Publican dende alg-a.net, un máis ca interesante artigo asinado por Chiu Longina, en torno á arte contemporánea e os novos modelos de producción das prácticas artisticas. O artigo foi publicado en Espazodocumental.net como DO CONTIDO AO CONTEXTO, DA OBSERVACIÓN Á ACCIÓN CANLES E ALGUNHAS CLAVES PARA ACHEGARSE Á PRODUCIÓN ARTÍSTICA CONTEMPORÁNEA. Moi atinada a crítica ás pervivencias tardorománticas:
“Un achegamento á concepción da realidade actual na produción artística debe incluir, polo menos, un repaso dos aspectos que lle afectan tratando de entender a produción como un elemento máis dun todo que chamarei «produción cultural significante» (saíndo intencionadamente dos límites do mundo da arte). Para lograr esta visión en perspectiva, tratarei de relacionar e «facer falar», por un lado, feitos observados na miña condición de artista en activo, e por outro (como profesional do social), describindo analiticamente algúns textos e ensaios de autores que, na miña opinión, sintonizan con este tempo. Todo iso coa intención de aproximarme á comprensión do funcionamentó da produción artística na actualidade. Fareino traballando con ideas que xa están circulando no espazo cultural; como diría Nicolás Bourriaud, «xa informadas por outros». Non vou crear nada orixinal a partir da nada, senón que exercerei dunha sorte de dj de ideas para presentar unha análise cargada de ideoloxía e herdeira dunha experiencia persoal co mundo da arte.”