“O Procomún son espazos institucionais nos que podemos practicar un tipo particular de liberdade: liberdade fronte ás restricións que normalmente aceptamos como precondicións necesarias do funcionamento dos mercados”

Yochai Benkler. The Political Economy of Commons

“Non haberá unha resposta verdadeira á crise ecolóxica máis que a escala planetaria e a condición de que se realice unha auténtica revolución política, social e cultural que reoriente os obxectivos da produción dos bens materiais e inmateriais.”

Félix Guattari. Les trois Écologies


pdf en castellano

O colectivo de pensamento contemporáneo Proxecto Derriba(http://www.proxectoderriba.org)avanza a convocatoria aberta para réxime de colaboración da revista Derritaxes(ISSN: 1988-9089) (http://derritaxes.proxectoderriba.org)no que respecta ao seu número 5, previsto para o mes de Xuño de 2010 e que xirará en torno ao eixo temático: Procomún. Aproximacións.


A discusión acerca dos bens comúns, aqueles que estarían á marxe das lóxicas de mercado e que, por tanto, reclamarían un eido de xestión alternativo –Procomún– que evitase a súa desaparición nos movementos e prácticas de apropiación dos grandes axentes do xogo neoliberal, obtivo nos últimos tempos un pulo considerábel. A raíz das transformacións acadadas polo desenvolvemento das TICs e dos novos dispositivos electrónicos, así como da aceleración abafante do risco medioambiental e humano a nivel global, a urxencia dunha reformulación do Procomún é cada vez máis evidente.

A ampliación epistemolóxica, produto da aceleración na produción de dispositivos e técnicas de elaboración e análise de información, acaecida nas últimas décadas, está a provocar a emerxencia de novos territorios e territorialidades que entrarían neste marco de discusión. A contextualización no xa clásico Capitalismo Cultural, Capitalismo Post-industrial, Cognitivo, Mundial Integrado... eleva ó máximo nivel a cuestión da propiedade da información, e obriga a unha reflexión inmediata en torno á nova situación para estes procomúns.

Dende o xa clásico The Tragedy of the Commons [G. Hardin, 1968], a máquina de produción significante adscrita á expansión do mercado global ven argumentando a inevitabilidade hobbesiana do control centralizado dos bens comúns, para evitar a súa desaparición -o constitutivo egoísmo humano- e garantir unha xestión óptima en beneficio de todos, mesmo daqueles a quen o acceso lles quedaría vedado polas regras do mercado global -i.e. “filtrado” polo xogo financeiro e as leis que controlan as condicións de acceso e distribución-. Ben sexa a través do aparello de Estado (Leviatán), ben sexa a través do modelo de privatización total que promovería a liña máis “liberal” da (chamada) “política” actual (Man invisíbel), a enunciación que toma forma neste estado dos fluxos globais esfórzase en presentar a necesidade da anulación do Commons. Neste par de posibeis, asistimos certamente á construción ideolóxica da necesidade do segundo, unha vez perdida a posibilidade do primeiro coa caída do “Estado benfeitor” encarnado no Wellfare State socialdemócrata, na Europa post-bélica.

A actual discusión en torno ós dereitos de acceso ó coñecemento -irrisoriamente denominados dereitos culturais– e á internet, a cuestión da apropiación sistemática da nova información -sementes, código xenético humano e animal, código informático- por parte de grandes grupos privados, a destrución medioambiental coa anteposición dos beneficios duns cantos particulares, obriga a pensar nun novo modelo de Goberno dos Bens comúns [E. Ostrom: Governing the Commons. The Evolution of Institutions for Collective Action, 1990] que garanta e expanda o inalienábel, e poña freo á evolución actual cara ó desastre. Así mesmo, é precisa unha análise causal -arqueolóxica- e un desmantelamento do discurso que pouco a pouco se está a artellar para dar lexitimidade social e política a este saqueo.

