DERRIDA, JACQUES. SÉMINAIRE LA BÊTE ET LE SOUVERAIN. VOLUME I (2001-2002). Ed. Galilée. 2008. París.

 

A publicación póstuma do último seminario que Jacques Derrida impartiu na L´École des Hautes Études en Sciences Sociales de París entre os anos 2001 e 2003 pon moitas cuestións en xogo.

A cuestión do contido é fascinante e enriquecedora. Cun estilo ao que os lectores de Derrida non están acostumados, unha pluma máis lixeira pero igual de rigorosa, máis directa e coa sedución do estilo oral; o 12 de decembro de 2001 Derrida comeza o seu seminario dicindo “a…o”. Artigo feminino e masculino que debuxa unha escena determinada, o escenario mesmo de todo o seminario. Este escenario é o concepto de “soberanía”, as súas figuras ontoteolóxicas, o seu bestiario. A grande historia da bestialidade que alimenta o concepto de soberanía ao longo do pensamento occidental leva a Derrida a establecer unha inquietante analoxía entre a besta e o soberano. La bête et le souverain. A homonimia parcial entre a conxunción e o verbo[1], indecidible no francés oral, fala tanto da separación e da xustaposición como da cópula. O devir besta do soberano e o devir soberano da besta crean a figura do lobo-soberano, aquilo que está fóra da lei e que ao mesmo tempo é a lei mesma, o que ten poder lexítimo de creala e suspendela soberanamente. Un soberano que camiña a paso de lobo, que ten o dereito de mirada absoluto, dereito divino, que ve sen ser visto, que axexa, vixía e ameaza dende a escuridade do nome propio. Esta figura antropozoolóxica, que conta co respaldo da forte tradición do pensamento político entre forza e xustiza, é o suxeito de análise que atravesa as catrocentas sesenta e tres páxinas do libro. Derrida parte da fábula máis famosa de La Fontaine, Le loup et l´agneau, para deconstruir o concepto onto-teolóxico-político da soberanía. A moral, ou sentenza, da fábula de La Fontaine, “a razón do máis forte é sempre a mellor”, conduce a Derrida polos sendeiros ontopolíticos da súa constitución. Así atopamos unha deconstrucción dos textos teo-políticos de pensadores como Rousseau, Hobbes ou Bodino, pero sen deixar de comentar incansablemente textos que van dende a antigüidade clásica ata a filosofía contemporánea: Platón, Santo Agostiño, Kant, Schelling, Pascal, Heidegger, Schmitt, Valéry, Lévinas, Celan, Deleuze, Agamben, … e un longo etcétera que dá habida conta da historia zoopolítica da soberanía.

A mesma escena, “a…o”, fala dunha diferenza sexual nun sentido ao menos dobre. Diferencia sexual na cal a feminidade está representada pola besta submisa á masculinidade superior do soberano. Diferenza política e submisión histórica que Derrida deconstrúe facendo ver a necesidade implícita, e mesmo a analoxía, de ambas as dúas figuras. Pero esta mesma diferenza entre “a” e “o” sérvelle a Derrida para poñer en cuestión un dos máis grandes prexuízos da historia da filosofía occidental, a saber, a diferenza constitutiva entre o home e a besta, entre o home e a animalidade. A deconstrución do “propio do home” pasa ao mesmo tempo pola deconstrución do machismo histórico, e aínda actual, como pola deconstrución da fronteira entre o “home” e o vago singular xeral “animal”. Esta deconstrución, que comparte os motivos de L´animal que donc je suis (2006), será fundamental para comprender a relación entre a besta e o soberano, e poder deconstruir así a devoración vociferante ou a vociferación devoradora do lobo soberano. O primeiro volume detense na sesión do 27 de marzo do 2002. O segundo volume publicarase, previsiblemente, en 2009.

Pero máis alá do contido, o cal forma xa parte fundamental da filosofía contemporánea, preséntanse cuestións doutra índole. O excelente traballo de Michel Lisse, Marie-Louise Mallet e Ginette Michaud, editores do primeiro volume e grandes coñecedores do pensamento de Derrida, non está exento de problemas. Se ben é certo que os editores contaban cos seminarios redactados polo propio Derrida e respectaron ao máximo o texto, mesmo marcas e signos que o propio Derrida introducía nos seus textos, cabe dicir que a publicación non é exactamente o texto que descansa no IMEC[2].

