Beck

A modernidade reflexiva é o título que leva un libro coeditado por Ulrich Beck xunto ós sociólogos ingleses Anthony Giddens e Scott Lash no ano 1994. O libro ten tres capítulos, un por cada autor, máis un cuarto onde se recollen certas discrepancias entre as súas visións teóricas. No capítulo aportado por Ulrich Beck faise unha presentación non só do seu concepto de modernización reflexiva, senón de practicamente tódolos temas da súa socioloxía. O concepto, que xa se fixo clásico na socioloxía contemporánea, nace en substitución do concepto de modernización lineal propia da época da sociedade industrial. A sociedade industrial é definida por Beck como aquela cuxo proceso de modernización tivo lugar de forma máis ou menos planificada, consciente e guiada, segundo uns patróns ou coñecemento precisos. Nunha segunda etapa a modernidade devén reflexiva: non se trata de que aumente a capacidade da sociedade para coñecerse a si mesma, senón da característica de que as principais transformacións teñen lugar sen estar baixo o control de ningún axente político, é dicir, a modo de efectos colaterais resultado de feitos que quedan máis alá da vontade dos suxeitos sociais. Fronte á seguridade da racionalidade moderna aparece a incerteza da sociedade contemporánea. Se da sociedade agraria xurdiu no século XIX a sociedade industrial clásica mediante un proceso de modernización sinxela, da sociedade industrial clásica xurde na segunda metade do século XX a sociedade (industrial) do risco mediante un proceso de modernización reflexiva.

Ademais do seu carácter reflexivo hai outro aspecto que marca unha distinción radical con respecto á primeira modernidade. O que significa a modernización lineal ou modernización industrial queda ben reflectido nun texto de Marx e Engels no que se afirma que o que caracteriza fundamentalmente á burguesía é a destrución de toda formación social tradicional – feudal que impida a posta en marcha das relacións de produción capitalistas e a consecuente revinculación dos individuos que saen desas formas mediante as formas sociais industriais (clase, familia, nación…):
“A burguesía non pode existir sen revolucionar permanentemente os instrumentos de produción, vale dicir, as relacións de as relacións de produción e, en consecuencia, todas as relacións sociais. O mantemento inalterado do antigo modo de produción era, pola contra, a primeira condición de existencia de todas as clases industriais anteriores. A continua revolución da produción, o abalo ininterrompido de todas as condicións sociais, a inseguridade e o movemento constantes son o que distingue a época burguesa de todas as outras. Todas as relacións fixas e enferruxadas co seu cortexo de ideas e crenzas respectables quedan suprimidas, todas as novas avellentan antes de poderen fosilizarse. Todo o estamental e estable evapórase, todo o sagrado é profanado, e os humanos vense finalmente forzados a contemplar con ollos desapaixonados a súa posición na vida e as súas relacións mutuas” (Marx & Engels, Manifesto do partido comunista, capítulo I, edicións Xerais, Vigo, 2005).

Na época da modernización reflexiva contemporánea as categorías sociolóxicas son outras; fundamentalmente: a sociedade do risco, a individualización (forzada), unha globalización multidimensional, o nacemento da subpolítica e a perda de validez do nacionalismo metodolóxico en favor do cosmopolitismo. O que se pretende con esta introdución é facer unha presentación ordenada destas categorías a partir dos textos nos que Ulrich Beck as desenvolve, que sirva como primeiro acicate para a lectura persoal posterior dos textos estudados.

pdf completo