Recensión sobre Arqueoloxías do futuro, de Fredric Jameson.
Sören Hauser
Fredric Jameson (1934-…), lembrado crítico cultural estadounidense, abriu en 1981 co libro The Political Unconcious: Narrative ás Socially Symbolic Act (Trad. esp.: Documentos de cultura, documentos de barbarie. Madrid, Visor, 1989) unha investigación sobre o proceso narrativo no mundo cultural como aquilo susceptíbel de deixar ler no seu interior todo un proceso de interiorización inconsciente que o sistema capitalista levou consigo ao longo das súas continuas reestruturacións. Jameson cría que na narración cultural se podían identificar os apresamentos que a sociedade vivía con respecto ao seu modo de produción. No mesmo ano publicou o artigo O postmodernismo ou a lóxica cultural do capitalismo tardío, máis tarde ampliado en libro, onde identificaba o proceso da postmodernidade como o correspondente cultural do sistema económico que reflectía a imposibilidade de pensar historicamente o presente. Dalgún xeito isto viña dado entre outras cousas pola crecente espacialización dada na cultura postmoderna e a eliminación das experiencias temporais existenciais tan propias da modernidade. Tamén por iso, reflectíase ao sistema capitalista como o final dun proceso ou, polo menos, como un ferrollo ideolóxico que non deixaba ver alén de si. Deste modo toda alternativa a este sistema só podía verse a través dunha catástrofe de dimensións globais e que toda visión de futuro non era máis que unha proxección daquilo xa implícito no capitalismo.
Por elo Jameson procura na utopía un intento de imaxinar unha auténtica alternativa ao sistema e niso toman especial relevancia varios factores:
-
O papel da imaxinación, reprimida polo modo de produción e necesitada de liberación para o seu despregamento.
-
O papel do desexo, do mesmo xeito enganado por unha sociedade occidental que se xacta de poñer todo dispoñíbel ao consumidor potencial.
-
O papel das manifestacións culturais como aquilo que deixa translucir os bloqueos de imaxinación e desexo –e que se poden interpretar na súa narratividade.
-
O papel político que queda detrás de todos estes procesos e que refire a unha concepción de colectividade, eliminada neste sistema, e que se manifesta culturalmente baixo pulos utópicos.
-
O papel da alteridade como aquilo alén da homoxeneización e o pastiche postmoderno.
Así, en Arqueoloxías do futuro (de próxima publicación na colección “Cuestións de antagonismo” da editorial Akal), Jameson realiza un estudo pormenorizado da Utopía, a imaxinación e o desexo en dúas vertentes: o referente á “forma” utópica e o referente ao “contido” utópico. Para o segundo desenvolverá a imaxinación e desexo reflectidos na literatura de Ciencia-ficción.
Non é casualidade que os achegamentos que previamente Jameson realizara con respecto á Utopía (por exemplo en “Islandsandtrenches“, en Theideologiesoftheory. Essays 1971-1986. Vol. 2. UniversityofMinnesota, 1988; “Utopianismaftertheendofutopias“, en Postmodernism, or, the cultural logicof laté capitalism. Duke University Press, 1991; ou en Seedsof time. ColumbiaUniversity Press, 1994) tivesen relación directa co achegamento do autor á semiótica de Greimas pois, baixo a inscrición do seu rectángulo, un podía enmarcar distintas manifestacións ou correntes culturais baixo os polos nos que estaría condenado a oscilar. O seu interese sería pois ver os bloqueos e as parálises referidas aos inconscientes colectivos.
Deste xeito os achegamentos de Jameson tratan sobre a dificultade de imaxinar a utopía, pois esta é vista como o outro polo ao sistema capitalista, a súa alteridade. Así, a utopía representa a emerxencia á superficie dos desexos inalcanzábeis que todos temos ao respecto da colectividade. No cumprimento dos desexos a utopía expresa a ausencia da comunidade nesta sociedade.
Pero ademais a utopía ten unha función política que é rachar o futuro que prefabrica o sistema para facernos conscientes do noso aprisionamento ideolóxico e, por iso, para exercer unha oposición ao anti-utopianismo que si exerce unha posición política clave nos nosos días.
Dentro da tematización da narratividade da alteridade na ciencia-ficción atopámonos por exemplo, co capítulo nove –páxinas 119-141–, “The Alien Body“, onde se cita a Orson Scott Card, quen afirma a existencia nas linguas nórdicas de catro tipos de alteridade antropolóxica. En primeiro lugar o utlänning, que é o estraño recoñecido como un ser humano, pertencente ao noso mundo, pero doutra cidade ou país. O segundo é o framling que é recoñecido como humano, pero doutro mundo. O terceiro é o raman, que é o estranxeiro recoñecido como humano pero doutra especie e o cuarto é o alien, completamente animal, co cal resulta imposíbel interacción algunha. Esta é unha liña antropolóxica que tamén dá lugar a que nos fagamos máis conscientes de que o medo á utopía é o medo a aquilo incomprensíbel, á novidade absoluta, aquilo con outras condicións de intelixibilidade.
Dende a vertente máis política é o medo ao anonimato, é dicir, á disolución do individuo na colectividade a que leva ao pensamento de que a chegada utópica levaría consigo a perda de todo aquilo que somos, de todo o que nos constitúe como tales.
Tal é a trampa do sistema e a posición a evitar por toda subxectividade política nos comezos do s. XXI.