“Pensar en viaxar”
Gilles Deleuze
Primeiro movemento.
Berlín, 1989.
Hai cousas que sempre están a cambiar e que requiren por iso da nosa atención inmediata e constante. Unha delas son as fronteiras. Límites temporais que definen a marxe a partir da cal entramos noutro territorio. Con elas cambian os territorios mesmos e, á primeira ollada, é evidente o moito que se están a transformar ambas as dúas ideas nos nosos días. Pero gustaríame comezar polo pasado, para sinalar despois unha transformación da cal temos aínda pouca consciencia nos nosos días. Quizais, porque até o de agora a xeografía dos arquivos permanecera relativamente estábel.
Seguindo a moda das conmemoracións estratéxicas vaiamos a 1989. A caída do muro de Berlín impón a imaxe dunha modificación radical do espazo cultural e de como as súas secuelas permanecen vivas. Esa data marca, a xeito de metáfora, a fin dunha estrutura política transnacional baseada nos Estados modernos do leste e do oeste. Até entón, resultaba válido situarse a un lado ou a outro do muro para coñecer a nosa situación na cartografía mundial e na historia de humanidade. A dereita ou a esquerda, dende o liberalismo ou dende o socialismo, calquera podía desprazarse ao longo do tempo e do espazo nunha cómoda viaxe programada con todo incluída. Ningunha cuestión de orde sociocultural quedaba á marxe e o sentido estaba asegurado, independentemente de cal fose a nosa situación nesta particular trincheira. De aí que a caída do muro do Berlín fose tantas veces citada como o enclave da fin dunha época, a modernidade, e o nacemento dunha suposta nova era post que coincide cos procesos de globalización contemporáneos.
A perda de poder dos grandes relatos sociais protagonizados pola figura do Estado-nación, deu paso ao xurdimento doutra estrutura transnacional non política senón económica. Continuando coas metáforas, por un momento, as coordenadas espazo/temporais fóronse trasladando dende o leste e o oeste cara ao norte e o sur. Pensando que o sentido económico podía substituír sen engrenaxes externas ao sentido político como garante da gobernabilidade. Non obstante, este momento de pálida esperanza reflectida na tendencia a falar demasiado dos “non lugares” que con tanto éxito definira Marc Augé2, sucumbiu rapidamente á “reestruturacióncultural do mundo como clave do final dunha época política (en cursivas no orixinal)”3.
O problema que presenta a cuestión do territorio e as súas fronteiras hoxe, desvélase no preciso instante onde o cultural comeza a fortalecer o seu potencial político aproveitando o baleiro deixado polas grandes narrativas lineais da modernidade. A globalización presenta por estes motivos unha face bifronte. Por un lado, desata fortes procesos de homoxeneización baseados na dinámica dun mercado mal chamado ‘libre’. A apertura do muro simboliza ante todo o inicio do mercado mundial e único de traballo, produtos e servizos, que supera con moito os lindes nacionais. Por outra parte, a perda dun réxime de sentido político desprega o abano das diversidades. Posto “que a cultura é política séguese loxicamente do abandono da noción tradicional dunha imaxe unitaria da ‘política’, e do recoñecemento da súa pluralidade”, invertendo as palabras do xeógrafo Peter Jackson4.
A estrutura económica transnacional impón unha orde global de corte socioecolóxico que non responde ás demandas socioculturais adscritas á raíz de todo territorio e de toda fronteira, espazos limitados de poder e sentido. O fenómeno transcultural da demarcación xeográfica do sentido desprázase entón dende os paradigmas ilustrados da política cara a antigos e novos lugares da cultura. Pero o cultural é contextual, continxente e suxeito ao espazo/tempo particular de cada un. Por iso as nosas paisaxes cotiás cambiaron tanto en tan pouco tempo. Desprendéronse do amábel horizonte que representaba o muro, deixaron atrás a perspectiva lineal cun só punto inmóbil de referencia e comezan a explorar a dificultade de mirar en todas as direccións. A imaxe centrípeta daquilo que nos identificaba deu paso á visión dun espazo cultural fragmentado e expansivo onde resulta difícil situarse. «Todo o que sucede aquí debe ser enlazado co que sucede alá», semella ser o lema que resume o presente globalizado onde as fronteiras políticas se volveron porosas e os elos entre o pasado, o presente e o futuro se converteron, tamén aparentemente, en lazos fráxiles que dificilmente logran soster o inmediato.
