Francisco Conde Soto
Resumo.
Neste artigo faise unha exposición da teoría do psicanalista francés Jacques Lacan sobre o discurso da universidade, quen entende esta como unha mera produción de saber baleirado de goce no seminario XVII, O reverso da psicanálise (1969-70). A proposta é entón pensar na posibilidade dunha universidade alén desta estrutura, cuxo modelo o ofrecería o discurso do analista, axudando a que o estudante descubra o seu desexo e non se contente cun saber alienante e baleiro.
1. O “discurso” da universidade no seminario XVII de Jacques Lacan.
Discurso vai nesta súa primeira aparición entre aspas, para marcar que non se trata de nada que obedeza á definición habitual de discurso, non se trata dun texto, dun conxunto ordenado de frases e argumentos, mais dun modo de facer vínculo social, da maneira como se relacionan varios individuos dentro dunha sociedade.
Na resaca de maio do 68, Lacan ofrece durante o ano académico 1969-70 un curso sobre os seus famosos catro discursos: do amo, da histérica, da universidade e do analista, que intitula O reverso da psicanálise. Con reverso non se referiría Lacan aquí a unha manobra do mesmo estilo que a tentativa de revolución política de maio do 68, un darlle a volta á situación política no que os que están gobernando pasarían a ser gobernados. Lacan xa tería falado dun certo reverso de Freud, que dataría como mínimo da súa publicación de “Os nosos antecedentes”, un texto incluído no primeiro volume dos seus Escritos publicado en 1966, é dicir, anterior á revolta política do 68.
O “discurso” do que estamos a falar é un discurso sen palabra, unha estrutura que vai alén da palabra e que a precede. Habería unha dimensión da linguaxe que vai máis alá das enunciacións efectivas (Lacan, 1968-69: 17).
A estrutura fundamental da linguaxe é para Lacan o remitir dun significante a outro significante, dunha palabra a outra palabra: S1→S2. Agora ben, tamén se pode pensar que cada un dos significantes tomado por separado remite en realidade a todo un tesouro dos significantes ou palabras, a un conxunto de relacións de remisión dun significante a outro e deste a outro. De maneira que o S1 pode pensarse como remitindo a un conxunto que é o S2. Se digo “mesa: obxecto de catro patas”, entón poño en marcha a remisión dun significante a outro significante, de mesa a pata. Se digo “pata: elemento alongado sobre o que se sostén algo”, entón poño en marcha a remisión dun significante a outro significante, de pata a “alongado”, por exemplo, e así indefinidamente. Entón, o S2 pode ser pensado como un conxunto, como un Outro, como o outro que é a linguaxe á cal cada unha das nosas emisións lingüísticas se enfronta e grazas ás que cobra valor.
Outra maneira de chamarlle a este Outro é dicindo que el é o saber. O saber é para Lacan algo que debe ser pensado “minimalistamente” como a rede que permite simplemente a asociación dunha palabra a outra. O saber pode ser reducido na súa esencia ao feito de poder asociarlle a unha palabra ou a unha frase outra palabra e outra frase obtendo algún tipo de goce a cambio.
Fixémonos no esquema básico da remisión dun significante a outro significante. Un significante representa un suxeito para outro significante e nesta operación prodúcese certo goce (perdido ou recuperado), representado aquí coa letra a:
S1 → S2
$ @
Que o suxeito non sexa máis que esta leve presenza por debaixo do remitir dun significante a outro, cadra moi ben coa posmodernidade. Žižek pon un exemplo dun paciente ingresado. Diante da súa cama hai unha táboa coa información, co saber que lle corresponde: medicación, peso, patoloxía… Esta táboa non representa o suxeito para outro suxeito – para o médico, para o enfermeiro – senón para o saber do médico, do enfermeiro, e así infinitamente… (Žižek, 2004).
O proceso de remisión detense porque aparece un goce, porque hai algo para o suxeito nese punto que vale, que chega, que é suficiente, porque tras “traducir” o primeiro significante polo segundo hai unha resultante da operación que fai barreira, que detén o proceso de remisión.
Noutra aproximación ao concepto de saber neste mesmo seminario XVII do que estamos a falar, Lacan interpreta a pulsión de morte de Freud como unha tendencia que conduce inexorablemente á morte e ante a cal a vida se resiste seguindo sempre uns mesmos camiños, unhas certas vías, uns camiños premarcados. Outra maneira de falar do saber é identificalo con estas vías, estas rutas que resisten no camiño cara á morte1.
Fiquemos, por outra banda, coa idea sumaria de que o goce non é máis que aquilo que máis alá do pracer nos leva cara á morte, nada gozoso en certo sentido.
A teoría dos discursos parte do discurso do amo, que coincide na súa formulación coa relación básica entre un significante S1 e un significante S2 e que Lacan considera tamén a estrutura do inconsciente. Lacan propón no seminario XVII unha distinción en relación ao goce entre o que el chama a época do amo antigo e a época da Industria moderna. O escravo antigo era propiedade privada do amo, pero o amo non o gastaba, economizábao. A relación do amo ao goce non era unha relación de puro goce, de consumo do escravo, senón de aforro. Sen precisar aínda como exactamente, Lacan afirma que no capitalismo esta relación cambia. No mundo antigo o goce quedáballe reservado ao escravo. Este mesmo feito sería tamén o responsable de que a ciencia e a supresión do suxeito non puidesen chegar a xurdir, porque precisamente este goce do escravo ofrecía resistencia (Lacan, 1966).
O noso obxectivo é primeiro comprender o discurso do amo lacaniano para poder describir a modificación exercida sobre el, da que xorde o discurso da universidade. Na época do seminario XVII, 1969-70, Lacan fala dunha transformación do discurso do amo na dirección do capitalismo, cuxo resultado final é o discurso da universidade.
Os catro discursos lacanianos son as estruturas coas cales Lacan pensa o vínculo social. Son o resultado da combinación de catro funcións (axente, outro, produción, verdade) e de catro elementos (o amo, o saber, o plus-de-gozar e a verdade, á cal non se pode nunca acceder) que se distribúen en catro lugares: enriba á esquerda, enriba á dereita, debaixo á esquerda e debaixo á dereita.
Esquema en Radiofonía dos catro discursos (Lacan 1970):
Co discurso do amo Lacan pensa a relación entre o amo (antigo) e o seu escravo, por exemplo, na época da Grecia clásica. O lugar do axente é ocupado polo amo (S1) e o lugar do outro é ocupado polo escravo; un escravo que ten o saber, pensado agora como o saber-facer (S2), un escravo que coñece as técnicas de produción dunha serie de obxectos. En realidade, curiosamente, o amo antigo non se interesaba en absoluto no saber, non tiña ningún desexo de saber, nin sequera de saber cal era o seu propio desexo, porque finalmente tiña o escravo para que lle dixese que era o que el realmente quería. O saber estaba en todo momento de parte do escravo, que servía a un amo do que se pode dicir que en certo sentido era un imbécil. O escravo coñece o desexo do amo, mentres que este non ten ningún acceso directo ao seu propio desexo ($ e @ quedaban separados no discurso do amo).
Só no discurso do analista vai poder acceder o suxeito ao seu desexo, pero non adiantemos acontecementos. Existen certas relacións que se establecen entre as catro posicións do discurso do amo que nos interesan de cara a entender que sucede no discurso da universidade:
(1) De entrada, unha relación de imposibilidade entre as posicións do axente e do traballo ou saber (enriba á dereita e enriba á esquerda, respectivamente). É imposible que un amo faga funcionar o seu mundo, que poña a traballar ao escravo, que sexa capaz de convencelo con argumentos. Lacan resume así a situación: desde o momento en que o amo manda algo, todos os traballadores foxen. A conclusión é que o amo de seu é incapaz de facer traballar, que o saber do escravo non se deixa someter, mandar. Propiamente é amo porque consegue que obedezan á forza, mediante a ameaza do castigo. No capítulo XII do seminario XVII, “A impotencia da verdade”, Lacan interrógase acerca de que é o que fai funcionar o discurso do amo. O lugar do axente, arriba e á esquerda, é o lugar ocupado en todos os discursos polo axente, que non é en absoluto obrigatoriamente quen fai, senón quen é obrigado a facer (Lacan, 1969-70: 197).
