Operación Castiñeira ou a represión social

Sören Hauser
Novembro de 2005 : no segundo aniversario do Prestige, na Galiza sucede algo que fará que aquela xestión nos pareza un xogo de nenos. O día 14 a Garda Civil (GC) asalta tres centros sociais galegos, en Compostela, Vigo e Ourense, detén a 11 militantes da Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), rexistra varios domicilios e postos de traballo doutros activistas e pecha dúas páxinas web do movemento independentista galego. A acusación vertida contra os detidos é formar parte dunha “asociación ilícita” cun nome que non é explicitado en ningures. Logo de longos interrogatorios sobre a organización de AMI, o movemento social crecente na Galiza, e logo de ofrecer explicitamente aos detidos formar parte asalariada dos confidentes da GC, déixaselles en liberdade con cargos.

Os Centros Sociais A Esmorga de Ourense, A Revolta de Vigo e o local de AMI inserto no CS A Gentalha do Pichel de Compostela, son obxecto dun rexistro a fondo por axentes encapuchados que buscan información sobre os movementos sociais e os activistas independentistas da Galiza. Así mesmo son rexistrados os pisos nos que residen os detidos e os seus respectivos lugares de traballo. Un deles, deseñador gráfico, soporta como a GC requisa os computadores do seu traballo, co consecuente desconcerto do encargado do mesmo.


Durante estes rexistros desaparecen considerables cantidades de diñeiro e son subtraídos obxectos persoais (fotos, revistas, música, libros), cunha apropiación carente de sentido para a importancia da investigación. Pódense constatar do mesma xeito o roubo dos cartos da Asociación Cultural A Fouce de Ouro, a hucha de apoio á organización CEIVAR do CS A Esmorga ou a substracción da caixa de aforros e a lista de socios do CS A Revolta.

Non quedan aquí as detencións : en decembro é detido o webmaster da páxina de AMI cando regresa a Galiza polo nadal. Parece que en todo este vórtice o primeiro obxectivo policial é claro : deter aos membros do Consello Nacional de AMI, organización política que desafía abertamente o monopolio da violencia do Estado. O segundo obxectivo pasa por determinar o nivel organizativo e asociativo do independentismo galego. Para iso, utilízase a antiga táctica de sacarlle a auga ao peixe, hoxe en día especialmente en boga en Euskal Herria : atácase ao movemento que conta cunha reivindicación máis aló do nacionalismo, atácase á construción político- social. E non se atopan responsables deses movementos, que funcionan horizontalmente, senón grupos de 50 a 100 persoas que se moven ao redor da organización autónoma de cada centro social.

Mentres, o sumario da causa serve para manter aberta unha investigación contra os movementos sociais e independentistas, un sumario que permite, como o seu propio nome indica, ir sumando aos poucos información sobre a base social que sustenta o movemento galego, un suma e segue que fai que hoxe se manteñan abertos cinco procesos, en mans de tres xuíces. Un deles é o xa tristemente soado Grande-Marlaska, que afirma que o nacionalismo galego loita por defender un “dialecto”. En fondo e forma a acción policial recorda á iniciada en 1998 en Euskal Herria, aínda que alí o índice de represión, ataque e derriba aos movementos sociais foi moito maior, proporcional quizais á maior autonomía e construción de alternativas ás institucións estatais. Xa vimos que aquela ofensiva viu o seu desenlace no xuízo 18/98 realizado nove anos despois. Isto dános unha pista fiable sobre a intención que pode planear sobre a Operación Castiñeira.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies