O 4 de Marzo de 1963 no Collège Philosophique Derrida le o seguinte:1

Drocha Hauser

Creo que a historicidade en xeral sería imposible sen unha historia da filosofía e creo que esta sería imposible á súa vez se non houbese máis que hipérbole, por unha parte, ou se non houbese, por outra parte, máis que estruturas históricas determinadas, Weltanschauungen finitas. A historicidade propia da filosofía ten o seu lugar e constitúese nesa pasaxe, nese diálogo entre a hipérbole e a estrutura finita, entre o exceso sobre a totalidade e a totalidade pechada, na diferenza entre a historia e a historicidade; é dicir, no lugar ou, máis ben, no momento en que o Cogito e todo o que este simboliza aquí (loucura, desmesura, hipérbole, etc.) se di, se reafirma e decae, se esquece de forma necesaria ata a súa reactivación, ata o seu espertar noutra ocasión de dicir o exceso que máis tarde será tamén outra decadencia e outra crise. […] A crise ou o esquecemento non é quizais o lado accidental senón o destino da filosofía falante que non pode vivir máis que encerrando á loucura, mais morrería como pensamento, e baixo unha violencia aínda peor, se a cada instante unha nova palabra, aínda encerrando nela mesma, no seu presente, ao tolo do momento, non liberase á antiga loucura. Só grazas a esta opresión da loucura é como pode reinar un pensamento-finito, é dicir, unha historia. Sen aterse a un momento histórico determinado, senón estendendo esta verdade á historicidade en xeral, poderíase dicir que o reino dun pensamento-finito só pode establecerse sobre a base do encerro e a humillación e o encadeamento e a irrisión máis ou menos disimulada do tolo que hai en nós, dun tolo que só pode ser o tolo dun logos como pai, como señor, como rei.2

Extraio desta longa cita, á vez que corto a súa encetadura, o final do final, a cola da súa última frase, coma se dunha disección anatómica se tratase. Derrida di: “do tolo que hai en nós, dun tolo que só pode ser o tolo dun logos como pai, como señor, como rei”. Que significa, como debemos ler ou, en todo caso, como podemos interpretar ese “nós”? Aparentemente é a primeira persoa do plural coa cal o pronome persoal universaliza a loucura como algo intrínseco. Pero xusto acompañando un léxico como “pai”, “señor” ou “rei”, ¿non é máis ben ese “nós” un plural maxestático? Un plural que creou escola entre escritores de toda índole e que hoxe en día se confunde co plural de modestia (pluralis modestiae) e co plural de autoría (pluralis auctoris). Mais, como saben, o adxectivo maxestático deriva do termo latín maiestas -atis, que significa “maxestoso”, é dicir, coa solemnidade ou a magnificencia propias da maxestade. É o plural que a figura do soberano se arroga, incluíndo a figura do Papa, e que engloba baixo a súa persoa a pluralidade das cousas, cousas que pasan directamente a ser as súas cousas. É dicir, a soberanía constitúese a través dun proceso de apropiación que, do todo, fai unidade. A pluralidade maxestática é, entón, a indivisibilidade do Un. Termos como “Nós” ou “Vosa” son outra forma de escribir “soberano”. Prolongando, se me permiten, esta digresión inicial, ¿non hai, acaso, en todo escribir unha actitude intrínseca e irrenunciable de control total, unha predisposición, tanto máis inconsciente, a dominar a escritura? Non é todo acto de escritura un escribir soberano? Mais, seguindo a Derrida, como aquí confeso facer, se a loucura é aquilo que o pensamento encarcera para constituírse como tal —á vez que debe liberalo para non perecer baixo unha violencia aínda peor— entón, se alguén se adianta e, acusándome de certa falta de cordura, (me) di: “este está tolo”, ¿non está acaso, cun xesto dobre, coroándome?

Segundo un xesto habitual en Derrida que consiste en ler cun libro en cada man, sempre nas marxes da literatura e a filosofía, gustaríame hoxe abordar a deconstrución da soberanía dende o inclinado ángulo do tolo soberano. Dende certa escritura soberana que, tratando quizais de restituír unha monarquía metafísica, abre na súa escritura aquilo mesmo que pretende pechar. Detéñome entón nunha lectura non lineal e necesariamente incompleta do que probablemente é o tolo soberano máis importante da literatura occidental: O Rei Lear de W. Shakespeare.