O tropo propio dos nosos tempos é situar a cuestión da cultura no campo do alén. (…) O ‘alén’ non é nin un novo horizonte nin un deixar atrás o pasado… Comezos e finais poden ser os mitos de sustento dos anos intermedios; pero no fin de siècle encontrámonos no momento de tránsito onde o espazo e o tempo se cruzan para producir figuras complexas de diferenza e identidade, pasado e presente, dentro e fóra, inclusión e exclusión. Pois no ‘alén’ comanda un sentimento de desorientación, unha perturbación do enderezo: trátase dun movemento exploratorio, incesante, que expresa tan ben a palabra francesa au-delà: aquí e alí, en todos lados, fort/dá, para alá, adiante e atrás (en cursivas no orixinal)5.
O político diríxese así cara ao cultural, mentres o cultural se despraza dos seus tradicionais lugares xeográficos impelido polos fluxos socioecolóxicos do mercado. Consumir produtos coreanos na Cidade de México, ou soportar os estragos da chuvia ácida en Valencia, son fenómenos que responden ao mesmo proceso. O noso espazo cultural transformouse nun palimpsesto global cuns innumerábeis relatos espaciais que se constrúen en tempo real, multiplicando as fronteiras e os territorios, facendo reaparecer novas “terras incógnitas” nos nosos mapas, que pouco ou nada teñen que ver con aquelas terraeincognitae dos mapas medievais ou con aqueles espazos en branco no mapa de África que tanto espertaron a imaxinación e o interese das sociedades xeográficas decimonónicas”6. Ás cartografías socioecolóxicas do mercado único súmanse as cartografías socioculturais que instauran ao lugar de cada un como termo fronteirizo a partir do cal se delimitan ámbitos de gobernabilidade non subscritos nas constitucións nacionais vixentes.
A sharía ou lei islámica aplícase en Tarragona. Os Mossos desarticularon unha banda integrada por musulmáns ultraconservadores que condenou a morte a unha muller de orixe magrebí acusándoa de ter cometido adulterio. A trama desvela a existencia de comunidades que se rexen segundo os costumes tribais dos seus países de orixe. Neste caso, unha sorte de tribunal islámico composto polos presuntos líderes do colectivo musulmán determinou que a muller fora infiel ao seu esposo e ordenou a súa execución. Así o declarou ao xuíz a vítima, que puido fuxir e librarse dos seus captores e pedir auxilio nunha comisaría dos Mossos d’Esquadra7.
O espectro demoníaco co que se propagan agora as imaxes do árabe é tan só un exemplo cruel e tanxíbel deste baleiro debullado a través dunha metáfora: 1989. Aínda que, sinceramente, non creo que ninguén saiba exactamente que facer nestas circunstancias implosivas onde quedou solidamente demostrado que “pensar non é un fío tensado entre un suxeito e un obxecto, nin unha revolución dun arredor doutro. Pensar faise máis ben entre o territorio e a terra”8, e o problema contemporáneo queda resumido na biografía dun pianista ficticio relatada por Alessandro Baricco, Novecento: aquel que non puido nunca descender do barco no que nacera.
Toda aquela cidade… non se vía o final… / O final, por favor podería velo?/ E o ruído / Sobre aquela maldita escaleira… era tan belo todo… e eu era tan grande con aquel abrigo, facendo a miña grande aparición, e non tiña dúbidas, estaba seguro de baixar, non había problema / Co meu sombreiro azul / Primeiro chanzo, segundo chanzo, terceiro chanzo / (…) / No é o que vin o que me parou / Senón aquilo que non vin / Podes entendelo meu irmán? O que non vin… busqueino pero non estaba, ao longo daquela infinita cidade existía todo, menos… / Había de todo / Pero non había un fin. Aquilo que non vin foi onde remataba todo. A fin do mundo / Agora ti pensa: un piano. As teclas comezan. As teclas rematan. Ti sabes que son 88, sobre isto ninguén pode enganarte. Elas, non son finitas. Ti, es infinito, e dentro daquelas teclas, infinita é a música que podes facer. Elas son 88. Ti es infinito. Isto a min gústame. Isto pódese vivir. Pero se ti / Pero se eu saio sobre aquela escaleira e diante a min / Pero se eu saio sobre aquela escaleira e diante miña desprégase un teclado de millóns de teclas, millóns e billóns / Millóns e billóns de teclas, que non rematan nunca, e esta é a verdade, que non rematan xamais e aquel teclado é infinito / Se ese teclado é infinito, entón / Sobre aquel teclado non hai música que poidas tocar. Sentácheste no banco equivocado: aquel é o piano que toca Deus / Xesús! Pero vías as rúas? / Mesmo soamente rúas había a miles, como facedes vós aí abaixo para elixir unha? / Para elixir unha muller… / Una casa, unha terra que sexa a vosa, unha paisaxe para contemplar, un xeito de morrer? / Todo aquel mundo / Aquel mundo enriba que nin sequera sabes onde remata9.
