DÉIXENO TODO, DE NOVO

primeiro manifesto infrarrealista

Até os confíns do sistema solar hai catro horas-luz; Até a estrela máis próxima, catro anos-luz. Un desmedido océano de baleiro. Pero, estamos realmente seguros de que só haxa un baleiro? Unicamente sabemos que neste espazo non hai estrelas luminosas; de existir, serían visíbeis? E se existisen corpos non luminosos ou escuros? Non podería suceder nos mapas celestes, ó igual que nos da terra, que estean indicadas as estrelas-cidades e omitidas as estrelas-pobos?”

-Escritores soviéticos de ciencia ficción rabuñándose o rostro a media noite.

-Os infrasoles (Drummond diría os ledos rapaces proletarios).

-Peguero e Boris solitarios nun cuarto lumpen presentindo á marabilla trala porta.

-Free Money

*

¿Quen atravesou a cidade e por única música só tivo os asubíos dos seus semellantes, as súas propias verbas de abraio e carraxe?

O tipo fermoso que non sabía

que o orgasmo das rapazas é clitoral

(Busquen, non só nos museos hai merda) (Un proceso de museificación individual) (Certeza de que todo está nomeado, desvelado) (Medo a descubrir) (Medo ós desequilibrios non previstos).

*

Os Nosos parentes máis próximos:

Os francotiradores, os llaneros solitarios que asolan os cafés de chinos de Latinoamérica, os destazados en supermarkets, nas súas tremendas disxuntivas individuo-colectividade; a impotencia da acción e da pescuda (a niveis individuais ou ben enfangados en contradicións estéticas) da acción poética.

*

Pequeniñas estrelas luminosas chiscándonos eternamente un ollo dende un lugar do universo chamado Os labirintos.

-Dancing-Club da miseria.

-Pepito Tequila chorando o seu amor por Lisa Underground.

-Chúpallo, chúpallo, chupémosllo.

-E o Horror

*

Cortinas de auga, cemento ou lata, separan unha maquinaria cultural, á que o mesmo lle dá servir de conciencia ou cu da clase dominante, dun acontecer cultural vivo, fregado, en constante morte e nacemento, ignorante da grande parte da historia e as belas artes (creador cotiá da súa tolísima istoria e do seu alucinante velas hartes), corpo que polo pronto experimenta en si mesmo sensacións novas, produto dunha época na que nos achegamos a 200 kph. ó cagadeiro ou á revolución.

“Novas formas, raras formas”, como dicía entre curioso e risoño o vello Bertolt.

*

As sensacións non xorden da nada (obviedade de obviedades), senón da realidade condicionada, de mil maneiras, a un constante fluír.

-Realidade múltiple, maréasnos!

Así, é posíbel que por unha parte se naza e por outra esteamos nas primeiras butacas dos derradeiros coletazos. Formas de vida e formas de morte pasean de cotío pola retina. O seu choque constante da vida ás formas infrarrealistas: O OLLO DA TRANSICIÓN

*

Metan a toda a cidade ó manicomio. Doce irmá, (ouleados) ouleos de tanque, cancións hermafroditas, desertos de diamante, só viviremos unha vez e as visións cada día máis grosas e escorregadizas. Doce irmá, aventóns para Monte Albán. Amarren os cintos porque se regan os cadáveres. Unha movida de menos.

*

E a boa cultura burguesa? E a academia e os incendiarios? E as vangardas e as súas retagardas? E certas concepcións do amor, a boa paisaxe, a Colt precisa e multinacional?

Como me dixo Saint-Just nun soño que tiven hai tempo: Até as cabezas dos aristócratas nos poden servir de armas.

*

-Unha boa parte do mundo vai nacendo e outra boa parte morrendo, e todos sabemos que todos temos que vivir ou todos morrer: nisto non hai termo medio.

Chirico di: é necesario que o pensamento se afaste de todo o que se chama lóxica e bo sentido, que se afaste de tódalas trabas humanas de modo tal que as cousas lle aparezan baixo un novo aspecto, como iluminadas por unha constelación aparecida por primeira vez. Os infrarrealistas din: Ímonos meter de cabeza en tódalas trabas humanas, de modo tal que as cousas empecen a moverse dentro de un mesmo, unha visión alucinante do home.

-A Constelación do Belo Paxaro.

-Os infrarrealistas propoñen ó mundo o indixenismo: un indio tolo e tímido.

-Un novo lirismo, que en América Latina comeza a medrar, a sustentarse en modos que non deixan de marabillarnos. A entrada en materia é xa a entrada en aventura: o poema coma unha viaxe e o poeta coma un heroe desvelador de heroes. A tenrura coma un exercicio de velocidade. Respiración e calor. A experiencia disparada, estruturas que se van devorando a si mesmas, contradicións tolas.

