Abxuración da Triloxía da vida.

Pier Paolo Pasolini

I

Eu penso que, primeiro, non se debe nunca, de ningún modo, temer á instrumentalización por parte do poder e da súa cultura. É preciso comportarse como se esta eventualidade perigosa non existise. O que conta é sobre todo a sinceridade e a necesidade de aquilo que se debe dicir. No é necesario traizoala de ningún modo, e moito menos calando diplomaticamente, por precaución.

Pero tamén penso que, despois, é necesario darse conta de canto se ten estado instrumentalizado, eventualmente, do poder integrante. E polo tanto, se a propia sinceridade ou necesidade ten sido escravizada e manipulada, eu penso que se debe ter, sen máis, a coraxe de abxurar.

Eu abxuro da Triloxía da vida, aínda que non me arrepinta de tela feito. Non podo en efecto negar a sinceridade e a necesidade que me empuxaron á representación dos corpos e do seu símbolo culminante, o sexo.

Tal sinceridade e necesidade teñen diversas xustificacións históricas e ideolóxicas.

Antes de nada elas inclúense na loita pola democratización do “dereito a expresarse” e pola liberación sexual, que foron dous momentos fundamentais da tensión progresista dos anos Cincuenta e Sesenta.

En segundo lugar, na primeira fase da crise cultural e antropolóxica que comezou sobre a fin dos anos sesenta -na que comezaba a triunfar a irrealidade da subcultura dos “mass media” e polo tanto da comunicación de masa- o último baluarte parecían ser os “inocentes” corpos coa arcaica, escura, vital violencia dos seus órganos sexuais.

En fin, a representación do eros, visto nun ámbito humano apenas superado pola historia, pero aínda fisicamente presente (en Nápoles, no Medio Oriente) era algo que persoalmente me fascinaba, en canto singular autor e home.

Agora todo está trastornado.

Primeiro: a loita progresista pola democratización expresiva e pola liberación sexual ten sido brutalmente superada e banalizada pola decisión do poder consumista de conceder unha vasta (en canto falsa) tolerancia.

Segundo: tamén a “realidade” dos corpos inocentes ten sido violada, manipulada, alterada polo poder consumista: é máis, tal violencia sobre os corpos converteuse no dato máis macroscópico da nova época humana.

Terceiro: as vidas sexuais privadas (coma a miña) teñen sufrido o trauma tanto da falsa tolerancia coma da degradación corpórea, e iso que nas fantasías sexuais esa dor e felicidade, converteuse en suicida desilusión, informe inercia.

II

Sen embargo, a aqueles que criticaban, con desagrado e desdeñosos, a Triloxía da vida, non lles veña en mente pensar que a miña abxuración conduza aos seus “deberes”.

A miña abxuración conduce a outra cousa. Teño terror de dicilo: e busco, antes de dicilo, como o meu real “deber”, os elementos retardantes. Que son:

a) O intransgredíbel dato de feito que, aínda que quixese continuar a facer películas como as da Triloxía da vida, non podería: porqué agora xa odio os corpos e os órganos sexuais. Naturalmente falo de estes corpos, e destes órganos sexuais. É dicir dos corpos dos novos mozos e rapaces italianos, dos órganos sexuais dos novos mozos e rapaces italianos. Obxectaráseme: “Ti certamente non representabas na Triloxía corpos e órganos sexuais contemporáneos, senón os do pasado”. É certo: máis por algún tempo foi posible ilusionarme. O dexenerado presente era compensado tanto pola obxectiva supervivencia do pasado como, consecuentemente, pola posibilidade de evocalo. Pero hoxe a dexeneración dos corpos e dos sexos contraeu valor retroactivo. Se aqueles que entón foron de tal modo, puideron converterse agora de tal modo, quere dicir que xa o foran potencialmente: polo tanto o seu modo de ser de entón é, no presente, depreciado. Os mozos e rapaces do subproletariado romano -que despois eu proxectei na vella e resistente Nápoles, e despois nos países pobres do Terceiro Mundo- se agora son inmundicia humana, quere dicir que tamén entón o foron potencialmente: foron polo tanto imbéciles obrigados a ser adorables, depauperados criminais obrigados a ser simpáticos loubáns, viles ineptos obrigados a ser santamente inocentes, etc, etc. O derrube do presente implica tamén o derrube do pasado. A vida é un montón de insignificantes e irónicas ruínas.