Ata onde eu coñezo —límite intrínseco ao coñecemento que abre a súa posibilidade— xamais Derrida publicou un texto sobre O Rei Lear de Shakespeare. Coñecendo o interese e a forza con que Derrida lía habitualmente a Shakespeare eu comezo pedindo desculpas por esta lectura sucedánea, non especializada e pretendidamente deconstrutiva que me dispoño a realizar. O dito, pois.

Na primeira escena do primeiro acto o rei Lear di:

Sabede que decidimos dividir o reino en tres partes. É o noso intento formal librar a nosa vellez do peso dos negocios e pasar ese fardo a ombros máis novos, en tanto que Nós, exentos de todo coidado, nos encamiñaremos cara á morte…3

Resulta asombrosa a cantidade de elementos que se poñen en xogo dende o primeiro acto. Todo está sobre a mesa, mesmo o destino fatal ao que certamente se encamiña o rei.

Primeiro, gráfica e formalmente, o rei fala en plural maxestático, con autoría pero sen modestia, e co poder absoluto que constitúe a súa palabra arconte. O dicir performativo do rei fai lei, é a lei. Mais aquí o performativo prégase sobre si mesmo ao anunciar, dende o seu poder soberano, que xa non é máis soberano, que renuncia a si mesmo. “Decidimos [é dicir, eu, o rei, a totalidade que na miña persoa se agrupa] dividir o reino en tres partes [é dicir, decidimos deixar de ser o rei]”. Autoinmunidade soberana que limita, suxeita a unha totalidade pechada, ao tempo que excede a soberanía mesma. O exceso aparecerá máis antes que despois, na obra de Shakespeare, baixo a figura da loucura.

“En tanto que Nós [di o rei aínda en plural e con maiúscula, letra capital pois el é aínda a cabeza], nos encamiñaremos cara á morte”. Hai aquí unha referencia ao desdobre da personalidade, non un desdobre de personalidade psicolóxico senón xurídico, é dicir, ás dúas persoas do rei que recoñecía o dereito eclesiástico e que Derrida nos lembra no primeiro volume do SeminarioA besta e o soberano cando cita e analiza Os dous corpos do rei de Kantorowicz. O rei Lear cede a persona idealis —o rei inmortal— aos seus herdeiros á vez que encamiña, nun mesmo xesto, á persona personalis —o rei mortal— cara á morte. Só así o rei pode morrer, segundo o que polo menos dende J. Bodin se entende como soberanía, isto é, Unha e indivisible.

Xa aquí, dende o inicio desta peza de teatro maxestosa, o tema da morte sobe a escena para quedar aí e non descender xamais. O mesmo acontece nos dous volumes do SeminarioA besta e o soberano, ese outro grande teatro maxistral que compón un dos bestiarios máis ricos do noso tempo. A morte, pois, está en escena ou, como máximo, axexando con paso de lobo, vendo sen ser vista, entre bastidores. Pois non outra cousa é a soberanía —lémbranos Hobbes— que o dereito sobre a vida e a morte.

Hai un detalle estilístico excepcional co cal o rei Lear asume a súa morte moito antes de que se consuma. Consiste en renunciar ao plural maxestático a partir do momento en que finaliza a cesión do poder soberano. Dende ese instante ata a última escena do último acto —na cal o rei Lear morre bicando a Cordelia, a súa filla menor— o rei usará sempre a primeira persoa do singular. A morte, pois, como posibilidade imposible para o rei. A división do rei en dous corpos como condición de imposibilidade para a soberanía. Mais na peza O Rei Lear de Shakespeare o rei non só ten dous corpos senón que sofre, ademais, varias mortes. A primeira delas, acabámola de ver, é a renuncia ao plural maxestático. As seguintes serán, sucesivamente, a loucura e a morte da súa persona personalis. Pero na primeira das súas mortes o rei Lear —dende o exercicio da soberanía que permite o exceso de renunciar á súa palabra arconte— resístese, non obstante, a perder unha palabra: o nome de rei.

