A interrelación produción biopolítica/subxectivación capitalística, con formas de vida (socius) e desintegración metabólica do oikos, é o tema de reflexión do último Guattari. “A crise ecolóxica remite a unha crise máis xeral do social, o político, o existencial. O problema aquí exposto é o dunha sorte de revolución das mentalidades para que cesen de avalar un certo tipo de desenvolvemento baseado nun produtivismo que perdeu xa toda finalidade humana”. A re-existencia ecosófica consistiría, entón, nunha des-programación das subxectividades a partir de novos dispositivos de enunciación colectiva; un traballo micropolítico sobre dispositivos molares, pero sobre todo un traballo intensivo para desestabiliza-los dispositivos de arranxo (agéncement) moleculares e libera-los fluxos de desexo. Non tanto unha Moral como unha Micropolítica.
Unha aproximación crítica ó cercamento dos comúns -coa aparición do sistema de produción capitalista- proporciona algunhas claves para interpreta-la construción ontolóxica do individuo capitalístico en clave biopolítica, e vincular todo o proceso de reconfiguración do mundo occidental na Modernidade con esta destrución dos comúns; avanzamos en dúas frontes complementarias: o cambio no réxime de propiedade dos bens garante da supervivencia, que anula a anterior situación de equilibrio metabólico, desdibuxando a orde ecolóxica feudal; a consecuente anulación dos espazos de socialización -dispositivos- encargados de reproduci-la estrutura de organización, garantindo a cohesión entre as subxectividades que cooperan polo ben común da supervivencia -desterritorialización- e empuxando de novo ás “clases subalternas” a un réxime xeral de escravitude -reterritorialización-.
Ivan Illich, a este respecto, insinúanos en O silencio é un ben Común, como ámbalas dúas dimensións do real-social se ven desprazadas coa descomposición do sistema comunal de xestión dos recursos: a metabólica, que se refire a como se integran as subxectividades na realidade material ou física; a biopolítica, que apunta ao nacemento da enunciación e a produción de subxectividades para actuar retroalimentando o ciclo entrópico da “produción ad infinitum “. Así, ó cercamento dos pastos de feudos e comunais, que van ser destinados á produción “industrial” de la na Inglaterra do XVIII, segue unha mutación radical na “orde ecolóxica”, que redefine as relacións de equilibrio humano-contorno sometendo agora a individuos e ecosistemas á “produción” de valor de cambio: o contorno como medio, a mercadoría como fin.
“Os valos ao redor dos bens comunais inauguraron unha nova orde ecolóxica. O cercamento non só transferiu o control dos campos de pastoreo dos campesiños ao señor; tamén marcou un cambio radical nas actitudes da sociedade fronte ao ámbito natural. Antes, en calquera sistema xurídico, a maior parte do contorno se consideraba como ben comunal, co que a maioría da xente podía abastecer as súas necesidades básicas sen ter que recorrer ao mercado. Despois do cercamento, o ámbito natural tornouse principalmente unha riqueza ao servizo de “empresas” que, ao organizar o traballo asalariado, transformaron a natureza en bens e servizos dos que depende a satisfacción das necesidades dos consumidores. Esta transformación está no punto cego da economía política.” Ibidem
Por outro lado, o silencio entendido como espazo neutral, como médium baleiro de expresión, ou absolutamente aberto, vese colonizado agora pola técnica do ruído que se encarga de distribuír (os) roles de poder (dicir). Aquilo que un día foi espazo de produción distribuída de saberes, transfórmase en canle de transmisión discursiva, ferramenta de contaminación ideolóxica. Dispositivo.
“No mesmo barco no que eu cheguei en 1926, arribaba o primeiro altofalante á illa. Moi pouca xente alí oíra falar de tal cousa antes. Ata aquel día, homes e mulleres falaban con voces máis ou menos igualmente potentes. Todo iso cambiaría. O acceso ao micrófono determinaría que voces se amplificarían. O silencio deixou de ser un ben común; tornouse un recurso polo que haberían de competir os altofalantes. A linguaxe en si pasou de ser un ben común local a un recurso nacional para a comunicación.[…]
Así como o cercamento por parte dos señores incrementou a produtividade nacional mediante a negación ao campesiño para que criase unhas poucas ovellas, así a usurpación provocada polos altofalantes destrúe ese silencio que durante toda a historia lle outorgara cada home e muller a súa propia voz. Polo menos que teñamos acceso a un altofalante, estamos silenciados.” Ibidem
É contra a información que se erixe o silencio como espazo común de produción de discurso. Reivindicar a descentralización da produción de realidade, colectivizar a enunciación de sentido que produce realidades experienciables. A tarefa que parecen ter emprendido as multitudes hoxe é a de opoñerse con máis ruído ao altofalante, multiplicar os altofalantes para crear un novo silencio, anular as lóxicas de apropiación e prescrición de sentido. Ata as súas últimas consecuencias.
“Ao rexeitar conformarse con aprehender a comunicación como un mero obxecto de observación e ao proxectala no movemento dun proceso, o investigador axuíza a posición que a burguesía asigna á práctica científica e, polo tanto, axuíza o seu propio status. Imponse, por conseguinte, definir a súa situación. Os seus pasos desembocan obrigatoriamente nunha consulta sobre o papel do intelectual e en xeral dos que o sistema asociou directa ou indirectamente como protagonistas da súa historia, instituíndoos, en tanto donos exclusivos do sentido das cousas e dos seres en intérpretes privilexiados e difusores encargados de transmitir ás masas o significado dos fenómenos e procesos sociais. Detrás desta pregunta, transloce o cuestionamento do papel dos que aseguran a mediación do sentido da realidade para coas masas.” A. Mattelart. La comunicación masiva en el proceso de liberación.
Ese non é mal camiño.