b) Os meus críticos, desconfortados e despectivos, mentres todo isto sucedía, tiñan os seus cretinos “deberes”, como dicía, para continuar a impoñer: foron “deberes” que tiñan coma obxectivo a loita polo progreso, o crecemento, a liberalización, a tolerancia, o colectivismo, etc, etc. Non se deron conta de que a dexeneración ten sucedido xusto a través dunha falsificación dos seus valores. E eles teñen agora o aire de estar satisfeitos! De atopar que a sociedade italiana ten indubidablemente mellorado, converteuse en máis democrática, máis tolerante, máis moderna etc. Non se decatan da avalancha de delitos que somerxen á Italia: confinan este fenómeno nas crónicas, quítanlle todo valor. Pensan que non hai ningunha solución de continuidade entre aqueles que son tecnicamente criminais e aqueles que non o son: non se decatan de que os modelos de insolencia, inhumanidade, desapiadade é idéntica para a enteira masa de xoves. Non se decatan de que en Italia existe ata o toque de queda, que a noite é deserta e sinistra como nos máis negros séculos do pasado: pero isto non o experimentan, quedan na casa (tal vez a gratificar a propia consciencia ca axuda da televisión). Non se decatan de que a televisión, e quizais aínda peor a escola obrigatoria, teñen degradado a todos os mozos e os rapaces en desdeñosos, acomplexados, racistas burguesitos de segunda clase: senón que consideran isto unha desagradable conxuntura, que certamente resolverase -coma se unha mutación antropolóxica fose reversible. Non se decatan de que a liberación sexual en troques de proporcionar lixeireza e felicidade aos mozos e aos rapaces, converteunos en infelices, pechados, e en consecuencia estupidamente presuntuosos e agresivos: pero disto directamente non se queren ocupar, porque non lles importan nada nin os mozos nin os rapaces.

c) Fóra da Italia, nos países “desenrolados” -especialmente en Francia- as contas estan feitas fai tempo. Fai tempo que o pobo cronoloxicamente xa non existe. Para os burgueses franceses, o pobo está constituído polos marroquís ou polos gregos, polos portugueses ou os tunesinos. Os cales, pobres, non teñen outra cousa que facer que asumir o máis pronto posible o comportamento dos burgueses franceses. E isto pensan tanto os intelectuais de dereita coma os intelectuais de esquerda, no mesmo idéntico modo.

III

En suma, é hora de afrontar o problema: a que me conduce a abxuración da Triloxía?

Condúceme cara a adaptación.

Estou a escribir estas páxinas o 15 de Xuño de 1975, día de eleccións. Sei que se incluso -como é probable- hai unha vitoria das esquerdas, unha cousa será o valor nominal do voto, e outra o seu valor real. O primeiro demostrará unha unificación da Italia modernizada en senso positivo; o segundo demostrará que a Italia -sen contar naturalmente cos comunistas tradicionais- é xa, no seu conxunto, un país despolitizado, un corpo morto no que os seus reflexos son mecánicos. A Italia non esta vivindo máis que un proceso de adaptación á propia degradación, da cal busca liberarse só nominalmente. Tout va bien: non existen no país masas de xoves criminais, ou neuróticos, ou conformistas ata a loucura ou ata a total intolerancia, as noites son seguras e serenas, marabillosamente mediterráneas, os secuestros, os roubos, as execucións capitais, as millóns de subtraccións e de furtos ateñen só ás páxinas de crónica dos xornais, etc. Etc. Todos se teñen adaptado ou a traveso de non querer decatarse de nada ou a través da máis inerte desdramatización.

Pero tamén teño que admitir que incluso o terse decatado ou o ter dramatizado non protexe de ningún modo da adaptación ou da aceptación. Entón eu estoume adaptando á degradación e eu estou aceptando o inaceptábel. Manobro para reorganizar a miña vida. Estou a esquecer como eran antes as cousas. Os amados rostros de onte comezan a amarelar. Estame diante -lentamente sen alternativas- o presente. Readapto o meu compromiso a unha maior lexibilidade (Salò?)

Trad. Giacomo Hauser