comunsBranco

IMPORTANTE!!!!! O PRAZO DE MATRICULA REMATA ESTE MÉRCORES 10 DE XUÑO!!! (erro no cartaz)

“Aquí e agora” os comúns están a se re-inventar: nos nosos montes, nas nosas casas e (non) cidades, no dixital como espazo virtual que nos reconecta coa tradición facedora de futuros. A re(invención) remite a unha temporalidade que non é a liña abstracta do progreso, senón o lugar dunha memoria por vir, que desborda a oposición entre o “local” e o “global” nun reaparecido territorio post-capitalista, feito e desfeito por todos os estratos e restos que o preceden. A reinvención dos comúns fai alusión a certas zonas singulares e irredutíbeis: territorios, corpos e comunidades reais que non son susceptíbeis de representación e que, precisamente por iso, apelan a unha reflexión constante que lles faga xustiza.

Desta vez, Proxecto Derriba non estamos soas; atopámonos xunto con outras comunidades singulares: Alg-a laboratório, Montenoso, Ergosfera. Dende este lugar de encontro queremos convidarvos a pensar outros modos de habitar, de novo, o lugar, que cuestionen a lóxica temporal do propio.

PROGRAMA DO CURSO:

Día 18

-Presentación. Re-inventando os comúns: cultura dixital e territorio

-1º nodo: Cultura dixital e culturas antergas; recuperando a matriz. Man_Hauser (Alg-a Laboratório)

A Cultura Dixital recupera aspectos fundamentais das Culturas tradicionais/ancestrais, até o punto de voltar ao seu mesmo centro: a terra, o cosmos como baleiro nuclear e potencial, xa estaba nas cosmovisións primitivas. Semella que a era dixital desenvolve unha ontoloxía moi semellante, como rede ou matriz de usuari@s, receptores do coñecemento, traspasando a noción de autoría e propiedade que imperaba dende a era moderna até na Sociedade do Espectáculo no S.XX. Repasaremos plantexamentos de Deleuze-Guattari e P. Levy entre outros, a través de conceptos como os de matriz, potencia, espazo antropolóxico ou virtualidade.

-2º nodo: Os montes veciñais en man común facedores de posibilidades e futuros. Colectivo Montenoso.
Hai casos de propiedade alén da dicotomía público/privado? Que son os MVMC (montes veciñais en man común) e como transferir esta fonte de coñecemento centenario a outros eidos? A través deste obradoiro teórico-práctico Montenoso afonda na idea de que os comúns son facedores de posibilidades e de futuros. É preciso, polo tanto, mediar conexións entre axentes diversos e activar estratexias de contaxio.
Para iso abre distintos regos de cuestións arredor da realidade dos MVMV: a gobernanza, a lexislación, os conflitos ou a súa multifuncionalidade, poñendo o foco no concepto “propiedade temporal”. Xs participantes do obradoiro irán sachando estes temas a través do Xogo do mancomún.

-Debate.

Día 19

-Charla: Comunidades imposíbeis. Unha proposta política virtual e común. Abraham Rubín (Proxecto Derriba)
Nesta charla tentaremos problematizar a diferenza entre posibilidade e virtualidade para ver como a escolla entre ambas pode dar lugar a unha opción política baseada no transcendente, no inmanente ou nunha visión unívoca do ser. Isto delimitará a construción do concepto de común que se poida facer desde unha proposta política.

-3º nodo: Os comúns nunca están rematados. Os territorios e cousas urbanas tampouco. Ergosfera

O non-rematado é un dos principais inimigos da razón do estado e do mercado á hora de controlar e capitalizar o mundo físico. A partir da hipótese de que a dialéctica degradación-emerxencia pode ser unha fórmula plausible para comprender a xeración de exterioridade, faremos un percorrido polos territorios e cousas urbanas sen rematar máis presentes en Galicia, e pensaremos algúns dos chamados “feísmos” coma máquinas con múltiples atributos non estéticos que fomentan a infiltración da diferenza e dos comúns na vida contemporánea.

-4º nodo: Máis aló da débeda: subversións feministas do eco-nómico. Proxecto Derriba.


Re-inventar o común dende as diferenzas é o gran reto que o feminismo nos propuxo a todxs. De feito, os comúns por vir percorren a modo de núcleo errático o pensamento feminista recente, conectando a performatividade do xénero como pensamento da vida precaria e a renovada reivindicación dos “coidados” como núcleo agochado da (re)produción capitalista. A afirmación da vida nas diferenzas comúns implica subverter a determinación moderna do económico, cuxa deriva máis radical é a imposición da “lóxica” da débeda como modo específico de gobernanza das poboacións e a redución de corpos e lugares a dicotomía propio/non propio. Fronte a esa economía da débeda, tentaremos seguir a traxectoria do pensamento feminista do común para unha figura distinta do oikos que nos permita artellar “aquí e agora” o lugar dun máis aló da débeda.

-Conclusións

 

Descarga o programa en pdf

LIGAZÓNS:

www.usc.es/cultura/veran

https://rede.imaxinaria.org/groups/profile/19872

www.lab.alg-a.org

http://montenoso.net

www.ergosfera.org