O mundo está cheo de curas e hainos de todas as clases, iso está clarísimo. E os peores non son os que vestidos de corvos apracibles adestran a miña avoa a acertar coa moeda na fenda do cepillo senón os que disfrazados de segrares con retóricas amables e eruditas, presbíteros fisicometamaníacos, capeláns con frac ou vicarios con rastas, insurrectos da ortodoxia catequista, non se saben cubertos de plumas. (Miríclito da Fontedapedra)
A tódolos predicadores da moral dedícolles estes contos (meta) conservadores.
A ADEGA DO PENSAMENTO
Cada vez que sento nesta cadeira dóeme a cabeza e teño a inevitable sensación de pensar coas pousadeiras. Si. Parece coma se a presión contra a táboa acolchada que soporta directamente o meu peso desagradecido producise unha alteración maligna nalgún proceso cranioencefálico das miñas nádegas, claro, coa súa consecuente dor de cabeza. Sempre me fago a mesma pregunta, ¿o paracetamol actúa sobre os vasos sanguíneos da cabeza ou do traseiro? Quizais sexa que a cabeza utiliza o traseiro como armario, o traseiro como trasteiro onde almacenar esas ideas vellas e pasadas de moda, mesmo raídas e sen cor, que non queres tirar porque pensas, ou máis ben queres pensar inxenuamente porque non as tiras, que algún día che poderán servir para algo. Quizais sexa precisamente isto o que se oprime con violencia cada vez que sento nesta cadeira, as ideas almacenadas no trasteiro do traseiro, vellas e fortes ideas, vigorosamente enraizadas debido precisamente ao seu esquecemento. A fonte do inconsciente quizais mane directamente da carboeira. Sentar é entón un maltrato constante á personalidade, á psique, ás vellas ideas que fabrican a conciencia. É un belisco á conciencia da conciencia do cal o corpo, sempre infinitamente máis sabio que a mente, se protexe producindo unha dor de cabeza intensa que che obrigue a levantarte para ir correndo a por unha aspirina. Agora compréndoo, non é o ácido acetilsalicílico nin o ibuprofeno, senón o feito de ir a por el. O traseiro é entón o trasteiro, o faiado, ou máis ben a adega, do pensamento. Alí onde se gardan os bos viños pois ten un nivel de humidades o suficientemente elevado. Sempre está a acubillo do sol, mesmo en verán, e o seu lugar, sempre detrás, sempre escondido, manteno baixo unha protección envexable, a salvo. A adega do pensamento, ese lugar secreto a onde se leva soamente aos bos amigos, aos íntimos, para compartir un trago da mellor das túas augas ardentes. E por iso tamén a cabeza se alegra e fai sorrir a súa parte visible cando sacas o trasteiro a bailar porque en vez de oprimilo contra unha táboa, ou con sorte contra un coxín, o moves ao ritmo da boa música, airéalo, axudando a desentumecer e a desempoar as túas anquilosadas ideas. E bailan, e móvense de glúteo a glúteo, e sorrín o cruzarse con vellas amigas ou inimigas. E mesmo liberas a posibilidade de que unha caricia fortuíta ou premeditada faga estremecer de pracer e rexouba a túa carnal conciencia. Agora que o penso a máquina de escribir, a pluma ou o ordenador, foron inventados para forzar ao escritor a escribir sentado, para oprimir e amolar a súa conciencia ata tal punto que sinta unha dor terrible consigo mesmo, un desdobramento, que non poida máis que querer reinventar e reescribir cada vez, no caso dos grandes literatos, a adega do pensamento. Para os mediocres ou afeccionados á escritura quédanos o innobre papel de alimentar a grande industria farmacéutica. Pero en ambos os dous casos, o que está clarísimo, é que só podemos pensar co cu.
