Carlos Rafael Ramos

Confesión de Deus

Amaso luces e mundos, invento órbitas, rotacións, noites e días; dou nomes a anxos e demos, inauguro o tempo; dispoño o vento na rama, a canción do mar e a terra, a primeira ameba, feita xa á miña imaxe; fundo, por último, aves e humanos. Todo por unha soa razón: o silencio absoluto do vacío inspírame terror.

Noite de medo ou amor

Será unha torneira mal fechada. Será un insecto procurando a súa miga. Será a madeira, que treme co frío. Será o vento enganando portas. Serás ti?

 

No umbral

Abriu a porta tentando apagar aquel presentimento, unha asa de corvo no seu peito.

  • Quen é?- preguntou

  • Eu – respondeu a escuridade

O gardián entre o bambú (Matsuo Basho)

Entre o bambú espreito, brinco, devoro. Gardo o camiño desde hai tanto tempo que xa esquecín para quen. Como a miña misión, son eterno. En van. Este camiño só o percorre o crepúsculo.

Sombra ou rei

Na cidade prohibida, reino. Mil guerreiros deféndenme do veleno e da adulación. Ninguén pode tocarme, a voz do mundo desángrase nas súas espadas. Nin sombra teño, mandeina matar para que non denunciase a miña estatura.

Fundación do crime

Caín foi para o deserto, unha cunca de arroz nas mans e na fronte a marca que o condenaba e protexía. Deus, diante do cadáver de Abel, fixo saír ao taquígrafo e, cun sorriso triste, reflectiu para si: en verdade, é feito o home á miña imaxe e semellanza.

Onironapia

O meu nariz tivo un pesadelo. Soñando co paraíso dos aromas, rodeado de narices felices, era o único que estaba arrefriado.

A morte e o método

Pensou a morte: Se a morte é non ser, eu non existo. E desapareceu nun lóstrego amarelo. Entón a vida, que pasaba por alí, tomou o seu lugar. E era case, case, o mesmo.

Un post-it de Rusticello de Pisa

Os fantasmas do deserto rodean ao perdido. Buscan un alma que humedeza un momento as súas, áridas sombras nunha terra carecente delas. Pero non poden achegarse, e finalmente esvaecen, soños envellecidos, no camiño aberto nos ollos do viaxeiro. Marco Polo sae do deserto.

Ciumes

Deus amaba a Eva. Perdoou o da serpe, o da mazá, que tivera cuberto a súa beleza con musgo e follas verdes… Porén, non lle puido perdoar que escollese a Adán como compañeiro. O pecado de Deus foi, tamén, orixinal.

Monosabio

Un mono finxía ser humano. Impostor coherente, foi poeta épico e político de alcoba. Aclamado, aceitado e envexado consecutivamente, tivo un tráxico fin. Foi descuberto e inmediatamente fusilado debido ao seu desmedido amor pola intelixencia.

Misantropoloxía

Cansado do mundo, quixo esquecelo. Cortou telefones, queimou axendas, tachou mapas. Fechou as contas do banco e despediuse de familiares, amigos e inimigos. Comprou casa no monte mais alto, por riba das nubes. cando se viu só, tan só, comezou pedir socorro.

Gárgola

Odio esta faciana de réptil, os meus músculos petrificados, miña boca en pasmo perpetuo, o sabor do mofo na chuvia que expiro. Por odio hei de caer un dia, accidental, sobre o bispo cando saia da súa catedral. Serei primeira pedra do seu panteón.

Telegrama

Amor non pares. Stop. Corre sen ollar atrás. Stop. Todo saíu mal. Stop. Veciños desconfiados. Stop. Nenos curiosos. Stop. Intenso cheiro a podre pola reixa da cave. Stop. Policía atopou cadáver meu. Stop. Quérote. Stop.

Soños do mármore

Eu quería ser Laocoonte, auriga, cariátide, David. Quería dar ser na miña forma á beleza humana. Soñaba con deixar de ser pedra, ter nome e alma, fundar nos meus acenos espellos e aplausos… Hoxe son apenas sombra dunha ausencia: son lápida nunha tumba.

Memorias de Don Segundo Curto

A vertixe da miña vida esixe velocidade na escrita. Nacín de pé, crecín co sol. Meu amor durou o que eu: un lóstrego. Ardín nun xesto eléctrico e definitivo. Morto, non me chega a nada esta escasa eternidade.