Para intentar facer xustiza ao palimpsesto sociocultural e socioecolóxico en que se converteu o espazo cultural hoxe, non abonda con incidir, unha e outra vez, na transformación sufrida por un conxunto de formacións discursivas que permaneceron estábeis durante algúns anos en todos os territorios da imaxinación e a xeografía. Que o plano de pensamento10 dos nosos días é outro, ou comeza a ser moitos outros. Que o arquivo histórico que constrúe ámbitos limitados de comunicación mediante “sistemas que instauran os enunciados como acontecementos (coas súas condicións e o seu dominio de aparición) e cousas (coas súas condicións e o seu campo de utilización)”11, cambiou, sabémolo. Sabemos tamén que esta metamorfose camiña da man de grandes reestruturacións políticas e económicas que están a modificar a orde das institucións públicas e privadas en todo o mundo. Comprobamos días tras día como os Estados nacionais se comportan como empresas transnacionais. Como as grandes empresas aspiran a asumir plenamente competencias propias dos gobernos e da cidadanía, a través da chamada Responsabilidade Social Corporativa (RSC), que abrangue todo tipo de políticas culturais, medio ambientais, sanitarios, sociais, económicas… E lamentámonos pola perda dunha suposta autonomía da cultura identificada coa Arte escrita en maiúsculas, pero entreverado de connotacións políticas, científicas e económicas. Procesos que fragmentan a identidade dos campos sociais de Bourdieu sen facelos desaparecer por completo. Somos, polo menos iso creo, plenamente conscientes da dificultade de vivir o noso lugar sendo partícipes de territorios moi diversos que se comportan, ao mesmo tempo, coma se se tratase da Cidade, aquela que adapta todo territorio “a unha extensión xeométrica prolongábel en circuítos comerciais”12, encerrada no spatium imperial do Estado reconfigurado que, non obstante, continúa intentando absorber o todo a través “(d)unha Unidade superior aritmética”13, transcendental e proxectada dende a vertical.
Segundo movemento
HTML, 1993.
Desprázase agora o foco de interese dende como o lugar se converteu en fronteira política, cara á fronteira propia de todos os lugares nos nosos días. Porque “como falar dunha «comunicación dos arquivos» sen tratar primeiramente do arquivo dos «medios de comunicación»?”14. 1993 é o ano en que a International Standards Organization (ISO)15 rexistra a linguaxe en que se escribe a Web: o HiperText Markup Language (HTML). É moi posíbel que, tras declararme seguidora das modas conmemorativas, algún se sorprenda por esta elección liminar. Non obstante, o corte está perfectamente xustificado pois foi a través da World Wide Web como a existencia de Internet se popularizou. Movémonos cara ao primeiro hipertexto informático en liña, e con iso preténdese subliñar a importancia de situarse no cruzamento entre un espazo cultural en cambio permanente e un novo espazo dixital global en crecemento constante que replica as dinámicas do primeiro.
“A reestruturación cultural do mundo como clave do final dunha época política”, non só está a responder a un cambio no xeito de organizar o sentido a través das ideas e das institucións públicas ou privadas. As ideas rexístranse e convertidas en obxectos vincúlanse coas diferentes tecnoloxías de información e de comunicación. As xa non tan novas tecnoloxías dixitais ofrecen aos relatos multidireccionais un soporte transnacional aínda que non homoxéneo. As nosas paisaxes cotiás non só se segmentaron, estratificaron e intersectaron en extremo, provocando unha hiperterritorializaciónin situ do individuo, as ideas e os obxectos. Esta ampliación e segmentación dos fenómenos socioculturais atopa soporte no hipertexto Web, modelo tecnolóxico do palimpsesto global.