Lacan búrlase da interpretación hegeliana da historia na Fenomenoloxía do espírito. Segundo esta interpretación, o traballo forzoso do escravo convérteo no dono último da historia, posto que é o único que pode chegar á verdade baixo a forma dun saber absoluto completamente negado ao amo. O amo non sería máis que un instrumento utilizado pola astucia da razón para permitirlle ao escravo alcanzar o saber absoluto. Segundo esta teoría, non só o amo non manda, senón que ademais é utilizado polo escravo co fin de alcanzar o saber absoluto.
(2) No discurso do amo hai ademais unha relación de impotencia entre as posicións da verdade e da produción (debaixo) (Lacan, 1969-70: 203-204). Hai unha obturación entre o lugar da verdade e o lugar da produción, hai unha impotencia da verdade para dicir cal é a verdade do amo. Unha posible interpretación deste feito é que os obxectos da produción non son verdadeiros, non corresponden a ningunha necesidade natural do amo. Non existe ningunha serie de necesidades que, unha vez satisfeitas, proporcionarían a felicidade humana. Esta mesma impotencia afecta tamén aos tres outros discursos. No discurso universitario, a verdade xerada permanece estraña ao suxeito. No discurso da histérica, o saber producido non lle di nada á histérica sobre o seu desexo. No discurso do analista, aínda que tampouco se saia totalmente da impotencia, con todo temos que vérnolas con outro estilo de impotencia, porque o suxeito pode coñecer, aínda que sexa só un pouco, o seu obxecto-causa do desexo.
O amo antigo só aspiraba aos produtos do traballo do escravo: contentábase cunha pequena renunciación ao goce, cun pequeno adiamento, un pequeno sacrificio por parte do escravo, sempre que fose suficiente para producir os produtos que el desexaba. O escravo concedía esta renunciación sen facer demasiadas obxeccións, de maneira que seguía en certa maneira sendo o lexítimo posuidor dos medios de goce2. O amo utiliza o corpo do escravo, pero do seu goce non toma máis que un pouco. O que lle interesa é obter un corpo purificado do goce, un corpo obediente. O amo acumula escravos, pero con respecto ao goce do escravo se despreocupa3.
En 1970 Lacan fala aínda só dunha “mutación” ou dun “novo estilo” do discurso do amo, pero sen chegar á formulación dun discurso singular e novo, que en anos posteriores nacerá de maneira independente e que será denominado o discurso do capitalista. A mutación da que estamos a falar nace a partir do feito de que a partir dun certo momento histórico se comeza a contabilizar o goce baixo a forma da plus-valía. É a partir deste momento cando se pode falar do nacemento do capital e do capitalismo, e paralelamente do nacemento da universidade4. Unha vez que o plus-de-gozar se transforma en algo que se pode acumular – valor, bens, capital, en algo que o suxeito pode acumulalo. Até este momento tratábase de algo que máis ou menos desaparecía, do que non se podía gozar. O plus-de-gozar ingobernable transfórmase nunha plusvalía contable cun saber, cunha medida, cun patrón, que é o capital. A mutación capitalista transforma os diferentes plus-de-gozar en algo homoxéneo.
No seminario XVI Lacan falaba de que no nacemento do capitalismo tivo moito que ver a creación dun mercado do saber. Lacan sostén que o capitalismo nace despois de que se estableza un certo mercado do saber. A consideración da propia vida como un valor de cambio é posible porque previamente aparece un mercado único e homoxeneizante onde diferentes mercadorías poden ser comparadas. O discursos científico sería un discurso que xoga o rol de patrón de comparación con respecto ao cal se determina o valor de todo discurso. Trátase dunha peculiar ”absolutización do mercado” que permite determinar o valor de todo traballo segundo unha media socialmente establecida, segundo un saber, segundo «certos efectos da linguaxe»5. A aparición do capitalismo tería relación coa aparición dun mercado único do saber, un mercado onde todo saber devén mercadoría. A ciencia determina o valor de cada saber nun mercado único, porque o saber científico é o saber de referencia con respecto ao cal tódolos outros saberes son medidos. A ciencia é o mercado único do saber onde o valor de cada saber é determinado en relación aos outros saberes.
2. A mutación do discurso do amo en discurso da universidade. O Seminario XVII (1969-70).
Agora ben, a explotación capitalista do suxeito non consiste só no sacrificio do seu goce que a nova sociedade lle demanda. Existe outra vertente que consiste nunha expoliación do saber. É aquí onde chegamos á transformación do discurso do amo en discurso da universidade.
