HARVEY, DAVID: Cosmopolitanism and the Geographies of Freedom. New York, Columbia University Press, 2009.

Beatriz Hauser

Cosmopolitanism and the Geographies of Freedom recolle e amplía un ciclo de conferencias que Harvey impartiu na universidade de Irvine (California) en maio do 2005. Partindo da función retórica da “liberdade” na política exterior estadounidense, moi especialmente durante o mandato de George W. Bush, o xeógrafo elabora unha crítica do universalismo abstracto, nas súas diferente vertentes, dende o neoliberalismo até o novo cosmopolitismo, que propugnan –rehabilitando a herdanza kantiana– Habermas, Nussbaum ou Beck entre outros. Sen embargo, Harvey non asume tampouco as críticas á globalización dende unha recuperación do lugar ou a comunidade. A súa proposta parece pasar máis ben por un universalismo situado que teña en conta o saber xeográfico crítico. Precisamente, a súa tarefa será artellar as ferramentas para unha crítica dos presupostos da ciencia xeográfica tal e como se presenta. Harvey busca na herdanza moderna este aliñamento da xeografía coa dominación concretamente na comprensión do tempo e o espazo como nocións absolutas, non relacionais. Esta determinación dun tempo e espazo universal abstracto foi parello á empresa colonial e segue sustentando as formas post-coloniais de dominación. Unha nova xeografía que artelle os seus presupostos dun xeito crítico é a condición dun discurso emancipatorio con pretensión de universalidade que non abra na súa oquedade o espazo para tódalas apropiacións perversas.

O libro atópase dividido en dúas partes. A primeira, “Valores universais”, comeza cunha análise crítica das raíces do cosmopolitismo kantiano. Harvey atópaas na antropoloxía e na xeografía kantianas, dúas disciplinas que non teñen o estatuto de transcendentais pero que funcionan como pivotes no artellamento das tres críticas. O universalismo kantiano fúndase en observacións empíricas apenas científicas, elementos espurios que, sen embargo, funcionan como a prioris no sistema, mostrando a contaminación empírica da esfera do puramente transcendental. As limitacións do cosmopolitismo kantiano (moi especialmente na cuestión das migracións e na imprecisa e limitada noción de hospitalidade) orixínanse nese feito e repítense nos achegamentos contemporáneos ao cosmopolitismo. O libro continúa coa crítica post-colonial ao cosmopolitismo liberal –moi especialmente no caso da India e as xustificacións paternalistas de J.S. Mill– para pasar nun terceiro momento aos diversos cosmopolitismos contemporáneos, empezando polas contradicións do discurso neo-liberal e proseguindo cunha crítica detallada dos novos cosmopolitas moderados. Esta primeira parte féchase, a xeito de conclusión con “A banalidade dos males xeográficos”; onde aborda, de xeito conxunto, as limitacións e os efectos perversos na actual política mundial das apelacións a valores universais, e plantexa a necesidade de ter en conta de xeito explícito o saber xeográfico e antropolóxico que está actuando caladamente nas interseccións de moitos campos de saber para superar esas apropiacións perversas.

A segunda parte do libro, “Coñecementos xeográficos”, desenvolve este último punto dun xeito positivo tentando responder á pregunta: que saber xeográfico, antropolóxico e ecolóxico pode artellar un discurso que nun horizonte universal non se alíe cos novos e vellos xeitos de dominación? Partindo duna crítica ás nocións de espazo-tempo tal e como son elaboradas na modernidade e no vencellamento da xeografía a extensión colonial, Harvey aposta por outro xeito de concibir o espazo e o tempo que inclúa as diversas mallas de relacións que os compoñen. Sen embargo, Harvey é moi crítico coa recuperación da categoría do lugar tal e como a formulan, reclamando a Heidegger, certas propostas post-coloniais. Nestes dous límites Harvey esixe como condición do discurso xeográfico e dun universalismo situado un esclarecemento das nocións relacionadas de espazo, lugar, rexión, territorio e medio ambiente. Esas dimensións deben ser integradas por unha ciencia xeográfica de xeito, di Harvey, “dialéctico”, fuxindo dos determinismos ambientais, tan de moda no discurso xeográfico divulgativo, e que teñen o sospeitoso efecto de eliminar as responsabilidades políticas colectivas, único xeito de artellar un discurso universal efectivamente liberador:

O cosmopolitismo contemporáneo de tipo burgués non é, sen embargo, unha idea que veña da nada. Máis ben, é unha ideoloxía que emerxe desas múltiples transformacións xeográficas que comezan no 1492, se non antes. O xurdimento dun cosmopolitismo alternativo, opositor e moito máis igualitario demanda que poñamos atención ás transformacións previas nas condicións de posibilidade xeográficas de semellantes ideais políticos; non só para realizalos, senón incluso para formulalos plenamente. Se un cosmopolitismo subalterno insurxente quere afirmarse, debe contemplar unha transformación radical na súa xeografía, tanto como a que a burguesía levou a cabo colectivamente.

Entender en toda a súa amplitude a teoría xeográfica é, sen dúbida, unha tarefa de enormes proporcións. Pero, como escribira un gran xeógrafo do século dezanove, Eliseo Reclús, nunha carta aberta aos seus compañeiros anarquistas cara o fin da súa vida: ‘Gran entusiasmo e dedicación até o punto de arriscar a propia vida non son únicos xeitos de servir unha causa. O revolucionario consciente non é simplemente unha persoa de sentimentos senón tamén de razón, para quen cada esforzo para promover a xustiza e a solidariedade descansa nun coñecemento preciso e nun entendemento compresivo da historia, a socioloxía e a bioloxía’, así como da xeografía á que adicara tanto da súa vida e do seu traballo. Ou ben, como concederían Locke, Kant e Nussbaum, sen un coñecemento adecuado da xeografía non só non chegaremos a entender o mundo en torno a nós e minaremos a busca de xustiza universal; anteporemos a calquera posibilidade de política revolucionaria o mundo dos soños do transcendentalismo narcisista, o desexo perpetuamente insatisfeito, no preciso momento en que ‘espazos de esperanza’ se están abrindo ao noso redor. Se a nosa xeografía foi feita e volta a facer unha e outra vez polo esforzo humano, pode refacerse de novo para adecuarse mellor ás nosas ambicións políticas”. (Harvey, 2009: 283)

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies