— UNHA viaxe á meseta dez ou 15 cantigas de ontoloxía práctica (problemas)

ontologique love

(Recensión de DELEUZE, G. E GUATTARI, F. (1988): “Devenir-intenso, devenir-animal, devenir-imperceptible”, en Mil mesetas. Trad. cast. de J. Vázquez e U. Larraceleta. Valencia, Pre-textos, pp. 239-316)

Adela Hauser

Celia Hauser

A filosofía é devir, e non historia; é coexistencia de planos, e non sucesión de sistemas.”

Que terror obsesiona a mente de Van Gogh, prisioneira dun devir xirasol?

Chámanse caoideas ás realidades producidas nuns planos que seccionan o caos.”

Esta última cita abre os planos, entre eles xorde Fernando Pérez… Caoidea. Para a súa memoria en devir canda nós vai esta escritura. Unha nunca devén soa.

* Un devir, un día no que chegamos a unha idea (virtual) que porta moitas outras. E cando iamos durmir espertamos noutro lugar, nus, totalmente cubertxs de forzas celestes, caósmicxs, con diferendos de velocidade, coa intensidade sen a que non se alcanzan as superficies planetáreas. (Planteu(x))…en devires de petrificación brusca ou de aceleración infinita.

* Comunidades, involucións, amoríos, inter-reinos. Panteras, selvas rosas, mapas que re-collen os im-posíbeis. Partículas particulares, moléculas. Asunto de moléculas, molecular. E asunto de percepcións, de patio de veciñxs a ras das selvas… e fracasos do poder, do discurso, do campo-policía. “Precisamos unha aguda percepción, boa vista e bo oído, (…) un “precepto”, é dicir, unha percepción mutante no lugar dun concepto”. Mais segue sendo difícil fuxir do fascista, fuxir da policía cando emprega a viralidade para instaurarse no máis íntimo… Que facer entón cando unha se desborda por dentro? Quizais é o problema de ficar dentro… Sae da casa xa, Celia… Vai recoller á nena… Ou é que non recordas o que sempre te pasa?

* Por iso os recordos… Recordo… que palabra! Mais, sobre todo devires. Devir dun día, dunha gota de chuvia, dun nome calquera, dun esmorecerse conxunto, dun deixarse matar:

D&G pensan na meseta 10 co gallo dos devires á maneira de recordos… un monton de problemas:

problema das institucións molares (recordos dun espectador) , das clasificacións (recordos dun naturalista), das duracións, problema do que é real… características do devir (recordos dun bergsoniano), o gran problema do afora (recordos dun bruxo 1), problema das individuacións – manda e individuación (individuo excepcional) anomal (recordos dun bruxo 2), problema do anomal e as súas relacións coa multiplicidade de manda onde devén excelente – resumen as ideas de anomal e falan de que método e que rizoma (recordos dun bruxo 3), problema das formas accidentais (recordos dun teólogo),

problema da composición, do movemento e o repouso, a velocidade e a lentitude. Problema dos elementos e as partículas (recordos dun spinocista 1), problema das potencias e intensidades (recordos dun spinocista 1), problema de velocidades e potencias (corpos), problema de tempo, problema de uso da linguaxe (recordos dunha hacceidade), problema do transporte, da estratificación, plans (recordos dun planificador), problema dos lanzamentos, emisións, proximidades das partículas, aproximacións e ámbitos, ámbitos molares e moleculares. As tres virtudes. En fin, devir imperceptíbel. Moral e política. Problema dos dualismos. Drogas, plan de droga e usos (recordos dunha molecula), problema da reterritorialización (recordos dun segredo),

problema das minorías. Cara a unha política dos devires. Por que non se devén home? Patrón tipo e micropolíticas activas (recordos e devires, puntos e bloques),

DEVIR MÚSICA DO MUNDO, ritornelos paxaros, paces e saltos que sandan ou ao fin salvados polas cantaruxadas… Mozas… Que el coro…(devir música)

Devense universo. Devires animal, vexetal, molecular, devir cero… Deixarse matar… Nacer outro!