S2 → @
S1 $
Se atendemos ao esquema anterior veremos que no discurso da universidade temos:
Un saber (S2) situado en posición de axente, é dicir, a relación dun significante con outro é o que pon en marcha todo o proceso. Este saber aplícase sobre un suxeito, sobre o desexo dun estudante (@), por exemplo, que entón se converte e advirte a súa ignorancia, é dicir, o feito de que é un suxeito barrado ($). E a verdade de todo o proceso é que por debaixo do saber, abaixo e á esquerda, temos en realidade unha posición de amo (S1): é dicir, o saber é tiránico, actúa como amo que non quere outra cousa máis que a si mesmo, non quere que se goce doutra forma que non sexa mediante o puro saber, que non haxa outra maneira de vehicular o goce que non sexa a través da acumulación de máis e máis saber.
Vexamos como comenta Lacan o discurso da universidade no seminario XVII. De entrada, insistindo en que a espoliación do escravo non é só unha espoliación ao nivel do seu goce, senón principalmente unha espoliación ao nivel do saber. Na época moderna ou contemporánea ponse en marcha unha espoliación do saber do escravo por parte do amo, espoliación á cal, por certo, tería seriamente axudado a transformación realizada pola filosofía do saber-facer ou saber-techne do escravo antigo nun saber-episteme. A filosofía transforma o discurso do amo: Sócrates mételle ao amo o desexo de saber. A episteme é o resultado dun proceso onde o saber inscrito inicialmente no corpo do escravo se transforma en algo que se pode transmitir; o saber-techne devén algo articulable. O resultado deste cambio en relación ao saber é que o discurso do amo se transforma no discurso da universidade, tamén chamado por Lacan discurso do amo moderno ou do amo capitalista. A posición do amo é ocupada agora polo todo-saber, pola burocracia, pola remisión “formal” e baleira de contido dun significante a outro: o antigo tirano é substituído por unha nova tiranía do saber. Este todo-saber non debe ser comprendido como un «saber de todo», como saber absoluto, senón como a consideración de que nada interesa máis aló do saber, que o saber é omnipotente no sentido de que non hai ningún tipo de falla ou carencia no saber, que o saber pode facelo todo e que o saber é a soa cousa que paga a pena (Lacan 1969-70: 33-35).
O 3 de decembro de 1969 Lacan celebra unha sesión especial no Centro experimental universitario de Vincennes, primeiro e único de catro “impromptus” previstos6. Esta sesión está editada ao final do seminario XVII. Lacan insiste aquí sobre o predominio do discurso da universidade na época contemporánea. A universidade sería o tipo de vínculo ou relación social onde o saber universitario (S2) transforma os estudantes (@) en suxeitos barrados ($), agachando a existencia dun amo (S1). O discurso universitario é exemplificado por Lacan tamén coa antiga Unión soviética: a burocracia (S2) manda e goberna os traballadores (@) para producir un home novo ($), ocultando que ela agacha a verdade da existencia dun amo (S1), encarnado en Stalin, por exemplo, aínda que xa non se trata de que el sexa o que dalgunha maneira estaría impoñendo o seu desexo, senón de que el lle dá simplemente corpo á hexemonía do saber. No discurso universitario ou da ciencia, o saber ocupa o lugar do axente: o axente é o saber polo saber. O desexo de produción de máis saber é o que dá inicio a todo o proceso.
No discurso da universidade os estudantes non son máis que meros «@», unidades de valor, créditos. O saber tómase a si mesmo polo saber absoluto, engadíndose o adxectivo cualificativo de «científico», o que lle permite rexeitar toda crítica posible. Lacan afirma que o marxismo falara con toda razón dunha espoliación, pero máis que dunha espoliación da plusvalía relacionada coa espoliación do goce do traballador, para Lacan trátase sobre todo dunha espoliación en relación ao saber do individuo, espoliación que o converte en proletario. O roubo do saber ao individuo prodúcese en varios sentidos. Ao contrario do escravo, o proletario non pode dicir nin cal é o obxecto do seu desexo nin cal é o obxecto do desexo do amo nin tampouco cales son os medios técnicos de produción dos obxectos. Sen o saber, o escravo devén proletario: unha mercadoría máis, un produto. No caso do estudante, un crédito a acumular xunto cos demais7.
