NÚMERO 2. Decembro 2008

A P. V.

Quizais, pola contra, teñamos que intentar pensar algo distinto dunha crise. Quizais esteamos a padecer certo sismo máis ou menos grave, algo distinto, en todo caso, dunha crise da razón, alén dunha crise da ciencia e da conciencia, alén dunha crise de Europa, alén dunha crise filosófica que sería, por retomar un título de Husserl, unha crise da humanidade europea.

J. Derrida ( Canallas)

É un tópico na historia da metafísica asociar crise cunha nova figura, cunha nova chegada cun obxectivo claro: restablece-lo sentido perdido, un fundamento ontolóxico coa suficiente firmeza para poder abordar e soster sobre si unha nova construción á altura dos tempos.

Clásicas e lembradas son así mesmo algunhas das mutacións que asumiu o ser ao longo de tantos séculos ligado á presencia, a identidade e a permanencia.

Hoxe en día, cansos de escoita-la palabra crise e de ver como se relaciona cunha suposta falla de fundamento –isto é, algo reparábel– cremos que non serven novas figuras que anden á pescuda dunha nova orixe, nin do restablecemento dunha identidade perdida, é dicir, unha ontoloxía que procure conxurar problemas, pantasmas, repeticións.

Úrxenos asumir que non hai orixe pura, incontaminada, que non hai presencia plena, que os simulacros tan evidentes nas últimas décadas do s. XX e comezos do XXI non responden a un orixinal que se perdeu no rego. Quizais nos sirva de máis utilidade pensar naquilo que xeran as repeticións, no desprazamento que levan con seu e, polo tanto, na invalidez de pretender axusta-los derrames que se dan nelas.

Se algo denota unha crise é un reaxuste, pero todo reaxuste contempla fendeduras inasimilábeis. Son as fendas as que poden abrir vías novas –ou non, tamén poden machuconamente levar á paranoia, ao fascismo ou a unha nova ontoloxía do ser e tempo presentes, de identidades que subsumen diferencias, de acontecementos que se agardan–. Na súa repetición agóchase unha nova diferenza.

A nivel político, pódenos servir dirixi-lo pensamento cara a outras épocas de crise, outros contextos, outras realidades, non para pensa-lo non-pensado por eles, senón para pescudar resortes, pulos, liñas de fuga. Un bo exemplo diso sería o acontecemento do laboratorio italiano das décadas de 1960 e, especialmente, 1970. Aló a crise das fábricas fordistas das que se valía o capital uniuse cunha relectura dos Grundrisse de Marx, recén traducidos naquel intre ao italiano, e que entre liñas ofrecía resortes de resistencia ás reestruturacións capitalistas e á subsunción que procuraban da sociedade civil. Deste xeito xurdían multitudes de subxectividades que formulaban e vivenciaban alternativas ao capital e a un Estado-nación monicreque do sistema.

Nestes últimos 40 anos a modificación do concepto de soberanía e de Estado-nación, que se aborda actualmente dende a posición da crise do concepto, posición a miúdo catastrofista, parcial e restauradora, entre outras cousas, devén fundamental para poder situarse en posición de re-sistencia. Do mesmo xeito o desaxuste que provén da multiplicidade –e por tanto da multitude e da diferenza– poderá axudar a seguir pensando o acontecemento fuxindo das categorías totalizadoras metafísicas (un dos grandes erros do marxismo clásico). E semella á súa vez imprescindíbel artellar unha concepción concreta de desexo coas subxectividades políticas que poden ou non emerxer ao respecto. Nese galo o rastreo lacaniano do desexo é importante, pero tamén o que xorde nas marxes, como nas experiencias queer. Así mesmo, cando se tenta representa-lo desexo o interesante sería anotar aquilo que resta fóra da representación, o residuo da mesma, o non conceptualizábel, tamén se para facer isto hai que afirmar e logo abxurar do afirmado.

 DOCUMENTOS

 

TEXTOS

O acontecemento italiano: reflexións e datos. Sören e Giacomo Hauser.

Nestes días nos que ven de se celebrar a reunión do G-20 coa intención de “refunda-lo capitalismo”, como provocadoramente afirmou o presidente francés, ou alomenos “as regras do xogo económico” como incesantemente repite o seu homónimo español, parece que de novo as crises do sistema levan con seu unha reestruturación do mesmo de cara a manter o básico en pé, isto é, o nivel de vida da clase economicamente máis favorecida e do mundo que se desenvolveu mediante a política do zoco na testa.
Quizais hoxe sexa útil reflexionar sobre outros períodos recentes nos que o capital se reestruturaba no medio dunha crise e qué factores influíron na reacción que os seus antagonistas levaron a cabo. Para a reflexión utilizaremos o caso de Italia, onde o célebre ano 1968 aturou o seu pulo unha década, dando lugar a todo tipo de experiencias alternativas e autoxestionadas por unha porción moi ampla da poboación que creaba e usaba as marxes do sistema como liñas de fuga.

A ética do desexo na psicanálise lacaniana. Frank Hauser.

Neste texto se pescuda a posibilidade de artellar unha ética psicanalítica partindo dunha análise do que foi o seminario VII de Jacques Lacan, no que se fai un tratamento da temática do desexo, fundamental para a mesma concepción de ética. O autor parte do feito lacaniano da crítica á ética tradicional, na que quedan incluídos tamén os aportes formais como Kant ou universalistas como Sade, para desenvolver o concepto de Das Ding, antecedente dopequeno obxecto a, polo absoluto do desexo lacaniano e as súas implicacións na cultura e no xurdimento dunha ética que cumpra as chamadas desta sistemática psicanálise.

A re – sistencia. Man Hauser.

Dende a tradición que inaugurou Descartes no s. XVII cunha concepción concreta de existencia, dun estar-no-mundo, o autor avanza pola temática existencial do “estar” dende Nietzsche, a fenomenoloxía e, finalmente, a tese de Heidegger da ex-sistencia que marca un prefixo ex- de saída, co que Heidegger procuraba resgardarse da tradición metafísica. Chegados a este punto é cando a reflexión sobre as distintas posibilidades do “estar” son chegadas: non só ex-sistencia senón tamén in-sistencia ou re-sistencia.

ENTREVISTA

Entrevista a J. Butler: “O desexo como filosofía”. Por Regina Michalik – trad. D@n Hauser

RECENSIÓNS

Seminario A Besta e o Soberano, de Jacques Derrida – Drocha Hauser

¿Que resta do estado-nación? Lingua, política, pertenza: Unha conversa entre Judith Butler e G. Spivak – Bea Hauser

DERIVAS

Dunha lingua a outra – Drocha Hauser

CONTEXTOS

Multiplicidade, totalidade e política. Por Maurizio Lazzarato – trad. D@n Hauser

Abxuración da “Triloxía da vida”. Por Pier Paolo Pasolini – trad. Giacomo Hauser

A crise, a esquerda e os afásicos – Brais Hauser