A Web móstrase no seu sentido positivo como espazo para a construción de novos modelos de sociabilidade afastados do esencialismo nacionalista doutras épocas. É moi diferente ‘ler’ o territorio español dende os arquivos do Estado ou as grandes empresas, a facelo directamente dende os arquivos en liña dos habitantes dun territorio xeográfico e imaxinario tan plural. A imaxe, e polo tanto a identidade desa formación discursiva que é “España”, cambia, desprega procesos interculturais de longa data, e entra en conflito consigo mesma ao dar cabida na escena pública a paisaxes diversas que exceden o tempo e o espazo das súas actuais fronteiras. A interculturalidade presente na Web, reflicte os desprazamentos efectivos entre territorios que se dan de facto fóra do monitor.
É un feito, e de dimensión mundial: todas as culturas de todos os continentes, razas, e nacións son, hoxe, culturas de simbioses, nas que os catro factores fundamentais que son a sensibilidade e a vontade, a intuición e o raciocinio representan, cada vez máis, uns papeis equilibrados. A este diálogo que se realiza a escala do Universal, todos os continentes contribuíron, o máis vello, África, como o máis novo, América. O principal problema, hoxe en día, para a humanidade, é que cada continente, raza ou nación, cada home ou muller tome conciencia, finalmente, desta Revolución cultural, que, sobre todo, enterrando o desprezo cultural, achegue a súa contribución activa16.
Este é o sentido positivo da industrialización da produción cultural a través das tecnoloxías de información e de comunicación dixitais. Desprega os territorios das nosas pequenas paisaxes dende a raíz, e ofrece deste modo unha oportunidade única ao papel da cultura como enclave da vida política contemporánea, visibilizando a escala transnacional o arquivo histórico das diferentes formacións discursivas e as súas armazóns institucionais, permitindo que novos e anónimos actores adquiran a posibilidade de facer públicas as súas propias imaxes, os seus propios enunciados… De aí a importancia que adquire a defensa da cultura libre no contexto da globalización. É imposíbel favorecer a convivencia intercultural sen despregar as posibilidades de sentido intertextuais e interdisciplinares17 confinadas en documentos mudos e cegos. Os vellos estantes empoados dos arquivos analóxicos, ou unha ben rexa libraría con volumes relucentes, non cobren de xeito abondo as novas demandas sociais, culturais, académicas e políticas orientadas cara a modelos de sociabilidade non esencialista. Afondar nas múltiples dimensións que ofrece a estrutura hipertextual non garante, por suposto, o descenso da violencia. Pero pode axudar a cambiar os modos en que diferentes arquivos históricos se cruzan entre si, evitando a repetición de narrativas impostas. Como di un bo amigo valenciano que de cando en vez se deixa caer por México: “Por que me chamades estranxeiro se eu como tomates?”, habida conta que a linguaxe é poder e o poder se escribe con tinta e non só con sangue.
Concibido así, o discurso deixa de ser o que é para a actitude esexética: tesouro inesgotábel de onde sempre se poden sacar novas riquezas, e cada vez imprevisíbeis; providencia que falou sempre por adiantado, e deixa oír, cando se sabe escoitar, oráculos retrospectivos: aparece como un ben –finito, limitado, desexábel, útil– que ten as súas regras de aparición, pero tamén as súas condicións de apropiación e de emprego; un ben que formula, por conseguinte, dende a súa existencia (e non simplemente nas súas “aplicacións prácticas”) a cuestión do poder; un ben que é, por natureza, o obxecto dunha loita, e dunha loita política18.
A defensa da cultura libre adquire outra dimensión política ineludíbel porque todo arquivo, ademais de activar limitadas armazóns de ideas entre conxuntos igualmente limitados de individuos, posúe unha localización precisa.
