da política de desenvolvemento” (Sachs, 1992: 13).

 

(Trad. Sören Hauser)

 

Bibliografía.

ALLENDE LANDA, J.: “Desarrollo sostenible. De lo global a lo local, Ciudad y Territorio”, en: Estudios Territoriales, III (104), 1995, pp. 267-281.

BEDOYA GARLAND, E. & MARTÍNEZ MÁRQUEZ, S.: “De la economía política a la ecología política: Balance global del ecomarxismo y la critica al desarrollo”, en: VIOLA A. (coord.): Antropología del desarrollo. Madrid, Ed. Paidos Iberica, 2000.

COMELIAU, Ch.: “El postulado del crecimiento indefinido” (2000), en <http://unesdoc.unesco.org/images/0012/001218/121856s.pdf#121843>.

DE MARCHI, B., PELLIZZONI, L., UNGARO, D.: Il Rischio Ambientale. Bologna, Edizioni Il Mulino, 2001.

EKINS, P.: The Living Economy. Londres / New York, Routledge & Kegan Paul, 1986.

LATUCHE, S.: El Planeta de los Náufragos. Ensayo sobre el posdesarrollo. Madrid, Acento Editorial, 1993.

GOLDSMITH, E.: “La economía global frente a la economía local”, en: AA.VV.: El libro del Foro Alternativo. Madrid, Talasa Ediciones, 1995.

ESCOBAR, A.: “El lugar de la naturaleza y la naturaleza del lugar”, en: VIOLA, A. (coord.): Antropología del desarrollo. Madrid, Ed. Paidos Iberica, 2000.

ESTEVA, G.: “Development”, en: SACHS, W. (ed.): The Development Dictionary: A Guide to Knowledge as Power. Londres, Zed Books, 1992.

GEORGESCU-ROEGEN, N.: The Entropy Law and the Economic Process. Harvard, Harvard University Press, 1972.

PEARCE, D. et al.: Blueprint for a Green Economy. Londres, Earths can, 1989.

PIETARSE, J.N.: “Dilemas of developmanet discourse: the crisis of developmentalism and comparative method”, en: Development and Change (22), 1991, pp. 5-29.

RIST, G.: El desarrollo: historia de una creencia occidental. Madrid, Los libros de la Catarata, 2002.

UNEP/Banco Mundial: Expert Meeting on Enviroumental Accounting and the System of National Accounts. Paris, World Bank, 1988.

SACHS, W. (ed.): The Development Dictionary: A Guide To Knowledge As Power. Londres, Zed Books, 1992.

SLATER, D.: “Theories of development and the politics of the postmodern”, en: Development and Change (22), 1991, pp. 283-319.

STAUDT, K.: Managing Development: State, Society and International Contexts. Newburry Park, Sage, 1991.

VIOLA, A. (coord.): Antropología del desarrollo. Madrid, Ed. Paidos Iberica, 2000.

WATTS, M.: “A new deal in emotions. Theory and practice and the crisis of development”, en: CRUSH, J. (comp.): Power of Development. Londres, Ed. Routledge, 1995.

 

1 Edoardo Bazzaco é sociólogo, Europan PhD pola Universidade de Barcelona, e membro do Grupo Consolidado de Investigación Medamérica da mesma Universidade. Actualmente é investigador convidado do Centro de Investigación y Estudios Superiores en Antropología Social (CIESAS) de Ciudad de México.

2 O obxectivo primario dos autores da corrente teórica que se definirá como escola da dependencia foi o estudo dos fenómenos históricos internos aos países latinoamericanos coa intención de explicar a súa relación co sistema capitalista internacional, tratando de entender de xeito global as implicacións das devanditas relacións internas ao sistema económico internacional sobre a estrutura social dos países subdesenvolvidos de América Latina. O postulado compartido por todos os autores da escola foi a asunción da existencia dunha situación de dependencia dos países “periféricos” respecto ao “capitalismo central”. A familia teórica da dependencia non se pode considerar dalgún xeito como un corpo teórico homoxéneo e unitario; máis ben foi atravesada por diferentes correntes, “escolas” e autores que analizaron a “dependencia” entre “centro” e “periferia” segundo marcos interpretativos distintos, propoñendo á vez diferentes solucións ao modelo “dependente” en función das respectivas referencias teórico-políticas. Nesta familia teórica figuran entre outros autores do talle de Fernando Henrique Cardoso, André Gunder Frank, Theotônio Dos Santos, Fernando Carmona, Alonso Aguilar e José Luis Ceceña Gámez.

3 O estudo atacouse por ser “simplista” e “catastrofista”, por considerar poucos aspectos dunha realidade máis ben moi complexa, por agochar o coñecemento escaso que tiña sobre moitos dos patróns e das relacións entre patróns e por subestimar o papel da innovación tecnolóxica e o posíbel impacto positivo dos cambios de políticas e valores do corpo social. Véxase ao respecto: DE MARCHI, B., PELLIZZONI, L., & UNGARO, D.: Il Rischio Ambientale. Bologna, Edizioni Il Mulino, 2001.

4 O feito de que o 26% da poboación mundial consumira no 1987 o 80-86% dos recursos renovábeis e o 35-50% das existencias alimenticias (segundo os datos proporcionados polo Informe Brundtland) formula certamente profundas consideracións éticas.

5 Como obras representativas da aproximación teórica que se definiu como green economy, véxanse os traballos de: EKINS, P.: The Living Economy. Londres y New York, Routledge & Kegan Paul, 1986; UNEP/Banco Mundial: Expert Meeting on Enviroumental Accounting and the System of National Accounts. Paris, World Bank, 1988; PEARCE, D. et al.: Blueprint for a Green Economy. Londres, Earths can, 1989.

6 Nicholas Georgescu-Roegen foi sen dúbida o teórico máis representativo da economía ecolóxica. O devandito enfoque das ciencias económicas, chamado tamén formulación limitacionista, suxire a imposibilidade do crecemento exponencial da economía e a necesidade de limitar –aínda que forzosamente– a substitución dos recursos naturais polo capital. Segundo este enfoque teórico, o proceso económico recibe recursos naturais valiosos e despide desperdicios; o produto verdadeiro do proceso económico non sería un fluxo material de desperdicios, senón un fluxo inmaterial representado polo desfrute da vida. A teoría limitacionista advirte que a economía é un sistema parcial, que se acha circunscrito por un límite a través do cal se intercambia materia e enerxía co resto do universo material. Este proceso nin produce nin consume materia-enerxía, só os absorbe e expele de forma continua: o proceso económico recibiría entón recursos naturais valiosos e despide desperdicios sen valor. A obra máis famosa de Georgescu-Roegen é: The Entropy Law and the Economic Process. Harvard, Harvard University Press, 1972.

7 Comeliau propón a título de exemplo a definición dada por Simon Kuznets, segundo a cal o crecemento económico representaría “[…] un aumento a longo prazo da capacidade de ofrecer unha variedade crecente de bens, capacidade fundada no progreso da tecnoloxía e os axustes institucionais e ideolóxicos que esixe”. En: COMELIAU, C. (2000): páx. 26.

8 Véxase: LATUCHE, S.: El Planeta de los Náufragos. Ensayo sobre el posdesarrollo. Madrid, Acento Editorial, 1993; GOLDSMITH, E.: “La economía global frente a la economía local”, en: AA.VV.: El libro del Foro Alternativo. Madrid, Talasa Ediciones, 1995; ESCOBAR, A.: “El lugar de la naturaleza y la naturaleza del lugar”, en: VIOLA, A. (coord.): Antropología del desarrollo. Madrid, Ed. Paidos Iberica, 2000. E tamén: ESTEVA, G. (1992); SACHS, W. (1992). Unha presentación completa e sintética da crítica marxista ao desenvolvemento (inclusive na súa versión “sostíbel”) atópase en: BEDOYA GARLAND, E. & MARTÍNEZ MÁRQUEZ, S.: “De la economía política a la ecología política: Balance global del ecomarxismo y la critica al desarrollo”, en: VIOLA, A. (2000).

9 A expresión en inglés traduciuse ao castelán, segundo os autores, como “sostenibilidad” ou “durabilidad” (en galego, sostibilidade e durabilidade, respectivamente [N. do T.]).