* Un día pasan moitas cousas, xa teñamos a festa en guerra ou teñamos a festa en “paz”: pero paz é o que non temos e, polo tanto…

“…experimenta, mais sé prudente”

“…selecciona entre os experimentos os que contribúan á túa liberación e á dos teus iguais”

“…crea liñas de fuga revolucionarias e trata de conectalas con outras liñas nun plano de consistencia capaz de introducir rupturas no sistema”

utiliza unhas técnicas do eu apropiadas para inventar formas de existencia capaces de resistir ao poder e de eludir ao saber dominante dando lugar á novidade”.

Ir alén das palabras, da teoría, mais tampouco protexerse nunha ignorancia nin nun cinismo academicista… Devir non é facer terapia! A terapia sempre pertence a un eu encadeado e xa estamos un pouco fartas de suxeitos (autoreferentes)…

* Ese arribar dos nomes propios, dos indefinidos, dos infinitivos (“Recordos dunha hecceidade”, p.266 e ss.) –partícula cor día animal banda…– van trazando unha bestial liña de universo (virtual lácteo) por e con outras moitas liñas de universo que, ao se derramar colectivas sobre as micro-memorias-coexistentes da planoesfera dan que pensar. Entón vi(de)vir / pensar era isto: vivir / pensar doutro modo, de calquera modo vivir / pensar, vivir / pensar un día, vivir / pensar o peso dun corpo que nos fai cariños, vivir / pensar canto pesa un corpo e que relacións abre cando chega, vivir / pensar cantas veces pasa unha ao carón dunha vida calquera. Facer do pensar un vivir, arranxar no vivir un pensar… non vivir sen pensar, nin pensar sen vivir… Mais tampouco pensar todo o tempo e a toda costa… A potencia hai que deixala fluír e ten os seus ritmos… Pensar, deixar de pensar, de pesar, de ser pesadx.

Pensar.

* Lógos, logo e por forza un curral de galiñas, de porcxs con alas e cocoteiros por mamas; en contra das aspiracións do universal que non pode asimilar os residuos… O universal só quere excedentes, e o devir non acouga, e non atopa paz (se tal pacificacións)… Pois iso… Estas serán zonas de pacificación logo de se enganchar un devir, que traza as liñas de universo dos calquera entre as superficies da compota por roce e composicións de velocidades. Mais a compota… Recordo… que palabra! Fóra de ratio, de razón, de lógos, de arché, si pero entón… Entón que!

Entón o caldo é o puré ontolóxico, querida Adela. Devir-puré de cenorias, devir unha mata de espinacas… si, pero tamén devires amplos… devir un océano de espinacas. Pero como? Que velocidades, señora Celia! Que maneira de se transportar (nós marcadas como femias biolóxicas sen razón a involucionar, pois: POR QUE NON SE DEVÉN HOME! Tarros azucrados pero cando fan crack en Alicia e nos labios que vermellean tic tac tic tac que devimos coello, que devimos eiruga, que devimos mors(a) Xa que logo nunca se devén só. Que felicidade tropezar!

Sería posíbel vivir / pensar a Alicia sen vivir / pensar unha ontoloxía? Perdón, sen vivir unha ontoloxía do im-perceptíbel? Ajá… Antes mesmo do acelerador de partículas (fin da guerra fría, sempre un fin un fin un fin). Antes de Atenas, e por suposto antes de toda escravitude. Unha ocorre de moitas maneiras

Unha vez, unha vez, era unha vez o conto das moléculas, ao elas sentir eses fríos, eses caldos no afora desa escravitude que escribistes máis arriba, ao elas devir unha política imposíbel do real… Chrónos (ese monarca, esa soberanía do valor, ese recordo… esa palabra) desterritorializado. Pois ao fuxir do recordo (recordo… que palabra!) unha devén conto, pois traza canda outras esas liñas de escritura-fala que desterritorializan os arranxos mesmo para arranxar nada… Que finura, que finura, que velocidades, que estilo de translación, de contaxio, de abstracción…. de an-archè1.