En certo modo o vocábulo remite, razóns temos para crelo, ao arkhé no sentido físico, histórico ou ontolóxico, é dicir, ao orixinario, ao primeiro, ao principal, ao primitivo, ou sexa, ao comezo. Pero aínda máis, e antes aínda, «arquivo» remite ao arkhé no sentido nomolóxico, ao arkhé do mandato. Como o archivum ou o archium latino (…), o sentido de «arquivo», o seu só sentido, vénlle do arkheîon grego: en primeiro lugar, unha casa, un domicilio, un enderezo, a residencia dos maxistrados superiores, os arcontes, os que mandaban. Aos cidadáns que ostentaban e significaban deste xeito o poder político recoñecíaselles o dereito de facer ou de representar a lei. Tendo en conta a súa autoridade publicamente así recoñecida, é na súa casa entón, nese lugar que é a súa casa (casa privada, casa familiar ou casa oficial), onde se depositan os documentos oficiais. Os arcontes son ante todo os seus gardiáns. Non só aseguran a seguridade física do depósito e do soporte senón que tamén se lles concede o dereito e a competencia hermenéuticos. Teñen o poder de interpretar os arquivos. Confiados en depósito a tales arcontes, estes documentos din en efecto a lei: recordan a lei e chaman a cumprir a lei. Para estar así gardada, á xurisdición deste dicir a lei facíalle falta á vez un gardián e unha localización. Nin sequera na súa custodia ou na súa tradición hermenéutica podían prescindir os arquivos de soporte nin residencia (en cursivas e en grosas no orixinal)19.
O aspecto negativo da industrialización dixital dos procesos socioculturais deriva da facilidade coa cal as estratexias de gobernabilidade poden vincularse a potentes ferramentas de control. Hai que insistir sen descanso en que a protección da propiedade intelectual no espazo dixital só é posíbel baixo vixilancia continuada dos itinerarios que o usuario percorre dentro e fóra da Rede. Itinerarios que, por outra parte, pouco ou nada poden ter que ver cos contidos hoxe suxeitos ao réxime privado da propiedade intelectual. Estes percorridos son auténticas biografías detalladas en tempo real das nosas accións. Biografías que pasan a engrosar os arquivos dixitais das grandes empresas de telecomunicación, outorgándolles un poder de control que, até o de agora, só posuían os Estados. Máis que parapetarse na forza do Estado e o mercado a través do dereito20, as vellas industrias culturais deberían investigar novos modelos de negocio que non poñan en grave risco a intimidade de todos. En ambos os dous casos, a Rede torna porosas as fronteiras que quedaron reducidas ao lugar que somos e que habitamos. Non obstante, a conversión a formatos dixitais da vivencia individual da paisaxe traza un límite novo e fundamental a partir do cal se ingresa no territorio do totalitarismo informatizado. É aí onde se sitúa o primeiro enclave do lugar da fronteira nos nosos días. E todo iso, aínda que non contemos cun ordenador propio.
Se o lugar que somos e que habitamos se converteu na fronteira política dos nosos días, xa que as mesmas fronteiras que se dicían políticas deixaron de conter os territorios dos cales formamos parte, é tamén porque as nosas paisaxes pasaron a ser materia de mercado. A continxencia e contextualidade da cultura é un feito xeoestético fortemente resituábel cando é artellado coa mercadotecnia e a produción personalizada. A propiedade intelectual que outorga un dereito moral ao autor dun relato, converteuse nun fenómeno industrial de barreiras lábiles que tecnicamente nunca poden ser pechadas por completo aos estraños. Se neste contexto houbese que aferrarse a unha defensa acérrima da propiedade privada para a cultura, esta, máis que ter en conta os obxectos do modelo analóxico de produción industrial de contidos culturais, debería defender incansabelmente os novos produtores do modelo dixital que somos todos aqueles que vivimos, e asignarnos, por lei, unha parcela propia dentro do espazo tecnolóxico que ten tornado as nosas desventuras en relatos sobre rastros dos que non posuímos ningún control, pero que, non obstante, remiten inexorabelmente á residencia máis íntima e fráxil de todo arquivo. As nosas rúas non son pois infinitas senón simplemente máis numerosas e poden ser percorridas en liña por descoñecidos. Favorecer a devolución dos datos aos seus propietarios lexítimos como pretende Google21, é un paso cara a ningunha parte se non contamos cun cuarto propio.