Só queremos conservar o nome de Rei e as mostras exteriores da nosa dignidade; en canto ao poder, as rendas e o exercicio da monarquía, abandonámosvolo todo, queridos fillos. E para confirmar a doazón que vos fago, compartide entre ambos os dous esta coroa… (Quita a coroa real e lla dá aos seus xenros)4

Velaquí outro pequeno texto cargado ata o infinito de reenvíos significantes. O rei Lear quere conservar o nome de Rei. Primeira pregunta: é a palabra “rei” un nome? Sen dúbida é un nome común substantivo masculino, pero: é “Rei” un nome propio? Sen dúbida se pode escribir, e de feito se escribe, con maiúscula para darlle a altura e a alteza propias da maxestade. Sería, neste caso, o nome máis propio posto que todo o engloba en si mesmo. Pero o nome “rei” funciona como suplemento en canto suplanta e subsume ao nome propio da persona personalis, non obstante, só o pode facer cando a persoa se duplica e pasa a portar ademais a persona idealis, é dicir, non hai rei sen dous corpos. Porén, no caso do rei Lear el quere conservar o nome de rei a pesar de renunciar ao poder que erixe e constitúe o devandito nome. Outra vez —como vemos e seguiremos vendo— o exceso da soberanía, o exceso como soberanía. Mais —como vostedes saben— para Derrida tampouco o nome propio resiste á lóxica da différance, mesmo diriamos que é o máis afectado por ela posto que a súa constitución se identifica coa lóxica apropiadora do logos. De que quere seguir sendo propietario o rei Lear, do nome ou do que o nome porta? Pódese portar un nome que non porta nada? Quen porta, en realidade, a quen? En Derrida, non existe o nome propio fóra da cadea de reenvíos e remitencias diseminantes da linguaxe composta por pegadas de pegadas. Un nome propio nunca se podería definir por si mesmo. É dicir, o nome propio esgaza a propiedade do nome en xeral, desapropia, desapodera, descouza, divide e non produce máis conexión esencial entre concepto e mundo que a que produce o desvío do significante cara a outros significantes a través da lóxica do signo. No caso do rei Lear o nome propio que pretende conservar é o que máis desapropia e desbarata o concepto “propio”, posto que acaba de perder, na cesión do seu cargo, todas as súas propiedades. O nome propio porta a morte e inscríbea alí onde pretende designar unha vida exclusiva, é dicir, propia. O rei Lear, nun intento desesperado e contraditorio, aspira a apropiarse do nome de rei e da dignidade da realeza ao mesmo tempo que se expropia a si mesmo do poder soberano. Este dobre movemento contraditorio de apropiación e expropiación que pretende apropiarse do sentido á vez que o deixa na súa alteridade é o que Derrida denomina “exapropiación”. Gustaríame ler agora, mediante un xesto inverso ao que ata aquí me trouxo, a Derrida dende Shakespeare, Ecografías da Televisión dende a boca de O Rei Lear:

O que chamo ‘exapropiación’ [é dicir, ese intento contraditorio do rei Lear de intentar conservar o seu nome] é ese dobre movemento no que me dirixo cara ao sentido coa intención de apropiarme del [do nome rei], pero á vez sei e desexo, o recoñeza ou non, que siga sendo estraño para min, transcendente, outro, que fique alí onde hai alteridade [nos seus xenros, aos cales lles cede a súa coroa]. Se puidese reapropiarme totalmente do sentido, exhaustivamente e sen deixar nada, non habería sentido. Se non me quero apropiar del en absoluto, tampouco o hai. Así, pois, fai falta (o “faltar” dese “fai falta” é a existencia mesma en xeral), un movemento de apropiación rematado, unha exapropiación.5