Se o poeta está inmiscido, o lector terá que inmiscirse.

“libros eróticos sen ortografía”

*

Antecédennos as MIL VANGARDAS DESCORTIZADAS NOS SESENTA

As 99 flores abertas coma unha cabeza aberta

As matanzas, os novos campos de concentración

Os Brancos ríos subterráneos, os ventos violetas

Son tempos duros para a poesía, din algúns, tomando té, escoitando música nos seus departamentos, falando (escoitando) ós vellos mestres. Son tempos duros para o home, dicimos nós, volvendo ás barricadas logo duna xornada chea de merda e gases lacrimóxenos, descubrindo / creando música até nos departamentos, mirando largamente os camposantos-que-se-expanden, onde toman desesperadamente unha cunca de té ou se emborrachan de pura rabia ou inercia os vellos mestres.

Antecédenos HORA ZERO

((Cría zambos e picaranche os callos))

Aínda estamos na era cuaternaria. ¿Aínda estamos na era cuaternaria?

Pepito Tequila bica as mamilas fosforescentes de Lisa Underground e ve como se afasta por unha praia onde brotan pirámides negras.

*

Repito:

O poeta como heroe desvelador de heroes, como a árbore vermella caída que anuncia o principio do bosque.

-Os intentos dunha ética-estética consecuente están empedrados de traizóns ou supervivencias patéticas.

-E é que o individuo poderá andar mil quilómetros pero á larga o camiño cómeo a el.

-A nosa ética é a Revolución, a nosa estética a Vida: unha-sola-cousa.

*

Os burgueses e os pequeno-burgueses andan sempre de festa. Tódalas fins de semana teñen unha. O proletariado non ten festa. Só funerais con ritmo. Iso vai cambiar. Os explotados terán unha grande festa. Memoria e guillotinas. Intuíla, actuala certas noites, inventarlle beiras e currunchos húmidos, é coma acaricia-los ollos ácidos do novo espírito.

*

Desprazamento do poema a través das estacións dos motíns: a poesía producindo poetas producindo poemas producindo poesía. Non un calello eléctrico / o poeta cos brazos separados do corpo / o poema desprazándose lentamente da súa Visión á súa Revolución. O calello é un punto múltiple. “Imos inventar para descubrir a súa contradición, as súas formas invisíbeis de negarse, até aclaralo”. Desprazamento do acto de escribir por zoas nada propicias para o acto de escribir.

¡Rimbaud, volve a casa!

Subverte-la realidade cotiá da poesía actual. Os encadeamentos que conducen a unha realidade circular do poema. Unha boa referencia: o tolo Kurt Schwitters. Lanke trr gll, o, upa kupa arggg, deveñen en liña oficial, investigadores fonéticos codificando o ouleo. As pontes do Noba Express son anti-codificantes: déixeno que berre, déixeno que berre (por favor non vaian sacar un lapis nin un papeliño, nin o graven, se queren participar berren tamén), así que déixeno que berre, a ver que cara pon cando remate, a que outra cousa incríbel pasamos.

As nosas pontes cara as estacións ignoradas. O poema interrelacionando realidade e irrealidade

*

Convulsivamente

*

¿Que lle podo pedir á actual pintura latinoamericana? ¿Que lle podo pedir ó teatro?

Máis revelador e plástico é pararse nun parque demolido polo smog e ver á xente cruzar en grupos (que se comprimen e se expanden) as avenidas, cando tanto ós automobilistas como ós peóns úrxelles chegar ás súas covachas, e é a hora na que os asasinos saen e as vítimas os seguen.

¿Realmente que historias me contan os pintores?

O baleiro interesante, a forma e a cor fixas, no mellor dos casos a parodia do movemento. Lenzos que só servirán de anuncios luminosos nas salas dos enxeñeiros e médicos que coleccionan.

O pintor acomódase nunha sociedade que cada día é máis “pintor” que el mesmo, e aí é onde se atopa desarmado e se inscribe de pallaso.

Se un cadro de X é atopado nalgunha rúa por Mara, ese cadro adquire categoría de cousa divertida e comunicante; nun salón é tan decorativo coma as cadeiras de brazos de ferro do xardín do burgués / ¿cuestión de retina? / si e non / pero mellor sería atopar ( e por un tempo sistematizar azarosamente) o factor detonante, clasista, cento por cento propositivo da obra, en xustaposición ós valores de “obra” que a están precedendo e condicionando.