Lacan denuncia que o escravo se converteu en proletario, perdeu o seu saber e quedou cunha conciencia de clase inútil. O saber que lle puido quedar volveuse inútil. A liberación causada polo paso do feudalismo ao capitalismo implica unha nova explotación, porque se o proletario ten agora a súa liberdade, se agora se sabe propietario do seu corpo, ao contrario do escravo, conseguiuno ao prezo de perder calquera saber que pague a pena. Os novos representantes do saber serán os técnicos, os enxeñeiros, mentres que o proletario devén un puro elo na cadea de produción. O suxeito perde o saber que anteriormente lle daba o seu status. Pensemos, por exemplo, no feito de que o proletario non pode saber cal é a parte do seu traballo no obxecto finalizado, cal é a súa verdadeira contribución ao proceso de produción (en termos marxistas, a súa alienación con respecto ao produto do seu traballo). Pero, ao noso parecer, o máis importante para Lacan é apuntar que o proletario non pode saber cal é o seu desexo.
Pódese establecer pois a ecuación «proletario igual a escravo sen o saber». Baixo o capitalismo o escravo devén proletario, perde o seu saber e ofréceselle a cambio unha conciencia de clase inútil. Se antes diciamos que o estudante se converteu dentro da universidade en unidade de valor, crédito, agora pódese engadir que cada traballador acabará por devir pura forza laboral, mercadoría, medio de produción, é dicir, puro saber (S2).
Temos entón, unha estrutura, a universitaria, que funciona soa, que vai soa, que vai de seu. Nela o único que conta é a produción de saber e a redución de todo o que paga a pena a saber. Non se trata xa tan só de que o saber que mande sexa este ou aqueloutro, máis ou menos científico, máis ou menos demostrable, senón de que é en termos de saber como se valora calquera elemento da realidade. Pensemos quizais na estraña separación na que vive o medio universitario do resto da sociedade. Non xa porque sexa unha elite privilexiada no que respecta ao seu salario e ás condicións laborais, senón en termos dunha certa cegueira ás demandas inmediatas do resto da sociedade.
No outro extremo, os estudantes, cuxa función finalmente non vai máis aló de ser números de matriculación, matriculados, elementos a ser avaliados aos que se lles outorgan catro, cinco ou seis créditos nun camiño de acumulación cara á consecución dun título final. Se se converten en bos reprodutores das relacións de saber que os preceden durante as sesións do curso académico, recibirán o seu título.
O produto desta situación, abaixo e á dereita, é un novo suxeito, pero un suxeito barrado, é dicir, un suxeito que neste caso descoñece o obxecto do seu desexo e que se considera a si mesmo como carente perante ao monólito de coñecemento que a universidade lle coloca en fronte. O engano é considerar que un saber gañado así podería dicirlle algo ao suxeito, cando en realidade é algo totalmente externo a el.
E en último termo, aquel que se satisfai co bo funcionamento de todo o sistema, abaixo e á esquerda, é certo amo. En todo caso, ningunha persoa, contra a superficialidade de pórlle rostro ao inimigo xa advirte Lacan en Radiofonía, advertindo de que hai un extra de goce na operación de considerar que certos individuos serían os responsábeis e directores infames do sistema. Non se trata dun amo neste sentido, de alguén que empregaría desde a escuridade, se se quere, todo o sistema. O amo é o propio saber. Por así dicir, tras a democracia aparente onde debaten uns saberes con outros se esconde a tiranía de que é en termos de produción de saber como se debe valorar un feito.
Finalmente, como apunta Jacques-Alain Miller, o discurso universitario coa simulación de que o seu desexo é o saber polo saber non pretende outra cousa que a dominación do goce, é dicir, que non se poida gozar doutro xeito que a través do saber (Miller, 1998: 155).
