Drocha Hauser

Conjunciones. Derrida y compañía. Baixo este título publícase o cuarto libro do Grupo Decontra. Froito dun seminario levado a cabo no anos 2002-2003, que versaba sobre “os amigos de Derrida”, reúnense neste volume 17 textos inéditos. Nesta ocasión, o grupo de investigación máis importante do estado Español sobre deconstrución foi máis alá das súas propias fronteiras contando coa colaboración de distintos especialistas e investigadores externos ao grupo. Como guinda, o libro péchase coa tradución tamén inédita dun texto do propio Jacques Derrida titulado “o aforismo a contratempo”.

A potencia teórica deste volume instálase na fronteira dun “con”, nun “con” como fronteira, no que sempre ten de fronteirizo e de limítrofe todo “con”, nesa raia divisoria e sen xurisprudencia que marca e define toda xurisprudencia, o límite e á vez a apertura de calquera pensamento político que sempre radica nun ser-con, nunha con-xunción, no estar-con, xunto a, na unión do aforismo e o nome. E neste volume acontece nun dobre sentido. Por un lado, conxunción íntima cos textos derridianos, coa súa xerga e traxectoria, co nome propio “Derrida” e, sobre todo, coa amizade persoal do propio Jacques Derrida. Por outro lado, conxunción de Derrida con outros filósofos, cos filósofos a través dos cales Derrida escribe a súa propia filosofía, unha filosofía antes que nada (im)propia que deconstrúe o edificio da propiedade, do nome e da sinatura.

A novidade principal que este volume presenta en relación coa sólida traxectoria do Grupo Decontra estriba no feito de poñer directamente a Derrida xunto a outros filósofos, aqueles fronte e a beira dos cales o propio Derrida estableceu algunha sorte de conxunción. Unha conxunción condicional con Nietzsche, un se, que cuestiona a condición mesma e a necesidade a través dun perigoso quizais como apertura radical e afirmativa ao por vir; tamén unha conxunción adversativa ao tempo que comparativa e disxuntiva, un mais, un como e un ou, que opón, compara e diferenza o non sempre amable discurso habermasiano en relación coa deconstrución derridiana; ademais unha conxunción continuativa e copulativa, un pois, un de aí que e un e, que esvaece o encadramento baixo etiqueta de “filósofo” e “literato” nun intento de ler e crear unha relación de contaminación entre os textos de Kafka e Derrida que se prostran ante a lei; tanto unha conxunción ilativa como temporal, un daquela e un cando, que (des)unen a psicanálise máis lúcida do segundo Lacan, o obxecto a, coa reflexión derridiana acerca do acontecemento e a différance: Derriladacan, conxunción e contigüidade sintomáticas que une dous pensamentos no resto que ambos os dous perden no que deixa de inatrapable e incompartible cada ocasión. Estas conxuncións, e outras que pasarán xunto a Nancy, Lévinas, Kierkegaard, Javier Marías, Foucault, Butler, Althusser, Unamuno, Barthes, Cixous…, inscríbense na dobre aporía do nome propio, na ironía retórica dun aforismo que se di sempre a contratempo. Esta lei do aforismo revela a inhumanidade do nome propio e obriga a inventarse máis alá do nome. Lonxe do comentario de texto, e seguindo a estratexia do amor e o dó imposible en(tre) Romeo e Xulieta, o libro Conjunciones escríbese na chamada do outro, no esforzo sempre infinito de inventarse no nome do outro.