*

– Pero, por favor, déixense de lerias e contesten… Que é un devir?

De lerias non nos deixaremos (a leria tamén é cuestión de ritmo), pero para o devir vale viaxar a Recordos dun bergsoniano:

unha correspondencia de relacións non constitúe un devir.

devires – actos rápidos, fenómenos anómicos, dinamismos irredutíbeis que trazan liñas de fuga e implican outras formas de expresión que as do mito..

os devires son perfectamente reais – o devir non produce outra cosa que si mesmo.

o que é real é o propio devir, isto é, o bloque de devir.

devense con.

pero tamén: como un devir non ten outro suxeito que si mesmo,

como non ten termo, posto que o seu termo só existe á súa vez incluído en outro devir do que el é o suxeito, e que coexiste, forma un bloque co primeiro.

Rizosfera.

por comunicación contaxio / involución entre heteroxéneos.

o devir é involutivo, a involución é creadora.

devir é un rizoma.

non se pode reducir e non nos conduce a “parecer” nin “ser” nin “equivaler” nin “producir”
involucionar é formar un bloque que circula segundo a súa propia liña entre os termos empregados, e baixo as relacións asignábeis.

comunicacións transversais entre poboacións heteroxéneas.

en

Recordos dun bruxo 1

unha manda unha banda unha poboación un poboamento unha multiplicidade
Que sería un lobo completamente só? E unha balea, un piollo, un rato, unha mosca? modos de expansión de propagación de ocupación de contaxio de poboamento
unha lobería unha piolleira.

Fascinación do afora? Ou ben a multiplicidade que nos fascina xa está en relación cunha multiplicidade que nos habita por dentro?

En resumen, “precísase moita ascesis, sobriedade, involución creadora: unha elegancia inglesa, un tecido inglés, confundirse coas paredes, eliminar o que resalta demasiado, o demasiado vistoso. Eliminar todo o que sexa exceso morte e superficialidade / queixa e reproche / desexo non satisfeito / defensa ou alegación / todo o que enraíza a cada un (a todo o mundo) en si mesmo, na súa molaridade. Pois todo o mundo é o conxunto molar, pero devir todo o mundo é outro asunto, que pon en xogo o cosmos coas súas compoñentes moleculares. Devir todo o mundo é crear multitude, crear un mundo” (p. 281).

* E aquel discurso (dío xa, Elisiña, que non pensamento) narco-ego-falo-centrado (el tamén cos seus “chistes” / cas súas grazas)2:

O pensamento é bo = o bo sentido fronte á heterodoxia; o pensamento é un = o sentido común, fronte ás tensións e puntas extremas do sentido; o pensamento disipa o erro = proposicións verdadeiras, fronte á fascinación pola estupidez, o distinto-escuro, o xesto, o salto, a danza, a separación extrema, a tensa obscuridade, a inquedanza.

E Foucault de novo: Reteñamos ben cada unha destas transformacións que Deleuze provoca na vella decencia filosófica (“Ariadna pendurouse”):

Mais vas dado! Fica parado aí, ho… Á procura da liberación desa imaxe que nos ata á soberanía do suxeito discursivo (que nos suxeita, que nos impide todo contaxio) o pensamento (xorde, ou máis ben exércese tal cal é) devén xa tal cal foi antes dos señores da identidade; malvado, paradoxal. Xurdindo involuntariamente na punta extrema das facultades dispersas, desprazadas, descentradas, alteradas polos berros en ritornelos inclusivos do mundo… Unha ontoloxía mapeada / vivida entre o que D&G procuran. “¡Perdidos! ¡salvados! ¡Perdidos! ¡salvados!” (p. 307).

O fin da filosofía (a da representación, a da academia, a dos intereses buscados que cando non se atopan causan frustración e necesidade de terapia)… INCIPIT PHILOSOPHIA (a da diferenza)!!!