Nun día como hoxe, hai 40 anos, catro ordenadores conectáronse de forma remota, dentro dun primitivo programa de comunicacións financiado pola Axencia de Investigación de Proxectos Avanzados de Defensa do Pentágono, DARPA polas súas siglas en inglés. Foi o nacemento de Internet. (…) En 4 décadas, a rede de redes creceu e cambiou o mundo. Para demostralo, DARPA organizou un curioso experimento que terá lugar hoxe, sábado. Axentes do Pentágono colocarán 10 globos vermellos en 10 puntos distintos de EUA. A primeira persoa capaz de localizalos recibirá un premio de 40.000 dólares, uns 26.000 euros. (…) A DARPA só lle interesa a localización exacta dos globos. A forma de obter a información é irrelevante. A gran pregunta é se as redes sociais creadas con este torneo serán capaces de manter un segredo e non ofrecer involuntariamente unha vantaxe ao contrario22.
En todo este xogo entre opacidade e transparencia imposto pola informatización do espazo cultural óbviase, en moitos casos, un segundo nivel de articulación da tecnoloxía coa vida. O dobre desprazamento do cultural nun mundo globalizado, como clave do sentido político e como proceso industrial transnacional, se evidencia a través da importancia que adquiriu a reformulación das leis vixentes de propiedade intelectual, e a súa renovación en series ilimitadas de novas licenzas que actúan tanto sobre os suxeitos canto sobre os dispositivos. Os debates ao respecto popularizáronse en diferentes países aínda que se diría que flota no ambiente unha especie de silencio xeneralizado.
É evidente que o cultural se industrializou. Non obstante, o industrial converteuse en cultura dun modo orixinal e pouco explorado, grazas á informatización dos fenómenos socioecolóxicos. Dende o máis mínimo detalle dos compoñentes dunha gota de auga ou da cadea de ADN dun invertebrado microscópico, até os cambios climáticos globais e as flutuacións da bolsa de valores, convertéronse en información dixital que se despraza, xestiona e almacena a tempo real a través das redes telemáticas. Non só as chamadas ciencias duras dependen hoxe por enteiro dos arquivos dixitais e do software a través do cal estes arquivos son construídos e xestionado. Toda a cadea industrial de produción, distribución e venda, pasa agora pola armazón dixital de centos de redes de acceso restrinxido.
Para mediados do século XX, a automatización existira por moitos anos nunha escala pequena, utilizando mecanismos simples para automatizar tarefas sinxelas de manufactura. Non obstante o concepto soamente chegou a ser realmente práctico coa adición (e evolución) das computadoras dixitais, cunha flexibilidade que permitiu manexar calquera clase de tarefa. As computadoras dixitais coa combinación requirida de velocidade, poder de cómputo, prezo e tamaño empezaron a aparecer na década de 1960. Antes dese tempo, as computadoras industriais eran exclusivamente computadoras analóxicas e computadoras híbridas. Dende entón as computadoras dixitais colleron o control da maioría das tarefas simples, repetitivas, tarefas semiespecializadas e especializadas, con algunhas excepcións notábeis na produción e inspección de alimentos23.
O software convertido na linguaxe da terra. A converxencia multimedia das tecnoloxías dixitais oculta estes procesos cando o que se entende por “multimedia” queda reducido á dixitalización dos medios analóxicos de comunicación e información, identificando a imaxe da Rede coa dunha fotocopiadora infinita. Moi ao contrario, a converxencia multimedia implica que tanto as tecnoloxías de transmisión canto as tecnoloxías de transformación industriais se dixitalizaron. Os medios dixitais son por iso a primeira tecnoloxía de orde transversal que ten a capacidade de transformar calquera fenómeno xeoestético, sociocultural ou socioecolóxico, en información e polo tanto en cultura. A chamada computación ubicua que resalta a mobilidade dos dispositivos de información e comunicación, e a capacidade que estes adquiren de sumarse á actividade cotiá dos individuos, non pode desligarse da intelixencia ambiental que refire a ámbitos electrónicos sensíbeis capaces de percibir e actuar in situ sobre o terreo. De aí, que os territorios contemporáneos tendan cada vez máis a identificarse cos arquivos dixitais cun sustento común como son os protocolos de comunicación que fan funcionar todas as redes, accesíbeis e restrinxidas, que soporta Internet.
Outro xeito de dicir que o arquivo, como impresión, escritura, prótese ou técnica hipomnémica en xeral, non soamente é o lugar de almacenamento e conservación dun contido arquivábelpasado que existiría de todos os xeitos sen el, tal e como aínda cre que foi ou que terá sido. Non, a estrutura técnica do arquivo arquivante determina así mesmo a estrutura do contido arquivábel no seu xurdir mesmo e na súa relación co porvir. A arquivación produce, tanto como rexistra, o acontecemento. Esta é tamén a nosa experiencia política dos media chamados de información (en cursivas e en grosas no orixinal)24.
As tecnoloxías dixitais teñen o poder de rexistrar a produción social do espazo e do tempo a escala global, tanto dende o punto de vista económico canto cultural. O arquivo, en tanto dispositivo técnico, cambiou. Os problemas que presenta a propiedade intelectual replícanse, aínda que teñan menor eco público, nos novos problemas asociados á propiedade industrial ligada ás patentes. A pesar de exemplos recentes, como as Eco-Patent Commons25, que apuntan á apertura horizontal da privatización dixital do terreo convertido en información que doadamente podería ser redistribuída a escala global. É significativo que, até o de agora, non existe ningunha iniciativa comparábel ao Copyright Watch26 no campo da propiedade industrial, o tipo de patentes existentes e os seus propietarios. O poder de análise e control global sobre os fenómenos socioecolóxicos podería converterse nunha ferramenta a favor dun xiro sostíbel na explotación dos recursos existentes sobre o terreo, posto que por vez primeira se dispón dunha tecnoloxía que funciona en sincronía con eles e connosco27.
Todo, absolutamente todo, converteuse en discurso. Dende o xurdimento e a expansión da telemática contemporánea deixou por iso de ser útil disociar a comprensión dos fluxos socioculturais da dos fluxos socioecolóxicos. Pero aínda que dispoñemos dunha tecnoloxía industrial transversal alimentada por convencións lingüísticas, non conseguimos aínda armar conceptos e categorías igualmente transversais que nos permitan desprazarnos con igual facilidade polo espazo físico e o dixital, enlazando as múltiples dimensións dos fenómenos xeoestéticos que se producen e reproducen in situ. Nin as xeografías imaxinadas de Edward Said, nin as comunidades imaxinadas de Benedict Anderson ou as últimas paisaxes tamén imaxinadas de Arjun Appadurai, dan resposta á encrucillada contemporánea. Dende esta pequena e limitada paisaxe que é a miña, non achei mellor resposta a estas cuestións urxentes que a que nos ofrecen as relacións xeoestéticas, de orde ideográfica, nomográfica e topográfica, que sitúa o lugar da fronteira entre os territorios e os arquivos… “Mais onde comeza o fóra? Esta cuestión é a cuestión do arquivo. Sen dúbida non hai outra”28.
A pregunta que hoxe debemos facernos é se esta «cuasi-autonomía» da esfera cultural foi ou non destruída pola lóxica do capitalismo avanzado. Pero defender a idea de que a cultura xa non está dotada da autonomía relativa da que, como outras moitas instancias, gozou en fases máis temperás do capitalismo (deixando de lado as sociedades precapitalistas), non significa necesariamente defender a idea da súa extinción ou desaparición. Pola contra, habemos de continuar mantendo que hai que concibir a disolución desa esfera cultural autónoma como explosiva: trátase dunha prodixiosa expansión da cultura no dominio do social, até o punto de que non resulta esaxerado dicir que, na nosa vida social, xa todo –dende os valores mercantís e o poder estatal até os hábitos e as propias estruturas mentais– se converteu en cultural dun modo orixinal e aínda non teorizado29.
(Trad. Sören Hauser)
1 Licenciada en Filosofía pola Universidade Autónoma de Madrid, está a concluír a súa tese de doutoramento na Universidade Complutense da mesma cidade, titulada O arquivo e o territorio: paisaxes mediais, xeoestética contemporánea e procomún, dirixida polo Dr. Francisco García García. En relación a esta investigación publicou diversos artigos, dispoñíbeis na súa maior parte na rede, e traballou co antropólogo Néstor García Canclini durante máis de un ano. Ademais do seu traballo académico colabora activamente en diferentes proxectos transdisciplinares dedicados especialmente á recuperación, dixitalización e acceso a arquivos analóxicos tan variados coma o acervo patrimonial do Pobo Huichol, a memoria do activismo feminista mexicano rexistrada por Ana Victoria Jiménez, ou o dos arquivos audiovisuais do Laboratorio do Procomún do Medialab-Prado. Actualmente reside en Ciudad de Mexico. Contacto: paz_sastre@hotmail.com
2 AUGÉ, M.: Los no-lugares. Espacios del anonimato: una antropología de la sobremodernidad. Barcelona, Gedisa, 1993.
3 GARCÍA CANCLINI, N.: Diferentes, desiguales y desconectados. Mapas de la interculturalidad. Barcelona, Gedisa, 2006, p. 16.
