Sempre pensando en ti,
sempre repetindo contigo.
A tematización da Alteridade ao longo da liña que este colectivo desenvolve na historia da filosofía contemporánea –algo que pode ser de feito contraproducente– desprázase dende o concepto de acontecemento –sexa en Heidegger (Ereignis) ou Deleuze (L’evenement)– á concepción do tout autre en Derrida, o pulo de morte en Freud ou o goce do corpo en Lacan.
Escoller un camiño ou outro non será cousa banal e fará que a nosa visión varíe até facer irrecoñecíbel e incomparábel un punto con outro. Así, a nosa aposta de lectura, o noso xeito de ler, a nosa escolla do pensar conlevará repercusións alén do noso querer-dicir ou querer-ler.
No tema que nos ocupa, a apertura ou peche da relación entre o par conceptual mesmo-outro e a súa oscilación ambivalente ou predilección por un dos dous termos marcará así mesmo as nosas aproximacións, tamén no que refire a sacar algún tipo de posición política ao respecto.
Houbo un tal Paco Vidarte que (des)tematizou a alteridade no pensamento francés da segunda metade do s. XX. Aquí recuperamos unha das súas máis lúcidas reflexións ao respecto do papel da deconstrución alén de todo dogmatismo.
O seu pensamento –e a diferenza que xa remarcara no seu momento entre deconstructivistas e derridianos– compleméntase coa entrevista que Proxecto Derriba realiza a Cristina de Peretti (Adirías Hauser), a tenor precisamente do “outro” Derrida, onde podemos ver cómo o tratamento dese outro sigue un rego que vai dende a propia tradución á feminidade até o tratamento dos animais, que deixan ver cómo esa alteridade é máis cotián que absoluta, metafisicamente falando.
Alén disto, unha temática especialmente fecunda para tratar a alteridade é a literatura de Ciencia-ficción, que tenta dun xeito representacional mostrar a desfeita da comprensión metafísica cando esta trata de apropiarse daquilo que excede a súa mesmidade. Aquí mostraremos os exemplos de Stanislav Lem e Samuel R. Delany, e as reflexións que de toda a temática fai Fredric Jameson no seu libro Arqueoloxías do futuro –a piques de aparecer na súa tradución ao castelán– uníndoa coa problemática do desexo, temática presente aquí na súa relación co goce do corpo do outro na filmografía pornográfica.
.
A literatura, ademais, ten moitos outros exemplos de aproximación digna ás revoltas escuras da racionalidade. Entre tantos exemplos escollemos a Roberto Bolaño, pola súa unión alén do dito entre poesía e revolución, ou programa estético e político.
Con todo, na vertente estritamente política, comentamos a recente aparición en lingua castelán do libro de Slavoj Žižek Sobre a violencia, no que a alteridade radical cumpre un papel fundamental na vía que parte da psicanálise lacaniana, posición relevante tamén en varios artigos que se inclúen neste número. Mais esa pescuda de retombeés politiques a marcamos tamén na “Carta a un preso vasco “ de J. M. Ripalda, quen o que fai precisamente é petar na porta daquilo que resiste á tentativa de apropiación do Estado, daquilo que se procura esmagar dende o centro e que non pode senón facerse máis forte alí onde o Estado mostra o feble que é. Por iso, faise necesario traballar outros camiños, outras posibilidades de acción que non tomen o castigo como único acto xusto, que asuman que a presunción de culpabilidade encerra no seu cerne esa alteridade radical respecto á cal cabe facer xustiza, algo que só pode ter lugar perante ao outro singular, e se en algo consiste é precisamente en asumir esa alteridade que nega a validez da propia lei. Aí ocorre ese axustamento polo que loitan os movementos de esquerda.
Queremos con esta escolma facer unha primeira e provisional aproximación a semellante temática, sen máis pretensión que a de artellar filosofía contemporánea, literatura e política, se é que estas distincións aínda teñen algún tipo de sentido para metafísicos conservaduros.
