O colectivo de pensamento contemporáneo Proxecto Derriba avanza a convocatoria aberta para réxime de colaboración da revista Derritaxes (ISSN: 1988-9089) (http://derritaxes.proxectoderriba.org) no que respecta ao seu número 7, previsto para o mes de Xuño de 2011 e que xirará en torno ao eixo temático  Universidade: ortodoxia e  expansión.

Bolonia, 19 de xuño de 1999. Declaración de Bolonia. Declaración conxunta dos señores ministros europeos de educación. Construír unha universidade europea. A Europa do coñecemento, crecemento social e humano, a cidadanía europea, promocionar a mobilidade, obtención de emprego, independencia e autonomía das Universidades, responder ás demandas da sociedade, que o sistema de educación superior europeo volva ser atractivo…

Independentemente destas de seguro excelsas e boas vontades, Bolonia agachaba a submisión total da universidade a determinado modelo de produción científica que iguala coñecemento a capital.

Se a construción da realidade é un proceso social que se demostra a cada intre máis dificilmente unificable e reducible a un só eixo director, resulta paradoxal seguir mantendo que aquela institución cargada da responsabilidade de ser a que debe ofrecer o coñecemento de maior nivel e calidade, siga operando dende a máis pura xerarquía vertical. Semella que o universitario busca ante todo autoreproducirse, ben sexa porque iso llo impón o sistema para permitirlle seguir nel nunha posición social e economicamente privilexiada, ben sexa porque á universidade lle resulta máis cómodo dar voltas sobre si mesma que ter que atender ás demandas reais da sociedade.

Xunto coa crítica da mercantilización contemporánea do saber na universidade, trátase de indagar que tipo de modo de transmisión de coñecemento opera aquí e en que medida son posibles alternativas. Deben ser elas buscadas fóra da actual institución universitaria? Deixa esta aínda ocos e espazos nos que construír outro tipo de relación co coñecemento non xerárquica, non maxistral, non monolóxica, e si democrática, si participativa, si colectiva?

Aínda flotando na resaca das múltiples protestas contra Bolonia e comezando a saborear xa intensamente as raquitizacións de planos de estudos baleirados de contido teórico, o incremento dos custos das matrículas, a introdución radical da rendibilidade económica como factor determinante… entre outros males, Derritaxes 7, quere invitarnos a pensar sobre a universidade.

[+]