En primeiro lugar, o texto escrito por Derrida estaba pensado para citar moitos textos da tradición filosófica. Unhas veces eses textos estaban enxertados no propio texto e outras non. Derrida adoitaba fotocopiar textos para lelos na clase. Nestes casos os editores creron conveniente introducir a cita que podemos ler comodamente no texto publicado. Esta leve alteración leva consigo unha dificultade. Como Derrida citaba normalmente libros da súa propiedade, os editores buscaron as citas que faltaban na propia casa de Derrida, para citar a mesma edición que el utilizara, pero non sempre lograron atopalos. Nestes casos específicos os editores optaron por citar as edicións que eles crían como as máis seguras. Ao mesmo tempo corrixiron, no caso das citas xa enxertadas por Derrida, os erros que eles consideraron como erros de transcrición evidentes sen sinalalos nunha nota a pé de páxina. Os propios editores din tamén: procedemos en raras ocasións a algunhas correccións ou retoques mínimos cando a multiplicación de signos tales como corchetes, parénteses, guións, ou ao contrario a súa ausencia, dificultaban seguir a argumentación. Coa mesma lóxica os editores introduciron palabras que eles consideraron como evidentes lagoas ou palabras que Derrida (se) saltara. Estas palabras están indicadas entre os símbolos < >. Tamén “aclararon” as referencias abreviadas e engadiron referencias a obras que non figuraban como tal no texto. Por suposto, as notas “á marxe” que Derrida facía a man no seu propio texto normalmente ao final da sesión non figuran no texto publicado.

A pesar do arduo e magnífico traballo que os editores levaron a cabo non podemos obviar as cuestións que acabamos de sinalar. E cabe preguntar, ¿estamos a ler a Derrida?, ¿unha obra póstuma está escrita polo autor que espectralmente a sinatura? A publicación do primeiro volume do último seminario de Derrida é o primeiro paso dun ambicioso e sen dúbida importantísimo traballo, a saber, a publicación de todos os seus seminarios. ¿Cales serán os criterios a seguir para a súa publicación?, ¿quen pode decidilos?, ¿acaso todas as marcas, signos, notas á marxe, comentarios a man, ausencia de palabras e referencias, etc. non forman parte do texto, especialmente se falamos dun texto de Derrida? ¿Non é precisamente Derrida quen se caracteriza por escribir á marxe e na marxe? ¿Podemos publicar un libro asinado baixo o nome propio Jacques Derrida sen respectar o sentido máis íntimo da deconstrucción do “texto”? ¿Como entender entón o concepto de herdanza que Derrida abordou e deconstruíu constantemente? ¿E o concepto de arquivo? Calquera que vaia ao IMEC pode comprobar que o texto publicado non corresponde, polo menos exactamente, ao texto que alí descansa. ¿É ese o Mal de Arquivo? Derrida insistiu en non confundir a diseminación da escritura, a interpretación e a técnica que xa sempre afecta e despraza toda inscrición e a produción mesma de toda lectura ou tradución, coa manipulación, o engano e a falsificación. ¿Non é acaso neste sentido como hai que entender o extremo tratamento do texto, a corrección case infinita, a preparación e a revisión exhaustiva que Derrida sempre tivo cos seus textos? A imposibilidade de evitar a interposición técnica non dá carta branca senón que agudiza e multiplica a prudencia. E esta prudencia non se pode agochar baixo o argumento de quererse achegar o máximo posible a un suposto texto que Derrida, tamén nun suposto, publicaría se estivese vivo. Non. Derrida está morto e hai que asumilo dunha vez. E tampouco podemos esquecer que Derrida nunca publicou como tal os seus seminarios. ¿Que significan as “aclaracións”, a modificación sutil da puntuación para “axudar” á lectura do texto ou as pequenas correccións cando o exceso de signos dificulta seguir a argumentación? ¿Acaso hai unha intención de guiar o texto ou de facer visible unha “verdade” e un “sentido” do texto derridiano, verdade que non sería outra que a verdade hermenéutica que Derrida tamén deconstruíu constantemente? Se o texto escrito por Derrida está enchido de marcas, signos, parénteses, corchetes, notas, etc. é debido fundamentalmente a que Derrida o escribiu para ser exposto oralmente, de viva voz, nas súas clases. E aquí formúlase o problema máis grave: ¿Non representa ese texto, tal e como o conserva o arquivo, un exemplo “vivo” da deconstrución do logofonocentrismo? Se borramos os trazos e xestos destinados presumiblemente á exposición oral ¿non estamos a abrir unha vez máis a brecha entre a voz e a escritura? ¿Non significa ese xesto un intento de recuperar unha dignidade do texto de arriba abaixo metafísica? ¿Acaso era máis “verdadeiro” o que dicía a voz de Derrida no seminario que aquilo que o seu texto escribía? ¿Acaso pódese facer esa diferenza?

 Para a publicación dun texto que Derrida nunca autorizou e que nunca poderemos saber se estaría de acordo con ela; para a publicación dun texto escrito destinado á voz; para a publicación dun texto atravesado de marcas, trazos e signos; para a publicación da herdanza e da memoria; en definitiva, para a publicación do resto, da pantasma e das cinzas mesmas de Derrida, sempre podemos e debemos argumentar que borrar os seus enxertos, as súas pegadas e as súas dificultades non só supón poñerlle trabas á deconstrución senón que é, en último termo, aniquilar o texto mesmo. En contrapartida, e en defensa dos editores, Derrida dixo ben claro que nunca poderemos evitar a pulsión de morte asociada á com-pulsión de conservación, a posibilidade intrínseca da destrución total dun mundo, a morte mesma, o Mal de Arquivo.


[1] En francés et (conxunción) e est (terceira persoa singular do presente de indicativo do verbo ser) pronúncianse exactamente igual.

[2] Institut Mémoires de l´Édition Contemporaine