-O pintor deixa o estudio e CALQUERA status quo e métese de cabeza na marabilla / ou ponse a xogar xadrez como Duchamp / Unha pintura didáctica para a mesma pintura / E unha pintura da pobreza, gratis ou bastante barata, inacabada, de participación, de cuestionamento na participación, de extensións físicas e espirituais ilimitadas.

A mellor pintura de América Latina é a que aínda se fai a niveis inconscientes, o xogo, a festa, o experimento que nos dá unha real visión do que somos e nos abre ó que podemos será a mellor pintura de América Latina é a que pintamos con verdes e vermellos e azuis sobre os nosos rostros, para recoñecérmonos na creación incesante da tribo.

*

Proben a deixalo todo diariamente.

Que os arquitectos deixen de construír escenarios cara dentro e que abran as mans (ou que as empuñen, depende do lugar) cara ese espazo de afora. Un muro e un teito adquiren utilidade cando non só serven para durmir ou evitar choivas senón cando establecen, a partir, por exemplo, do acto cotiá do soño, pontes conscientes entre o home e as súas creacións, ou a imposibilidade momentánea de estas.

Para a arquitectura e a escultura os infrarrealistas partimos de dous puntos: a barricada e o leito.

*

A verdadeira imaxinación é aquela que dinamita, elucida, inxecta microbios esmeraldas noutras imaxinacións. En poesía e no que sexa, a entrada en materia ten que ser xa a entrada en aventura. Crea-las ferramentas para a subversión cotiá. As estacións subxectivas do ser humano, coas súas belas árbores xigantescas e obscenas, coma laboratorios de experimentación. Fixar, entrever situacións paralelas e tan desgarradoras coma un gran rabuño no peito, no rostro. Analoxía sen fin dos xestos. Son tantos que cando aparecen os novos nin nos damos de conta, aínda que os estamos facendo / mirando perante un espello. Noites de tormenta. A percepción ábrese mediante unha ética-estética levada até o último.

*

As galaxias do amor están aparecendo na palma das nosas mans.

-Poetas, solten as trenzas (se teñen)

-Queimen as súas merdas e comecen a amar até que cheguen ós poemas incalculábeis

-Non queremos pinturas cinéticas, senón enormes atardeceres cinéticos

-Cabalos correndo a 500 quilómetros por hora

-Esquíos de lume saltando por árbores de lume

-Unha aposta para ver quen pestanexa primeiro, entre o nervio e a pastilla somnífera

*

O risco sempre está noutra parte. O verdadeiro poeta é o que sempre está abandonándose. Nunca demasiado tempo nun mesmo lugar, coma os guerrilleiros, coma os ovnis, coma os ollos brancos dos prisioneiros a cadea perpetua.

*

Fusión e explosión de dúas beiras: a creación coma un graffiti resolto e aberto por un neno tolo.

Nada mecánico. As escalas do abraio. Alguén, tal vez o Bosco, rompe o acuario do amor. Diñeiro gratis. Doce irmá. Visións liviás coma cadáveres. Little boys tasajeando de bicos a decembro.

*

Ás dúas da mañá, logo de ter estado na casa de Mara, escoitamos (Mario Santiago e algúns de nós) risas que saían do penthouse dun edificio de 9 pisos. Non paraban, rían e rían mentres nós abaixo durmiamos apoiados en varias casetas telefónicas. Chegou un momento no que só Mario seguía prestando atención ós risos (o penthouse é un bar gai ou algo parecido e Darío Galicia contáranos que sempre estaba vixiado por policías). Nos faciamos chamadas telefónicas pero as moedas facíanse de auga. Os risos continuaban. Logo de que nos fomos de esa colonia Mario contoume que realmente ninguén se rira, eran risos gravados e aló arriba, no penthouse, un grupo reducido, ou quizais un só homosexual, escoitara en silencio o seu disco e nolo fixera escoitar.

-A morte do cisne, o derradeiro canto do cisne, o derradeiro canto do cisne negro, NON ESTÁN no Bolshoi senón na dor e a beleza insoportábeis das rúas.

-Un arco da vella que principia nun cine de mala morte e que termina nunha fábrica en folga.

-Que a amnesia nunca nos bique na boca. Que nunca nos bique.

-Soñabamos con utopía e espertamos berrando.

-Un pobre vaqueiro solitario que regresa á súa casa, que é a marabilla.

*

Facer aparece-las novas sensacións -Subverte-la cotianidade

O.K.

DÉIXENO TODO, NOVAMENTE

LÁNCENSE ÓS CAMIÑOS

Roberto Bolaño, México, 1976