Un exceso dobre constitúe a exapropiación. Un exceso sobre a propiedade do propio. O rei Lear incorre neste exceso baixo unha hipérbole dobre. En primeiro lugar, unha hipérbole parricida ou rexicida, isto é, cando o rei intenta acabar co seu corpo soberano, persona idealis, volvendo a soberanía contra si mesma. En segundo lugar, cando Lear intenta recuperar o poder baixo o nome de “Rei” indo en contra da lei que el mesmo instaurou coa súa palabra soberana. Unha lei que viola a lei. Unha soberanía que se divide a si mesma. Pois non hai que esquecer que en 1608, ano en que se recoñece a primeira edición de O Rei Lear, e ano en que Francia amplía —á vez que divide— a súa soberanía coa fundación do Quebec; e tan só 28 anos despois de que o filósofo francés J. Bodin publique Os seis libros da república (1576), en 1608 a peza de teatro O Rei Lear de Shakespeare comeza por ordenar unha división da soberanía. “Sabede que decidimos dividir o reino en tres partes”, di o rei Lear na terceira páxina da edición que eu manexo. E apenas unhas liñas máis arriba, na primeira intervención do rei Lear na obra de teatro, este di: “Ide buscar o Rei de Francia e o duque de Borgoña”. Ambos os dous —como saben— eran os pretendentes de Cordelia, a filla menor do rei, e pretendentes á súa vez da herdanza soberana de Lear. A obra comeza, entón, cando o rei Lear manda chamar o rei de Francia para proceder á repartición da súa soberanía ou, o que é o mesmo, á repartición das súas tres fillas. Semella coma se Shakespeare mandase chamar a Bodin (morto apenas sete anos antes da primeira representación da obra) para dicirlle que fronte á súa idea de soberanía Unha e indivisible, defendida dende o seu posto no tribunal superior de xustiza no Parlamento de París, el —Shakespeare— vai comezar por unha división da soberanía.

Unha vez máis o rei Lear principia por exercer o exceso, a soberanía como exceso, e pretende dividir o indivisible e compartir o incompartible a través dunha doazón sen precedentes. Máis alá da fantasía histórica ou do mito celta que fai historia, non podemos obviar —hoxe e aquí— as palabras de Derrida cando, sen querer exercer de teórico político, postula o seguinte:

E se tivese que propoñer aquí unha tese política non sería a da oposición da soberanía e a non-soberanía como oposición do ben ao mal ou do ben que é un mal ao mal que desexa o ben senón outra política da partición da soberanía, a saber, da partición do incompartible e da división do indivisible.6

O rei Lear propón dúas modalidades distintas de división e repartición. Primeiro, divide e cede o seu reino en dúas partes para ser compartido polas súas dúas fillas maiores: Gonerila e Regana. Segundo, doa a monarquía pero quere seguir conservando a maxestade, é dicir, o nome de rei. Podemos ver aquí unha deconstrución da soberanía que pasa pola división e a partición do incompartible. E aínda que de feito esta división será o que pon en marcha a trama e o drama que describe o teatro que nos ocupa —e no cal por outro lado aínda estamos—, esa mesma división imposible seguirá constituíndo a condición de imposibilidade para a deconstrución da soberanía, se entendemos, con Derrida, a deconstrución como unha experiencia do imposible que aposta pola divisibilidade infinita.

O rei Lear —despois de dividir a súa facenda entre as súas dúas fillas maiores e despois de renunciar á súa terceira filla, Cordelia, a súa preferida, rompendo mesmo dende a súa palabra soberana todo lazo natural e sanguíneo para con ela, situando así a soberanía por enriba de toda determinación natural e forzando o seu exilio a Francia, lugar onde aínda reinaba a monarquía indivisible— comeza a internarse no que supón a segunda das súas mortes: a loucura.

Esta catarata de asuntos e cuestións políticas póñense en xogo nas poucas páxinas da primeira escena do primeiro acto. É aínda aí onde o Conde de Kent acusa o rei de falta de cordura para defender a monarquía e intentar evitar o exilio de Cordelia. Aquí comeza a segunda morte do rei Lear.

O Rei Lear (a Kent) O arco está tendido e a corda tirante. Garda que a frecha che dea.

Kent Ao contrario, que me dea, aínda que a punta penetre ata o corazón. Kent pode ser descortés porque Lear está demente.7

O Conde de Kent, fiel vasalo e defensor acérrimo do rei ao longo de toda a obra, é o primeiro en denunciar a alienación do rei. Así, a aparente contradición entre a acusación e a defensa que Kent formula paralelamente disólvese se entendemos que o Conde non deixou xamais de ser un servo leal posto que a quen se opón non é ao rei Lear senón á loucura que se apoderou del e que o suplanta ao tempo que o destitúe. O Conde de Kent segue encadeado —como se fose o representante de toda a filosofía occidental— á articulación metafísica que une a Razón ao sentido e ao poder. O logos, para ir á présa, sería o que perdeu o rei, a súa palabra soberana. Mais é soamente mediante o discurso que se supón tolo do rei como o Conde de Kent nega o logos a Lear, dito doutra forma, acúsao de manter un discurso sen Discurso, un logos sen Logos. E para iso é necesario que o discurso de Kent si sexa un discurso, un discurso con Discurso. Kent parece soster un discurso “foucaultiano” ao obxectivar a loucura, pois non pode aceptar unha división da soberanía tan demente como a que o rei Lear pretende.

A expresión “dicir a loucura mesma” é contraditoria en si mesma. Dicir a loucura sen expulsala na obxectividade é deixala que se diga ela mesma. Pero a loucura é, por esencia, o que non se di: é, di profundamente Foucault, “a ausencia de obra”.8

O rei morre por segunda vez e fai dó de si mesmo, fai dó polo seu eu morto, dó consigo e por si, dó pola súa persona idealis que pereceu na loucura. Lamenta a perda do seu “eu rei”, a morte de si mesmo. Outra vez a soberanía como posibilidade para o exceso: dó imposible, dó por si. Todo traballo, di Derrida en Glas, é quizais un traballo de dó. A partir deste momento o rei é expulsado do pazo e deambula por un reino dobremente dividido, vaga polo solipsismo da súa loucura como un robinsón na súa illa deserta en compañía do seu bufón. O bufón é a loucura oficial, case un ser humano, como Venres, impropiamente humano. O bufón é a loucura obxectivada e aceptada, unha loucura que se di a si mesma e que di de si, a loucura que habita no pazo e que produce risas máis que temores porque, baixo o sombreiro colorido e con campaíñas que a identifica, permanece nunha prisión conceptual. O rei, neste desterro de si, soamente se leva do pazo ao seu bufón. Dúas loucuras camiñando, dous corpos sen cabeza. Dúas loucuras distintas, teoricamente irreconciliables, que pensan a loucura e se dan a man. Coma se Derrida e Foucault paseasen polas tolas rúas de certa soberanía.

Cabe resaltar que o rei Lear é acusado de loucura fundamentalmente por dous actos excesivos ou hiperbólicos, imposibles. Mais estes actos mostran a condición de soberano non como unha comparación na cal o rei sempre é máis que o outro (o máis que…) senón como un superlativo absoluto (o máis…). É segundo o exceso como Derrida define o propio da soberanía:

O esencial e propio da soberanía non é pois a grandura ou a altura xeometricamente medibles, sensibles ou intelixibles senón o exceso, a hipérbole, un exceso insaciable de desbordar calquera límite determinable: máis alto que a altura, máis grande que a grandura, etc. É o máis, o máis que o que conta, o absolutamente máis, o suplemento absoluto que excede calquera comparativo cara a un superlativo absoluto.9

Os dous excesos do rei Lear son: primeiro, a división e doazón da soberanía. Segundo, a renuncia de Cordelia negándolle a súa condición de filla súa e situando o poder absoluto, o Walten, por enriba mesmo da physis. En semellante hipérbole, o rei converte dun golpe dúas das súas tres fillas herdeiras en soberanas á vez que en nais súas. Ao instante o rei é acusado de loucura e cae inmediatamente nela. A loucura como morte viva producirá unha tendencia da vida á conservación de si, un novo exceso que consiste en volver á vida, isto é, en recuperar a cordura e o poder que se lle asocia. Lear quere volver ser o rei Lear. Será o bufón, figura da única loucura aceptada e circunscrita, quen realizará os maiores esforzos para expulsar a Lear de certa loucura que non lle é propia, que lle pertence en propiedade ao bufón. A loucura e o exceso xogan un papel oposto e superposto, pois son á vez sinónimos e contrarios. O bufón será o máis cordo entre os cordos, o tolo malicioso, e o rei o máis tolo entre os que queren ser cordos, o tolo inocente.

