Oskar Hauser

A

finais dos anos 90 unha serie de sucesos comezaran a chamar a atención dos medios. Tan só un denominador común: un tal Luhter Blissett parece ser o responsábel dunha serie de accións bastante singulares que acontecen en diferentes lugares e nun tempo próximo. En realidade todo comeza uns poucos anos antes cando a mediados dos 90 un novo heroe popular comeza a tornarse posíbel na imaxinación dun grupos de activistas. Daquela deciden que durante cinco anos Luther Blissett vai funcionar coma un pseudónimo múltiple. Especialmente na Italia, o Luther Blissett Project participa en varias accións entre 1994-1999 fomentando a lenda dunha figura misteriosa que axiña comeza a ser coñecida. Segundo os seu propios protagonistas tratábase dalgún xeito dun: “Robin Hood da era da información que libra unha guerra de guerrillas dentro/contra unha industria cultural en proceso de profunda transformación….fai trasnadas nos medios masivos como un xeito de facer arte, sempre reivindicando a responsabilidade dos feitos e describindo as fallas do sistema, o cal aproveita para se facer público ou transmitir o bulo”1.

Un novo episodio da guerrilla da comunicación estaba en marcha. Seguindo aquela fala brechtiana que ironizaba sobre a importancia relativa de roubar un banco en comparación coa fundación dun novo banco, a idea é tratar de aproveitar o funcionamento real dos medios para acadar un obxectivo que doutro modo é inalcanzábel. En vez de laiarse pola dubidosa moralidade das nosas sociedades de comunicación de masas se acepta o seu xogo perverso e previsíbel mais sen caer no seu cinismo. Non é doado, mais é ben divertido. Diversos factores facilitan a labor dos activistas: a preguiza dos xornalistas e, especialmente, as condicións laborais ás que son sometidos no seu traballo, a precariedade laboral, e o funcionamento cotián dos medios de comunicación de masas na súa cobiza pola procura daquel suceso que consiga chamar a atención dos consumidores nun mundo hiperestimulado pola información.

De igual xeito que se constrúe unha determinada marca e sen necesidade de acudir a unha axencia de publicidade, pódese acadar a construción dun personaxe social. Sen necesidade tampouco de agardar por unha teoría ben fundamentada, coas ferramentas da cultura popular das sociedades contemporáneas, coas posibilidades das novas redes de comunicación, e con moito sentido do humor, ponse a andar unha guerrilla da comunicación. Pode servir para espallar un movemento social e ao mesmo tempo para protexer un movemento social, como sucede no caso do zapatismo. A rede proporcionou nos últimos quince anos unha ferramenta indispensábel para a actualización das técnicas da guerrilla da comunicación. Como se trata de aproveita-la propia perversión social, as súas fallas, as súas fraquezas, outra característica, xa que logo, dos traballos do LBP foi o emprego dun xeito espontáneo das licenzas copyleft. O complemento indispensábel dun activismo feito na casa que aproveita todo o que ten a man para reivindicarse como lugar común, como espazo público. Na práctica o traballo crítico sobre o copyright estivo presente nas actividades deste colectivo dende os comezos con Luther Blissett, e foi un dos motivos, como eles mesmos recoñecen, para a difusión das súas obras.2

A actividade principal do grupo, porén, ten que ver coa escritura nun sentido amplo. O programa “quinquenal” que se marcara o Luther Blissett Project concluíu coa publicación na Italia no mes de marzo de 1999 da obra Q. Esta novelafoi escrita por catro membros do LBP de Bologna e traducida sucesivamente para diversas linguas. Despois desa aventura, en xaneiro de 2000, outro escritor foise engadir aos outros catro autores de Q, e comezou a andaina de Wu Ming, termo chinés que pode significar “sen nome”. Sempre na procura dunha relación directa cos lectores a través do seu site, e mesmo poñendo en marcha proxectos de escrita colectiva, Wu Ming propiciou a creación dunha narrativa para un grupo heteroxéneo de activistas, xente da rúa, ou simples afeccionados á literatura, propiciando asemade un diálogo horizontal onde os propios lectores puideran facer de críticos, sen mediacións académicas ou institucionais. Autonomía e autoxestión como medio de recuperación dun espazo público que pode xurdir en calquera momento e lugar, e mesmo brillar con intensidade.

