Chamamento para envío de comunicacións
Estratexias de visibilización das culturas minorizadas.
I encontro galego de nov@s pensadores.

Xustificación:

A historia do pensamento filosófico na Galiza, debido á súa situación periférica, moveuse sempre na dialéctica entre a asunción acrítica do foráneo —as grandes figuras do pensamento filosófi co europeo que destacaban en cada época— e a reivindicación dalgunhas figuras autóctonas que non sempre eran merecedoras do excesivo recoñecemento que recibiron. Malia todo existen experiencias e estratexias para subverter esta situación.

O funcionamento da peculiar situación da filosofía galega é exemplar á hora de pensar como operan outras disciplinas e sobre todo outros grupos minoritarios para acadar representatividade nunha situación inicial claramente inferior e na que intentan equipararse a outras e outros que ocupan o lugar central. Aínda que é evidente que os grupos obxecto de estudo (filósofos e filósofas autócton@s- filósofos e filósofas estranxeiros, grupos sociais e culturais minoritarios – maioritarios) son diferentes, trátase de traballar cun procedemento de analoxía que permita descubrir que elementos son comúns a ambas problemáticas.

Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. Trátase de pensar que tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que os definen como formas de vida orixinais e peculiares.

En definitiva, trátase de partir do exemplo da problemática que acompaña os intentos de facer pensamento filosófico na Galiza para ir máis alá. As cuestións que se porán sobre a mesa deben iniciar un debate que, partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico, permita pensar as problemáticas ás que se enfrontan toda cultura minorizada e todo grupo social minorizado.

Co obxectivo de elaborar discursivamente esas prácticas, convídamosvos a todxs —pois a filosofía é o pulo a transgredir límites, tamén disciplinarios— a pensar as condicións de (im)posibilidade dun pensar «minoritario» nesa tensión entre o hexemónico e o periférico. As comunicacións vertebraranse en torno a unha seriede conceptos, recorrentes no pensamento filosófi co e nas súas marxes, que funcionan aquí como espazos para a discusión crítica, a apertura e o desprazamento.

Facemos, así, un chamamento para as seguintes mesas de comunicacións:

  • Mesa 1. Comunidade. 
  • Mesa 2. Periferia. 
  • Mesa 3. (Post)colonialismo cultural 
  • Mesa 4. Empoderamento 
  • Mesa 5. Subalternidade. 
  • Mesa 6. Minoría. 
  • Mesa 7. Precariedade.

O congreso está aberto a calquera novo pensador non só do ámbito da filosofía senón de calquera ámbito das ciencias humanas e sociais. Valorarase moi positivamente a atención a aspectos transversais, como a cuestión do(s) xénero(s).

Datas de celebración: Luns 6, 7 e 8 de xullo
Lugar de celebración: Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela

Organiza: Proxecto Derriba (http://proxectoderriba.org) e Campusculturae (USC) (http://www.campusculturae.com/) .

Pregariámosvos que enviedes un título e un breve resumo da vosa proposta de comunicación antes do 30 de abril (AMPLÍASE O PRAZO até o 15 de MAIO!). Trala realización do encontro pediriámosvos o texto completo para a súa publicación nun volume.

Mail: info@proxectoderriba.org

Evento en Facebook

AGARDÁMOSVOS!!!

Chamamento_I_Novas_Pensadoras