La universidad en conflicto: capturas y fugas en el mercado global del saber. Traficantes de sueños, Madrid, 2010.
O pasado outono Traficantes de sueños editaba un libro, compilado por Edu-Factory e a Universidad Nómada, que tenta recorrer, nun momento de hibernación dese conflito no estado español, a complexa cuestión das profundas modificacións que están a ter lugar na universidade. Ese fenómeno non se deixa acoutar á universidade europea, presenta derivas múltiples e facianas diversas que, porén, tenden a unha converxencia global. O libro editado por Traficantes de sueños tenta abordar esa reconversión da institución universitaria nun marco máis amplo que atinxa o carácter mundial deste fenómeno situándoa no centro de interese do chamado capitalismo cognitivo. Os artigos que o compoñen inciden no carácter mundial dese proceso recollendo situacións diversas: a externalización das universidades norteamericanas co fin de captar novos mercados, notoriamente China e Oriente Medio, a reestruturación da universidade pública surafricana tralos recortes presupostarios, a imposición do EES en España ou a precarización do estudantado en Francia. Artigos heteroxéneos dos que se pode, porén, atopar un diferencial: a insistencia no papel central da universidade como espazo de produción, non só de coñecementos senón de subxectividades, axial para a presente fase do capitalismo. Un dos artigos, por exemplo, analiza a función da débeda na conformación das expectativas e dos xeitos de vida posíbeis dos estudantes norteamericanos; outros textos inciden preferentemente nunha perspectiva que non se queda na constatación dese feito, senón que insiste, no centro dese proceso, en posibilidades inusitadas que o traben ou abran liñas de fuga na súa dinámica. Os diferentes textos de individuos e colectivos debuxan, como espazo común para empezar a pensar na universidade como novo lugar de conflito entre apropiacións e desapropiacións, lugares de resistencia non nostálxicos co modelo pasado de universidade e que tratan de investir doutro xeito as potencialidades e os ocos do propio proceso, así a insistencia na autoformación e noutro xeito de produción de saber nos bordes da universidade que parta do carácter de ben común do coñecemento e impida o seu feche pola lóxica da mercadoría. Debe salientarse o esforzo de esbozar, a través da selección de textos, as diferentes derivas e os nodos comúns no marco dun proceso que oscila entre a homoxeneización e un xeito de inclusión diferencial que producirá novas e, se cabe, máis marcadas estratificacións. O libro combina análises de autores individuais con manifestos colectivos que artellan produción discursiva e acción política, quizais a traza máis característica deses novos xeitos de resistencia. Queda, tal vez, por facer unha análise crítica da dificultade de artellamento entre os diferentes actores integrados e dos xeitos de intervención posíbeis nunha institución tan marcadamente xerárquica e estratificada máis polo miúdo. En calquera caso, a publicación do libro é algo moi salientábel pois faltaban aínda hoxe materiais cos que tratar de artellar un fenómeno tan difuso e complexo como é a transformación que está a sufrir a universidade.