No 2002 Wu Ming publicou a novela 54 ambientada no século XX. A partires de aí comezaron a aparecer proxectos tamén en solitario como a novela New Thing de Wu Ming 1 no 2004. No 2007 apareceu Manituania, primeira parte dunha triloxía sobre o século XVIII.3 No 2008 coa saída do colectivo de Wu Ming 3 volveron ser catro os compoñentes estables do colectivo. Estes son só algúns dos momentos fundamentais dunha aventura en marcha, xa de por si máis que suficientes, pero que non esgotan o percorrido e as actividades de toda a xente que vén participado no desenvolvemento desta comunidade. Quizais o máis salientábel for a construción colectiva dunha obra de ficción pioneira no emprego de licenzas Creative Commons, mais ao mesmo tempo un traballo fascinante para unha deconstrución da autoría dun xeito práctico, que é realmente admirábel.

Luther Blissett

 

Q sitúa o seu escenario nos feitos acontecidos ao redor da chamada Guerra dos labregos (Bauernkrieg) que tivo lugar a partires do 1524 no Sacro Imperio Románico Xermánico. O contexto da época ven marcado polo movemento da Reforma Protestante e a Contrarreforma católica, e o telón de fondo e, á súa vez, a loita polo poder entre o Emperador Carlos V e o Vaticano.Ante todo é unha novela de aventuras e intriga, non exenta dalgúns dos motivos da picaresca, cunha alegoría política bastante evidente sobre o momento histórico actual.

“[…] Loitei […] á beira de homes que crían realmente que podían acabar coa inxustiza e a maldade sobre a terra. Eramos miles, eramos un exército. A nosa esperanza esnaquizouse de plano en Frankenhausen, o 15 de maio de 1525. Ese día eu abandonei un home ao seu destino, ás armas dos lansquenets. Leveime a súa faltriqueira chea de cartas, nomes e esperanzas. E a sospeita de ser traizoado, vendido ás forzas dos príncipes como un rabaño no mercado”. Aínda me custa pronunciar o seu nome. “Ese home era Thomas Müntzer.”

Non podo velo, pero sinto o seu asombro, quizais a incredulidade de alguén que cre estar falando cunha pantasma. A súa voz é practicamente un rumoreo. “loitaches realmente con Thomas Müntzer?” Luther Blissett, Q

A pesares de estar tecida por unha multitude de personaxes o peso da narración recae, durante os máis de trinta anos nos que transcorre a acción, na vida de dous homes cuxos destinos non deixan de se cruzar. Un é un aspirante a teólogo que anda na procura da transformación dunha relixión aristocrática, decadente e tiránica, no evanxeo prometido: aquel que fala da rebelión dos desposuídos. Mais é aquel que por mor da súa inesperada capacidade para sobrevivir a tódalas batallas perdidas, vira nun mercenario ao servizo da revolución onde queira que ela for. Un supervivente con múltiples identidades que vai mudando dunha para outra de igual xeito que vai mudando de lugar. Un sen nome. Doutro lado, tan só unha inicial ao servizo do poder: Q, o cazador de herexes. A Q de Qohéleth é a voz anónima do libro do Eclesiastés, da ekklesia, da comunidade. Dúas comunidades de signo inverso, a comunidade dos sen comunidade e a comunidade dos elixidos para maior gloria dos representantes de Deus. Ou máis certamente para a gloria de Paulo IV, o Papa que forneceu dende a Inquisición tódolos medios precisos para acadar as súas ambicións persoais. Dous peóns que, porén terán na súa man a posibilidade de mudar de signo a partida.