DOCUMENTOS
Dunha certa cadencia en deconstrución. Paco Vidarte
Neste texto Vidarte aposta por facer unha lectura conxunta das temáticas ligadas ao acontecemento e á différance en Derrida collendo como concepto (des)artellador o de síntoma, aparecido de golpe –logo de ben poucas ocasións– nunha intervención que Derrida fai precisamente a tenor do acontecemento. Partindo disto, Vidarte postula, dende a súa predilección pola parella conceptual Lacan-Derrida pola (im)posibilidade dunha cadencia no que refire ao mecanismo diferencial e acontecemental, unha lectura innovadora e revolucionaria para todo o que procure novidades no pensamento deconstrutivo.
Contrabando. Alteridade alén da soberanía. Oskar Hauser
Por que a alteridade aparece vencellada aos fenómenos da repetición?, preguntábase Freud. Algo hai que sempre volve, quizais só coma o retorno do reprimido, pero esa reiteración nunca é exactamente igual. En Lacan a función protectora da pantasma fronte á castración, e a súa cualidade fundamental de lle permitires ao suxeito soste-lo seu desexo supuxo un marco importante na evolución do seu traballo. En xeral enténdese que a súa función expresa o modo peculiar da relación do suxeito co gozo, aínda que de forma distorsionada. No ronsel de Lacan, Žižek explorou este camiño extraendo unhas consecuencias políticas que non forman parte da clínica habitual, a idea de pantasma como relación do suxeito co gozo a través do desexo, e a pulsión entendida como un alén da castración simbólica, un desvío propio do Real. Do mesmo xeito que todo obxecto positivo de desexo se perdería no baleiro da Cousa imposíbel, derívase diso que todo axente político positivo non fai máis que ocupa-lo baleiro no centro do poder.
Introdución á alteridade na Ciencia-ficción. O exemplo de Stanislav Lem. Sören Hauser.
A liña da que parte este artigo é a do desenvolvemento da homoxeinización postmoderna que dá lugar á redución da diversidade, o misterio e a apertura cara a un modelo científico-racional que exclúe por si mesmo toda marxe de contrariedade e discrepancia no afán desmedido de comprender a toda costa.
Se collemos este fío e o levamos cara ao material da ciencia-ficción atopámonos cuns intres no que o que se describe é a continua expansión da racionalitas na procura de outras paraxes nas que despregar as súas tenaces.
Así, por este camiño, é o devandito afán de totalidade e cerrazón do sistema o que invariabelmente leva con seu o feito de darse de fociños con todo aquilo inaferrábel á sistemática comprehensiva.
Nostalxia polo nunca foi. Porno vs. O imposíbel. Fausto Alzati Fernández
Dende unha perspectiva postmetafísica, o autor tira unha liña repasando tódolos aspectos do desexo que a pornografía e erotización pretenden levar consigo, tamén no que refire á manipulación dos mesmos como, especialmente, a tentar apresar algo que pola súa propia constitución non pode senón fuxir de si. Esta é a caracterización do imposíbel desexo que o autor rastrexa nas manifestacións tecnolóxicas que pescudan o goce do corpo do outro, como se a súa realidade estivese ao alcance da mesmidade, como se puidese facer algo máis que reflectir o alleo do que forma parte.
ENTREVISTAS
“Traducir ao outro”. Entrevista con Cristina de Peretti (Adirías Hauser) –Proxecto Derriba
Space cowboy: unha entrevista a Samuel R. Delany – Scott Westerfeld
RECENSIÓNS
Alteridade e utopía. Recensión sobre Arqueoloxías do futuro, de Fredric Jameson – Sören Hauser
Sobre a violencia. Seis reflexións marxinais, de Slavoj Žižek – Oskar Hauser
CONTEXTOS
Carta a un preso vasco – José María Ripalda
Presuncións de culpabilidade. Unha crítica de cine en torno á xustiza –
A Dexectora Castro
Manifesto infrarrealista – Roberto Bolaño
Sobre intelectualidade mexicana – Roberto Bolaño
DERIVAS
Space is the place – Sao Hauser
REVISIÓN
A Dexectora Castro
ILUSTRACIÓNS
Sao Hauser
http://santatorpeza.wordpress.com/
http://copygrafias.wordpress.com/