* Entón vivir era isto, un caso de multiplicidades raras que se fan compaña nos aforas dun tarro logo dunha poboación. Participacións, vodas contra natura. Natura naturans (escribira Spinoza). Sed la Pantera Rosa. Pensar, di Foucault, “nin consola nin fai feliz. Pensar arrástrase languidamente como unha perversión: pensar repítese con aplicación sobre un teatro; pensar bótase de golpe fóra do gobelete dos dados. E cando o azar, o teatro e a perversión entran en resonancia, cando o azar quere que entre os tres haxa esta resonancia, entón o pensamento é un transo, e entón paga a pena pensar

* Escribimos sobre os ceos recostados de nubes, e a guerra de guerrillas entre identidade e diferenza, entre memoria e o dispar sen especie, entre coñecemento e xustaposición do tempo, entre analoxía e proliferación de distintos, devén Pankarta: Non pasarán!

A saúde colle aquí esas velocidades de composición que antes vimos no pensamento (escándalos), rizoma, dá canda outras en rizoesferas, dá con bloques de travesas sobre planos de consistencia para que os arranxos deliren e que o rizoma se desfaga para deixar paso á novidade… tun tun tun tun tun tun tun tun tun tun tun tun.

Un día un insecto ráñase e ao rañarse atópase molecular, particularmente individualizado por un máis, pola súa maior excelencia musical, e articula doutro xeito os seus sentires ao antes terse desterritorializado polo que dende fóra dera no seu rañarse.

De que outra cousa tratamos aquí máis que de articular/arranxar doutro xeito a vida?

D&G escriben, cara o final, en Que é filosofía?: “Só pedimos un pouco de orde para protexernos do caos”. Toda prudencia é pouca, mais tamén hai que tirarse á piscina para reparar no asunto… Dende a beira todo se ve ameazante, tamén dende a lingua! Pola contra, un plano de consistencia que acolle liñas de fuga perdidas… isto veñen sendo os nosos corpos ao instalarse en velocidades de a-fala, queridísima Celia(ca)… Pensa nisto: “alternando as máis grandes coas máis pequenas, a fin de suxerir a idea das relacións entre os tempos infinitamente largos das estrelas e das montañas, e infinitamente curtos dos insectos e dos átomos: poder elemental, cósmico, que (…) procede sobre todo do traballo rítmico”.

* Amoríos das duracións cromáticas múltiples desprazadas canda as liñas de fuga perdidas. Toparse perdidxs e toparse endemoniadxs no caso de ter que arranxar algo, pois o devir inclúe o proceso e o ritmo, toda clase deles… tamén as dúbidas, tamén recuar, e deixarse levar, e resistirse á asimilación… Todo ao tempo!

Todos estes procesos contan, pois había que pasar por toda clase de descentramentos, deslizamentos, quebrantamentos e emisións secretas (Deleuze, Conversaciones, Valencia, Pre-textos, 1999, p. 14)… Por un esquecemento desmesurado, sinalar as interrupcións, as lagoas, as minuenzas non demasiado importantes deixadas a conta polo discurso filosófico (Foucault, Theatrum philosophicum. Barcelona, Anagrama, 1995, p. 16).

* Procesos de desestratificación do real.

Nunca ninguén escribiu ou pensou, esculpiu, modelou, construíu, inventou, senón para saír de modo real dun inferno”. Artaud.

Escribe Foucault: En diante xa podemos pensar a diferenza e a repetición.
O pensamento mesmo, no cume da súa intensidade, será diferenza e repetición; fará diferir o que a representación intentaba unir; experimentará a indefinida repetición cuxa orixe buscaba a metafísica testana. Pensar intensidades máis ben (e antes) que calidades e cantidades, profundidades e superficies máis ben que lonxitudes e anchuras, movementos de individuación antes que especies e xéneros, e mil suxeitos larvarios, mil pequenos eus disoltos, mil pasividades e formigos; alí onde onte reinaba o suxeito soberano
.