4 “Que a cultura é política séguese loxicamente do abandono da noción tradicional dunha imaxe unitaria da ‘cultura’, e do recoñecemento da súa pluralidade”. JACKSON, P.: Maps of Meaning: An Introduction to Cultural Geography. London, Routledge, 1994, p. 4.
6 NOGUÉ, J.: “La geografía política”, en LINDÓN, A. & HIERNAUX, D.: Tratado de Geografía Humana. México DF, Anthropos / UAM Iztapalapa, 2006, p. 205.
7 BALSELLS, F.: “Nueve detenidos en Tarragona por aplicar la ‘sharía’ a una mujer por adulterio”, en El País, 6 de decembro 2009. Acceso o 6 de decembro de 2009 en <http://www.elpais.com/articulo/sociedad/detenidos/Tarragona/aplicar/sharia/mujer/adulterio/elpepusoc/20091206elpepisoc_4/Tes>
14DERRIDA, J.: Mal de archivo. Una impresión freudiana. Coloquio Internacional Memory: The Question of Archives, Société Internationale d’Histoire de la Psychiatrie et de la Psychanalyse, 5 de xuño de 1994, p. 2. Acceso o 12 de marzo de 2009 en <http://www.scribd.com/doc/16645319/Derrida-J-Mal-de-archivo-1994>
15 International Standards Organization (ISO):
http://www.iso.org/iso/home.htm [05/10/09]
17 Cfr. BUCK-MORSS, S.: “Hegel and Haiti”, in Critical Inquiry, vol. 26, nº 4, summer 2000, pp. 821-865. Acceso o 15 de febreiro de 2009 en <http://www2.warwick.ac.uk/fac/soc/sociology/staff/academicstaff/bhambra/gurminderkbhambra/research/iasproject/2/buck_morss_hegel_haiti.pdf>
19DERRIDA, J.: Mal de archivo. Una impresión freudiana. Coloquio Internacional Memory: The Question of Archives, Société Internationale d’Histoire de la Psychiatrie et de la Psychanalyse, 5 de xuño de 1994, p. 3. Acceso o 12 de marzo de 2009 en <http://www.scribd.com/doc/16645319/Derrida-J-Mal-de-archivo-1994>
20 Véxase o caso do Anti-Counterfeiting Trade Agreement (ACTA):
http://en.wikipedia.org/wiki/Anti-Counterfeiting_Trade_Agreement [12/12/09]
http://www.eff.org/issues/acta [12/12/09]
21 Cfr. The Data Liberation Front, Google:
http://www.dataliberation.org/ [10/12/09]
22ALANDETE, D.: “Un juego endiablado para celebrar los 40 años de Internet”, en El País, 5 de decembro de 2009. Acceso o 6 de decembro de 2009 en <http://www.elpais.com/articulo/tecnologia/juego/endiablado/celebrar/anos/Internet/elpeputec/20091205elpeputec_1/Tes>
23 Automatización industrial, Wikipedia:
http://es.wikipedia.org/wiki/Automatizaci%C3%B3n_industrial[21/11/09].
24DERRIDA, J.: Mal de archivo. Una impresión freudiana. Coloquio Internacional Memory: The Question of Archives, Société Internationale d’Histoire de la Psychiatrie et de la Psychanalyse, 5 de xuño de 1994, p. 11. Acceso o 12 de marzo de 2009 en <http://www.scribd.com/doc/16645319/Derrida-J-Mal-de-archivo-1994>
http://www.copyright-watch.org/ [20/11/09]
28 DERRIDA, J.: Mal de archivo. Una impresión freudiana. Coloquio Internacional Memory: The Question of Archives, Société Internationale d’Histoire de la Psychiatrie et de la Psychanalyse, 5 de xuño de 1994, p. 6. Acceso o 12 de marzo de 2009 en <http://www.scribd.com/doc/16645319/Derrida-J-Mal-de-archivo-1994>
29 JAMESON, F.: El posmodernismo o la lógica cultural del capitalismo avanzado. Barcelona, Paidós, 1995, pp. 106-107.