Sen renunciar á libre creatividade e ó espírito crítico que nos anima e co fin de facilitar o traballo da edición da revista, consideramos precisa a observación das seguintes indicacións:

1. Derritaxes publica en galego, motivo polo cal anima a que as colaboracións sexan preferentemente nesa lingua. En todo caso, poden redactarse en lingua portuguesa, castelá, francesa, italiana ou alemana, mais publicaranse suxeitas á dispoñibilidade que o equipo de tradución de Proxecto Derriba manteña e, polo tanto, non se asegura a súa publicación.

2. Os textos serán artigos de investigación ou recensións de libros con relevancia no pensamento contemporáneo e aparecerán adscritos a unha das seccións nas que se divide Derritaxes (Documentos, Recensións, Entrevistas, Con-textos, Derivas). Tomarán como referencia os seguintes parámetros por páxina:

– Tipo de Letra: Times New Roman: 12 pt

– Marxes: superior, 2,5 cm; inferior, 1,25 cm; esquerda, 3 cm; dereita, 3 cm

– Aliñamento: xustificado; Espazamento entre liñas: 1.5 liñas.

3. Os artigos encabezaranse, necesariamente, cun breve Resumo Palabras chave e Abstract Keywords.

4. Recomendamos homologar as referencias bibliográficas de acordo ó seguinte sistema, p. ex.:

– Libros:

a) VIDARTE, P.: Ética marica. Proclamas libertarias para una militancia LGTBQ. Madrid/Barcelona, Egales, 2007.

b) DERRIDA, J.: Canallas. Dos ensayos sobre la razón [trad. cast. de Cristina de Peretti]. Madrid, Trotta, 2005.

c) BASCETTA, M., BONSIGNORI, S., PETRUCCIANI, S. e CARLINI, F. (eds.): 1968. Una revolución mundial (CD-ROM/libro) [trad. cast. de Luis Peña Molero, Carlos Prieto del Campo, Ricardo Russo e Francisca Sánchez Peiró]. Madrid, Akal, 2001.

– Artigos:

a) JAMESON, F.: “Imaginarios de la globalización: cosas que nunca te dije”, en Archipiélago, 52, Madrid, 2002,p. 34.

b) DELEUZE, G. e GUATTARI, F.: “Aparato de captura”, en Mil mesetas [trad. cast. de José Vázquez Pérez e Umbelina Larraceleta]. Valencia, Pretextos, 1988.

c) VIRNO, P.: “El trabajo no nos hace libres”, en BALESTRINI, N. e MORONI, P.: La horda de oro (1968-1977) [trad. cast. de M. Bogazzi, H. Arbide, P. Iglesias, J. Bonet i Martí, D. Gámez, J. Gual, R. Sánchez Cedillo e A. Méndez]. Madrid, Traficantes de sueños, 2006, p. 340.

d) HAUSER, O.: “Libra. Unha cronoloxía do azar”, en Derritaxes, 0. Decembro 2007. Tirado o 31 de xullo de 2009 de <http://derritaxes.proxectoderriba.org>

5. A identidade d@ autor/a será aquela coa que desexe publicar o seu orixinal, facendo constar o seu correo electrónico. A firma que identifique ó autor faino único responsábel da titularidade do texto. Derritaxesten por norma someter a avaliación, ao longo do mes previo á publicación, os traballos que edita coa finalidade de asegurar que cumpren as condicións aquí descritas.

6. O material citado debe enviarse en formato .odt (open office) ou .doc (word) por e-mail a derritaxes@proxectoderriba.organtes do 10 de maio de 2010.

CREATIVE COMMONS.- Derritaxes considera imprescindíbel a achega de materiais que poidan orientar unha intervención no espazo social e político contemporáneo. Por iso considera que a libre disposición destes materiais para o común da sociedade debe primar por enriba dunha concepción individualista do traballo intelectual. Por este motivo edita exclusivamente mediante unha licenza Creative Commons que permite a libre distribución e reelaboración baixo as seguintes condicións:

Recoñecemento-Non comercial-Compartir Igual 2.5 España.