* E e e así… Sucesión de catatonías e de velocidades extremas, de esvaecementos e de frechas. Durmir sobre o seu cabalo e ir a galope. Saltar

dun arranxo a outro grazas a un esvaecemento, fraqueando un baleiro. Kleist multiplica os plans de vida, pero sempre se trata dun só e mesmo plan que inclúe os seus baleiros e os seus fracasos, os seus saltos, os seus tremores de terra e as súas pestes.

Mesmo a morte só pode ser pensada como o cruzamento de reaccións elementais a velocidades demasiado diferentes. UN CRÁNEO EXPLOTA!!! (“Recordos dun planificador”)

* E aínda as ideas – As ideas sempre serven, posto que sempre serviron, pero baixo os modos actuais máis diferentes (p. 242).– Esa moblaxe que arrastramos dun lugar a outro, dunha meseta a outra, porque D&G non cesan de saltar. Mesmo neste libro sentimos o como dos devires… Si, si, si… Xs pícarxs son spinozistas! Caoideas. “Chámanse caoideas as realidades producidas nuns planos que seccionan o caos”. Artefactos con diferenzas con simulacros… And so on…

*A partir de aquí entrariamos (pero é que se nos fai pronto… para a hora do cha) na lectura de cada un dos devires que organizan a meseta 10, e que experimentan un rizoma, unha meseta, unha charca, un entorno, un día… cas súas velocidades e lentitudes (lonxitude), cas súas climatoloxías e xeografías, cas súas potencias de afectos (latitude), entrarán en bloque por todas partes, pois aquí un gran bloque non fala como todo o mundo… RIZOMA.

Entón o secreto era o devir secreto do secreto… Esa é a relación entre imperceptíbel (anorgánico), indiscerníbel (asignificante) e impersoal (asubxectivo). Estar á hora do mundo…

Menuda xogada! un devir que o arrastra todo, mesmo ao que supoñiamos os nosos recordos. Pois estes serán a infancia, pero non a miña infancia. … e en “Recordos e devires, puntos e bloques”: “Cada vez que empregamos a palabra “recordo” nas páxinas precedentes, facíamolo, pois equivocadamente, queríamos dicir “devir”, dicíamos devir”. Devir é un asunto de moit*s (infinidade de pícar+s que nos sinalan como facer RIZOMA co mundo saltando por riba da mesa onde agora un día chover… Liñas de pacificación deste mundo onde a comida é así un devir caníbal… O transhumano volve de novo a ser nena… Unha nena-ciborg!

Un día tal coma o de hoxe… chover. Un día de chuvia e os paseos e as viaxes que nos deixan exhaustos mais en paz… a camiños de devir outra cousa. Nós aquí o deixamos…

AS MIL PESETAS son unha movida, un luxo, unha música, unha droga, unha sexualidade… ou, doutra maneira, sexo drogas e rock and roll. Si, claro, pero Por favor, lean Deleuze & Guattari. O planeta ben o merece.

Pankarta:

NUNCA SE DEVÉN EN SOIDADE.

Entendédenos… Nunca nada está soa.

Un día chover… Ou tomar cha.

Notas

1 Escribimos o termo, a razón da parolada de Brais en torno ao pensamento de Jacques Rancière, Compostela, febreiro 2013, no marco do curso Poreticas da crise.

2 “APLAUSOS…Por isto, non + contradición lóxica, non + loxicismo, non + fidelidade (se acaso, con Derrida, una fidelidade infiel), non + oprobio socrático… obrigar ao outro a contradicirse, non + terror legal nin psicoloxía da unidade, non + repetición vergonzosa –repetición creadora, diferencial!–, non + estereotipos, non + forma canónica, non + significado, non + idea dominante, non + ideoloxía… non + alienación política, non + forclusión do pracer, do gozo, do corpo… non + dicotomía am* serv*… Chegamos a un final que é un comezo… Fican avisados!”, en “O planeta ben o merece. Por favor, lean Barthes”, en Derritaxes 10, decembro 2012.

* Imaxe: Claudio Pato