Lacan afirma que o discurso da universidade e o discurso da ciencia son o mesmo. Trátase de discursos onde os suxeitos, universitarios ou científicos, están fortemente determinados polo discurso. Se a psicanálise insiste na idea de que hai un saber que non se sabe, un saber inconsciente, un saber que a duras penas entra no plano da linguaxe, que a duras penas se pode dicir, a universidade insiste en que todo pode e debe ser dito. Por outra banda, o suxeito sapiente do puro-saber, o académico ideal, sería aquel que traballa cunha lingua formal perfecta onde se evacuou todo goce e só queda o encadeamento perfecto dos termos referíndose uns aos outros máis alá da vontade do suxeito. A ciencia non goza, é o contrario ao goce. Tal e como di no seminario XVII, a ciencia non pode tolerar a presenza do suxeito de ningunha maneira: a súa peculiaridade, a posibilidade de erro, o impredecíbel de cada suxeito, debe ser eliminado (Lacan 1969-70: 171). Tal e como Lacan afirma en Radiofonía, a ciencia é unha ideoloxía da supresión do suxeito en beneficio do burgués da universidade nacente na modernidade, tendo unha primeira mostra disto no mundo da filosofía co descubrimento por parte de Descartes de que o suxeito debe reducirse ao cogito (Lacan, 1970: 89).
3. Sobre unha relación diferente co saber: o ensinante en posición de analista.
Nin estudantes nin ensinantes están en posición de suxeitos no discurso universitario. Se o discurso da universidade nos ofrece o esquema da opresión, será baixo algunha forma de discurso do analista como vai ser posible descubrir unha alternativa
É necesario insistir de novo en que o discurso do analista non é aquilo que o analista di, a teoría que sostén, o saber particular que detenta. O discurso do analista é a estrutura ou o marco formal no que ten lugar a relación entre un analizante e un analista. Pensemos entón que sucedería se o profesor, aquel que encarna a figura da universidade ante o estudante, adquirise algo así como o rol do analista. Evidentemente toda precaución ao efectuar tal comparación será pouca, posto que ademais se trata dunha comparación que Lacan non leva a cabo. Como moito podemos lembrar que Lacan afirmaba que o seu papel de ensinante na universidade lle interesaba especialmente pola posibilidade que isto lle ofrecía finalmente de adquirir unha posición de analizante, é dicir, de auto-analizarse mentres ensinaba.
De feito, a propia posición da psicanálise cara á universidade como institución é ambigua. Lacan incorpórase a posteriori como director no ano 1974 ao departamento de psicanálise de París VIII, que xa fora fundado por Serge Leclaire en 1969. Pero as críticas ás que Lacan somete a institución universitaria en canto tal non cesan. A defensa desta dobre moral baséase na consideración de que se trataba e se segue a tratar dunha operación necesaria para lograr un maior eco para a psicanálise a nivel institucional.
En todo caso, regresando ao noso tema, é evidente que o psicanalista tería que lembrarlle en primeiro lugar ao estudante insatisfeito que aquilo que busca na universidade non o pode atopar alí, posto que non se trata dunha impotencia senón dunha imposibilidade por parte do medio universitario para ofrecerlle algo que realmente desexe. Non existe ningún saber teórico ou técnico que lle puidese evitar a necesidade de adoptar unha posición particular, unha forma de falar, unha forma de desexar propia nalgún tipo de busca individual. No saber, no Outro, hai un buraco que non responde á falta particular de cada un de nós e coa cal hai que lidar doutra maneira que non só a través do saber. Ante a pregunta dunha nova estudante na visita que realiza ao centro experimental universitario de Vincennes en 1969 sobre o porqué os estudantes non se poden converter en psicanalistas tras o seu paso polo ensino superior, Lacan responde que a psicanálise non é un saber transmisible como calquera outro saber (Lacan 1969-70: 212). O dispositivo psicanalítico pretende pór a traballar ao que sabe sen saber que sabe, de forma que non é posible ningún tipo de ensino previo anterior a ese traballo.
Agora ben, parécenos que mesmo dentro da propia institución, o estudante pode ser tratado dun xeito moi diferente a como o fai o discurso universitario. Atendamos primeiro ao discurso do analista. O psicanalista é aquel que se coloca na posición de obxecto-@ causa do desexo:
@ → $
S1 S2
Isto faino non só porque se reforza así o desexo do paciente ou suxeito barrado de, nun primeiro momento, querer saber porque as cousas non funcionan, que é o que vai mal, senón porque se ofrece como unha especie de carnaza para que o suxeito proxecte na palabra sobre el, e máis aló del, as súas peculiares relacións cos obxectos do seu desexo.