O SER E O TEMPO
Parece ser que perdo un montón de tempo observando como todo se desordena enriba da mesa. É incrible. A penas deixas dúas cousas un pouco á présa, desaparecen ipso facto unha trintena, ben a gusto, cando non máis. Onte mesmo, nun momento deses que necesitas freneticamente cambiar de tarefa e deixar o que tes entre mans para, non sei, descolgar o teléfono ou atar un cordón ou perder a mirada simplemente por un burato mal tapado do rodapé, ou calquera outra cousa desas que facemos coa mesma necesidade imperiosa, irresistible, e consecuentemente torpe, coa que, por exemplo, resgamos unha comechón repentina nas costas. Pois ben, eu necesitaba deixar unha caixa de gomas de mascar, desas sen azucre que saben docísimo, para non me acordo moi ben que continxencia absolutamente necesaria do día a día. Fíxeno sen máis, pero nese mero acto aparentemente sen importancia perdín un dicionario de peto de alemán, o cargador do móbil, uns calcetíns a raias que me encantaban e as chaves do apartamento. Pois é tan imposible medir os actos friamente calculados da banalidade como a providencia despótica e narcisista do altísimo. E o problema é que no proceso de busca desesperado, tamén torpe e inxenuo, dese dicionario que me podería revelar dunha vez por todas o significado de sein e zeit, pois quitas e pos as cousas unha e cen veces no mesmo sitio porque sabes perfectamente onde estaba ese pequeno obxecto de desexo, pero o problema é sempre que non está onde o sabías. E con ese movemento banal das cousas que ocupan o seu lugar determinado enriba do teu escritorio estás a multiplicar as posibilidades de facer desaparecer moreas de cousas, exponencialmente, e precipítaste sen sabelo nunha pendente matemática susceptible de facerche perder todas e cada unha das túas pertenzas. O peor, sen dúbida, tamén para o meu ser e para o meu tempo, é que non podo saír de casa porque non atopo as chaves.
LINGUA FERIDA
Teño unha ferida na lingua e amólame constantemente. Moitos listillos dirían: “¡por suposto! Ese é o seu papel”. Para eles é o sinal de que algo non funciona, de que algunha cousa non vai ben. Eu xa probei de todo, Oraldine, infusións de aloe vera, gargarexos matutinos de limón con mel, e ata un curso de chinés por fascículos. E nada, a miña lingua continua ferida. Recomendáronme o silencio pero parece ser que para que funcione é necesario un mínimo de cinco semanas de tratamento, e a verdade, non teño tanto que calar. O peor é que á miña muller lle dá noxo e me perxurou abstinencia. Di que non pode entender como unha lingua que antes namoraba ás mil marabillas (aínda que ela nunca chegou a ser nin tan sequera unha soa) agora poida segregar pus e cinismo. Ante un contexto semellante, o certo é que non me atrevín a proporlle sexo sen bicos nin palabras. Pero a min o que realmente me amola, máis alá da dor física e soportable que produce, é saber que algo tan vital e constitutivo como a lingua se queixe en formato bocha. Ben pensado é mellor iso que zarabetear ou cuspir ao falar pero está claro que a miña lingua me quere amolar soamente a min, en privado. Estou empezando a desconfiar do bilingüismo.
AS VANTAXES DO ESCRITOR
Ser escritor, contrariamente ao que a maioría pensa, proporciónache moitas vantaxes. De entrada eliminas de golpe e porrazo calquera posibilidade de ter amigos. Isto débese non só aos ritmos de traballo, que normalmente son nocturnos, entre taquicardias e litros de café, senón máis precisamente á imposibilidade de predicir eses ritmos. Imaxinade o caso. Sábado pola noite. A cidade retoca a maquillaxe por última vez, quizais un tiro e veña! varios correos organizaran de forma inconsciente unha gran festa nun bar do meu barrio. Todo está listo aí abaixo, xa oio as risas coquetas desas rapazas que non buscan traballo, a música, o whisky, a diversión. Nese instante absolutamente máxico que acontece unha ou dúas veces por semana, un amigo chámate para meterche présa, como é normal, porque estás a perder a maxia da vida. Normalmente, ante esta situación, o escritor contesta: “encantaríame pero agora non podo, estou a punto de caracterizar a alma esgazada dunha orfa que ten que abrirse paso soa na vida, pero grazas, quizais a semana que vén”. Ante unha resposta deste estilo, a verdade, a miña reacción non sería deixar de chamalo senón subir á súa casa e partirlle a cara. Pero tamén é certo que non merece tanto. O peor dos castigos que lle podes ditar é deixalo que podreza na súa vida de escritor. É cruel, seino, pero creo que tamén é xusto, porque cando un amigo te chama para compartir a maxia da vida contigo debería constituír un delito dicirlle que non. Os escritores non teñen concepto da amizade fóra dos seus libros; teñen informadores, gacetistas, espías de historias.