O Rei Lear Es un tolo malicioso.

O Bufón Sabes ti, neno vello, a diferenza que vai dun tolo malicioso a un tolo inocente?

O Rei Lear Non, meu fillo, móstrama.

O Bufón Oe.

Xa que te aconsellaron

que abandones a túa coroa

esquece, tío, o teu trono

e abrázate á miña persoa.

Dous tolos verán os ollos

da túa grea cortesá:

un en traxe de bufón,

outro con traxe de rei.

O Rei Lear Chámasme tolo, meu fillo?

O Bufón Abdicaches todos os títulos que tiñas por nacemento

Kent Non é tan parvo como semella, milord.

O Bufón Non, a fe; e iso que fago un oficio do cal non me queren deixar privilexio os señores e magnates. Dispútanme o monopolio da loucura, queren eles ter unha parte. Ata as damas me disputan esta profesión e cometen usurpacións sobre as miñas tarefas. Tío, dáme un ovo e dareiche dúas coroas.

O Rei Lear Cales son as dúas coroas que me darás?

O Bufón Tomarei o ovo, partireino polo medio, comerei a xema e a clara e dareiche as dúas cascas. Cando partiches en dous a túa coroa e deches a unha e a outra parte, fixeches o mesmo que se nun camiño cheo de barro te cargases o burro ás costas. Había moi pouco miolo baixo a coroa da túa calvicie o día que fixeches doazón da túa coroa de ouro. Se o que vou dicir agora non é dun cordo máis que dun tolo, que dean os azoutes ao primeiro que o negue.

(Canta)

Para nós os tolos

o ano foi moi malo;

xa os cordos nos envexan

e pretenden imitarnos.10

O bufón non chancea senón que critica e denuncia. Non se mofa, nin divirte, nin se burla senón que analiza, asevera e postula. Defende unha concepción racionalista da soberanía clásica sostendo que unha división da soberanía nin sequera un tolo se atrevería a facela. Pecha as portas á novidade, ao porvir, e bota o ferrollo da ortodoxia. A loucura do rei Lear, mesmo para o bufón chocalleiro e contista, é excesiva. En efecto, o rei Lear excede e excédese. Pero o exceso, propio da soberanía, que pon en marcha é un exceso que excede o exceso. Usa o exceso propiamente soberano para exceder a soberanía mesma, para dende o seu “propiamente”, dende o seu “en canto tal”, dende o seu “en si mesma” saír fóra, ao fóra dunha totalidade para expropiarse a si e pregar a hipérbole. Moito máis alá dunha economía soberana o rei Lear traballa un pensamento do don. Renuncia incondicionalmente á soberanía para a doar, mediante unha ofrenda sen reciprocidade, pois quen todo o ten nada pode esperar a cambio, e precisamente iso, “nada”, é o que pode esperar, unha espera sen espera. A maior ofrenda posible, o don do rei Lear ao outro, rompendo xa a unidade, dá á alteridade a alteridade, a ese radicalmente outro que é habitualmente o que está máis preto, xusto ao lado, no abismo dun “moi” preto ou mesmo “demasiado” preto. É un pensamento da vida/a morte o que atravesa a cabeza sen cabeza, sen coroa e sen cap do rei Lear. Unha auto-decapitación parricida que non mata senón que dá paso á morte abrindo un porvir incalculable. A demasía ou o colmo do exceso como soberanía que o rei Lear acomete consiste en facer ou en pretender facer o imposible. En dar aquilo que é propiamente si mesmo, único e indivisible, e dividilo no seu darse ao outro. Este é o poder auto-inmunitario que supera e viola a incondicionalidade do poder soberano ao facer o imposible. Derrida pregunta respondendo no capítulo nove do segundo volume do SeminarioA besta e o soberano: “Que é o poder se non pode máis que o im-poder, se non pode máis que o que non pode, a saber, o imposible?”11