Os predicadores anabaptistas, os protagonistas en xeral da novela, axitarán un movemento que se verá atrapado entre a Reforma de Lutero, que tentará unha liberación fracasada das cadeas do dogma papal para se encadear á súa propia autoridade e aos príncipes xermánicos, e ó poder da Igrexa Romana. Entre todos eles sobresae a figura revolucionaria de Thomas Müntzer como un dos líderes dun movemento capaz de desestabilizar toda a xerarquía do poder. Até tal punto que católicos e luteranos non terán reparos en aliarse, como estraños compañeiros de cama, para extermina-la praga anabaptista. De Thomas Müntzer o líder revolucionario dos labregos e a masacre de todos eles en Frankenhausen o imposíbel viaxará cara ao soño de Münster.

A partires de aí o protagonista terá que reinventarse a si mesmo e a súa causa. O escenario físico tamén se despraza a través dos Países baixos, ou finalmente cara Venecia. As batallas perdidas non impiden que a loita se transfigure e mude de obxectivos. Un momento interesante xurde no capítulo titulado “O mar (1538)”, cando se aborda a relación entre poder e capitalismo personificada nos banqueiros Fugger:

O que amosa esta historia é a lei fundamental do crédito: quen queira recoller os aforros de moitos ten que disfrutar da confianza de moitos”

A resolución da trama deixa aberta unha porta á militancia, á esperanza, unha partida que dalgún xeito ten que acabar en táboas: pasa o testemuño dunha derrota mais tamén pasa o testemuño en continuidade cunha militancia anónima.

No literario, Q é unha obra realmente entretida, ben construída, aínda que non pretende unha innovación formal, como xa debeu quedar claro o seu sentido non reside nunha proposta meramente estética. Non perde de vista o conxunto, a combinación de factores artísticos, políticos e sociais, para produciren un traballo fantástico. O máis conmovedor seguramente é esa capacidade para transitar colectivamente por unha vía propia aproveitando os recursos dispoñíbeis, entre eles a rede como ferramenta fundamental, sen deixarse atrapallar por tódolos paradoxos performativos que o mercado da arte ten reservados para aqueles que non saben escoller outro camiño que o da creación.

A lectura alegórica foi, con todo, o elemento fundamental na recepción da novela xa dende a súa publicación. Mito e comunidade mesturáronse nunha creación conxunta entre escritores e lectores que foi alén do literario para a propia vida. A mitopoiese, a creación de mitos estivo no centro das actividades tanto de Luther Blissett como de Wu Ming. Máis a mitificación sempre adoita ser un proceso de consecuencias imprevisíbeis, que normalmente escapa do alcance do seu creador. As dificultades experimentadas no proceso activo de xeración dunha comunidade ao redor do traballo sobre o mito, fixeron necesario un momento de reflexión retrospectiva sobre súa propia obra, que os Wu Ming levaron ao cabo dez anos despois da aparición da novela Q: “Espectros de Müntzer no amencer”.4

Esa necesidade de reflexión retrospectiva comeza por atopar na súa orixe, á súa vez, a unha figura mítica contemporánea. O propio mito creado polo subcomandante Marcos e a estratexia comunicativa do zapatismo contemporáneo foron unha das influencias decisivas de Luther Blissett/Wu Ming. A participación destacada dos Monos brancos (Tute bianche) na marcha Zapatista de 2001 xorde como unha das experiencias claves, na configuración simbólica da nova narrativa que eles irán propoñer.5 O entrelazado do movemento antiglobalización coa narrativa histórica, co mesianismo, será un dos puntos fortes de Q. Esa necesidade da configuración do mítico dende un punto de vista político e social conducirá a Wu Ming, dando un paso máis, a abrir un debate público sobre a presenza da épica no seu contexto inmediato. New Italian Epic foi mesmo a denominación que propuxo Wu Ming 1 para esa creación colectiva dunha narración mítica que xurdirá a partires da publicación de Q, e que foi amplamente traballado e discutido polo colectivo no seu site. O texto inicial foi masivamente descargado e os propios lectores fixeron de críticos participando nun debate sobre o propio lugar da épica na cultura pop.