Sempre que te chaman para tomar un café, non o dubides, é porque están a pasar unha crise creativa. Por este mesmo motivo os escritores son habitualmente mullereiros e libertinos. Este é un tema moi complexo, pero o seu afán polas relacións esporádicas é para eles unha reunión de traballo. A parte de que as historias de amor esgazado son as que mellor se venden, atopan grazas a elas unha situación de baleiro existencial incriblemente propicia para encerrarse no seu sumidoiro a escribir durante semanas as súas historias de ratas. Durante ese tempo, que pode durar anos, ningunha outra cousa lles preocupa. Coñecín un que só comeu latas de atún mentres escribía unha novela de cincocentas páxinas. Pero hai que recoñecer que o de ser Donjuán dáselles ben aos escritores, porque en vez de levar unha rapaza ao cinema ou a bailar pois lle mandan un texto ferido de nostalxia por correo, e claro, xa está o terreo gañado antes de entrar a cabalo no campo de batalla. Outra vantaxe envexable que posúen é que non lles molesta o seu propio suor, porque o neutralizan eficazmente coa nube de fume que habita no seu escritorio. Eu creo que o necesitan. De cando en vez tocan as axilas para comprobar o ritmo da súa actividade porque o xugo que segregan estas glándulas marabillosas é un medidor preciso do enxeño. Odian os programas do corazón, cren que saben de todo (especialmente de política) e din ler moito. Eu creo que todo isto é esencialmente falso. Primeiro, porque a prensa rosa forma parte do seu traballo, lles encantan as historias sobre princesas e din ser sensibles a todo o que teña que ver co corazón. Segundo, porque a cousa da que menos saben é de política, é normal, detestan a calidade literaria e sensacionalista dos xornais e, consecuentemente, non os len. E terceiro, a ver, ou les ou escribes. Eu creo que non leron tanto como din. ¿Liches ti o mesmo e máis que todos e cada un dos teus coñecidos, ademais escribiches contos, poemas, catro novelas, oito ensaios e algunhas críticas de cinema e, paralelamente, fodiches a unha ou dúas tías por semana? ¡ Veña home! ¿Cantas horas teñen os teus días? O que si é verdade é que teñen un montón de libros e coñecen moitísimos nomes de autores e de editoriais. E ante iso, claro, ti que nunca superaches o trauma de ter que ler libros sen debuxiños pois calas e asentes. En fin, o escritor ten moitísimas máis vantaxes, pero agora non as podo seguir enumerando porque quedei no bar da esquina cun amigo para compartir a maxia da vida. Saúde!
PSICOLOXÍA BARATA
Mañá teño unha cita fracasada de antemán co médico. Non lle sei como contar o meu problema, que non é outro que un pánico e unha fobia desmesurada, e como tal irracional, aos psicólogos. Só espero que non me diga: “os pánicos e fobias non concirnen á medicina xeral, non necesita vostede un médico de familia, o que vostede necesita é un psicólogo”. Tería razón, pero fallaría no esencial. Ademais, non é que eu queira curar a miña enfermidade, que por outro lado non a considero tal cousa posto que os pánicos, fobias e demais escatoloxías os asumo como un sistema de lexítima defensa, en especial se son contra os psicólogos. O problema é que empezo a ver psicólogos por tódalas partes. Onte mesmo, por exemplo, dirixíame como cada mañá a mercar o xornal, ese receitario de psicoloxía barata que tomei como costume saudable crerme de cabo a rabo para vivir en paz comigo mesmo, e o quiosqueiro vai e dime: “¿está vostede seguro que ese é o diario que di o que quere oír?” ¡ Maldita sexa! outro psicólogo frustrado solto que, por enriba, ten como gabinete unha choupana de folla de lata chea de películas porno e revistas do corazón no medio dun parque cuberto de nenos. ¡ Por favor! ¿Non vos decatades de que os xornais son unha cousa perigosa? Non son un xoguete. Son unha ferramenta de pracer para adultos críticos e lidos. Creo que se deberían vender nos sexshop. Por non falar dos amigos, eses pequenos psicanalistas do día a día que sempre teñen unha moralina para un descosido. De feito, os amigos son como os xornais, é necesario crer neles para poder sorrir, a diferenza de que son moito máis aconsellables porque, entre outras cousas, beben cervexa e te presentan a rapazas. Un día tiven a tentación de ler a Freud, a Erich Fromm e a Lacan, para afondar na materia e converterme no meu propio psicólogo. Pero os seus libros son carísimos e de súpeto sentín pánico de min mesmo, notei un perigoso acento arxentino e desistín. Creo que non acudirei á miña cita co médico, por se acaso. Ademais, sinceramente, prefiro seguir mercando o xornal que apenas por un euro dez a psicoloxía barata resólveche a vida cada mañá.