Deteño aquí, abruptamente, apenas no primeiro acto, sen conclusión nin elocuencia, sen final, esta lectura de O Rey Lear de Shaskespeare porque aos que nos resistimos a caer comodamente e sen pateada nunha inevitable metafísica tan clásica como rancia non nos gustan os finais, os telos, as totalidades pechadas, as despedidas. Pero sempre hai que poñer un punto e final para deixar paso ao outro, para que outro o converta en punto e seguido. E aquí que estamos, dun xeito ou doutro, herdando a Derrida, séndolle infiel por fidelidade, facendo un traballo de dó, eu, como o rei Lear, que fixo múltiples dós: pola súa filla Cordelia, pola súa soberanía perdida e mesmo por si mesmo; eu quixera non desaproveitar a oportunidade deste teatro, destes minutos que amablemente me foron concedidos para manifestar tamén outro dó e outra herdanza, para traer a outra pantasma que a moitos dos aquí presentes nunca nos deixou de asediar, de perseguir. Este texto, o que agora leo case sen improvisación, escribino no que era e seguirá sendo a mesa, a cadeira, o ordenador de Paco Vidarte. Como vostedes saben, a súa tese doutoral, publicada en francés baixo o título “Derritages. Une thèse en déconstruction” é aínda hoxe un dos mellores escritos dedicados á herdanza de e en Derrida.

Gustaríame cederlle a el, a ese amigo que facía que sacaramos o tolo que hai en nós, os últimos minutos da miña intervención:

Des-cendre(s) de Derrida diciamos fai non moito nun desexo contraditorio de pirificación. Inevitable double bind da herdanza que se lle impón a todo comentarista. Vontade de purificar, de extractar o máis importante, o case indispensable: antoloxía, monumento. Impotencia ante a pirificación que iso leva consigo, a incineración dos restos do pai que fai imposible a memoria, o recordo, a arqueoloxía: cinzas, ruína. Frases que non son máis que cinza, condenadas á dispersión, á diseminación sen retorno ao pai, a ningunha orixe previa, a ningún sentido preexistente do que fosen resto. Restos de restos ameazados da disipación máis absoluta, que se retiran ante todo intento de apropiación, de contrasinatura, obrigando á nosa escritura a prolongarse nun dó sen sentido, melancólico, porque non sabe o que perdeu, que quizais sexa pura perda sen obxecto, dun obxecto fantasmático chorado con algo de atraso. Pirificación que non pode senón ser responsable ante a indecidibilidade de preferir estas a outras cinzas, forzándonos a decidir alí onde a decisión se fai imposible e non pode máis que ser sobrevida. Verdadeira experiencia a de rebuscar afanosamente entre uns restos de non se sabe qué Fénix mentres proseguimos na nosa lectura incinerante o inevitable holocausto da herdanza. Xa é demasiado tarde para non pensar a partir de Derrida”.12 E tamén de Paco.


_____________________________

1Este texto foi lido no “Coloquio Internacional Herencias de Derrida” celebrado en Madrid os días 24-25-26 de febreiro de 2010.

2 J. Derrida: “Cogito et histoire de la folie” en L´écriture et la différence, Paris, Seuil, 1967,pp. 94-95.

3 W. Shakespeare, El Rey Lear, RBA Ediciones, Barcelona, 2003, p. 81.

4Op. cit., p. 86.

5 J. Derrida: Echographies —de la television, Paris, Galilée-INA, 1996, pp. 123-124. [Os corchetes son meus, D.H.]

6 J. Derrida: Le souverain bien, Viseu, Palimage Editores, 2004, p. 16.

7EL Rey Lear, pp. 86-87.

8 “Cogito et histoire de la folie”, p. 68.

9 J. Derrida: Séminaire La bête et le souverain. Volume I (2001-2002), Paris, Galilée, 2008, pp. 345-346.

10El Rey Lear, pp. 112-114.

11 J. Derrida: Séminaire La bête et le souverain, Volume II (2002-2003), Paris, Galilée, 2010, p. 328.

12 Paco Vidarte: Derritages. Une thèse en déconstruction, Paris, L´Harmattan, 2001, pp. 120-121.