Mais daquela, en México, algúns dos Wu Ming aproveitaron para agasallar ao Sub cun exemplar de Q. A novela parecía así completar un circulo e volver dalgún xeito á súa orixe. Dende a Guerra dos labregos alemáns até ó levantamento zapatista en Chiapas. Foi, de feito, o inspirador efecto do zapatismo o que forneceu parte importante do pulo que conduciu as actividades do LBP:

“O exemplo establecido polos zapatistas axudou ao LBP a refina-lo seu propósito: tirar o emprego dos mitos das mans dos reaccionarios.”6

Nun período curto dalgúns meses e levado pola urxencia das circunstancias, o colectivo foi incrementando a súa participación e ao mesmo tempo a súa presenza no “espírito” antiglobalización. O mito estaba cobrando vida dun xeito acelerado e escapando ó control dos seu creadores:

Non foi o único fenómeno estraño que detectamos aqueles días, xa que a pantasma de Thomas Müntzer (¡e non outro!) estaba reaparecendo en lugares inesperados. Había algún tipo de curtocircuíto entre Q e o movemento. Grazas ao boca a boca e a internet, a novela converteuse nun superventas internacional. Comezamos a ver a frase de Müntzer “Omnia sunt communia” [Todo é común] en pancartas e cartaces. Empezamos a ver que os activistas utilizaban citas de Q como sinaturas de correo electrónico. Nos foros dedicados ao movemento, a xente adoptaba pseudónimos como “Magister Thomas” ou “Gert-do-Pozo”. Foi só o principio dunha relación estraña, controvertida e problemática entre o noso traballo literario e a loita en curso. Nos meses anteriores ao momento decisivo de Xénova, os nomes “Wu Ming” e “Wu Ming Foundation” asociábanse máis con actividades de “agit-prop” que coa nosa produción literaria. Foi culpa nosa principalmente, xa que estabamos tan inmersos na loita que se fixo difícil evitar a confusión de roles.”7

Wu Ming aceleraba a retórica social, ao funcionares como un catalizador, un tanto preso na fascinación da figura de Thomas Müntzer, do axitador, do predicador. Mesmo actuando anonimamente eran máis ou menos recoñecidos como os responsábeis dun dos panfletos que máis circulou na época. “Das multitudes de Europa..” foi espallándose entre a xente dos movementos sociais na primavera-verán de 2001:

“Somos o exército de labregos e mineiros que seguiron a Thomas Müntzer. […] Os lansquenets extermináronnos en Turingia, Müntzer foi esnaquizado polo verdugo, e aínda así ninguén podía negalo: todo o que pertencía á terra, á terra volvería.”8

Así foise creando unha metáfora viva na que o imperio se describía como un castelo asediado por un heteroxéneo exército de labregos. Obviamente eles mesmos participaban dun movemento espontáneo no que converxían múltiples factores. Esa é precisamente a característica principal dun movemento. Seguramente a construción da metáfora do asedio era inevitábel. E dese xeito foi xurdindo o clima a favor para unha resposta multitudinaria á escenificación do poder que ía acontecer en Xénova no mes de Xuño de 2001: a cimeira do G8, a primeira cimeira de George Bush.

Malia que inspiradora e eficaz, a metáfora era unha falsa representación. Non había ningún asedio real en curso, xa que non podes cercar un poder que está en tódalas partes e cuxa principal manifestación é un fluxo constante de electróns de bolsa en bolsa.

Esta falsa representación mostraríase fatal en Xénova.

Estabamos malinterpretando as cerimonias formais do poder cara a si mesmo.

Estabamos cometendo o mesmo erro que Müntzer e os campesiños alemáns.

Escolleramos un campo de batalla e un suposto día D.