No traballo analítico, o suxeito barrado analizante produce un saber, efectúa unha serie de asociacións e de interpretacións, produce un texto, unha serie de remisións. O resultado do seu permanecer no diván é que comeza a adquirir un certo saber sobre aquilo que lle sucede. E dentro deste saber, o seu obxectivo é delimitar e na medida do posible sacar á luz certos significantes que ocupan un papel central na súa historia, os chamados significantes amos. Trátase de certos S1 que organizan sen que o suxeito o saiba o seu discurso, entendido en sentido amplo, e que polo tanto organizan tamén a súa vida de suxeito desexante.
A figura universitaria do docente debería permitirlle ao estudante o descubrimento de cal é o seu desexo con respecto a un determinado campo do saber, é dicir, qué é aquilo que realmente busca ou pretende ao achegarse a un determinado campo de estudo. A estrutura universitaria desvía a atención desde aquela pregunta que o estudante buscaba responder por haber un certo interese ou motivación ao principio, cara a unha mera estruturación académica das respostas, onde o valor destas xa non terá que ver coa súa eficacia subxectiva, é dicir, co feito de se conseguen ou non achegarlle algo ao suxeito máis aló dun mero status e dunha posición no ámbito académico. En ocasións, a pregunta é creada xa artificialmente desde a raíz, de maneira que a formación resta unha capa superficial ou verniz que non engancha con nada do suxeito. Trátase de algo que se manifesta, por exemplo, na elección non premeditada e non interesada duns estudos despois de rematar o bacharelato. Evidentemente, este proceso levado ao extremo, implicaría poñer en marcha unha psicanálise. Pero parece que antes de chegar a este punto é posible que a relación dun estudante co saber poida ser moi diferente.
Unha posición de amo non é xa posible, na medida en que na actualidade calquera pode discutir os resultados e o valor das afirmacións dun profesor, na medida en que o tempo dos argumentos de autoridade comeza a desfalecer. O catedrático converteuse nunha especie de expositor dos distintos saberes que non debe decidir acerca de se unha ou outra versión ante un mesmo problema é a máis apropiada. O risco sería que ningunha posición é infalible e exporíase así á crítica. Pero máis aló deste papel, que aínda segue ancorado na clase maxistral, máis ou menos aberta, máis ou menos ampla en perspectivas, no canto da imposición dun programa debería haber unha real apertura cara a unha interacción a outro nivel, onde a figura do profesor sexa máis ben coordinador ou organizador e non detentador da circulación do saber. A sensación é que tras catro ou cinco anos de estudos que deberían polo menos ofrecer a posibilidade de buscar este camiño propio, na maioría dos casos o único claro é o desexo de liberarse das imposicións académicas, ben sexa para dedicarse a outros asuntos ben para regresar aos mesmos, pero dunha vez xa coa posibilidade de escoller o que interesa. Quizais só así tería cabida o desexo particular de cada suxeito para buscar resposta aos problemas que para el son interesantes. Todo iso, evidentemente, para aqueles que aínda sexan capaces, a pesar da agresividade cada vez maior do sistema, de soster un desexo propio e unha forma de gozar particular fronte ao imperativo xeneralizado e abusivo non só de gozar, senón de facelo sen desviarse nin o máis mínimo do modo ditado pola ideoloxía imperante.
Bibliografía:
Lacan, J. (1965-66): Le Séminaire XIII. L’objet de la psychanalyse, inédito.
Lacan, J. (1968-69): Le Séminaire XVI. D’une Autre à l’autre, Seuil, Paris, 2006.
Lacan, J. (1969-70): Le Séminaire XVII. L’envers de la psychanalyse, Seuil, Paris, 1991.
Lacan, J. (1970): « Radiophonie », en Autres Écrits (AE), Seuil, Paris, 2001.
Alberti & Laterrasse (1995): “Malaise dans le savoir: le Maître et l`Université”, en Quarto, 58, Figures du maître moderne, Décembre 95, Bruxelles, p. 75-86.
Miller, J.A. (1998): Elucidación de Lacan, Paidós. Buenos Aires.
