A caverna de Platón
De WikiDerriba
Espacio paradigmático no que acontece o monopolio do Espectáculo sobre o Pensamento. E a partir de aí, instauración da Metafísica. Precisamente como pseudo-solución a este monopolio. Resposta. Reacción. E por iso in-eficaz solución. A caverna de Platón pervive ao longo da nosa tradición metafísica como axenciamento (arranxo) dogmático e vertical das sombras na conciencia. Dominio, coherción, impedimento de libera-lo acontecemento en toda a súa magnitude i esplendor. Retención da emerxencia horizontal dos plan(o)s de inmanencia. A caverna está alí onde lle adxudicamos unha identidade e sentido predeterminado (persoal, social, privado...) ás sombras que acontecen na nosa conciencia. A caverna está alí onde non permitimos ese libre xogo entre elas, cando non permitimos a súa interacción absoluta, alén do noso dominio, alén dunha unidade-identidade-suxeito que as amarre, que as suxeite, que as subordine e as coharte. Non permitir a prolongación das series das sombras ata o in-finito, cohartar as súas in-clinacións (que son as nosas), facer das sombras en definitiva tan só o residuo ou a proxección dunha suposta entidade, unidade lumínica superior... todo iso é caverna... As sombras son vida propia, a luz non se produce senón no cruce da súa enésima potencia, alí onde se atopan as series e se fai efectivo i emerxente a luz como acontecer. A dialéctica de Platón non é senón un primeiro intento aínda fallido de cifrar esta relación das sombras e tratar de facela produtiva.