Estabámonos dirixindo a Frankenhausen.”9

A mensaxe é clara, Wu Ming non tratou de agochar a súa parte de responsabilidade nos feitos que aconteceron en Xénova. Como eles mesmos deixan claro se atopaban entre os máis entusiastas naquel momento. Que foi o que aconteceu entón? Por que non souberon percibir a tempo o que estaba a suceder? Estaban tamén seducidos eles mesmos pola forza da alegoría que axudaran a crear? En primeiro lugar, sinalan, foi quizais unha certa inxenuidade no momento en que asumiran como algo necesario o traballo da Mitopoiese , de creación de mitos, ao pensaren que podían manexalo con seguridade. Porén, non hai que perder de vista a propia inevitabilidade do mito, o seu lugar dentro da comunicación humana. E mesmo a vida do mito, dende o seu nacemento á súa morte, o seu carácter cíclico: narracións que son incorporadas por cada nova xeración, que asume como unha tarefa propia a súa creación. A saída polo tanto non se atopa ao evadi-lo problema que conleva o traballo simbólico, o que é preciso evitar e a cegueira do Dr. Frankenstein. producir unha criatura que terminará matando o seu creador. A idea é, máis ben, tentar un traballo sobre o mito tendo en conta a súa inevitabilidade dentro do marco da comunicación e da sociedade.

Mais, é isto posíbel? Profundando un pouco máis na cuestión Wu Ming recuperou a distinción de Furio Jesi entre un achegamento “xenuíno” aos mitos e un outro “forzado”. Esta segunda opción é a que Jesi seguindo a Karóly Kerényi chamara a “Tecnificación dos mitos”. O mito tecnificado é o que se dirixe sempre a aqueles que Kerényi chama “durmintes”, isto é: “aqueles cuxa actitude crítica está inactiva, porque as poderosas imaxes transmitidas polos tecnificadores inundaron a súa conciencia e invadiron o seu subconsciente.”10 A aproximación xenuína, pola contra, demanda una escoita atenta, unha actitude crítica, que se cuestione o lugar do mito e sobre todo que non se apropie da súa potencialidade.

O mito cando é tecnificado sempre actúa como unha falsa conciencia, mesmo cando cremos que o empregamos cun bo propósito vólvese en contra da súa instrumentalización. Nun ensaio titulado Literatura e mito, Jesi preguntábase se sería posíbel inducir á xente a actuar dun xeito determinado –grazas ao poder exercido polas suxestións ideais dos mitos- e despois inducilos a criticar as motivacións míticas da súa conduta. E a súa resposta era clara: “semella prácticamente imposíbel.”11

Máis daquela Wu Ming imaxinou que podería transitar polo difícil camiño que se atopa entre o “practicamente” e o “imposíbel”, xulgaron que Jesi era demasiado pesimista. E así chegaron a Frankenhausen o 20 de Xulio de 2001: “O que aconteceu en Xénova non foi unha derrota «militar», senón unha catástrofe cultural”.

A súa retrospectiva péchase co relato persoal do acontecido naqueles difíciles momentos que saltaron ás portadas de tódolos medios. A pesar de todo fica a súa vontade e a súa determinación de continuar no seu traballo, a súa promesa de seguir cara adiante, tirando só as leccións necesarias do acontecido. Reinventando a comunidade.

_______________________________________________________________

1“Wu Ming Foundation: quiénes somos y qué hacemos”en <www.wumingfoundation.com>

2 Víd. WU MING: “Apuntes inéditos sobre copyright e copyleft” (2005), en <http://www.wumingfoundation.com/italiano/outtakes/apuntes_copyleft_gal.htm>

3Proxecto que conta cun site propio: <www.manituania.com>

4 WU MING: “Espectros de Müntzer al amanecer” publicado en ESPAI EN BLANC & VV.AA.: La fuerza del anonimato. Materiales para la subversión de la vida. Barcelona, Edicións Bellaterra, 2009. Unha versión máis longa se pode procurar en <www.wumingfoundation.com>. Tradución ó cast. de Luis Navarro Monedero.

5 Sobre o espírito dos monos brancos os propios Wu Ming dan a súa perspectiva. Sobre eles falan tamén Negri e Hardt, víd. “Monos blancos” en NEGRI, T. & HARDT, M. (2004): Multitud. Guerra y democracia en la era del Imperio. Barcelona, DeBolsillo, 2006, páxs. 304-307.

6 WU MING: “Espectros de Müntzer al amanecer”, Op. Cit.

7Ibíd.

8Ibíd.

9Ibíd.

10Ibíd.

11Ibíd. Víd. JESI, F. (1968): Letteratura e mito.Torino, Einaudi, 1983.