Žižek, S. (2004): “Esclavo es la palabra que nombra al amo fingido”, Revista La insignia, 23 de abril del 2004, http://www.lainsignia.org/2004/abril/cul_051.htm.
Notas
1“Ce sentier-là, ce chemin-là, on le connaît, c’est le savoir ancestral. Et ce savoir, qu’est-ce que c’est ? — si nous n’oublions pas que Freud introduit ce qu’il appelle lui-même l’au-delà du principe du plaisir, lequel n’en est pas pour autant renversé. Le savoir, c’est ce qui fait que la vie s’arrête à une certaine limite vers la jouissance. Car le chemin vers la mort — c’est de cela qu’il s’agit, c’est un discours sur le masochisme —, le chemin vers la mort n’est rien d’autre que ce qui s’appelle la jouissance” (Lacan 1969-70, XVII, p. 17-19).
2 “C’est cela en somme, cela, pas plus, que le maître avait à faire payer à l’esclave, seul possesseur des moyens de la jouissance. Le maître se contentait de cette petite dîme, d’un plus-de-jouir, dont, après tout, rien n’indique que l’esclave fût en lui-même malheureux de le donner” (Lacan, 1969-70: 91).
3 “Ce petit a, je l’ai appelé le plus-de-jouir, en tant que c’est ça qui est cherché dans l’esclavage de l’autre comme tel, sans que rien que d’obscur soit pointé quant à la jouissance propre de cet esclave. C’est dans ce rapport de risque et de jeu, c’est dans le fait que le maître a disposition du corps de l’autre sans rien pouvoir plus sur ce qu’il est de sa jouissance, que réside ici la fonction du petit a comme plus-de-jouir” (Lacan 1969-70: 370).
4 “Quelque chose a changé dans le discours du maître à partir d’un certain moment de l’histoire. Nous n’allons pas nous casser les pieds à savoir si c’est à cause de Luther, ou de Calvin, ou de je ne sais quel trafic de navires autour de Gênes, ou dans la mer Méditerranée, ou ailleurs, car le point important est qu’à partir d’un certain jour, le plus-de-jouir se compte, se comptabilise, se totalise. Là, commence ce que l’on appelle accumulation du capital” (Lacan 1969-70: 207).
5 “Il est plus que probable que l’apparition de la plus-value dans le discours avait pour condition l’absolutisation du marché. Celle-ci peut difficilement être séparé du développement de certains effets de langage, et c’est pourquoi nous avons introduit le plus-de-jouir. Il a fallu l’absolutisation du marché, venu au point d’englober le travail lui-même, pour que la plus-value se définisse comme suit” (Lacan 1968-69: 37).
6 O Centro universitario experimental de Vincennes foi creado no outono de 1968 por decisión do novo ministro da Educación nacional Edgar Faure, para responder as demandas do movemento estudantil de maio do 1968. Dotado dun status de autoxestión, esta universidade experimental inaugurouse efectivamente en xaneiro de 1969, despois de tres mes de concertacións para formar os equipos de ensinantes-investigadores. Entre os ensinantes-investigadores que ensinaron destacan: François Châtelet, Gilles Deleuze, Jean-François Lyotard, Dario Fo, Michel Foucault, Alain Badiou, Jean Bouvier, Yves Lacoste, René Schérer, Michel Lobrot etc.; Jacques Lacan deu unha soa conferencia, rapidamente interrompida por un estudantado demasiado ávido e impaciente de revolución. Instalado o centro no bosque de Vincennes, trasladouse despois á Saint-Denis baixo a forma da Universidade de París VIII.
7 “Marx dénonce ce procès comme spoliation. Seulement, il le fait sans se rendre compte que c’est dans le savoir même qu’en est le secret — comme celui de la réduction du travailleur lui-même à n’être plus rien que valeur. Passé un étage au dessus, le plus-de-jouir n’est plus-de-jouir, mais s’inscrit simplement comme valeur, à inscrire ou à déduire de la totalité de ce qui s’accumule — ce qui s’accumule d’une nature essentiellement transformée. Le travailleur n’est qu’unité de valeur. Avis à ceux pour qui ce terme évoque un écho” (Lacan 1969-70: 92).
1 comment
sdgsdfgdf says:
Dec 26, 2014
Moi bo artigo