Venres 26 de Nov, ás 16.45 h

No faiado (stand)
Edición

Catro plataformas, catro procesos, catro maneiras de entender a edición como ferramenta e como dispositivo de intervención.

Estaleiro Editora
Xa non se pode dicir que Estaleiro Editora sexa un novo selo. Nin sequera que sexa un selo independente coma se independente quixese dicir “ao principio do camiño” que conduce a outra cousa. Hai case tres anos de Plan de fuga (2007), o libro de poemas de Alberto Lema que estreou o seu catálogo, e Estaleiro segue a funcionar de xeito asembleario e como unha asociación sen ánimo de lucro, editando baixo licenzas Creative Commons e só en lingua galega, respectando a norma que os autores escollen para o seu texto.
estaleiroeditora.blogaliza.org

Editorial Trifolium
Xan Arias-Andreu é un editor clandestino. Así se define este galego de Madrid afincado en Oleiros, á beira da Coruña. A páxina web da súa editorial, que vén de poñer novamente en galego O dereito á preguiza de Paul Lafargue e A natureza humana: xustiza versus poder, un coñecido debate entre Noam Chomsky e Michel Foucault, está encabezada por unha elocuente cita de Alberto Manguel: “Os gobernos nunca son verdadeiramente simpatizantes das letras, e por iso non adoitan encarcerar, torturar e matar por razóns políticas mergulladores ou axentes de bolsa, senón escritores”.
editorialtrifolium.com

Proxecto Corsárias
Unha libraría nómada e virtual que procura acomodo en Compostela, unha distribuidora de materiais críticos, en Galicia e fóra de Galicia, e unha editora. Iso quere ser o Proxecto Corsárias, unha plataforma con base na internet que aspira a ser referencia do pensamento crítico no país. Nas súas comunicacións públicas empregan a norma reintegracionista, pero como no caso de Estaleiro respectan a opción de cada autora ou autor.
www.corsarias.net

Proxecto Derriba
A comunidade dos que non teñen comunidade. Así se alcuma Proxecto Derriba, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á reflexión sobre o pensamento contemporáneo que traballa con licenzas Creative Commons. Veñen de editar dous volumes con Estaleiro Editora, dúas monografías sobre Toni Negri e Gianni Vattimo, e publican unha revista semestral en soporte electrónico chamada Derritaxes.
proxectoderriba.org

As presentacións dos distintos proxectos rematarán cun coloquio no que participarán Carlos Diegues (Estaleiro Editora), Pepe Árias (Proxecto Corsárias), Xan Arias-Andreu (Editorial Trifolium) e Abraham Rubín (Proxecto Derriba).

 

[+]